20051005

Minitesón

Coido que a algúns gustaríalles que o tesón, os tesóns da ría, foran do tamaño do que se ve na foto, o tesón de Mirasol a piques de desaparecer pola suba da marea.
O caso é que os temas se me van acumulando sen tempo para poñer moito novo, e é que en Ribadeo prodúcense realmente moitos temas para tratar, saian ou non nos periódicos, pois son moitos os que non ven a luz pública ben por ocultación, ben por seren difíciles de tratar, ben por... aquí deixo un esbozo dun artigo que teño entre mans e que non fago máis que comezar:
"Passa contigo, tío?
Unha expresión de típico colegueo pode ser interpretada de diferentes xeitos. Por exemplo, un interese verdadeiro no que está a facer o 'tío'. Tamén, pode interpretarse como unha petición de aclaracións sobre algo que non se ve claro, ou que se interpreta polo demandante como inoportuno ou contrario. Pode ser tamén un saúdo. De calquera xeito, non está ben visto usar esa expresión segundo en que ambientes. Por exemplo, ó sr. Alcalde de Ribadeo. Ou, no seu defecto, á estatua do Marqués que está dando un xesto ben do estilo da frase que da título ó artigo.
Nembargantes, gustaríame poder interpelar nos tres sentidos antes citados ó sr. Alcalde (xa que o Marqués non creo que respondera). Gustaríame facelo nos tres sentidos ó tempo para que non se me interprete mal: saudalo, preguntarlle que se está a cocer no Concello e tamén para clarificar algunha cousa. A modificación que pronto sufrirá o parque, o estudo do propio concello sobre a conveniencia ou non da planta de acuicultura de Rinlo, o por que non se decide a tratar o PXOM dende unha perspectiva poñendo as liñas xerais do Ribadeo que se quere antes de comezar a planificar sen xeito, ..."
En fin, o tesón seguirá a crecer aínda que non saiban xa para onde quitar a area, nun traballar por traballar que parece que só beneficia a quen leve a correspondente ganancia ou comisión por facer os traballos (a lembrar que o alcalde/o concello recibe unha porcentaxe por obra...)
---
Do blog anterior:
"1. Dende o pasado día 4 de xuño ata o próximo día 15, na oficina de Turismo de Ribadeo está exposta a mostra 'A ciencia ten nome de muller'. A exposición está adicada ás mulleres científicas ó longo da historia. Consta de unha introdución ó tema, un listado de biografías tratadas, as propias biografías agrupadas en diferentes apartados e dentro de cada un ordenadas por datas, e un apartado de conclusións en relación coa ciencia e as mulleres. A Exposición ten sido exposta con anterioridade en Ribeira, Narón, Ferrol e Noia, e está previsto que continúe o seu periplo no outono en A Coruña e outros lugares. A mostra, realizada no IES Porta da Auga a raíz dun proxecto Comenius 1, está organizada polo colectivo de mulleres 8 de marzo e o CIM de Ribadeo. A entrada é gratuíta. 2. O sábado 11 de xuño, ás 12 horas no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo terá lugar a presentación do libro 'Ribadeando. 2004. Ribadeo de 1X a 31-D' de Antonio Gregorio Montes, quen será acompañado na presentación de Amadeo Arango e José Mª Rodríguez. O libro é unha crónica de Ribadeo ó longo do 2004 narrada dende o punto de vista do autor. Invítase á asistencia ó acto."
... ata mañá.
Thursday, June 9, 2005 02:49 p.m

Ningún comentario: