20070227

Ribadeo, problemas comúns


Xa vai sendo común que haxa algunha nova de Reinante; esta vez, que deixe de ser Deputado Provincial, pero a min non deixa de asombrarme: onte mesmo pensaba que a historia rematara.
De calquera xeito, refírome a historias comúns doutro xeito: volve o anuncio de que se repara a estrada do monte (e xa van dúas veces en poucos días), ou que o concello se quere facer cargo das vivendas de profesores (cousa tampouco nova, e menos cando levan anos de descuido, como se pode ver no 'Ribadeo falls' de comezos do ano pasado. Tampouco representa novedade que o porto de Ribadeo perdera un administrativo, o único que tiña, agora en funcións en Lugo, mentras de recheaba e se cerraba, despois de que se anuncie outro dragado integral (xa levaba a ría case un ano sen draga) no que parece unha contradicción máis da administración respecto do porto.
E así chegamos á foto: nuns soportais ribadenses, un conxunto de persoas maiores achegase ó final, onde se ve un muro de frente. Doble imaxe, sobre o túnel da vellez que se vai estreitando cara á saída, que é tamén un muro, e sobre o urbanismo ribadense, que se vai angostando cun muro de frente. A vellez non ten moita solución; o urbanismo, pode que si: con estes movementos do último ano queda un resquicio de optimismo, aínda que por exemplo, o alcalde non respondeu ás preguntas do Tesón sobre cousas puntuais de urbanismo.

Ningún comentario: