20090925

Seguindo rumbo: presentación do novo curso na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo

Remato de chegar á casa despois da presentación, que se inicou ás oito da tarde. O salón de actos da Casa do Mar, a rebosar, non puido conter á xente. Soe suceder que neste acto esteña cheo a rebosar, pero nunca o estivo tanto como ista volta. Pode que houbera algo de morbo pola situación actual que atravesa o centro, pero tamén é certo que, en contra das novas aparecidas nalgún momento, a escola este ano chegou a 288 alumnos matriculados, máis que os 279 do ano pasado, polo que é lóxico que tamén houbera un pequeno incremento de xente expectante. Incremento pequeno, pero incremento estable.
Pode dicirse que a presentación tivo tres partes. A principal foron as palabras da concelleira de cultura, Mª Luz Álvarez Lastra, que logo deixou a David Ballester, director actual que presentou ós profesores, deu horarios de elección, etc, e a Hugo Gª Presno, xefe de estudos, quen deu as pautas para o fenómenos deste ano, a gripe A.
A concelleira tivo tamén dúas partes na súa charla, que realizou visiblemente enfadada. Nunha primeira fixo notar os datos reais en torno á escola, para clarificalos ante desinformacións que ten habido. Así, nomeou as cifras de matrícula que antes espuxen, o custo estimado actual duns 300 000€/curso, dos que se obterán uns 51 000€ de matrícula, contándose cuns 17 000 de subvención da Xunta e quedando pois para ser afrontados polo concello uns 230 - 240 000€, isto é, un 40 000 000 das antigas pesetas, un esforzo para un concello endebedado como o noso. Deixou claro que o profesorado actual é, dentro dunha orde, estable, quedando por cubrir só unhas poucas horas na actualidade, como un signo de que se está a manter a traxectoria do centro educativo en pos da calidade. Asemade, desvelou a ampliación de estudos da escola coa materia de gaita, realizada a petición da Sociedade de Amigos da Gaita.
Pasou despois ó comentario da situación das informacións relativas ó expediente de Lourenço, repetindo unha vez máis que o expedente non é para saltadlo e que non dirá nada novo ata que finalice, saia como saia o resultado. Non obstante, nunca como ata agora se me fixo tan patente que o final do curso pasado foi tenso e traballoso, comezando cedo no ano a bola de neve no que se convertiu todo o conxunto de datos que se está a tentar analizar no expediente. empregando outra imaxe, foi un tirar da madexa, en principio sinxelamente para que cadraran as cousas e logo, ó non logralo, derivando pouco a pouco para tentar comprender e orientar a situación. Esta parte, máis curta que a anterior pero que lle deu máis sentido despois das diversas novas de prensa e os tintes políticos que se tratou últimamente que tivera o proceso, desembocou nunha afirmación: a que desvelou/prometeu a concelleira no sentido que ela sería tamén directora da escola este ano, algo que foi reseñado tamén polo director do centro, David Ballester.
Non vai ser posiblemente un comezo de curso doado pola reorganización que supón a situación actual, pero o comezo do comezo foi rotundo.

Ningún comentario: