20191030

Os deslumbrados non poden ver o ceo

Nebulosa nas Pléiades. Obtida de https://www.spacetelescope.org/images/opo0036a/
    25 de outubro, nota de prensa. Resultado: Ribadeo terá máis luces de Nadal por persoa que Vigo. Os xornais destacaron a competición con Vigo, pero aínda así, non chegaron a ese dato: en Vigo, ao parecer, instalaranse unhas 10 000 000 de luces, ou sexa, sobre 25 por persoa. En Ribadeo, 800 000, iso é, contando a toda a xente do concello, 80 por persoa, máis de tres veces máis (máis de cen por persoa se se considera só os habitantes da vila).Parece que as árbores non deixan ver o bosque, e os visitantes no Nadal non poderán ver a magnificencia do ceo estrelado ou as nubes cambiantes ocultando a Lúa de noite, pois para algo están as luces. Neste caso, para deslumbrar ós visitantes (e, efecto colateral, ós locais)
A nota do concello destaca o esforzo para que Ribadeo sexa visible en toda a bisbarra. Custe, contaminación enerxética e visual, ou gusto, son arrumbados fronte as luminosas cifras postas sobre a mesa. Non en van dispónse de 23 900 €/ano que van ser radiados na noite ribadense como un extra sobre a iluminación normal. Se o ano pasado foron 13 500 €, implica un aumento do 77 % fronte a un ano atrás. Haberá quen diga, non importan os cartos cando se trata de fardar. Aínda que o pretendido, segundo a nota de prensa, é que 'se nos vexa' na bisbarra para que a xente consuma en Ribadeo. Ou sexa, trátase de consumir máis para facer que a xente consuma máis nese mesmo lugar. Enténdese pois que a acción está proposta non de cara ós ribadenses, senón como como subvención extra a ACISA (lembranza: asociación de comerciantes, industriales, servicios y autónomos de Ribadeo).
    Non se pode dicir moito máis, pois o único a considerar para o contrato da iluminación das oitocentas mil luces será 'a oferta económica máis ventaxosa'. Con iso, enténdese que as luces outras luces, como as do campo de fútbol, que levan anos deslumbrando ó ir pola estrada de Vilela, serán reforzadas para quedarmos máis deslumbrados, e, co deslumbre, convertidos os visitantes e tamén os ribadenses en consumistas.
    É posible que sexan 'luces bonitas', pero coa súa visión non poderei menos que pensar noutras cousas a máis de xulgar a intensidade da súa beleza. Por exemplo, a eficacia da medida na potenciación do consumo, o retorno directo ós ribadenses desa inversión ou se o Ribadeo que queremos é un Ribadeo 'deslumbrado' por luces artificiais.

A nota de prensa do concello:

AS EMPRESAS TEÑEN 15 DÍAS NATURAIS PARA PRESENTAR OFERTAS

Alumeado de Nadal

25/10/2019
O alumeado de Nadal en Ribadeo contará por primeira vez con 800 000 luces led entre farolas, arcos, árbores e figuras en 3D. O Concello sacouno hoxe a licitación por 23 900 euros ao ano. A vixencia do contrato será de dous anos con posibilidade de prórroga dun máis.
O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que "no día de hoxe sacamos desde o Concello de Ribadeo, a través da plataforma electrónica de contratos, a licitación do contrato de subministro e instalación de elementos de decoración luminosa durante as festas do Nadal".
O rexedor dixo que "si ben é certo que cada ano imos tentando mellorar un pouquiño a iluminación do ano anterior, seguindo nesta liña, quixemos dar un paso adiante no senso de consolidar todo o que viñemos facendo para incrementar máis os espazos públicos de iluminación do Nadal, cambiando e renovando o aspecto das luminarias e incorporando novos elementos que confiemos sexan do agrado de todo o mundo".
Suárez Barcia subliñou que "segundo os datos que me pasan os técnicos, se sumásemos todas as microluces que conforman a totalidade dos arcos, das iluminacións nas farolas, das iluminacións das árbores e das figuras en 3D, estaríamos aproximadamente nas 800 000 luces led en total, unha cifra importantísima e nunca chegada ata agora en Ribadeo. Non imos ser como Vigo, que seguramente se vexa desde o espazo exterior a súa iluminación, pero a nós seguro que desde toda A Mariña e máis desde o Occidente asturiano se nos verá sen ningún problema. É moi importante que se nos vexa para que a xente siga vindo a mercar ao noso comercio e a disfrutar da nosa hostalería, e en xeral dos servizos que ofrece Ribadeo".
O alcalde explicou que "o importe deste contrato ofertado é de 23 900 euros ao ano, cunha vixencia de dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis. E o criterio de selección do adxudicatario será o da oferta económica máis vantaxosa. Polo tanto, o prazo para presentar as ofertas as empresas cualificadas que queiran facelo será de 15 días naturais a partir de hoxe, ou sexa ata o 9 de novembro".

Ningún comentario: