20060920

O Ribadeo que queremos (do antigo blog)

O Ribadeo que queremos/No English version
Se queres lograr algo neste mundo, o idealismo non é abondo -necesitas escoller un método que funcione para conseguir o teu obxectivo. Noutras palabras, necesitas ser «pragmático»(*)
O futuro, antes de vivilo, e se queremos ter algún poder sobre el, hai que imaxinalo. E logo de imaxinalo, darlle un repaso para contrastalo coa súa posibilidade. Logo aínda, traballar para estender a idea para poder levalo á práctica. Tendo en conta o anterior, parto con estas liñas para unha materializar unha proposta ambiciosa e concreta: tratar de afrontar un Ribadeo futuro mellor que o actual, intercambiando opinións con tempo antes que o futuro nos alcance.
En certa forma, é o que fan os partidos políticos antes das eleccións coa proclamación dun programa electoral, pero só en certa forma: os programas electorais están feitos en xeral de xeito rápido e buscando non tanto a mellora do conxunto senón máis ben facer anuncio dunha mellora de cara a contar con máis votos, así como dende unha única visión e ideoloxía, sen deixar entrar na discusión outras posibilidades.
Co anterior e a comparación, creo que queda claro o que pretendo con este artigo máis outros que lle seguirán (meus, doutra xente ou mesmo facendo un ataque á pretenciosidade, amplitude, ideas ou liña seguida nos anteriores):
- Un estado de contrastación de ideas e proxectos cara o futuro, que ilumine as decisións a tomar sobre todos nós, que faga imposible cousas como as variacións repentinas de opinión, como algunha tristemente perpetrada hai non tanto tempo, ou proxectos que se indicou que van crear unha morea de postos de traballo e crearon só unha diminución de ría, ou o aumento do chamado 'feismo' que se suma ó acogotamento na construción, ou ... pon ti nos puntos suspensivos todas esas cousas que estás a pensar.
- Un Ribadeo máis informado que poda controlar o seu futuro, que se vexa máis involucrado nel. Din que a información é poder. Ao menos, da unha visión para tratar de influír no poder. E de aí, ó ceo. Depende de todos os cidadáns. Depende, por exemplo, que os políticos queiran asociarse dalgún xeito a este movemento para levar avantaxe en recoller o contacto coa xente, simpatizar cos votantes posibles nas próximas eleccións ou para tratar de conducilo.
- Pero sobre todo, un pobo que pense no seu futuro. Pensar... pode que alguén vexa como un perigo para algúns o que é unha oportunidade para todos.
En caso contrario, e como sucede moitas veces dun xeito ou doutro, remataremos dando paos de cego ou tendenciosos boa parte do tempo. Dun xeito ou doutro, a nós mesmos.
(*) Collido de "Software libre para una sociedad libre", editorial Traficantes de sueños, 2004
Saturday, April 2, 2005 09:52 a.m.

Ningún comentario: