20080821

Galicia son os carballos. Reflexións mínimas ó pe do camiño

Despois dunha longa camiñata polo interior de Galicia, cheguei á conclusión de que o que define Galicia son os carballos. Indo por eses camiños abondo descoidados,moitas veces inutilizados por falta de xente que ó transitar os manteña limpos e listos para o seu uso (Galiza estase a despoboar, por se hai alguén que non o saiba). Camiños que as silveiras tentan invadir acompañadas dos toxos ou ben sendo os fentos os que pretenden impoñerse, e nos que se ven pequenos carballos e tamén castañeiros; pequenos, pero decididos a medrar no medio deses camiños semiabandoados.
Os carballos non falan. A xente, si. En castelán. Saúdo en galego, boas tardes! Resposta en castelán, buenas tardes! E iso, sexa o turista accidental emigrado en Madrid, o seu pai labrego ou a súa irmá, vivindo nun pobo veciño. É certo que xa case é unha frase feita esa contestación, pero non deixa de ser constatada a cada paso.
As casas de aldea xa non son de aldea: están na aldea.. Nótase unha maior capacidade de mercar respecto a hai anos, pero tamén desaparece a capacidade de estar inmersos no entorno en troques de rodeados por el. O de 'vivamos como galegos' do anuncio de Gadis tivo un éxito identitario, pero aproveitando unha semellanza: vivamos 'como se fósemos' galegos, algo que, en certo xeito, xa 'non somos'.

1 comentario:

Fer Trombón dixo...

un agasallo en lonxe do mar xunto coa miña volta á rede..