20060711

Ribadeo, un pleno.


    No pleno de onte, 10/07/06, non había tal pleno de xente observando nin de opinións entre os concelleiros. Poucas cousas se votaron por unanimidade, e si moitas por 7/6. Entre as cousas das que deu tempo a entender algo estaba o convenio para formar un consorcio na área de benestar e igualdade de xénero, na que se manifestaron diferencias de interpretación sobre a autonomía municipal e comenzouse a falar sobre os interesese electorais das próximas locais, o que se repetiría varias voltas máis. Foi o primeiro dos 7/6 que houbo, pero só o 4º punto.
    Algo parello, pero con máis discusión foi o convenio con Aquagest, no que se reformou o sistema de tarifas e se ampliou o convenio entre 2018 (para o que xa estaba) e 2023, a cambio de 300 000€ e se manifestaron cousas como que un informe técnico do secretario leve unha valoración do propio acordo en termos subxectivos ou se reiterou que os cartos acordados non saían de ningures (de ningún cálculo) máis que de necesidade de cubrir un furado nos orzamentos para o próximo ano. Naturalmente, estas cousas dicíaas a oposición, mentras o equipo de goberno negábaas parcialmente e noutra parte dicía que era un método semellante ó usado pola oposición cando era goberno, pero o sistema de tarifas, mellor así. A min quedoume unha dúbida sobre atar a tarifa ó IPC, cambio que se fixo, pois considero que son os servizos públicos os que deberan tentar manexar o IPC e non ó revés. Pero o certo é que o de ligar subas ó IPC, é dicir, fundamentalmente ós manexos empresariais, cada volta se usa máis. E é que a importancia empresarial en relación á da xestión pública segue a crecer, tamén en Ribadeo.
    O tema anterior ligouse ó orzamento deste ano, que en pleno xullo foi presentado, o que deu lugar a discusións e comparacións, que pasaron logo ós números e a súa interpretación. Os 7 982 k€ deste orzamento representan 81 k€ máis que os do ano pasado, o que deu lugar a que se falara dos maiores orzamentos da historia de Ribadeo cando en realidade son un 1% máis que os do ano pasado e polo tanto, relativamente, inferiores se consideramos o IPC e o lixeiro aumento de poboación. Falouse de que representaban un aforro neto negativo (é dicir, un aumento de débeda) máis pequeno que outros anos, e de feito non se esperaba ter que pedir ningún creto... Hubo momentos en que botei moito en falta non poder dispoñer dos orzamentos en internet, cousa que sería totalmente factible e coido que desexable para que os cidadáns nos enteráramos un pouco máis: a oposición queixouse de falta de tempo de estudo dos orzamentos, cando sabe de que vai o tema porque no seu momento preparounos ela, ou sexa que os de fóra da política ... Deume tempo a pensar que 1€ de cada 10 000 vai ir parar á compensación xudicial polo ruido establecida no xuízo que me deu a razón (se as cousas non cambian, o que no leva camiño) ou fixarme no 72% de gastos correntes, dos que 38% de gastos de persoal, fronte ó 28% de inversión (todas, cifras redondeadas, claro) mentras hai un incremento de taxas e decremento de aporte doutras administracións (di a oposición). Ou nos 47 000€ de gratificacións que representan 8 000 000 de pts. en aumentos de soldo máis ou menos a dedo, e o aumento do apartado de gastos diversos nas concellalías fronte ós 3000€ de inversión en medio ambiente. Cun profe de matemáticas como xefe de oposición, a interpretación de números tivo arrastrado ó goberno (na miña opinión), comparando un 2002-2006 e outros lixeiramente 2005-2006 pero como ó final mandaron os número de votos, pois así quedou a cousa, 7/6. Tampouco un bó manexo de números quere dicir que o orzamento que se presentaría fronte a ese fora mellor, aínda que este sexa malo (ou bó). Os da grada, debido ó descoñecemento do conxunto, debemos ser moi cautelosos e opinar moi concretiño. Así, este ano non se vai pedir creto: pois moi ben (haberá que pagar o de anos anteriores), por poñer un exemplo. A antiga interventora mantívose atenta en todo momento; non sei que conclusións sacaría.
    A terminal de carga e descarga no polígono non xerou controversia, e logo pasouse á proposta de denominar ó auditorio como Auditorio Municipal Hernán Naval. Sigo opinando que o nome da escola era o propio para Hernán, e o de Carlos Álvarez Fernández-Cid poidera ser para o auditorio, pero que algo é algo, aínda que ó final pense que vai ser exactamente ó contrario de como penso eu. Houbo un panexírico de Mari Luz (que tentarei conseguir para a súa publicación no blog na liña de amosar cousas sobre Hernán como teño feito a finalis de ano) para rematar sendo votado 7/6. A votación tomou visos políticos, declarando o PP que se presentaba por ser Hernán representante do BNG, e que había outros ribadenses que o merecía e non se lles daba, aínda que non eran funcionarios (pregunto, ser funcionario implica minusvalía?) saíu o nome de Pancho Maseda, concedido á praza á beira do concello, asociado a 'alcalde franquista', etc, incluíndo nomes que non me esperaba que saíran nun pleno para o seu recoñecemento na actualidade. Ben, si son partidario dun recoñecemento a Hernán, a pesares de que non me satisfaza a forma. Por outra parte, non esperaba que non houbera acusacións políticas. Da xente que esperaba que acudira ó pleno por este punto, só Chenchu, Fernando, Suso e Rula foron para apoio á votación dende o público, aínda que algún, descontento polo que alí se estaba a dicir, marchou antes de se cambiara de punto.
    Entre os outros asuntos, a ordenanza de contaminación acústica manifestou a abstención inicial do PP e irá a pleno tras un mes de información. Haberá que leela e facer o informe correspondente. O alcalde reiterou que non era cousa de pechar locais ... como se alguén llo tivera pedido ou tivera pasado pola súa cabeza (cousa diferente pode ser por exemplo dicir que está concedendo licenzas ilegais e polo tanto, abrindo locais que non deberan). Co cansancio de tódolos grupos tras máis de dúas horas de pleno, comezou a marchar xente, aínda que o pleno aínda durou máis, contestando as preguntas de Valín (algunhas) e non o vin rematar.
Pero o pleno non foi a única nova de hoxe. a conclusión do traslado da fábrica de avións a Zaragoza ou o que sexa o único municipio da zona sen limpeza de praias polo momento chama a atención. A outra nova foi o noitebús, pero xa é esto moi longo hoxe.

Ningún comentario: