20080202

Nota de prensa de O Tesón

Despois das dúas entradas anteriores, curtas, unha máis longa coa nota de prensa da Asemblea de O Tesón:
Asociación de Veciños O Tesón
Ribadeo
--
Nota de prensa
Asemblea 02/02/2008

O sábado 2 de febreiro a asociación de veciños O tesón celebrou a súa asemblea ordinaria de comezos de ano.
Deu comezo coa lembranza especial do Presidente, Pancho Campos, que non acudiu por asunto de enfermidade.
Pasouse ó primeiro punto da orde do día, sendo aprobada a acta anterior por unanimidade.
Deuse noticia das diversas actuacións da asociación durante o pasado ano, no que estivo rexida por unha xestora de febreiro a xullo, seguido da enfermidade do seu presidente, o que fixo resentirse o resultado xeral do ano. Neste punto deuse conta asemade das baixas de varios socios, e entre outras actuacións, repasáronse as intervencións en relación ó castro das Grobas, o seguemento en relación ás actuacións municipais, de portos ou de estradas no entorno da ría de Ribadeo, as preguntas realizadas nos plenos, a intervención para facilitar a realización de actividades como o curso de talla de madeira actualmente en curso, ou as intervencións sobre o tema de ruídos.
Presentouse o balance contable da sociedade, que representa un superavit de perto de 700 euros, obtendo ingresos principalmente das cuotas de 126 socios.
O orzamento presenta polo que corresponde ás entradas, os dous apartados de recibos e lotería semellantes ós do pasado ano, e no apartado de gastos, entre outros 1000€ adicados a actividades diversas.
A programación de cara ó ano 2008 insiste na necesidade acuciante de conseguir un local social, mantendo as liñas de actuación en relación á revalorización do Castro das Grobas, o regulamento de participación veciñal e potenciación das relacións entre asociacións, a atención ós maiores, ou a insistencia no cumprimento das normativas sobre tráfico ou ruídos. Tentarase ademáis potenciar a relación entre os socios para revitalizar a sociedade, e facer actos que podan interesar ó conxunto, como charlas e mesas redondas ou o seguemento das promesas eleitorais dos partidos nas pasadas municipais, actividades todas elas que dun xeito ou outro foron xa desenvoltas pola asociación en anos anteriores. Neste punto, a intervención dun asociado propiciou o acordo de solicitar do concello que colgue na rede as diversas ordenanzas que regulan o funcionamento da veciñanza, facilitando a súa difusión e o seu coñecemento.
Pasouse despois ó punto de actuacións sobre o ruído. A pesares de ter xa presupostada unha partida para pago de avogado, polo momento non se levará a cabo, plantexando unha xuntanza cara á primavera monográfica sobre o tema, incluíndo asociados e xente que non perteneza á asociación.
Asemade, acordouse repetir, actualizado, un escrito enviado o ano pasado ás diversas entidades e poderes públicos, así como realizar unha recollida de datos para poder organizar do mellor xeito posible a loita fronte a contaminación acústica na noite ribadense e a convocar accións de protesta, mesmo antes da xuntanza prevista.
O punto correspondente ó ruído fundiuse co apartado de rogos e preguntas, no que destacaron intervencións dos asistentes sobre a regulación do tráfico, a sinalización ou o respeto dos pasos de peóns ou os vados, así como a crítica de inexistencia en moitas ocasións dunha autoridade competente, como no caso de vados ocupados ou ruídos e horarios de peche, nos que unhas autoridades din que non teñen competencias e outras que non teñen efectivos.
As primeiras actividades en relación ó tratado na asemblea terán lugar xa antes de mediados de mes.