20090331

Unha estrada de Ribadeo











    
Hoxe por hoxe, a estrada máis ribadense é pouco usada polos viciños de Ribadeo: trátase da circunvalación, estrada que ten ano e medio dende a súa inauguración e foi fieta, suponse, ad-hoc para Ribadeo.
Antes de ser creada, José Ángel Salvatierra e máis eu escribimos un pequeno artigo para a comarca e o seu envío ás autoridades. A penúltima versión (non din atopado a versión final) estaba redactada nos termos seguintes:
--
Sobre a estrada de circunvalación
É de esperar que non tarde en ser posta en uso a estrada de circunvalación a Ribadeo. Non embargantes, a pouco que se teña feito un paseo por ela, atópanse pequenas e non tan pequenas cousas que poderían ser amañadas de xeito rápido antes de poñela a funcionar e que despois serán máis difíciles de amañar.
Entre elas, podemos citar unhas cantas. Comezando na zona da Vila Vella, atopámonos que os derradeiros metros da canalización do rego que baixa de Ove ten sen rexuntar a pedra. Non é difícil chegar á conclusión de que así pouco van durar en bó estado. Os últimos metros do leito sen facer son outro exemplo de que un pouco máis de traballo pode evitar que en pouco tempo haxa que amañar cun custe abondo superior. É semellante ó que pasa coa beira cascada da cuneta de formigón que vai da ponte en dirección a Ribadeo, fronte á antiga fábrica de alxinatos.
O recheo dos taludes que xa sufriron derrumbes fíxose con pedra pero está sen rematar. A súa zona superior pode dar problemas en pouco tempo se non se remata como é debido.
As pontes están feitas con tubos de formigón, pero as cabezas dos mesmos quedaron mal encofradas, véndose furados e irregularidades que para ben ser, deberan ser corrixidas, non desprezando tampouco algún tubo que está roto na
cabeza e co ferro á vista, punta de lanza para a corrosión que pode levar a estalar o tubo ó aumentar de volume o ferro oxidado.
Caso aparte merece o camiño que vai a Ove, mal acondicionado na rampa de saída a parte da súa estreitez.
Por outra banda, a ponte sobre a via do tren da estrada a Santa Cruz ten unha zona de aglomerado afundida, cunha profundidade de ata uns 15cm nalgún punto do trazado, variando o ancho afectado dun punto a outro.
Cavilamos que agora é o momento de poñer a solución a estes pequenos problemas e outros ós que non chegamos ou non se nos fixeron patentes, tanto porque é de supoñer que a solución a todos eles esteñan previstos no orzamento (fronte a novos orzamentos necesarios para o seu arranxo máis adiante) como pola súa facilidade ó facelo agora, cando se ven como máis pequenos e doados de solventar que se se deixa pasar o tempo.
Coidamos que son razóns abondas para animar ás autoridades e ó director de obra a poñerse mans á masa, facer unha revisión e darlles solución, algo que ademáis lles corresponde como traballo.
José Angel Salvatierra e Antonio Gregorio
--
Onte, por iniciativa de Salvatierra, tiven unha pequena xuntanza coa persoa encargada do mantemento das estradas de Fomento ó norte da A6. Hai cousas do escrito que máis ou menos se amañaron, outras que non. e haberá que seguir, pois aou cousas que se amañarán xa, outras que non. Está por exemplo a foto da rotonda de alxinatos, cun mantemento de corte de herba que non deixa ver a outra beira. Posiblemente se corte hoxe. Mesmo a zona ó pé da antiga factoría, que non correspondería a Fomento (está en proceso de expropiación, coido). O desprendemento que se ve na outra foto corresponde a un tramos de estrada xa cedido ó concello, e tradará un pouco máis en sacarse de aí, tamén por Fomento, que tentará (prometido...) de canalizar as augas pola parte alta do talud para que non ocorra... sempre e cando os terreos sobre o talud tiveran sido expropiados no seu momento, que aínda teñen que estudar. E outras cousas, pois a conclusión foi que, se ben se vixía o que está mal, fáise dun xeito descoordinado entre quen ten que recibir a obra e quen ten que encargarse co mantemento, escapánmdose as empresas que a realizaron sen pedirlles moito a reparación do que se deixou mal mesmo no momento de facelo, e remédiase con lentitude, en boa parte a medida do orzamento dispoñible. Veriase mellor se a beira da estrada fora un paseo. Mesmo na parte xa cedida ó concello. Un pequeno crebacabezas que se debera solucionar polo ben de todos (aínda que neste caso non sexa a cousa grave e en boa aprte esteña en vías de solución)

Ningún comentario: