20070228

Internet na campaña electoral en Ribadeo


Din que España non está aínda (ou está nos postos de cola) na sociedade da nformación. así, mentras que os blog estraron xa de cheo na campaña electoral I de Bush, aquí non aparece nin un dos partidos na campaña electoral Balbino II (bo, é un dicir, porque xa estivo con anterioridade no goberno municipal e ademáis din que pintan bastos para que volte saír alcalde). Pero a esto, á falta de blogs ou páxinas informativas e demáis dos partidos, hai que engadirlle que o primeiro candidato que aparece na lista de Google cando se mira 'Ribadeo' sexa Paco Rivas, e ademáis, a conta das páxinas do Concello, que el comezou tempo hai. Para comprobalo, só hai que poñer en Google a Ribadeo e fixarse no que pon na terceira entrada: o que se pode observar na captura de pantalla adxunta.
A parte da anécdota anterior, de que Balbino e Fernando lle esteñan facendo propaganda a Francisco, parece que os candidatos teñen un certo desprezo polos votos que poda dar internet: ó fin, moita xente que vota non ten acceso a internet, e moita xente que si o ten non pasaría polas páxinas dos partidos. Ademais, como ninguén en páxinas, tampouco se vai saber o efecto de telas ata outras eleccións nas que si se teña, porque o que teño claro e que a cousa está o caer, e non pasará moito tempo dende que un candidato teña páxina web ata que os outros reaccionen. Como máximo, unhas eleccións. Acepto apostas.
Por certo, podería vir o Ostedijk a Ribadeo cando se complete a cerrazón do porto? É un porto moi tranquilo...

20070227

Recollendo unha cita para a casa Ribadeo (2ª de hoxe)

"Montesquieu houbérase alarmado despois de explicarnos que a democracia non é só votación, senón equilibrio de poderes e salvagarda de dereitos"
"Ditaduras con votos téñense visto moitas, pero non por eso deixaron de ser ditaduras"
Dúas citas traducidas dun artigo de Julio María Sanguinetti a pasada semana (22/2) no 'El País' e que coido son moi apropiadas para un Ribadeo en previas de proceso eleitoral e despois de anos de poder sucesivo despótico (é dicir, empregando o poder eleitoral como ditadura ata as próximas eleccións, nas que se promete sen comprometer, como está deixando claro José Mª estes días no seu blog).

Ribadeo, problemas comúns


Xa vai sendo común que haxa algunha nova de Reinante; esta vez, que deixe de ser Deputado Provincial, pero a min non deixa de asombrarme: onte mesmo pensaba que a historia rematara.
De calquera xeito, refírome a historias comúns doutro xeito: volve o anuncio de que se repara a estrada do monte (e xa van dúas veces en poucos días), ou que o concello se quere facer cargo das vivendas de profesores (cousa tampouco nova, e menos cando levan anos de descuido, como se pode ver no 'Ribadeo falls' de comezos do ano pasado. Tampouco representa novedade que o porto de Ribadeo perdera un administrativo, o único que tiña, agora en funcións en Lugo, mentras de recheaba e se cerraba, despois de que se anuncie outro dragado integral (xa levaba a ría case un ano sen draga) no que parece unha contradicción máis da administración respecto do porto.
E así chegamos á foto: nuns soportais ribadenses, un conxunto de persoas maiores achegase ó final, onde se ve un muro de frente. Doble imaxe, sobre o túnel da vellez que se vai estreitando cara á saída, que é tamén un muro, e sobre o urbanismo ribadense, que se vai angostando cun muro de frente. A vellez non ten moita solución; o urbanismo, pode que si: con estes movementos do último ano queda un resquicio de optimismo, aínda que por exemplo, o alcalde non respondeu ás preguntas do Tesón sobre cousas puntuais de urbanismo.

20070226

de Ribadeo e remato de enterarme... (2ª de hoxe)

Coido que, se queres casa en Ribadeo, esta váite gustar...
Deixo os comentarios para quen quera facelos.

Ribadeo día 1, telecentros


Parece que desta vánse poñer en marcha os telecentros con actividades. É dicir, por unha banda, comezarase a usar de xeito regular a casa da xuventude (eso espero, pois o de Ribadeo vai ter a base alí), que xa era hora para que os cativos de mediana idade teñan onde ir. E por outra, pode ser unha oportunidade para que ainformática e internet sexan aproveitados para socialización da xente, que tameń coido que está a facer boa falta, e se non, abonda con mirar as accións que se están a desenvoltar de xeito societario en Ribadeo (non institucional nin empresarialmente). O certo é que teño ilusión con ámbalasduas cousas; espero non ser inxenuo.
Despois dun post positivo, unha imaxe positiva: unha posta de sol dende Ribadeo, dende San Lázaro cara á saída do pobo.

20070225

Domingo en Ribadeo, quen vai á misa?


Hoxe, o título dunha obra de teatro a representar no auditorio Hernán Naval fai reflexionar sobre que pasaría se o teatro fora tanpopular como hoxe o é o fútbol. E que pasaría, hoxe domingo se o fora a relixión? Só teriamos que voltar a vista uns anos atrás para ter unha aproximación. Despois do artigo 'Procesións e fauna' (metido no blog aquí) quédome con ganas de estudar algo máis a socioloxía da relixión, e en concreto en Ribadeo. Pero non é doado ver os vaivenes da asistencia e participación nos actos relixiosos e poñelas en relación con outras variables: hai moitas, e en Ribadeo, como terra de aluvión no verán e fins de semana, máis aínda.
O certo é que agora que o do Ostedijk parece que xa pasou e que foi case algo así como unha cortina de fume non só na realidade, senón en sentido figurado, e visto o movemento ó seu arredor que xerou comparándoo con outras cousas, case parece que algunha xente deba de estar cumprindo os seus ofrecementos relixiosos motivados polo barco, para que non pasara nada, e estes días algunhas igrexas costeiras rexistrarán un aumento estatístico de visitantes. En Ribadeo, o aumento visible é o das fins de semana, o debido á xente de fóra que ven escoitar misa ó pobo.
Na foto, a xerme da nova ponte sobre o porto que case se pode chamar 'xerme da nova ría', pois anda que non cambiou a ría dende que comezou o porto deportivo de Ribadeo. A todas estas, non parece que houbera resposta dos presidentes autonómicos ás propostas da Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo, co que seguirá a ser un perigo atravesar a ría no verán.
Unha última cousa que vexo no xornal: parece que o tema de Reinante xa rematou (ou se calmou) en Ribadeo, pero segue na Deputación en Lugo, a conto do cobro de dietas, que curiosamente pode incrementar respecto ás que tiña antes. Será o final do culebrón?
Unha nota posterior, mentras non vedes o blog de fuji:

20070224

Continuando en Ribadeo (2ª de hoxe)

A outra de hoxe era sobre o esforzo. Esta, sobre actos. Onte tiveron lugar asambleas de O Tesón e a SSM AConcordia, un acto en teoría organizado pola asociación de amigos do país da zona para ser capitalizado eleitoralmente pola alcalde e o comezo das curtas nouturnas. O primeiro, pouco concorrido, foi un acto de trámite no que o único que se saíu de multitude de guións do mesmo corte foi a aprobación dun manifesto ás autoridades que verá a luz máis adiante neste mesmo blog, entre outros lugares. Do segundo non teño novas máis que por un despistado que apareceu na xuntanza do Tesón media hora antes de tempo creendo que era alí a da Concordia. O terceiro parece contraprogamación, organizado aparentemente esta mesma semana, para dar a coñecer o futuro parque de indianos que leva coleteando xa cousa dun ano e que xa apareceu neste blog. Estimaría ter ido (coido que pode ser unha boa cousa, como xa deixei dito noutro lugar), pero a coincidencia non o fixo posible, e só me ven a memoria para substituílo o que califiquei de 'primeiro acto eleitoral' desta campaña, e entón ocórreseme que aínda que tivera podido, ó mellor non ía. En canto á outra cuarta actividade, é a primeira dunha serie da que seguramente falaremos outro día, porque algunha vez penso asistir a ver esas curtas nouturnas con café (o do café, un invento para facer unha pausa, intercambiar pareceres, etc nun ambiente máis 'cálido': un bo invento, creo). Onte tamén houbo unha inauguración sobre a enerxía, do INEGA (aquí, a presentación virtual), no IES Porta da Auga. Inauguración, con representantes diversos das altas esferas políticas, dunha exposición sobre enerxías alternativas e aforro enerxético que será visitable dúas semanas. Poño neste post sobre actos e novas diversas unha entrada do blog do cargadoiro no que hai frases, no seu contexto, para meditar. Frases que se poden acumular a unha revisión sobre o funcionamento das asociacións en Ribadeo, á propaganda de corte político ou mesmo da actualidade cultural (por non nomear outraos feitos pode que menores como a nova transgresión polo concello das súas propias normativas anunciando altofalante en ristre as curtas). Cousas que, en conxunto, deberan de ocupar varios longos post, pero que seguirán a saír nas pequenas entradas, pouco a pouco, cada volta cun aspecto diferente para que cada un, cada unha que siga a trama, poda facerse unha mellor composición de lugar a base de intercalar o seu propio pensamento na lectura en tempos illados: é dicir, máis lento pero de mellor proveito para a persoa que se o lee de corrido en calquera sitio, mesmo neste blog.

Unhas cantas entradas vellas

... recollidas no blog recentemente...
Sobre o PXOM
feliz 2002
Piercing
Calendario 2007
e unha nota de como acceder a calquera das etiquetas de artigos do blog (é dicir, agrupar os artigos porlas etiquetas): poñendo http://ribadeando.blogspot.com/search/label/blog accédese a todos or artigos que poñen nas etiquetas 'blog'. Substituíndo esta verba por outra, atópaste todos os artigos coa etiqueta correspondente. A notar que hai artigos sen etiquetar, e que se pode acceder só ós 25 anteriores.

Esforzo



Chámame a atención a extensión dos deportes nos xornais: coido que é excesiva. Pero non é esa a cuestión sobre a que quero pararme hoxe, senón en que está mal distribuída, pois na realidade, máis do 90% (a ollo) está ocupada por economía. e tampouco por economía do deporte, senón por economía dos clubes deportivos,o que convirte declaracións de deportistas en transacción económica. En cambo, esta fin de semana 450 escolares van a disputar o campeonato provincial de cross na Mariña: o deporte base, o esforzo que é a base do deporte, e case non sae nas novas; en todo caso, como espectáculo, non como deporte ou como esforzo.
Para comparar, de cando en cando son novas os excesos realizados por outra banda, que comezan en parte polo abandono do esforzo. As dúas fotos de hoxe poden ser de calquera fin de semana e calquera sitio. Son do pasado, na parte de atrás do Auditorio Hernán Naval. Entre a nova do cross e o botellón das fotos, pouca diferencia de quilómetros, unha grande diferencia de mentalidade e de dirección da sxente.
Hoxe foi de reflexión sobre educación. Deixo para máis tarde ou mañá o falar de outras cousas que sucederon onte: xuntanzas (e case contraxuntanzas) en Ribadeo, por exemplo.

20070223

Macedonia, país con wifi. Ribadeo, ...?


Vin estes días un anuncio que me chamou a atención. Era de Macedonia, ese país que está tendo dificultades no recoñecemento internacional polo seu nome, por coincidir co dunha provincia grega. O anuncio era apra animar ós inversores a facer negocios alí. Entre as cousas que poñía (repito, era un anuncio e algunha delas tamén me fixo gracia) estaba 'país con wifi'. O primeiro que pensei foi que hai cousa de 5 ou 6 anos Mariano Grueiro tentou facer de Ribadeo unha 'terra con wifi', e non o logrou por falta de apoio. Agora,un país que remata de saír dunha guerra, con problemas económicos e doutros tipos, xa ten a rede wifi ó que parece extendida a todo o país...
por contra do país este que considera un logro que non se lle vaian as cousas: hoxe a nova é que o Transcantábrico seguirá a ter pernocta en Viveiro,'pola presión exercida'. Mentras, segue a perplexidade polo tratamento que se lle está a dar ó 'Ostedijk', cun razoamento totalmente válido, segundo entendo: se é perigoso, por que o traen tan lonxe de onde estaba? Se non o é, por que o alonxan tanto de onde xurdíu o problema?
Mentras, aprece que na comarca vai outra vez facendo historia o comportamento do IES Porta da Auga: O Illa de Sarón ofrécese ás empresas para traducción, como comezou a facer por convenio co concello o IES ribadense este mesmo curso.
A foto, o emprego actual da maioría do recheo feito a comezos dos noventa entre protestas, aparcamento (de coches ou barcos), o que non impediu as obras recentes, tamén entre protestas, ou o peche do porto comercial. A imaxe correspondía antes á ría de Ribadeo, de todos. Hoxe corresponde a asfalto estéril, de ninguén.

20070222

Ostedijk, imaxes e unha convocatoria en Ribadeo



Comecemos pola convocatoria, para mañá, da asamblea xeral de O Tesón:
"Pola presente comunicación, convócaselle á asamblea xeral ordinaria da Asociación de Veciños 'O Tesón', que terá lugar no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo o día 23 de febreiro de 2007, venres, ás 20 horas na 1ª convocatoria ou ás 20:30 na segunda, coa seguinte orde do día:
1.Lectura, e aprobación se procede, da acta anterior.
2.Memoria de actividades ano 2006
3.Aprobación balance anual
4.Proposta xeral de actividades 2007
5.Aprobación orzamento anual
6.Informes da directiva
7.Rogos e preguntas"
... unha asociación forte beneficia a todos. estase vendo no caso do Ostedijk, nos que a prensa resalta a 'presión social' como fonte de decisións. De calquera xeito, entendo que se está a confundir e logo a tomar decisións sobre esa confusión. Explícome: está ben que exista presión social, pero informada de xeito claro e transparente, e non causar alarma comparando con casos como o do Casón, que son ben diferentes. E o caso é que o fertilizante do barco non ten grande perigo, entendo eu. Os abonos que se botan en Galicia á terra fumean, igual que o barco. O que varía fundamentalmente entre os dous casos é a cantidade de material. É dicir, o barco debera estar xa en porto e descargado sen problema, pois unha volta en terra as operacións de arrefriado ou mestura son rápidas, e o barco, que non ten destrozos, podería seguir o seu camiño, ó tempo que a carga é totalmente (ou case) aproveitable. Bo, que eu saiba, o barco segue na mar, na costa mariñán (deberon pensar que aquí a alarma social sería menor que no porto exterior de Ferrol, por exemplo, que lle cadraba abondo máis preto) e a ver en que remata todo, aínda que non creo que haxa un especial perigo. Por esta volta, a política, xusto antes dunhas eleccións, ganoulle a partida ós intereses económicos, pero parece que o interese máis xeral segue estando difuminado, tnetnado só de aproveitar a opinión pública de xeito moldeable.
As imaxes, do muro natural da Atalaia pola parte máis pendente: o sitio onde se pretende instalar o ascensor para que a xente baixe ó porto ó tempo que se cerra por Mirasol e cada volta hai máis pantaláns. Eso é a outra imaxe: o novo pantalán (o primeiro que se ve) de Porcillán, coas Figueiras dándolles o Sol.

20070220

O antroido en Ribadeo



Sen finalizar aínda, e a pesares do ruído, coido que o resume poden ser as dúas fotos: unha charanga entrando e saíndo, nunha rúa vacía. Por suposto que houbo máis, moito máis, e que non son dúas fotos exactaqmente representativas, pero parece que o declive está confirmado. Remítome ó pregon de antroido que fixen no seu día para facer pensar no futuro do antroido, sexa cal sexa.

Exposición sobre mapas da ría de Ribadeo I





    Xa teño falado da exposición de mapas coa ría de Ribadeo, mantida en setembro do 2006 na Casa da Cultura por Evaristo Lombardero. Daquela tomei fotos, e agora aí van. Estas, as primeiras. Ó final, farei un post de resume.
    Aproveito tamén para poñer dúas ligazóns á Voz de Galicia, a unha reportaxe dunha serie que tocou a ría de ribadeo: "Chequeo a las rías" e Opinión sobre o tema.
 
    Outra parte.

20070218

Protexendo o Eo: antroido en Ribadeo







...Agora resulta que van crear unha nova figura de protección para a zona do Eo e non sei ben cantas máis. Ben, é un primeiro paso antes das eleccións locais, pero todos sabemos que o importante é establecer a protección real, non no papel. Pode ser un paso, facer leis, normas, proteccións; é máis: é necesario. Pero se logo non se cumpren, a cousa falla. E xa teño escrito un artigo, hai moito, titulado 'cando a lei non se cumpre' (publicado o 14/11/96); era época de Fraga, pero nalgunhas cousas, os tempos non cambiaron moito.
As fotos, á espera de escanear e poñer o artigo citado no blog, lembran a protección actual da ría de Ribadeo: verxas e lixo, baixando pola ría ou arrecunchado no resto de dársena en Mirasol, en contraste cunha beleza manifestada por Castropol ó fondo. As fotos do antroido, tamén tomadas hoxe, para outro día, con outras máis que irán saíndo.

20070217

E seguimos no antroido: Ribadeo é así


Onte, na presentación do antroido, xa saíu o tema dos enfrontamentos no concello (ver, por exemplo, aquí para máis información. Hoxe a prensa segue, e está previsto que siga (cousa á que non daba creto cando cezou todo) abondo tempo máis. Por eso, pódese considerar que o antroido este ano deu comezo vai boa, e que se prolongará ben despois do mércores do cinza ou o enterro da sardiña.
Tamén hai xa anos que escoitei falar de facer unha residencia para anciáns en Ribadeo. Aínda escoitei a un comerciante ribadense ofertar cartos para levar o proxecto adiante (aclarar que sería un comezo: forte aposta, pero só un comezo) nuna xuntanza no Parador, co comezo da Mesa de Asociacións, e a contar que hai ano e medio que o alcalde xa non recibe ós membros da mesa, para botar cálculos. Pois parece que agora se quere dar máis funcións ó Centro de Día para que sexa algo así como unha 'miniresidencia', que nun Ribadeo en crecemento como estamos vendo sona algo así como a promesa eleitoral sen consecuencias prácticas. Esperemos que esteña errado e que chegue a bó porto sen barreiras para entrada como as de Mirasol.
Os inmigrantes onte parece que deron un paso adiante: Fernando Suárez di orientar os telecentros tamén á comunicación cos seus países de orixe e foron recoñecidos para comezo do antroido co grupo HS, formado en boa parte por xente non nada aquí, e en ningunha parte por descendentes de 'ribadenses de toda a vida'. Eso da aplicación dos telecentros é unha boa nova, se leve ou non a cabo, porque significa que se está a pensar no que pode ser un problema de integración, e polo tanto, poñendo os bois no seu sitio e non antes do carro.
Outro tema de hoxe é a repoboación da ría. Non de persoas, que de eso xa tentan tratar os urbanizadores, senón de ameixa, pois queren repoboala da especie 'japonica'. Parece que o da ría vai nun adiante-atrás-adiante-atrás que non se aclara moi ben. Vista en marea baixa o outro día a zona da Vila Vella, veciña á zona onde se preve'facer o 'plante' de ameixa, máis ben parece que antes de nada sería necesaria unha limpeza de fondo mariño, pero será que o non ser xusto alí onde se vai poñer a ameixa, non prevén efectos negativos de como está esa zona. Ou pode que me esteña a equivocar e non teña efectos negativos aínda que se puxera alí a japonica.
Respecto ó ruído que non cesa, o caso de Viveiro é outro fito máis a ver.
A foto, a ría de Ribadeo na vila vella, vista do asteleiro.

20070216

Comeza o antroido

Pedro Moreda, acompañado por Suso López, tivo a actuación estelar no pregón do antroido, lembrando vellos tempos, e seguido dun grupo de salsa ribadense, HS. O que fallou, o público. Non o asistente, senón o que faltou para arroupar como se mereceron a quenes deron comezo ó antroido. Bo, polo menos estaban Balbino e Fernando. A ver se Pedro me pasa o que leeu (aínda que só foi parte do acto) e o poño outro día.

Pechando a Ribadeo: estamos no antroido!



Tempo atrás, estábase cerrando o porto,poñendo as separacións. Agora está listo o seguinte paso, pois as portas están listas e os cerres convertiranse en peches, con chave, xa pronto. Ademais, coas verxas, separábase, segregábase algo de Ribadeo. Co peche, quen poda estar no porto poderá entrar en Ribadeo, pero non ó revés, é dicir, non é pechar o porto, senón máis ben, pechar Ribadeo... estamos no antroido, e parece que imos do día dos inocentes ó antroido: cando oias a Balbino dicir unha cousa, prepárate para que na realidade poda ser outra ben diferente; probabilidades hai abondas.
Conecto isto co que no periódico hoxe, baixo o título "Un sano ejercicio" se chame a un exercicio electoral adecuado, e tente poñer unha comparación co riso e as promesas electorais. Ou con que nun municipio como Tapia, que non coido que sirva en xeral moito de modelo, se vaia converter unha cetárea en piscina mentres aquí se pretende converter a agora xa piscina/lago de Meirengos en piscifactoría, é dicir, macrocetárea, co parecido entre ambas como o que pode haber entre unha tenda tradicional e un hipermercado.
O antroido sigue con Reinante e cia, por moito que nos carteis aquí se lle chame carnaval: existe a personaxe do antroido, vaia que si. O dito, para ver o programa do antroido, clicar sobre a imaxe do programa...

20070215

Terceira de hoxe. Un artigo polo momento non publicado sobre un tema ribadense: a banda

A banda, ese ser vivo
A música basa a produción de sensacións na xeración de sons que gardan algunha relación con outros que os seres vivos podemos escoitar en diversas situacións. E dicir, en certo xeito, en semellanzas. Por eso non é de estrañar que unha unidade de produción musical, a banda, poda ser comparable a un ser vivo.
Din os manuais que os seres vivos recoñécense en que nacen, crecen, reprodúcense e morren. Polo medio, dalgún xeito aliméntanse, e é necesario un período de xestación para pasar a existir, e necesaria a reprodución, sen a que os seres vivos dese tipo deixarían de existir. Ben, pois calquera desas fases a ten unha banda, poñamos por caso, a nosa banda ribadense.
Está claro que en toda comparación hai cousas que poden fallar, e eso vese cando a semellanza escóllese un pouco ó chou: que impediría que fora Amadores da Música, a sociedade titular da banda, a que fora posta en situación de comparación? Nada.
Pero voltemos á banda: como todo ser vivo, tivo unha xestación. Ven o vimos todos os que, baixo o maxisterio de Hernán, nos entrenamos para un bo día presentármonos na igrexa e rematar o parto ós acordes do Tannhauser.
A partir de aí a banda creceu. Fíxose maior, con maior número de compoñentes. Aumentou o dominio do mundo no que se movía, o mundo musical. Incrementou a súa base, pasando a ter músicos formados nunha escola. Aumentou o número de actuacións. E mellorou aquelo que facía: a interpretación musical. Claro que como en todo proceso de nenez, adolescencia, madurez, houbo tempos nos que algúns deses cambios non se percibiron, mentras que noutros foron rápidos, auténticos estiróns.
E chegou un momento no que a banda xa estaba no que sería a súa pubertade, e logo, en disposición de reproducirse en outras agrupacións musicais que pouco a pouco foron saíndo do seu seo ou que contribuiu a crear. Poñamos aí a contrabanda, pero podemos substituíla por grupos de cámara ou a big band, por exemplo. Cada un tivo o seu parto, e se ben o pai soe estar ben recoñecible na obra dos que son os seus fillos, e a banda actuou en tódalas ocasións como nai, os partos foron ben diferentes. E os caracteres das novas formacións, tamén: a familia aumentou, diversificouse e acadou idade abonda para estar en situación de voltar a reproducirse.
Pero voltemos á banda. No sinxelo esquema do comezo, parecería que a calquera ser vivo, despois da reprodución, só lle queda a morte. Non. Pode voltar a reproducirse, ou facer nacer novas creacións que son outro xeito de reproducción. A madurez pode ser prolífica en manifestacións diversas, e sempre, é un tempo de asentamento, calma con apertura de miras e crecemento interior. Tres cousas que soen ademais, ir acompañadas de tempos de enfermidade, horas baixas con convalecencias reparadoras e volta á normalidade, asentando esa sabiduría que dan os anos, coñecendo os propios límites (seguindo o célebre 'coñécete a ti mesmo'), sabendo a que pode aspirar... É o tempo que está a vivir a nosa banda.
As formacións musicais teñen duracións vitais moi variadas, o mesmo que mortes tamén moi variadas, de súbitas a languidecentes, pero polo momento, a banda, a que deu lugar a este artigo, non pensa en tal, senón en aquilatar a súa experiencia para beneficio do público, en particular, do público ribadense, co que mantén en cada concerto unha mostra mutua de cariño e expectación que a revitalizan.
Ribadeo, mencer do 1 de xaneiro de 2007.

Só un aviso sobre as feiras de ciencia e tecnoloxía en Ribadeo

Estánse a cargar no blog http://fqribadeo.blogspot.com carteis das feiras de ciencia no IES Porta da Auga de Ribadeo. Tamén se están a cargar moitos máis na web do IES. O primeiro índice do blog está aquí

Culebrón


Coido que a algúns seriais da radio lles comezaron a chamar 'culebrón' porque unha volta comezados pola cabeza, seguía un corpo da historia que sempre era igual e alongábase, alongábase, alongábase.... como unha longa culebra. si, refírome á nova intervención de Reinante en Ribadeo contra os seus antigos compañeiros (ver a prensa de onte, de hoxe, o blog do cargadoiro...), pero tamén ó ver que na ría de Viveiro teñen problemas pola construción duns galpóns,como se de Ribadeo se tratara.
Por eso, un día máis, fuxo cara a temas triviais: onte fixo moito vento, din que ata 135km/h en Burela, pero a Estación Pedro Murias rexistrou unha media de pouco máis de 5m/s, semellante a antonte. Hoxe recollerase a exposición 'Os habitantes dos Castros', polo que se alguén está interesado en vela e aínda no foi, ten ata eso das 18:30, hora en que se recollerá.
Hoxe tamén, na escola municipal de música e danza Hernán Naval de Ribadeo terá lugar un concerto co motivo do entroido, ás 20.30 horas.
A foto, unha rúa que continúa inhábil en Ribadeo, ocupada por material da obra correspondente (aparentemente rematada), dende hai ¿dous anos? Para visitas turísticas, no xardín, onde se poderá observar a finalización da rúa contigua.

20070214

A ciencia ten nome de muller

Só un aviso: remato de colgar a exposición 'A ciencia ten nome de muller' no blog FQRibadeo. Se queres vela, pulsa aquí.

San Valentín, querendo a Ribadeo



Amenzo coa nova de que unha gamberrada fixo pinchar unha ducía de coches en Ribadeo, mentras a programación cultural tenta extenderse a todos, incluídos os máis pequenos, ou ós namorados, co Romeo e Xulieta que se representa hoxe. E mentras o vento zoa fóra con forza, e chove a cántaros, pregúntome que significa o San Valentín a parte de comercio, chegando á conlusion de que podería ser unha lembranza do amor, porque o amor tamén necesita lembrarse de que existe para non caer nunha sinxela mecánica sen sentemento. E retorno a Ribadeo co título: non se trata de agasallar a cidade porque agora se teñen cartos para facelo (eso de que se teñen cartos é un dicir, tal como están as arcas municipais ó parecer, que información verídica hai pouca coñecida) senón facer exercicio de querer, aínda que non se teñan cartos, e poñer ás cousas a funcionar, como no amor, co ímpetu e ilusión do primeiro día e o coñecemento a persoa do día máis achegado.
Acompañan dúas fotos tomadas con cariño a Ribadeo e á nosa ría, xa hai un ano.

20070213

Que non pare!

Despois de falar onte da gordura municipal, non queda outro remedio que dicir hoxe que seguen as liortas en Ribadeo, agora a causa da desinformación do concello ós partidos opositores (da dos veciños xa falei moitas veces aquí). O de onte, sen novas semellantes, de seguro era porque antonte era domingo.
Mentres, o carnaval de Santa Cruz vai adiante por unha cuestión de trámite xurídico: había unha sentenza do ano pasado polo que non se pode ditar outra diferente este ano, e seguirá a haber ruído. E estase a preparar o maior lago de Galicia, que será artificial, nas Pontes, na mina, ... con moitas esperanzas de, por exemplo, potenciar o turismo. Será de auga aceda? A cuestión da contaminación das augas na mina non me quedou clara nin moito menos, dende hai tempo, pero non teño datos, e pode que os ideadores do tema pensen que, ó fin, tamén o mar Negro, dende a súa formación polo 'diluvio' está totalmente imposible de acidez por baixo dos -200m, de xeito que é perigoso ata para os submarinos normais, e por riba a xente báñase e ata ten peixes... (non é broma, é acedo por baixo dun nivel aproximado ó dito, e a causa parece ser a putrefacción de materia orgánica ó entrar auga do mar dende o Bósforo ó formarse o mar dun xeito brusco por rotura da contención que daquela o separaba do Mediterráneo)

20070212

É gorda a sociedade ribadense?

Onte, nas cartas ó director de El País atopeime co conceto de sociedade gorda: o problema dos gordos non é recbir máis calorías dun tipo que de outro, senón que sexan máis das debidas. A nivel mundial pasa algo parello co consumo da enerxía: estase en procura de solucións para substitución de fontes, pero en boa parte o problema é que é demasiada enerxía a necesaria, e non sabemos como eliminar os excesos. E Ribadeo, é unha sociedade gorda? coido que alomenos nalgúns aspectos, si, pero non vexo un movemento nos políticos para o adelgazamento: hoxe parece que o patrón da gordura como bondade está máis presente que cando significaba non ter fame. Ben, o conceto de sociedade gorda está a desenrolarse, e non é doado de que cun resume así, como o que levo, todos teñamos o mesmo conceto, pero está aí, o mesmo que hai persoas gordas, con problemas de gordura, a sociedade tamén pode estar gorda, con necesidade de adelgazamento. Por exemplo, coñecedes algunha cousa que se comezara e que agora non se manteña porque engorda o orzamento? Miro para a casa da ría e vexo non máis gordura de fondos alí, senón abandono e flaqueza, pode que porque se vaia a gordura toda a un lado, como na xente quen ten tendencia a engordar por unha zona.
Un conceto interesante, o da gordura aplicada á sociedade. Aplicada, por exemplo, a Ribadeo.

20070211

Detalles sobre Ribadeo outorgados pola Xunta

o galimap.xunta.es/gis é un novo servizo de información da Xunta. entrei por curiosidade na información de Ribadeo. a parte da exptensión, poboación, pequena descrición, etc, aparece, respecto dos serviczos relacionados coa 'sociedade da información':
Buzón ou mecanismo que recolle suxestións e queixas - falta (é dicir, o buzón de comunicación suplicante dos administrados destaca pola súa ausencia)
Páxina web -si, téna
Páxina web con rexistro de calidade - non (o que mediatiza o anterior)
Buzóns dos membros de goberno - non aparecen (aínda que teño o correo-e dalgún)
Buzóns dos cargos electos - non aparecen
Enquisas on-line - non (despois de algunhas cousas, para que?)
Boletín electrónico - non
Certificación outorgada por terceiros - si
En outros aspectos:
Enquisa ou control da satisfacción dos usuarios dos servizos - non (en consonancia co xa visto respecto ós sevizos da sociedade da información)
Carta de servizo completamente formalizada - non (entendo que eso significa que non hai unha especificación exacta de servizo do persoal do concello, aínda que espero equivocarme, pois ó fin, por exemplo a administración do concello está dividida e xerarquizada...)
En fin, de seguro que vós poderedes ver máis detalles para unhainformación mínima.

20070210

Algo sobre o blog (2ª de hoxe)

Só unhas verbas como segunda de hoxe: abaixo hai dispoñible un buscador interno do blog... probádeo se queredes. está en período de probas, pero coido que as pasará rápido, non como o tradutor que segue igual (para usalo, á beira dereita...)

O ruído entra na campaña electoral en Ribadeo


Parece ser que o efecto dos recordatorios na prensa dos últimos días sobre que hai un ano que saíu a sentencia acusadora do concello no tema dou ruído en Ribadeo estáse a deixar sentir: JC Andina dexouno caer en declaracións onte, acusando ó goberno municipal de 'facer o indio' co tema do ruído. Eso non impediu que de novo esta mesma noite pasada o pub de enfrente pechara moito despois da hora efectiva de peche, na que o que fixo foi únicamente baixar a música (que tería que ter apagada dende media hora antes). Tampouco impediu que precisamente fora no mandato como rexidor del mesmo cando o ruído nesta zona tivera un maior crecemento e se comezaran a incumprir non xa normas a outro nivel, senón as mesmas ditadas polo concello (o que segue a suceder, vamos), ou que fora JC quen aconsellara ó concello que reclamara a sentencia (cousa que estaba esperando como auga de maio, por motivos que son longos de explicar aquí). Pode ser interesante a polémica: ó mellor os dous (falo de JC e Balbino) se convencen de que fixeron as cousas mal neste tema e se unen para corrixilas, ou da discusión sae unha solución, ou se poñen máis de acordo para acalar as voces críticas como a miña (esperemos que esto último no sexa a opción final)... polo menos sairíase un pouco do tema Reinante que segue (e polo que parece seguirá)
Mentras, trtas ler completa unha nova quédome perplexo: Acuinor e Pescanova, ambos con piscifactorías en mente, xa están para poñer cartos para unha estación transformadora no polígono, pero unha entendo que ten todo detido polo momento por afectar a terreos do castro (é dicir, ten que rediseñar o tema cambiando de ubicación ou excavar o castro antes de poñerse á tarefa) e pola outra pasaron Balbino, o secretario e o arquitecto polo xulgado aínda non hai un mes.
A foto, coa torre da rúa S. Miguel ó fondo, ten tamén unhas columnas que non teño idea de que son, pero levan tempo xa na horta.

20070209

Unha reflexión, para Ribadeo e para fóra, sobre o ruído que non cesa.

De vitoria pírrica trata hoxe 'El País' o resultado do xuízo contra o ruído de hai un ano, abrindo o artigo ó que fixen referencia onte. A reflexión equivalente, con outras verbas, a fixen eu mesmo fai un ano, despois da sentencia e despois de ler 'Freakonomics', un libro no que estuda por exemplo, os efectos das multas. O certo é que animaba a que o concello reclamara ó supremo, como quería JC Andina, para que a pena fora maior. Non o fixo e eso implicou a aceptación da pena, pero tamén da condena, e a compensación ou a condena poden ser pírricas, pero a razón e a culpa, unha volta establecidas, non o son, e deso tamén me decatei ó pouco, porque facilita outras cousas posteriores, e fronte ó concello, a ganancia en facilidade non é pequena, por moito que pretendan cubrir os actos variando a normativa ou ocultando información. O ruído non cesa polo momento, pero cesará.

20070208

Moderado en Ribadeo

Parece que son demasiado moderado co tema do ruído. E se non, ver esta nova. De calquera xeito, seguirei como ata agora: pouco a pouco, con algunha pausa que outra e tentando dar tempo para que a xente rectifique (13 anos...). Coido que é o xeito de atopar o equilibrio máis xusto, aínda que vai na miña saúde, o meu tempo, carácter, ... é dicir, aínda perdendo do meu.
Por certo, espero que mañá, no El País, se fale tamén algo do caso de Ribadeo: a entrevista xa está feita.

Planes portuarios para Ribadeo

Un anuncio que non tiña oído antes: portos vai expoñer os plans portuarios para que se podan presentar alegacións... en Lugo. De calquera xeito, haberá que ir ata aló, pois algo se ganou polo que parece nas queixas contra o último recheo e o peche do porto, aínda que se fixeran ambos. O mesmo día, a plataforma de defensa da ría de Ribadeo segue dando datos sobre o abandono e contaminación da ría: augas fecais con rotura de condutos ou contenedores de lixo abandoados son dúas das mostras, e están visibles. Apoio tanto o que dixeron onte na prensa de promoción de certo tipo de deports en contra da motorización incontrolada da ría como o que saiu hoxe. Ambas novas compleméntasnse, despois do evidente peche que se aveciña do porto, con outra nova doutro porto da costa: portos multa con 90 euros a un veciño por pescar no porto de celeiro: que se saquen consecuencias.
Pasando do tema de Reinante/alcalde, que non teño idea de adonde vai (pero continúa), a prensa ratifica que hai un ano que saiu a sentencia de ruídos, e a esto segue igual. E os contenciosos co concello polo tema, aumentando, mentras os xulgados aprece que seguirán lonxe polo momento e xa hai outra xaleo co concello a conto do apoio do Leader á Estación Náutica, que pretende 'ampliar o clube naútico' a costas da ría e que está tamén relacionada coas queixas do principio, tanto en relación a portos como ó uso e contaminación da ría. Parece que Ribadeo é terra de discusións, que non de razoamentos e achegamentos construtivos

20070207

A protección da ría de Ribadeo


Non é á protección contraditoria da ría que aparece na foto na zona do derrube sen amañar dende hai máis dun ano á que me refiro (o cartel indica 'zona protexida'). É a á petición da Plataforma para a defensa da ría de Ribadeo efectuada luns para que se artellen unha serie de medidas de protección, entre as que a limitación da velocidade dos barcos (que coido que xa existe pero que non se aplica, ver por exemplo sobre a velocidade dos barcos na ría da Ribadeo ou mellor sobre as dificultades de cruzar a nado a ría) e a potenciación das actividades máis naturais (como nadar) en troques das máis motorizadas e perxudiciais. vamos, un toque fresco para substituír un momento a xa célebre e vergoñenta polémica política interna do PsoE.
Por certo que hoxe aparece na prensa a inaquguración da exposición sobre as Grobas, algo que xa me comentarion varias persoas que visitarán. Estará aberta ata o 15 na oficina de turismo, de mañá e tarde (excepto o domingo, que será só de mañá)

20070205

A exposición dos habitantes dos castros (e III)



A exposición dos habitantes dos castros (II)





Paso as imaxes... algunha non está moi aló, co que terei que mellorala, pero sen facer unha nova entrada. A orde é introdución, asentamentos, espazo interior, vida cotián, economía, artesanía e arte.

Presentación da exposición 'Os habitantes dos castros' en Ribadeo






Luns, 5 de febreiro de 2007. Oficina de turismo de Ribadeo. Eduardo Ramil, Director do Museo de prehistoria e paleontoloxía de Vilalba, fixo a presentación da exposición 'Os habitantes dos castros', organizada por O Tesón, coa colaboración da fundación de A Mariña Central e o propio museo. Os paneis, divididos en 7 temas diferentes (Introdución, asentamentos, espazo interior, vida cotián, economía, artesanía e arte, com os pode ver na mostra fotográfica) amosan un resume didáctico e atractivo de máis de 1000 anos de historia do fenómeno cultural castrexo, que abrangueu a época do bronce, do ferro, a época romana a aínda psoterior en decadencia. Como quedou craro na exposición feita e tamén nos paneis ou no libro (que se vende na mesma expo por 3€ para quen lle interese o tema) o fenómeno ten como fío condutor a propia existencia dos castros, quedando como un certo invariante relativo no paso dun hábitat variado no tempo...

Unha exposición en Ribadeo (Nota de prensa de O Tesón)

AVV O Tesón - Ribadeo
Nota de prensa
O próximo luns, día 5 de febreiro, terá lugar a apertura da exposición 'Os habitantes dos Castros'.
A exposición “Os Habitantes dos Castros” pretende dar a coñecer, dun xeito ameno e didáctico, as características máis salientables dos castros galegos. Está estruturada en sete bloques temáticos e ofrece un amplo percorrido polas cuestións que permiten definir este fenómeno cultural, afastándose tópicos.
Foi elixida por O Tesón como un punto de apoio na campaña para dar a coñecer o Castro das Grobas, na que se levan organizado polo momento dúas conferencias e un paseo, amén de diversos artigos consultables na hemeroteca ou en internet.
A inuguración terá lugar o luns 5 ás 20:00 horas na Oficina de Turismo de Ribadeo, contando para a mesma coa intervención do Director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. (http://www.museovilalba.org/index.htm).
A mostra estará exposta ata o día 15 de febreiro, en horaro de apertura da Oficina de Turismo.

20070202

Falta conciencia, a 'conciencia dos novos ecoloxistas'


Neste caso, de que a Terra está en perigo pola acción humana: onte non se notou o apagón para apoio das posturas enfrontadas ó quencemento da Terra... ou acaso se considerou que non viña a conto. De calquera xeito, se tomamos o tema como indicativo, é unha indicación máis de que queda moito camiño por percorrer para evitar o cambio climático, o quencemento da Terra. Esta fin de semana nun xornal leín un artigo sobre a 'coincidencia dos novos ecoloxistas', referíndose a Bush e empresas contaminantes ata hoxe, día no que se presenta o informe do panel sobre o clima en París. polo momento, un ecoloxismo visible e en certo xeito polo menos maioritario está sendo o de aproveitamento máximo sen importar contaminación máis que para dar boa imaxe cando esta sae. Cambiará. A tempo?
E mentras, en Ribadeo, trifulca vai, trifulca ven...antes das eleccións e na procura de maximizar o resultado electoral. Mellor en Cervo, con cartas e poesías de amor en liza para un concurso no día de san valentín, que aquí, onde sigo sen comprender que o partido (non en Ribadeo, senón a nivel superior) suspenda onte a Santiago de militancia, pero quede como delegado de facenda nin na Deputación. Debo ter entendido mal. Pero en torno ás declaracións sobre edificabilidade e trato de favor, sigue o tema; agora é Fernando Suárez o que di que non se aumentou edificabilidade, e de paso, que a rúa Luz Pozo por fin vai a ver a luz dun amaño (mentras sigue na primeira o edificio cunha altura que se non é de favor é cando menos incomprensible alí, e na segunda, a poucos metros máis aló no xardín, unha rúa ocupada ¿dous anos? por unha obra que en teoría xa rematou...)
En canto á declaración da xente do concello (secretario, arquiteco, alcalde) sobre o tema de concesión de licencia a Acuinor, polas novas dispoñibles xa se manifestaron irregularidades. Outra cousa é que se consideren punibles: xa veremos que di a xustiza.
A imaxe, unha foto xa vella (2 anos) do Cantón dos Moreno, Ribadeo.

20070201

Un aviso solidario

Esta tarde, entre 8 menos 5 e 8 está previsto un apagón voluntario (deixar o consumo de enerxía reducido ó mínimo imprescindible) para chamar a atención sobre o cambio climático. É dicir, sobre o noso futuro como especie.

O Ribadeo logra unha victoria de calidade


... estamos falando de fútbol, ó que parece. En Fitur tamén parecen todo castañuelas, dado o impulso do turismo nos últimos anos, algo que en parte se lle concede á feira. polo momento parece que só está por alí a xerente de A Mariña Oriental, pero espéranse listas de representantes públicos: irán aparecendo.
Mentras, aquí, Reinante redestapa a obra de tras o cine teatro, que xa saíu nalgún artigo meu no blog, pero non é cesado mentras o parece que o alcalde se escuda na executiva galega para que lle diga que o expulse, algo que non fai polo momento e polo que diría que o culebrón seguirá. Estamos ante unha redistribución do que se coñece, que ata agora está situado na política de partido (de partidos) de coñecer o privado e descoñecer o público, xusto ó contrario do que debera: o privado, que se amañen; o público é de todos e todos debemos ter acceso a el.
E en Mondoñedo, acusación tras recibir unha acusación: o alcalde di que Adega minte, palabra que parece que lle gusta (usar para os demáis). Veremos o que pasa, aínda que supoño que será tras as municipais, que recibiron outro impulso onte coa candidatura do PsoE en exposición pública.
A foto, arqueoloxía industrial en Ribadeo: detalle dunha máquina no astaleiro da Vila Vella.