20060330

Un eclipse, dous centros e unha nova de Le Monde

Onde houbo eclipse de sol. Entre o recente eclipse, moito máis impactante que este, e o tempo, que non permitiu velo dun xeito adeucado, pasou sen pena nin groria.
Moito máis importante para Ribadeo é que se vai confirmando a división do IES Porta da Auga. E digo que se vai confirmando porque leva xa algún tempo a cousa con novas contradictorias cada pouco tempo. De calquera xeito, pasou semi-desapercibida polos xornais, pode que a causa da división de opinións sobre o que se debera facer co centro no futuro, mesmo no interior do claustro. Ese tamén foi o motivo de que neste blog non se falara máis do tema. Nembargantes, agora que xa parece definitiva a cousa, a falta de perfilar detalles, coido que é unha decisiónque afectará ó futuro de Ribadeo máis do que no momento se pensa. Estou a falar da división do centro nuna área 'de FP' que formaría un Centro de ensinanzas integradas, e outra área 'de comúns' que pasaría a ser un IES. As dificultades para levar o proxecto a bó porto con dous novos centros non son poucas dende o meu punto de vista, e pode resultar aínda unha oportunidade para que Ribadeo potencie a súa presencia na zona, pero hai moito que traballar para evitar que saian dous enxendros con dificultades de espazo vital para ambos. Seguro que de eso voltamos falar.
De Le Monde, collo un párrafo da nova sobre o efecto do ruído dos xeradores eólicos sobre a saúde e tradúzoo: ..."Polo contrario, o efecto do ruído sobre a saúde - ou 'traumatismo sonoro crónico' - é coñecido de vai tempo. 'A intensidades moderadas, estiman os expertos, o ruído pode conlevar reaccións de tensión, perturbar o sono e repercutir no estado xeral'. (...) O sono queda perturbado se o ruído ambiente sobrepasa os 45 dB (decibelios), aceptando a Organización Mundial da saúde esa perturbación a partir de só 35 dB." Unha vez máis, queda dito. E en Ribadeo, por exemplo, na zona vella, sobrepásanse esos niveis sábados, festas diversas e o verán, máis algún extra.
--
Un artigo vello... (010597)
Feiras e inventiva

A historia das feiras na nosa terra está a sufrir grandes cambios. Dende as antigas (aínda existentes) e tradicionais feiras, mercados, feiróns, pasando polas feiras "de mostras" ou as temáticas (do mar, do queixo, do viño ... ), vanse configurando novos tipos de feiras. A derradeira, a feira de ciencia, aínda en mantiñas. Neste proceso manifestase unha evolución social e cultural.

Un pouco máis polo miúdo, pódese observar que os mercados que se fan certos días (á semana, ó mes, ó ano ... ) ó longo da nosa xeografla, nacen da necesidade de abastecemento, de intercambio, de comunicación.

Hai lugares tamén onde certas festas se denominan feiras. Lembremos a feira de abril de Sevilla. Chámanse tamén así en Valladolid, e en lugares máis achegados, aínda que menos chamativos. Os intercambios e movemento de cartos deron lugar á animación, e polo tanto, á festa. As nosas feiras, en xeral moito máis modestas que as citadas, fóra das grandes vías de comercio de hai tempo (e da actualidade), tamén tiñan e aínda teñen algo de festivo, de día extraordinario, polos mesmos motivos.

0 aumento, a mellora, a actual rapidez nas comunicacións, fan máis fácil o intercambio, e as feiras caen. Feiras grandes, que duraban dende o mencer ata o atardecer ou a noitiña, resólvense agora "de nove a unha ou dúas". 0 traslado de xente a pé ou carro é agora sustituido con ventaxa polo uso do coche particular. Aumenta a comodidade e redúcese o tempo de viaxe fortemente, tantas veces (ou aínda menos) como pode aumentar o número de viaxes ó pobo que acollía a feira ou a outros máis importantes e lonxanos.

0 desparramarse as novidades das feiras ó diario, algunhas novidades que requiren moita xente por ser de pouca venda, ou por buscar mercados, ou outros motivos, fan que nazcan as feiras de mostras. Na nosa terra, lembro como primeira feira deste tipo a Feria de Muestras del Noroeste, no Ferrol.

Tamén foi esmorecendo esta clase de feira, deixando sitio ás de tipo temático, máis pequenas pero máis especializadas. A súa especialización as fai máis interesantes para os novos profesionais, menos xeralistas a medida que pasa o tempo, e tamén ós aleccionados. Son feiras que atenden as novas necesidades de mercado, pero tamén de coñecementos novos, cada un no seu interese.

0 intercambio xa se acabou coas de mostras: as feiras prodúcense cunha dirección preferente, de quen amosa a quen mira. Ademais, as ventas no propio lugar da feira van sendo menos interesantes relativamente. Polo contrario, gaña importancia a mera exposición do producto, o chamar a atención dos posibles clientes / interesados / curiosos que difundan o producto e a súa necesidade cara ó futuro. Os bens xa non se trocan ó instante, xa non son agrícolas, gandeiros ou útiles de primeira necesidade. Son cousas que necesitan ser coñecidas para crear a súa propia necesidade. As ventas, o comercio, veñen máis tarde.

Nas feiras séguense así os pasos da propia evolución da producción e a comunicación: de productos agrícolas a industriais; logo, os servicios, e dentro destos, os propios do coñecemento ou comunicación. Nestos pasos, as formas cambiaron. 0 mesmo pasa nas feiras, e é de esperar que siga pasando, transformándose cada vez máis. Por eso non deixa de ser bo indicio respecto ó futuro da comarca que aquí xurda un novo tipo de feira que xa non ten que ver coa venta, senon co coñecemento, co saber facer cousas, coa preparación da nosa xente nova para o futuro que lles ven encima.

As feiras de ciencia pouco teñen que ver cos antigos mercados. Están volcadas non cara ó inmediato, ás necesidades máis perentorias, senon cara ó futuro, buscándoo antes de que chegue para estar preparados. Aínda así, penso que comparten coa vella idea de feira algunhas cousas que agora as tradicionais xa non ofrecen. A posibilidade de comunicación, de ver novidades, de prepararse para o mañá (ou menor, neste caso, pasado mañá), cúmprenas. Tampouco se venden productos tanxibles, senon que se amosan as propias obras e coñecementos: véndese imaxe.

O feito de levar a dianteira respecto a outras zonas viciñas ou non tan viciñas da unha ventaxa clara, a da orixinalidade. E que son un éxito está á vista: calquera que vexa a pioneira deste tipo de feiras nesta terra, a que ten lugar nestas datas primaverais no Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo, pode estar seguro de que a idea está feita para perdurar. Para ser a primeira de outras que virán despois, que xa están vindo. Unha transformación cara ó futuro, para aproveitalo e non ir tras del.

Ningún comentario: