20080220

Cortes de luz



Coido que a principal nova de onte en Ribadeo non sairá nos xornais de hoxe: era demasiado tarde, despois das dez da noite, cando comezaron os cortes de luz repetidos en boa parte do pobo. Curtos, pero moitos. Rematou a primeira fase cun máis longo, de varios minutos. E voltou de novo máis dunha ora máis tarde con outro novo corte. Despois xa desconectei.
Por outra banda, xa se van anunciando encontros para a campaña. En Ribadeo finalizará por parte do BNG cun día completo, que incluirá un encontro con mulleres, outro con maiores e unha festa final (é venres, logo sen policía local de control) no Muíño. Cousas da vida: local do mesmo dono que a empresa que é contratada polo mesmo concello para vulnerar repetidamente a normativa de ruídos por anuncios altavoz en ristre (ás veces non é o concello quen contrata)
E hoxe sae na prensa a secuela de dúas novas (en realidade, non tiñan nada de novas, senón de lembranza, sobre os ruídos e sobre a casa da ría) que publicou a Voz onte. Por unha banda, NNGG do PP reclama control do botellón (non dos locais de copas, indicando que segue a haber unha diferencia de miramentos para un caso e outro) con resposta do alcalde de xeito inmediato (co que por certo, e a pesares de tratarse de tema de ruído, neste caso coincido abondo); por outra, o concello di que se pediu persoal á Xunta para poñer a funcionar a casa da ría, o que seguramente levará algún tempo pero verémolo realizado.
As fotos, dous aspectos de Ribadeo que non saen moito na prensa: a avenida da antiga estación do tren mineiro coa estación xa protexida por estar en estado ruinoso, e un lugar da estrada de Vilaselán dende o punto anterior no que un vello e grande cactus está a esmorecer de puro vello e descoidado entre unha natureza non moi afeita a esa especie.

Ningún comentario: