20070628

Sobre o fin de curso na escola de música


Remato de recibir esta nota de prensa da EMMD de Ribadeo (a foto, do fin de curso do ano pasado):
Espectáculo, sorpresas e diversión son as claves do Festival de Fin de Curso da EMMeD de Ribadeo
Participarán máis de 250 nenos e nenas da EMMeD de Ribadeo

Ribadeo, 29 xullo 2007. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra mañá venres, día 29 de xuño, ás oito e media do serán, o seu festival de fin de curso. Ao longo da hora e media que dura o espectáculo pasarán por riba do escenario de Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, máis de 250 alumnos e alumnas da Escola para ofrecer un espectáculo que o director do centro, Lourenço Cruz calificou como “sorprendente e ilusionante”.
Como novidades da edición deste ano a EMMeD de Ribadeo vai presentar no festival o grupo de clarinetes, unha formación que nace coa vontade de converterse en estábel e na que participan arredor de 20 instrumentistas. A outra gran novidade da noite vai ser a importante presenza das nenas de ballet no espectáculo, coa interpretación de 4 coreografías de diferentes estilos.
Un grupo de guitarras, unha agrupación formada por 80 nenos e nenas de iniciación á música, un grupo de música mixto para interpretar música rock, unha agrupación instrumental que recolle todas as especialidades que oferta o centro e un coro son o resto de formacións que actuarán mañá no festival de clausura do curso na EMMeD de Ribadeo.
O director do centro destacou que no festival “vaise poder ver música de todo tipo e de todos os estilos, formacións convencionais e outras creadas de xeito directo para o festival coa intención de que os nenos e nenas, os pais e nais e o público coñezan as enormes posibilidades que ofrecen tanto a música coma o ballet”.
Lourenço Cruz mostrouse moi ilusionado de cara o festival tanto “polo importante número de nenos e nenas que van participar como polo papel dos pais e nais, que mañá terán un protagonismo especial”.

Prazos de matrícula
A EMMeD de Ribadeo abrirá o próximo luns día dous de xullo, entre as 12.00 e as 14.30 horas, nas dependencias da Casa do Mar, o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2007/08. Para inscribirse tan só é preciso levar o número de conta e cubrir o impreso correspondente.

Ningún comentario: