20071104

A miña intervención na presentación do libro 'Estudio sobre toponomía en Ribadeo'

3/11/2007 – Presentación 'Estudio sobre toponimia de Ribadeo' 

 

    Grazas a todos e a todas por estar hoxe aquí neste acto de presentación ó que dou comezo. Teño que dicir que incentivou o meu orgullo que José Mª contase comigo para a presentación dun libro que vin xestar na distancia e que se escapa da pequena área de coñecemento á que estou afeito. Engado ó anterior que José María é unha persoa que me ten ensinado moitas cousas (non só de coñecementos, senón de actitudes), cantidade que con este libro viu aumentar o seu tamaño. 

    Recoñezo o valor da palabra, da lingua. De feito, comezo unha parte das miñas clases, a da formulación química, coa seguinte cita: 'unha lingua pode ser difícil de aprender, pero o froito da súa aprendizaxe é fermoso e rendible: permite comunicármonos'. Pode dicirse que nese nivel me quedo no uso da lingua. Pero tamén sei que hai diferentes niveis de comunicación, con distinta profundidade, e o mesmo que ó escoitar algo de inglés pérdome con facilidade, vexo que cando non coñecemos o significado das palabras máis que co da inmediatez que da a súa asociación a unha imaxe, por exemplo, estamos a perder algo de coñecemento e de relación, quedándonos nunha comunicación cun rendemento baixo que non nos permite aprehender a substancia conceptual desa figura. É dicir, segundo a experiencia de cada quen coas verbas que usa (que emite e que escoita), a lingua pode supoñer algo moito máis profundo, pasando a formar parte da historia, da cultura, mesmo do propio ser. É a ese nivel ó que nos leva o libro de José Mª falando da toponimia ribadense. 

    Visto así, aínda a pesar do título, non é un libro sobre toponimia. Ó menos, non só. É un libro sobre o significado das nosas circunstancias, isas ás que Ortega y Gasset lles daba o mesmo estatus que ó propio ser anterior co seu 'yo soy yo y mi circunstancia'. Dende a experiencia persoal, tamén foi para min a súa letura un crisol no que fundir o novo e o vello a causa da toponimia. 

    Despois de ler o libro, atópoo sinxelo e rigoroso. Obxectivo. Pero non aséptico. Monte húmido, praia do maiorazgo, son novos significados de lugares que antes non me dicían máis que a súa imaxe actual. O relacionar o Mondigo con lugares portugueses ou da Coruña afírmame nalgo que intuía que tiña que ser así, que tiña que ter unha relación, pero sen antes saber nin cal nin o por que. 

    Dicir por último que me chamou a atención que, á procura do gazapo para ter algo que contar non sendo técnico na materia, aínda a costa do autor, só atopei para reseñar o da portada, na que aparece un mapa das parroquias ribadenses que di 'escala 1:50000' cando a realidade é que a esa escala o mapa non cabería nunha folla co formato do libro. Un erro (pode que sinxelamente unha referencia fotográfica e non un erro) derivado non do autor, senón do tratamento gráfico, e algo que se me antoxa xustificación do mesmo libro, pois o seu interior tenta construír uha visión en perspectiva do noso contorno e deixalo no seu auténtico tamaño e escala: páxinas densas de circunstancias, historia e nomes que nos axudan a ver de onde vimos e quen somos. Cedo a palabra a Marcelino Zapico.

--

    O libro, colgado na rede anos despois.

Ningún comentario: