20090827

Mirada interior


Hai xa uns cantos anos que a cidade de Dublín ten unha postal con fotos de portas na súa zona vella. Algo facilmente realizable en Ribadeo. Algo que eu mesmo estiven tentado a realizar algunha vez, e sei que algunha xente, como Mariano Grueiro, tamén, con máis intensidade e mellor idea gráfica ca min.
Agora está xa no forte de San Damián a exposición 'ás portas de Rinlo'. que presta tanta ou máis atención á til que leva o 'as' que ás propias portas. E é, ó meu ver, un acerto:
Xa non se trata así de amosar algo bonito, senón a xente e as súas circunstancias vitais. Lémbrome de ter cualificado unha cidade -Nápoles- como cocha e desagradable a pesar dos seus numerosos monumentos, pero declarar atoparme a gusto entre a xente que coñezo dela. A percepción é totalmente diferente cando se mira ás pedras espidas que cando se inclúe na mirada o factor humano. E aquí está incluído. O que se amosa de Rinlo é a circunstancia da xente dándolle un fondo a unha forza expresiva que é a das persoas.

Amoso unhas poucas fotos da exposición. A primeira, sobre os propios tellados , introduce o factor do mar e o horizonte por cima deles mesmos, dos que se sabe que no que se podería chamar 'circunstancias normais' constitúen o límite superior da paisaxe urbana, e que aquí vese sobrepasada polo mariñeiro e o máis aló.
O 'capitán' (así reza o pé de foto) amosa unha disposición que anula toda forza expresiva propia que poidera ter a porta, servíndolle máis de cadro para situarse que de circunstancia de vida.
O pasado emerxe do cadro mantido pola señora da imaxe, á que á porta sérvelle como de paso, pechado polo momento, tanto ó futuro como tamén ó máis aló das lembranzas do pasado que só son capaces de manifestarse pola foto que mantén nas súas mans e que case parece que a mantén a ela. O can que está ó fronte fai máis de corneta, avisando que hai algo vivo e vívido detrás, que de estandarte. Cunha función semellante, pero moito menos humilde.



Non podía faltar nunha mostra fotográfica sobre Rinlo, a pesares do seu nome 'ás portas ...', unha sección mariñeira, na que se fai patente que para as percebeiras as portas están abertas ó mar. Mar ó que prestan o seu carácter despois de verse configuradas por el.
A exposición compleméntase cun pase contínuo de diapositivas de fotos que se sobrepoñen en fundidos sucesivos e que poden tomarse como a manifestación do carácter comunitario que trascende a cada unha das imaxes separadas, o carácter da comunidade.
Un par de cousas máis.
O mural situado ó fondo da exposición amosa un Rinlo real e ó tempo sublimado, como ocorre en cada unha das súas fotos de persoas. Pero é nun sentido diferente, de contraste, que separa as circunstancias da propia xente, amosando que Rinlo, 'a circunstancia' ten tamén un fondo de vida propia, que pode enfrontarse ó mar e o ceo máis aló dos tellados da primeira imaxe.




E, á saída, a visión da ría de Ribadeo, que enfronta ó visitante coas 'portas' da ponte dos Santos, e fai que se continúe a pensar non só nas historias que hai detrás das fotos expostas, senón noutras moitas que se poderían contar, por exemplo, arredor da ría.
En fin, é unha visión persoal. E cadaquén terá a súa.

Ningún comentario: