20190916

Ofrenda aos Remedios. Representante, alcalde de Ribadeo

O domingo 15 de setembro, Fernando Suárez Barcia, como Alcalde de Ribadeo, fixo uso da quenda establecida que lle asignaba a Ribadeo o facer a ofrenda aos Remedios, en  Mondoñedo. Coido que, aínda que non sexa un moi de igrexa ou sinxelamente, sexa partidario da separación de poderes igrexa-estado do estado 'aconfesional' (non non-confesional, segundo a constitución), non deixa de ser ilustrativo de por onde andan o que se considera bós desexos a nivel institucional. Ese é o motivo de que cortepegue do apartado de notas do concello o discurso do alcalde e faga, ó final, algunha consideración:

Señor bispo da diocese Mondoñedo - Ferrol, señora alcaldesa de Mondoñedo, integrantes das corporacións municipais mindoniense e ribadense, alcaldes, alcaldesas e representantes municipais dos outros Concellos aquí presentes, señores doutores e cóengos, señor reitor do Santuario dos Remedios, Teño a honra de representar como alcalde o Concello de Ribadeo neste acto de ofrenda.

Cada un dos rexedores e rexedoras que me precederon e que me seguirán nos anos, van achegar un anaco da súa patria pequena. Faise así un mosaico de todos os pertencentes a este territorio da diocese, variado nos seus perfís xeográficos e no ser da súa poboación, desde Ferrol ás terras do Eo-Navia.

A Ribadeo, en concreto, o bispo Paio Cebeira fíxoo sé episcopal aló polo século XII. As reviravoltas da historia variaron a ubicación: Bretoña, Mondoñedo, Ribadeo, e de novo Mondoñedo, velaí o percorrido xeográfico das sés que foi tendo este bispado que hoxe coñecemos.

O dito bispo vivía perto da igrexa da Atalaia, a máis antiga das da vila e que data do século XII. E é un lugar común cando os ribadenses falamos da nosa historia nomear os "concellos abertos", que tiñan lugar ao pé da capela e que se facían para debater as cuestións públicas.

Semella moi acaído logo nun acto coma este, onde nos xuntamos representantes políticos e relixiosos das distintas terras da diocese, achegar a ese mosaico do que falabamos un precedente histórico de tanta importancia como é o do diálogo, o de falar entre nós para facerlle fronte aos problemas comúns.

Seguindo este ronsel que vén de centos de anos atrás queremos facer mención a valores asumidos pola sociedade occidental moi recentemente e como estamos a ver, día si e día tamén, moitas veces só de xeito teórico, cando non manifestamente hipócrita.

Referímonos a dúas cuestións tan importantes como son a loita e erradicación da violencia de xénero e a valoración e a defensa do noso medio natural. No momento de escribir este texto aínda arde a Amazonía, arde a nosa Galiza polo sur, por falar do máis mediático, e non hai día en que non aparezan novas de mulleres maltratadas e mesmo asasinadas. É descarnadamente urxente que o diñeiro público se poña dunha vez por todas ao servizo dun cambio de mentalidade e dunha loita sen pausa contra estas lacras.

Por outra banda, esta ofrenda, de marcado carácter relixioso, é tamén un elo da cadea da Historia que nos vincula á Galiza britoniense, da que é herdeira a actual diocese.

Menciónase como Sedem Britonorum, sede dos bretóns, no Parochiale Suevorum, unha xoia manuscrita da segunda metade do século VI onde se reflicte a organización, nomeadamente eclesiástica, do reino suevo da Gallaecia. É unha das trece dioceses citadas, cun carácter máis étnico ca territorial aínda que ocupou principalmente a faixa costeira da Mariña até a Terra Chá, chegando a súa influencia ao Eo-Navia polo leste e a Ferrol polo oeste.

Fundouse cos bretóns insulares que deixaron a súa terra fuxindo das invasións anglosaxoas e cuxa pegada aínda temos como mostra máis evidente en moita da nosa toponimia.

E por que facer alusión a este momento concreto do pasado?

Facémolo para lembrar que a humanidade é froito de moitas fuxidas ( das guerras, da fame, da falta de liberdade ) e que eses éxodos van seguir existindo, polo menos mentres non se lle poña freo á miseria que os orixina e que, a pouco que pensemos, ten unha orixe clara: a cobiza desmesurada que arrasa con todo.

E neste espazo impresionante da fe cristiá que nos acolle eu non quero deixar de preguntarme: E que faría Xesús coas persoas do OPEN ARMS ou do OCEAN VIKING? E que pensaría ao ver a reacción de estados formalmente demócratas que se escudan na burocracia para negar ou criminalizar o acollemento?
Que pensaría dos ricos que ofreceron reconstruír Notre Dame ao pouco do incendio mais que son completamente alleos ao afogamento de crianzas no Mediterráneo?

Ben, eu creo que, sexamos crentes ou non, todos sabemos que pensaría Xesús de Nazaret ao respecto.

Eu non estou aquí como persoa individual, estou como representante dunha administración, a máis próxima á cidadanía, a administración local.

Os representantes políticos temos unha responsabilidade enorme, visíbel, moito máis evidente cá do cidadán ou cidadá do común. Manexamos cartos públicos e debemos empregalos para mellorar a sociedade na que vivimos, facela aberta, solidaria, forte nos ideais democráticos que hoxe voltan a pórse en tea de xuízo logo dunha transición en falso. As persoas que temos responsabilidades públicas contribuímos tamén a crear un discurso, un xeito de pensar que, aínda que o pareza, nunca é equidistante cando se trata de temas dos dereitos básicos das persoas.

É por iso que convén sermos claros nas palabras mais tamén nos feitos. Facer patente de que banda estamos, saber que só por azar non son os nosos fillos e fillas os que van nesas lanchas.
Hai días, un xornalista galego contestaba nas redes sociais a esa reacción nada infrecuente a respecto das persoas migrantes. Contestaba á pregunta de: “Se che interesan tanto por que non os levas para a túa casa?”

E eu, que son persoa á parte de alcalde, digo coma el que xa os levo para a miña casa na medida en que pago os meus impostos, que son non só para construír estradas senón sobre todo para medrar como sociedade. E quero que o que eu achego á sociedade e que os poderes públicos manexan, garanta unha sanidade e educación públicas de calidade, un traballo digno na terra de onde un é, e tamén a posibilidade de botarlles unha man aos que o precisan.

E unha vez máis fago a pregunta. Que rescataría Xesús, os bancos ou as xentes? Nestes días son o OPEN ARMS ou o OCEAN VIKING, mañá serán as concertinas de Melilla, os muros físicos entre países ou os muros invisíbeis dentro das mesmas sociedades.

Os informes de Cáritas de hai un ano falan dun 18% da poboación galega en situación de risco de pobreza, unha situación que se agrava cando hai menores. No Estado español unha de cada 3 crianzas vive nestas marxes vergoñentas e hai case 400.000 mil baixo condicións que xa se consideran severas. Son estes datos alarmantes para sociedades que presumen de seren democráticas e avanzadas.

Por fin, para rematar , co convencemento de que "o necesario é posíbel", quero expresar o meu desexo diante de todas e de todos vós de que cada un, desde as súas conviccións, crentes ou non, sexamos quen de defender por riba de todo a dignidade humana. Que así sexa. Moitas grazas.

Uunha vez aceptada a empresa, o lóxico é cinguirse ó protocolo que conleva esta ofrenda 'de marcado carácter relixioso' como se resalta no texto: primeiro, o bispo. Logo, deixa claro que é o representante do concello. Pero coido que é alguén máis: alguén que podía ter tomado a resolución de non aceptar o sistema de pleitesía á igrexa que representa a ofrenda. Unha decisión política.
No segundo parágrafo,toma o sistema como inamobible per saecula saeculorum. Logo, abandeira a tradición -e conservadurismo- non obstante falar dos concellos abertos como referencia ribadense e aínda que sen enfrontala á pertenza ó bispado ou ó conde, como se non tivera que ver a submisión e a liberdade ou a participación cidadá e a imposición.
A partir de aí, a ofrenda é lugar de desexos ideais máis ou menos asumibles por todos que se pretenden ancorados nunha historia tamén idealizada.

Ningún comentario: