20080701

Cifras e letras

Cifras e letras é un xogo e un programa da tele. Cifras (números) e letras (relacionadas con eles) é o que espero tratar hoxe.
350 moteiros. Esa foi a cifra aproximada dos que se achegaron a Ribadeo este fin de semana pasado. algún máis quedou fóra da organización, pero estivo. O próximo ano espéranse 500. Se non collín mal os datos, motos, algo menos. Entre 200 e 250 poidéronse ver polas rúas. A metro e medio de ancho de aparcamento corresponden 375m lineais, ou sexa, unha rúa de 187,5m polas dúas beiras. Como a beira da praza de España que linda coa ofina de Turismo, onde foi establecido o 'cuartel xeral', ten uns 90m, facíalles falta outro tanto, motivo polo que colleron o parque. Ben esto a colación porque fixen as medidas correspondentes a raíz de que varios cidadáns se me queixaran (por eso da asociación de veciños) da oucpación da rúa. É dicir, pódese discutir a existencia da concentración moteira, pero alomenos neste caso, non a organización, guste ou non (os que estamos afeitos a ter que dar rodeos para poder entrar ou saír da casa co coche coido que sabemos ben a diferencia).
1150, ese parece ser o número de alegacións ó Plan xeral de Ordenación Municipal. Se mal non lembro, a vez pasada que se chegou a este estado a cousa andaba polas cincocentas. Dende aquela pasaron uns cantos anos, a poboación medrou, o espabile da xente tamén, o apio dos partidos ás alegacións tamén, a preparación da xente coido que tamén o fixo, ... o que nos leva a que máis dun ribadense (ou unha) de cada nove presentou alegación. Considerando ademáis que moitos recén chegados, sen propiedades polo momento, parece lóxico pensar que non as presentaran. Se consideramos familias, a cousa aínda está abondo máis extendida: máis dunha familia cada tres ten presentado alegacións. Considerando que é un plan de consenso político, parecería raro, pero así é. Gustaríame botar unha ollada así por de riba a unhas cantas, para confirmar sospeitas que teño.
O mundo consume 160.000L de petróleo por segundo, segundo unha noticia que lin este fin de semana. Parece moito? Saen as contas se se contabiliza o número de barrís de petróleo producido diariamente e se divide a súa capacidade entre os segundos que te o día. Ese consumo fai unhas 500.000 toneladas de petróleo consumido cada hora, o que, tendo en conta que non e'un recurso renovable, debera abondar para poñérmonos a tremer tanto polo momento no que se acabe (na realidade, polo momento no que o tirón de consumo non se de enchido coa producción, algo que está a comezar) como pola cantidade de contaminación verquida a atmosfera, pois case todo vai para queimar: 'grosso modo', por cada kg de petróleo, prodúcense tres de dióxido de carbono, o que fai preto de medio millón de quilos de dióxido de carbono producidos cada segundo. Que ocupan ... 25 millóns de litros cada segundo!
Claro que os 160.000L de petróleo de cada segundo quedarían un pouco pequenos para o galpón que se pretende en Mirasol, que segundo os meus cálculos andará, unha vez que sexa presentado o proxecto definitivo, por algo máis dos 100.000m3, equivalente ó volumen de petróleo consumido no mundo nun cuarto de hora.
O dito, cifras e letras. Poderíase continuar, pero para desintoxicar, queda a bolboreta, pousada antonte nunha paraxe cementada, a baixada entre o paseo do cemiterio e a vila vella, nese camiño estreito que deixou a urbanización colindante emparedado.
A bolboreta ven acompañada: parece que a obra do parque de bombeiros de Barreiros, que serviría para toda a zona, vai ter licenza, anos despois de rematada. Sería un primeiro paso (non o único, por desgraza) para que algún día o parque comece a funcionar e dar servizo ós veciños.
O que segue sen prosperar é o desmantelamento da leitería de Reme. polo momento, parece que todos estamos de acordo, pero a burocracia é así, ou acaso non está oculto o progreso burocrático relacionado coa nave de Mirasol mentras segue a queimar etapas e non se sabe ata onde vai chegar?
Deixo a continuación o programa das xornadas de medio ambiente, non se lembrar que se poden ampliar:





Ningún comentario: