20080121

Florece a mimosa




Comecemos a semana con algo inocuo: o florecemento da mimosa. A comezos do século, unha profesora francesa, vendo as mimosas de Sta. Cruz en flor, díxome en na zona de Francia onde vivía as mimosas aínda non tiñan florecido: tratábase de que ó estar máis ó sur, florecían antes. Lembreime deso antonte, pois a referencia que creo lembrar é que sucedía en febreiro. Hoxe, xaneiro, as mimosas están en flor, como se pode observar polas dúas fotos que aparecen á marxe.
Isto levoume a ver as temperaturas de Ribadeo, por eso do cambio climático. Tamén aparece á beira a vista da relación de temperaturas medias do aire en decembro en Ribadeo (as medias de cada decembro, abaixo de cada columna) no que levamos de século, e vexo que decembro de 2007 non foi especialmente caloroso. A comparación dun único mes non fai historia (máis aínda cando hai lagoas nos datos), e por eso irei comparando as temperaturas tomadas da Pedro Murias (pódense consultar por internet en Meteogalicia aqui) de xeito sucesivo, e tamén con datos anteriores, ata dos anos 80, que me subministrou Luciano Zubillaga.
E, falando de natureza acompaño tamén unha imaxe da lúa o mesmo sábado, vista dende Sta. Cruz en crecente.
Por último, chamar a atención sobre un comentario que deixaron no blog na entrada anterior. Ó meu ver, ten razón: tamén teñen a súa parte estes outros locais. Nunha primeira explicación rápida (a falta de tempo típica dos luns) direi que como particular, se teño que defenderme, primeiro o fago do que máis está a atacarme ou do que máis oportunidades teño de solucionar primeiro, sen querer dicir que sexa o único. Voltarei sobre o tema.

1 comentario:

Fer Trombón dixo...

non está a ser unha tempada feliz precisamente para os alérxicos, outro dano colateral do cambio climatico.. as mimosas estupendas... é unha pena que me fagan esbirrar tanto...