20060729

La Comarca de Ribadeo (e 3ª de hoxe...)

Cartel festival RQR en Ribadeo 2006
O semanario de Ribadeo ven esta semana con 'novidades'. Non o digo pola carta que aparece asinada por min, senón por outras moitas novas, como a irrupción da campaña de todos os grupos políticos (que xa comezar a facerse ver noutras edicións anteriores), con títulos como 'As gaivotas en Ribadeo' e 'Candidatura nacionalista independente'. Dígoo polo artigo 'La construcción en la costa' de José Mª Rodríguez (da que podes ver a versión ixital, ou noutra verquente moi diferente 'CCA preto de ti', a cargo do Depto. de comunicación do propio CCA, a 'Historia callejera' de Marino García, relatando un Ribadeo presente en pasado xa consumido e unha visión pesimista, e 'Lo español y lo castellano' de Xosé Carlos Rodríguez Rañón, que defende o galego cunha historia esta volta en castelán. Esquecíame do artigo titulado 'Los constructores ribadenses se desmarcan de la marbellización de la costa', que aparece na portada xunto dunha foto sobre a ría e no que só faltaría que non tentaran desmarcarse, que é copia do que xa saiu no 'El Progreso' o martes e foi contestado xa pola Asociación de veciños O Tesón. Queda a parte algo que non é da Comarca, as declaracións do alcalde sobre as bondades da piscifactoría que Pescanova pretende na costa Ribadense, e que dará moito que falar, previsiblemente moito.
Aproveito para reproducir aquí a miña carta desta edición da Comarca de Ribadeleo como diría outro amigo meu:
--
De amizade
Que hai Amigos e amigos sábeo calquera dende a infancia. Igual que que pode haber Inimigos e inimigos. E covardes e Covardes.
Por eso me chamou a atención que nunha carta aparecida o sábado 22 de xullo na Comarca alguén covarde e suposto inimigo (ambas con minúsculas, coido que non chega a máis) de alguén outro que non menciona máis que con indirectas e a quen se lle imputa (máis ben vaticina) unha suposta soidade. E por eso a miña pequena reflexión: pode ter Amigos ou chegar a ser Inimigo alguén que non dá a cara nin para facer unha 'parábola'? Pode saber moito do tema, intereses non confesados a parte? Ou é que tentou facer unha obra literaria?
En fin, non merece máis comentario: o sistema de anónimos da Comarca pode dar lugar a moitas situacións, como ás veces facer rir polo que se pon, e outras facer esbozar un sorriso irónico pensando en quen o pon.

Ningún comentario: