20070108

Prolongando a entrada do día de reis

1.'Os muros separan máis que protexen': non sei se de xeito histórico os muros comezaron sendo unha protección ou unha separación, porque a concepción de muro actual coido que non se corresponde coa dos habitantes dos castros, por exemplo, e ou moito me equivoco ou daquela estaban feitos para ganar tempo e previr un ataque (e polo tanto disuadir) máis que para realmente protexer. é certo que separación e protección moitas veces van da man, pero as implicacións para a vida son abondo diferentes. O muro en Mirasol viría (segundo teño entendido) da querencia de poder comerciar con terceiros países fora da UE, en liña coas imposicións USA a raíz do 11S. Logo, algo que ven da UE, e non sei ata que punto se pode evitar se se quere facer ese comercio. O caso é que o paseo continuado do que se falaba non hai moito na casa do concello polo momento queda en entredito, a parte da comunicaicón dunha boa zona de Ribadeo coa Veiga (un exemplo, para chegar da Veiga a Pasarón y Lastra, habería que dar a volta pola rúa Vilalba ou chegar ó parque e baixar ó peirao para voltar a subir, e esto no suposto que a cousa non siga adiante co Porcillán como ten comentado no post anterior José Mª). Non fago o balance de beneficiados e perxudicados, quédome coa perda de liberdade e privatización.
2.As barras: antes eran rexa, os tempos cambian e temos unha separación cunha estética máis cos tempos que corren, pero separación ó fin, que implica unha segregación, neste caso, de terreo e liberdade da xente de Ribadeo. Por certo, as verxas entendo que as pagamos todos para beneficio de algúns.
3.'A explotación non procede da presencia de capitalistas privados, senón en xeral da división (...) entre os que deciden todo e os que non fan máis que obedecer'. A palabra explotación é desas típicas que varía de significado dun xeito adaptativo: falamos de explotación de recursos naturais como proveito para humanidade e de explotación de man de obra cautiva (escravismo) con sentido moi diferente. Neste caso está clara a referencia á explotación do home polo home, logo algo contra os dereitos humanos, e tamén a causa da mesma: a división interesada do traballo, con xente que fai de decisor e outra que acepta o decidido. Non vou profundizar agora aquí sobre acracia e anarquismo, pero está claro que se aceptamos que todos nacemos libres e cos mesmos dereitos de aprtida, non os debemos deixar perder cando hai xente que nos ningunea, versión moderna da falta de dereitos dos escravos. Nembargantes, dende antigo, foi necesaria unha loita e unha presión contínua para facer valer a igualdade na liberdade, algo que algúns botamos de menos no día a día actual, e non só en Ribadeo. Teño dito máis dunha volta no blog que o que non se practica pérdese, e se non practicamos o decidir en conxunto sobre o noso futuro, xa sabemos que queda.
4.Algo que non puxen onte de xeito separado foi que o primar cousas como a privatización implica o primar ó individuo e polo tanto, tender a resquebraxar as redes sociais e a xustificar de calquera xeito os dereitos particulares por riba da lei. Entre outras cousas, eso implica máis dereito para quen o poda pagar, e menos para quen non poda facer valer o seu propio dereito.
En fin, catro puntos moi diferentes a pensar, a partir dunha soa liña conductora basada en que somos iguais e as diferencias son anecdóticas, pero as anécdotas aspiran a deixar de selo.

1 comentario:

Agremon dixo...

Como complemento, recomendo os artigos da p. 10 de A Mariña do domingo (aínda que non comparto todo o que alí se di, pero a diversidade fai pensar, enriquece)