20190926

folga Mundial polo clima: Ribadeo (actualización)


Nota aos medios

O día 27 de setembro, ás 20:00 horas terá lugar unha concentración diante do concello de Ribadeo para sumar a cidadanía do noso entorno á Folga Mundial Polo clima.
Este evento está potenciado a nivel mundial de xeito colaborativo por numerosas asociacións e movementos como FridaysForFuture ou Extinction Rebellion, desarrollando accións durante toda esta semana. En Ribadeo, o cartel adxunto foi realizado polo Movemento de Defensa das Pensións, xuntándose e apoiando diversos grupos chamando á cidadanía á participación.
A nivel estatal, o congreso xa ten aprobada a declaración de emerxencia climática, mais a tódolos niveis estase a comprobar que as declaracións non serven, serven as accións. A iso imos.
Hai diversos lugares onde se poden atopar as convocatorias, como https://www.fridaysforfuture.org/events/map ou https://act.350.org/event/globalclimatestrike_attend/24650, e onde se pode ampliar a información sobre o desastre climático mundial.



 Tamén en Ribadeo, apoio á folga mundial polo clima do 27 de setembro.

20190925

MARCAS LAPIDARIAS NA CAPELA DE NOSA SEÑORA DAS VIRTUDES DA PONTE DE ARANTE. Pancho Campos Dorado

Neste blog o 18 de decembro de 2017 e en La Comarca del Eo do 23 de decembro escribía sobre o escudo de armas que se atopa dentro desta xoia de Capela da Ponte de Arante, un verdadeiro tesouro histórico ó que como non se lle poña un pronto remedio contra as humidades das paredes -antes de que chegue o inverno- acabaranselle destruíndo esas magníficas pinturas interiores do século XVI, do ano 1516 para ser máis precisos, inigualables en toda a Galiza; ese fresco mural da parede Sur, exvoto mariñeiro cos seus barcos e lendas, esa pintura da dereita que mostra a Asunción, a Coroación de María e o Descendemento da Cruz, o escudo de armas dos Osorio e de don Pero Pardo de Aguiar, a conservación rigorosa desa pintura do espléndido esqueleto da morte viva, ese retablo policromado... E os veciños galegos desta zona teremos que lamentarnos dentro de moi pouco tempo da súa perda irrecuperable, e teremos que seguir tragando quina ante a total incompetencia das autoridades de patrimonio cuxo presuposto para estas cousas non existe, pois din que dependen das arbitrariedades da nefasta Administración do ben común autonómico, chamada Xunta de Galiza, ou do libre albedrío dun bispado cuxo interese polos bens patrimoniais de carácter público que ten confiados brilla pola súa ausencia, ou a corporación municipal de Ribadeo co alcalde a cabeza, que deberan estar involucrados na posta en valor desta magnífica herdanza tan prezada do Camiño de Santiago.
Política desastrosa, maligna e repugnante aparte, a Capela da Ponte presenta unha serie de marcas lapidarias interesantísimas pola súa cronoloxía, presumiblemente de factura moi anterior aos documentos máis antigos da capela que datan do ano 1514, onde a denominan Ermida de Nosa Señora Santa María da Ponte, ou os do ano 1561 onde se coñece como Ermida de Nosa Señora Santa María das Virtudes.1
Baixo o noso criterio cremos que a data máis próxima da construción primixenia sería de finais do século XII ou do século XIII, dous ou tres séculos máis antiga do que a diplomática antedita lle atribúe. Vexamos por que.
As marcas lapidarias son signos na cantería que se facían no medievo para revelarlle a unha persoa iniciada no mundo (hermético) da aprendizaxe arquitectónica as relacións xeométricas que o construtor utilizara para facer as proporcións da obra (signos de besta). Estes signos forman parte das chamadas “marcas de canteiro” que se poden atopar algunhas veces nas pedras dos muros, nos fustes das columnas, nas dovelas dos arcos, nas xambas e linteis de portas e fiestras das igrexas románicas, as cales poden representar a firma do canteiro que labrou o bloque; unha marca de amarre para o transporte; unha marca da ensamblaxe; unha marca de asento da pedra: leito, sobreleito ou paramento, etc.
Pero esta simboloxía tamén pode deberse a unha marca persoal do Mestre de Obra ou da Escola ou Orde a quen pertencía el ou o patrocinador que a financiaba. Neste apartado é onde nós centramos a nosa hipóteses da antigüidade da Capela, pois en realidade as marcas das que falaremos non son marcas de canteiro ó estilo, senón emblemas da Orde que a financiou ou a mandou facer. Con moi pouco marxe á dubida, a capela foi feita por ou para os cruzados da Orde do Temple, ou sexa para os cabaleiros templarios.
A Orde do Temple foi fundada a finais do século XI por Godofredo de Bouillón e outros cabaleiros implicados na I Cruzada, con sede na abadía do Monte Sión de Xerusalén, polo que tamén se cre que interviu na súa fundación a Orde secreta do Priorado de Sión. A primeira cruzada culmina coa conquista de Xerusalén no ano 1099, e Hugo de Payns e nove cabaleiros fundan a Orde cando se presentan ante Balduino I de Xerusalén co desexo de “empeñar as súas vidas na protección dos peregrinos” que atravesen territorios perigosos para chegar aos lugares de adoración;2 pero non se constitúen na Orde Templaria de Europa até 1128, e que sería suprimida polo rei de Francia Filipe IV “o Fermoso” en 1312.
Na Capela da Virxe das Virtudes da Ponte de Arante hai ao menos cinco cruces templarias, e dous escudos de armas dos cruzados en dúas das súas fachadas a día de hoxe. Realmente unha moi grande cantidade de símbolos para unha capela de tan reducidas dimensións. Non sabemos as que puideron ser destruídas nas remodelacións da capela. Si, destruídas totalmente pola ignorancia dos responsables das obras por non saber nada do que tiñan entre as mans, pois incluso nunha época de peste tiveron a ben calear por enriba as pinturas que hoxe contemplamos con admiración e que se están destruíndo irreparablemente pola desidia de quen debera conservalas como ouro en pano: a Igrexa, a Xunta de Galicia a corporación municipal de Ribadeo, ou as tres institucións en conxunto, e que deben ser denunciadas por nós, os veciños deste municipio de Ribadeo pois sentímonos abandonados, incluso apreciámonos marxinados e con un inaceptable agravio comparativo cando vemos eses dispendios de centos de millóns de euros dilapidados nun Gaiás ó que chaman “cidade da cultura” (será da cultura baleira de contidos case todo o ano), e aquí con un presuposto ridículo en comparación se poderían conservar estas antigas e fantásticas pinturas do medievo, simplemente con tirar ou derrubar a escaleira que da ó Vendaval pola que se sube a campá da espadaña e que introduce un río de humidade na parede cada vez que chove, pero temos estas Administracións inzadas de desidia e incompetencia que “saben de toda a vida” que por estas terras de Galiza non chove nunca ou moi pouco... Menuda tropa!!
A cantidade de cruces templarias que hai nesta Capela dan fe da gran importancia que tiña para a Orde do Temple este punto estratéxico no Camiño Norte de Santiago, e que tamén tantos beneficios traía para os veciños deste tan antigo tramo do Camiño Francés: Ribadeo, Ove, Cubelas, A Ponte, S. Xusto de Cabarcos, Lourenzá e Mondoñedo, pois os templarios servían de guías, de gardacostas e de banqueiros aos peregrinos que requirían os seus servizos. As capelas templarias eran un lugar de oración, de aprendizaxe, de diálogo, de descanso e facían tamén a función de sucursal bancaria, pois os peregrinos do século XII ata comezos do XIV -cando existía a Orde- levaban consigo o diñeiro en metálico, en moedas que pesaban e ocupaban moito espazo o que era evidencia de riqueza e motivo dabondo para ser roubados. Para que o peregrino tivera seguros os cartos durante todo o Camiño, os templarios cambiábanlle as moedas por un documento en pergamiño que acreditaba un depósito de capital –inventores dos primeiros talóns bancarios- que podía ser retirado total ou parcialmente, a cambio dunha porcentaxe ou interés, en calquera das “sucursais bancarias” do Temple ao longo de todo o Camiño. Estas sucursais eran as capelas templarias. Sería interesante buscar a cripta onde os templarios mantiñan estes fondos en depósito. Si se atopara esa “caixa forte” chea de reais, de maravedís, de onzas, de óbolos de vellón... veríamos como aparecerían todas estas autoridades zascandileando entrevistas a todo trapo e facéndose fotos. Pero iso é outra historia.
Nesta Capela da Virxe das Virtudes, as marcas das cruces templarias e escudos dos cruzados poden verse:
1) na parede Leste, gravadas de fronte no contraforte Nordeste, unha cruz templaria acompañada do símbolo da semente da vida.
2) No lateral Norleste deste contraforte un escudo dos cruzados.
3) No contraforte Surleste outro escudo dos cruzados.
4) Na porta Sur dúas cruces templarias pintadas da cor vermella (A) e unha cruz templaria sinxelamente gravada na pedra (B).
5) Unha cruz templaria pintada da cor vermella, medio borrada, nun contraforte da parede Sur e o seu pé un pequeniño debuxo xeométrico que parece querer mostrarnos de como se fai a cruz templaria a partires de catro círculos (non representada aquí).
Ademais destas cruces templarias e dos escudos de cruzados, ai outra cruz gravada na pedra, en forma de Sagrada Forma na fachada Oeste, á sinistra segundo se entra pola porta principal do templo.

Por outra banda, existe na cara do Levante a pegada dunha cruz do calvario, que se define así por estar fincada sobre un montículo, de grandes dimensións respecto daquelas gravadas na pedra, pero de bastante máis recente factura, pois recorda aquelas sinxelas cruces de madeira ou de mármore que se poñían como recordo dunha Santa Misión ou dun Congreso Eucarístico dalgunha Semana Santa.
Pero quizais fora posta como lembranza daquela Batalla da Ponte de Arante que se desenrolou contra as forzas francesas de Napoleón ó mando do xeneral Fournier, onde tivo especial relevancia a actuación guerrilleira dos veciños, dende o 25 de Xaneiro de 1809, cando se negaron a dar pan, carne, viño, palla, cebada e leña aos invasores, e neste lugar da Ponte o día 29 de Xaneiro o mando de D. Melchor Díaz de la Rocha, douscentos veciños entraron en combate cos franceses. A partires do 5 de Febreiro as forzas inimigas retiráronse da pelexa, quedando no campo de batalla máis de cincuenta mortos. Hoxe celébranse neste Santuario de Nosa Señora das Virtudes da Ponte actos de homenaxe daqueles feitos, cunha procesión o luns de Pentecostés de cada ano, festa coñecida como A Romaría das Cruces, onde se reúnen os veciños das parroquias de Arante, Ove, Cedofeita, Cubelas, Balboa, Sante e Vidal para honrar e bandear os seus respectivos pendóns parroquiais. Nesta mesma procesión, e costume bendicir ós campos e cantar rogativas para pregar por unha boa colleita.
Pero volvendo o tema dos motivos ornamentais que se ven por todas as fachadas, quixera rematar dicindo que na vetusta porta Norte do Santuario, as impostas do arco de medio punto rebaixado, teñen adornos xeométricos con distinto motivo, quizais por ser de época máis remota que a porta, pois parecen pezas de cornixas que foron aproveitadas para facer as impostas, xa que están moi ciceladas para facerlles as curvaturas das beiras do arranque do intradós.
A imposta da esquerda ten un adorno en faixa simple con forma de cordón e a imposta da dereita mostra uns ocos cadrados labrados en líña.
Quixera deixar aquí unha suxestión aos organizadores da Romaría das Cruces, pois despois de asistir algúns anos a tal evento histórico, vexo que despois dos actos da procesión e do saúdo dos pendóns totalmente en silencio, notamos que lle falta algo a ese cerimonial cívico-relixioso e é a solemnidade grave e formal dunha lembranza esencial aos cincuenta mortos que alí houbo, tanto propios como dos inimigos, cincuenta mortos polos que podería prenderse un lume nun pebeteiro ou queimar incenso... acompañando o acto cunhas evocadoras palabras ou co rezo dunha oración. Este ano despois da celebración dixéronse algunhas verbas e entregáronse uns premios, pero falta un acto emotivo que faga fincapé na relevancia do motivo da romaría, pois aínda que sexa un acto festivo, ninguén de nós fai festa polos defuntos propios nin polos dos estraños.
Creo que as Autoridades Competentes neste caso -con mando tan provisional e ocasional-, deberan de traballar a reo todo o tempo que lles toca vivir na administración, para conservar esta magnifica xoia da Capela da Ponte que nos foi legada. Pero seguramente todo será segundo o taxe o xastre politiqueiro da quenda, e nós seguiremos estando obrigados a denunciar publicamente tanta falta de interese, desidia e incompetencia administrativa.
Hai por estas terras costeiras de Galiza, asociacións chamadas templarias cuxas igrexas datan do século XVIII e XIX, e nós que temos varias dos séculos XII, XIII e XIV temos todo medio arruinado. Non hai dereito.
--
Notas:
1. Santuario de Nosa Señora da Ponte, Arante, D. José María Fernández Fernández, Arquiveiro Diocesano de Mondoñedo, 1986, páx.7-8 // Cadernos de Investigación IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, Nº6 2005, Limiar de D. José Ferreiro González, Cura Párroco de Arante.
2. Más Allá, monográfico Nº52 / Ano XIX “El misterioso origen del Temple” páx.6.

Pleno de onte en Ribadeo, 20190924

Deixo aquí o podcast do pleno de 20190924 ata pasada a hora e media do comezo. Transcorreu segundo a convocatoria, como é normal. A aprobación da acta anterior foi unánime e con 11 asistentes pasouse ó segundo punto, a petición para declarar BIC ó galeón S. Giacomo di Galizia. Resulta que o PP introduxo a petición de modificación, que ía na liña da moción que xa foi tratada no seu momento (4 de febreiro de 2016, non hai acta na web do concello) na que se pediu ó propio concello que se puxera ó traballo con outras institucións, nomeadamente Deputación e Xunta, para o desenvolvemento dun proxecto museístico no forte de San Damián que incluíra o relacionado co galeón. Ó final, fíxose un revoltillo con todo e aprobouse por unanimidade, aínda que estimo que quedando claro que o cumprimento anterior do acordo do concello foi moi limitado. Por certo que polo medio xurdiu o tema da conservación dos restos fronte ó desenvolvemento mercante; só un par de comentarios que coido tería sido interesante desenvolver algo máis por ver a 'filosofía' do Ribadeo que quere a corporación.
O punto terceiro, sobre as contas do ano pasado, deu lugar a falar da desviación do 9% sobre o teito de gasto cun incumprimento de 512 € (exposición do secretario no minuto 26 do podcast, e discusión posterior), e no que se falou de si o incumprimento era por falta de apoios doutras institucións (Xunta) ou culpa do concello, pero non se puxo en dúbida unha norma que foi introducida na Constitución (art. 135) sen ser votada polo pobo.
O punto cuarto consolidou o acordo cos sindicatos no máximo de aumento de soldo dos funcionarios para este ano, 0,25%
O punto 7 aprobou por unanimidade o plan de igualdade, no que a encargada de defendelo, M. Luz Álvarez, gabou a elaboración participativa nun pleno con 7 mulleres e 6 homes nas votacións, pero no que non había mulleres entre as tres persoas do persoal do concello e só 2 entre os 11 do público.
As mocións comezaron coa petición sobre o abastecemento da auga, onde de novo saíu o enfrontamento coa Xunta. O audio remata antes da votación desta moción.
Como comentario xeral, coido que se podía evitar moito desgaste, tempo e perda de eficacia se se deixara de identificar partido e institución na que está gobernando, xa sexa Concello, xunta ou Deputación (aínda que o PSOE prácticamente non interviu neste pleno).

20190923

Fala en Nova York, afecta a Ribadeo (tamén)

No cumio mundial sobre o clima, falando do futuro hoxe. Pouco se ten progresado dende o foro de Davos no que se recoñecía por parte dos poderosos a emrxencia climática.

Pleno. Convocatoria para martes 24 de setembro de 2019

Mañá martes 24 de setembro haberá un pleno no que terán cabida cousas moi variadas. A primeira que se tratará será a petición de declaración de ben de interese cultural para o galeón afundido na ría no 1597, o San Giacomo di Galizia. Despois veñen temas económicos, dende a conta xeral do concello ó importe das nóminas do concello, o complemento de produtividade ou a obtención dos cartos para a obra do estadio Pepe Barrera, en obras na actualidade. Plan de igualdade (o terceiro no concello) ou os decretos varios da alcaldía completarán o pleno, que rematará con tres mocións: unha, sobre o abastecemento de augas a Ribadeo, presentada polo PP a raíz da polémica sobre a renovación dunha traída de augas que, valla a redundancia, fai augas xa dende hai tempo, e dúas sobre Alcoa, do BNG e do PP, nas que é previsible que se pida para beneficiar á empresa pola presión dos postos de traballoo, pero con lixeiras diferencias que farán posible un recorrido diverso de ambas.

20190922

Nota de prensa de en marea sobre as festas patronais

Rematadas as Festas Patronais de 2019 quixéramos suliñar dous aspectos que teñen doada solución para próximas edicións, se estas opinións fosen compartidas:
1º. Os ruidos que xeneran as diversas actividades son particularmente molestos, rebasan amplamente a normativa legal e algunhas persoas tiveron que ser trasladadas aos servizos de urxencias por crises de ansiedade, converténdose nun problema de saúde pública. Non creemos que ese nivel desaforado de decibelios reporte nengún tipo de beneficios, pero anque así fose entendemos que os perxuicios e molestias son moito maiores, polo tanto o Concello de Ribadeo debera intervir, exercendo as suas competencias e controlar eses excesos absurdos e subculturais. O Concello de Ribadeo non ten unha ordenanza de control de ruidos. No ano 2010, sendo alcalde F. Suárez en maioria minoritaria levouse ao pleno unha ordenanza de ruidos que foi rexeitada pola oposición maioritaria. Nos anos seguintes, xa con maiorías absolutas o BNG esqueceu o problema e no seu programa das últimas eleccións tampouco se fai referencia a esta custión. O problema dos ruidos non afecta so ás festas patronáis, senon a outras moitas actividades e xa vai sendo hora de que se tome en serio e se resolva de unha vez.
2º. Pode que pase mais desaprecibido e potencialmente sexa moito mais grave o peche e incomunicación de rúas e zonas por mor das atraccións e outros trebellos. Concretamente na rua Dionisio Gamallo chegouse a producir un atranco total para ambulancias, vehículos de extinción de incendios, policía etc. Non é necesario extenderse na gravedade potencial de estas situacións se se chegase a producir unha emerxencia de calquer tipo. Tampouco apelamos á normativa vixente, doada de contrastar co pasotismo municipal, nen falaremos das competencias municipais en canto a plans de emerxencia. Simplemente un pouco de cabeciña e un mínimo interés por prevenir evidentes riscos sociais e sanitarios abondarían para resolver esta situación.

COLECTIVO EN MAREA RIBADEO

Pedindo


Unha nova de onte titulábase 'PSA pide costes más baixos e empregos máis flexibles para que Vigo logre nuevos modelos'. E nunha entradilla: 'Hai que conseguir en Galicia custes que compitan cos de Portugal e Marrocos'.
coido que se entende o proceso: O desenvolvemento da empresa pasa por baixar os salarios de xeito indefinidio (en canto un lugar os baixe, será outro o que está en disposición de baixalos tamén, e así ata... ). O da flexibilidade tamén é un eufemismo que se entende ben: que a empresa poida facer cos traballadores o que e cando lle de a gana, sen cortapisas.
É evidente que empresas e donos viven no mesmo planeta que os traballadores desas empresas e o resto da xente, pero non no mesmo mundo. Normalmente, a situación preséntase coas esixencias das empresas presionando ós traballadores para que presionen á sociedade de diferentes xeitos, facéndoos rehéns do emprego, e non de xeito directo como neste caso fai o director da fábrica viguesa. Pero queda claro que en xeral son só diferentes estratexias nas que o obxectivo é o dun único vencedor, propietarios e directivos da empresa correspondente, pois a outro nivel, a empresa só é un instrumento -esta vez, inhumano- para conseguir ese obxectivo.
É unha vella lección aprendida que tende a esquecerse ou deixarse de lado de xeito voluntario cando a xente se ve implicada de xeito directo. E resulta que quen máis implicado se ve de xeito continuado son precisamente os rectores das empresas -que non esquecen a lección, senón que a aproveitan- que por iso mesmo implican ós rectores da xente, ós políticos- nas súas empresas, sexa a través das portas xiratorias ou das prebendas que rematamos pagando entre todos con sobrecuste.
A bó seguro, seguiremos a ter ocasións de comprobar se a lección está esquecida, aprendida de memoria ou sabemos aplicala dun xeito creativo para saír ben parados.

20190920

Non sei se comprendo


Coido que non é este o lugar máis idóneo, pero non hai lugar idóneo para algunhas cousas.
Resulta que ante a 'imposibilidade' de ter apoios para a formación de goberno, hai novas eleccións. Iso supón un gasto de 140 millóns de euros. Gasto oficial previsto, de xeito institucional, se entende, pois polo que di a prensa, entre PP e PSOE xa teñen pedido ós bancos outros 60 millóns, e en cartos ou en especie, han saír tamén das nosas costas. Con intereses.
Ben, o caso é que eses gastos son para propaganda (si, a propaganda tamén inclúe dos desprazamentos dos votables -o de botables sería a posteriori- aínda que non dos votantes). E a propaganda inclúe o envío postal á casa. E claro, tamén ó enderezo electrónico, segundo foi permitido por votación dos mesmos políticos.
Resulta que, se non queremos recibir propaganda en papel, podemos molestarnos en facer unha xestión e en teoría asunto resolto. En teoría porque o buzón pode recibir propaganda sen dirección, o típico buzoneo. E asunto resolto tamén en teoría porque cos gastos asignados de xeito oficial, e podendo enviar de xeito anónimo ou por medios electrónicos a propaganda, estimo que ós partidos impórtalles un bledo (pode substituírse por pepino ou semellante) o que fagamos, xa que en todo caso o que pode é supoñerlles un aforro ó non verse na necesidade de gastar eses cartos. Si, o planeta agradecerao, e iso debera abondar para compensar en parte os risos dos inventores do sistema...

20190916

Ofrenda aos Remedios. Representante, alcalde de Ribadeo

O domingo 15 de setembro, Fernando Suárez Barcia, como Alcalde de Ribadeo, fixo uso da quenda establecida que lle asignaba a Ribadeo o facer a ofrenda aos Remedios, en  Mondoñedo. Coido que, aínda que non sexa un moi de igrexa ou sinxelamente, sexa partidario da separación de poderes igrexa-estado do estado 'aconfesional' (non non-confesional, segundo a constitución), non deixa de ser ilustrativo de por onde andan o que se considera bós desexos a nivel institucional. Ese é o motivo de que cortepegue do apartado de notas do concello o discurso do alcalde e faga, ó final, algunha consideración:

Señor bispo da diocese Mondoñedo - Ferrol, señora alcaldesa de Mondoñedo, integrantes das corporacións municipais mindoniense e ribadense, alcaldes, alcaldesas e representantes municipais dos outros Concellos aquí presentes, señores doutores e cóengos, señor reitor do Santuario dos Remedios, Teño a honra de representar como alcalde o Concello de Ribadeo neste acto de ofrenda.

Cada un dos rexedores e rexedoras que me precederon e que me seguirán nos anos, van achegar un anaco da súa patria pequena. Faise así un mosaico de todos os pertencentes a este territorio da diocese, variado nos seus perfís xeográficos e no ser da súa poboación, desde Ferrol ás terras do Eo-Navia.

A Ribadeo, en concreto, o bispo Paio Cebeira fíxoo sé episcopal aló polo século XII. As reviravoltas da historia variaron a ubicación: Bretoña, Mondoñedo, Ribadeo, e de novo Mondoñedo, velaí o percorrido xeográfico das sés que foi tendo este bispado que hoxe coñecemos.

O dito bispo vivía perto da igrexa da Atalaia, a máis antiga das da vila e que data do século XII. E é un lugar común cando os ribadenses falamos da nosa historia nomear os "concellos abertos", que tiñan lugar ao pé da capela e que se facían para debater as cuestións públicas.

Semella moi acaído logo nun acto coma este, onde nos xuntamos representantes políticos e relixiosos das distintas terras da diocese, achegar a ese mosaico do que falabamos un precedente histórico de tanta importancia como é o do diálogo, o de falar entre nós para facerlle fronte aos problemas comúns.

Seguindo este ronsel que vén de centos de anos atrás queremos facer mención a valores asumidos pola sociedade occidental moi recentemente e como estamos a ver, día si e día tamén, moitas veces só de xeito teórico, cando non manifestamente hipócrita.

Referímonos a dúas cuestións tan importantes como son a loita e erradicación da violencia de xénero e a valoración e a defensa do noso medio natural. No momento de escribir este texto aínda arde a Amazonía, arde a nosa Galiza polo sur, por falar do máis mediático, e non hai día en que non aparezan novas de mulleres maltratadas e mesmo asasinadas. É descarnadamente urxente que o diñeiro público se poña dunha vez por todas ao servizo dun cambio de mentalidade e dunha loita sen pausa contra estas lacras.

Por outra banda, esta ofrenda, de marcado carácter relixioso, é tamén un elo da cadea da Historia que nos vincula á Galiza britoniense, da que é herdeira a actual diocese.

Menciónase como Sedem Britonorum, sede dos bretóns, no Parochiale Suevorum, unha xoia manuscrita da segunda metade do século VI onde se reflicte a organización, nomeadamente eclesiástica, do reino suevo da Gallaecia. É unha das trece dioceses citadas, cun carácter máis étnico ca territorial aínda que ocupou principalmente a faixa costeira da Mariña até a Terra Chá, chegando a súa influencia ao Eo-Navia polo leste e a Ferrol polo oeste.

Fundouse cos bretóns insulares que deixaron a súa terra fuxindo das invasións anglosaxoas e cuxa pegada aínda temos como mostra máis evidente en moita da nosa toponimia.

E por que facer alusión a este momento concreto do pasado?

Facémolo para lembrar que a humanidade é froito de moitas fuxidas ( das guerras, da fame, da falta de liberdade ) e que eses éxodos van seguir existindo, polo menos mentres non se lle poña freo á miseria que os orixina e que, a pouco que pensemos, ten unha orixe clara: a cobiza desmesurada que arrasa con todo.

E neste espazo impresionante da fe cristiá que nos acolle eu non quero deixar de preguntarme: E que faría Xesús coas persoas do OPEN ARMS ou do OCEAN VIKING? E que pensaría ao ver a reacción de estados formalmente demócratas que se escudan na burocracia para negar ou criminalizar o acollemento?
Que pensaría dos ricos que ofreceron reconstruír Notre Dame ao pouco do incendio mais que son completamente alleos ao afogamento de crianzas no Mediterráneo?

Ben, eu creo que, sexamos crentes ou non, todos sabemos que pensaría Xesús de Nazaret ao respecto.

Eu non estou aquí como persoa individual, estou como representante dunha administración, a máis próxima á cidadanía, a administración local.

Os representantes políticos temos unha responsabilidade enorme, visíbel, moito máis evidente cá do cidadán ou cidadá do común. Manexamos cartos públicos e debemos empregalos para mellorar a sociedade na que vivimos, facela aberta, solidaria, forte nos ideais democráticos que hoxe voltan a pórse en tea de xuízo logo dunha transición en falso. As persoas que temos responsabilidades públicas contribuímos tamén a crear un discurso, un xeito de pensar que, aínda que o pareza, nunca é equidistante cando se trata de temas dos dereitos básicos das persoas.

É por iso que convén sermos claros nas palabras mais tamén nos feitos. Facer patente de que banda estamos, saber que só por azar non son os nosos fillos e fillas os que van nesas lanchas.
Hai días, un xornalista galego contestaba nas redes sociais a esa reacción nada infrecuente a respecto das persoas migrantes. Contestaba á pregunta de: “Se che interesan tanto por que non os levas para a túa casa?”

E eu, que son persoa á parte de alcalde, digo coma el que xa os levo para a miña casa na medida en que pago os meus impostos, que son non só para construír estradas senón sobre todo para medrar como sociedade. E quero que o que eu achego á sociedade e que os poderes públicos manexan, garanta unha sanidade e educación públicas de calidade, un traballo digno na terra de onde un é, e tamén a posibilidade de botarlles unha man aos que o precisan.

E unha vez máis fago a pregunta. Que rescataría Xesús, os bancos ou as xentes? Nestes días son o OPEN ARMS ou o OCEAN VIKING, mañá serán as concertinas de Melilla, os muros físicos entre países ou os muros invisíbeis dentro das mesmas sociedades.

Os informes de Cáritas de hai un ano falan dun 18% da poboación galega en situación de risco de pobreza, unha situación que se agrava cando hai menores. No Estado español unha de cada 3 crianzas vive nestas marxes vergoñentas e hai case 400.000 mil baixo condicións que xa se consideran severas. Son estes datos alarmantes para sociedades que presumen de seren democráticas e avanzadas.

Por fin, para rematar , co convencemento de que "o necesario é posíbel", quero expresar o meu desexo diante de todas e de todos vós de que cada un, desde as súas conviccións, crentes ou non, sexamos quen de defender por riba de todo a dignidade humana. Que así sexa. Moitas grazas.

Uunha vez aceptada a empresa, o lóxico é cinguirse ó protocolo que conleva esta ofrenda 'de marcado carácter relixioso' como se resalta no texto: primeiro, o bispo. Logo, deixa claro que é o representante do concello. Pero coido que é alguén máis: alguén que podía ter tomado a resolución de non aceptar o sistema de pleitesía á igrexa que representa a ofrenda. Unha decisión política.
No segundo parágrafo,toma o sistema como inamobible per saecula saeculorum. Logo, abandeira a tradición -e conservadurismo- non obstante falar dos concellos abertos como referencia ribadense e aínda que sen enfrontala á pertenza ó bispado ou ó conde, como se non tivera que ver a submisión e a liberdade ou a participación cidadá e a imposición.
A partir de aí, a ofrenda é lugar de desexos ideais máis ou menos asumibles por todos que se pretenden ancorados nunha historia tamén idealizada.

20190908

Detrás da santiña, diante das monxiñas... e fin de festa

Hoxe, 8 de setembro, é o día grande das festas patroais de Ribadeo, pois corresponde á festividade da patroa.
Coido que dende hai tempo, os fogos do sete marcan o punto culminante, co que a afirmación anterior non deixa de ser unha reminiscencia relixiosa ou doutros tempos, como se pode constatar en xeral pola cantidade de xente entre o 8 e os días anteriores. O que si é, é a celebración da patroa, e segundo como cadre na semana, pode haber mesmo moita xente. Por certo, que coincide coa patroa de Asturias, e por iso a importancia do calendario. Neste 2019, o luns 9 é festivo en Asturias, e polo tanto, pola noite poidera esperarse algo máis de xente...
Como festividade da patroa, a actuación da banda é obriga contraída. Iso, despois da procesión, pois a banda non se libra dela. Quen parece que tampouco se libra dela é boa parte da corporación municipal, presidida polo alcalde, e enmarcada entre os sacerdotes de detrás da santiña e as monxas de detrás do grupo de autoridades, con representación tamén das forzas de orde público. Gardando puntillosamente, ó que se ve, o artigo 16.3 da constitución española: "Los poderes públicos tendrán en cuenta las creencias religiosas de la sociedad española y mantendrán las consiguientes relaciones de cooperación con la Iglesia Católica y las demás confesiones." É dicir, interpertado como gardando o statu quo derivado da ditadura e non a distribución actual.
As festas van rematando, e parece que outra vez máis non haberá que lamentar o non deixar paso no centro do pobo para ambulancias ou bombeiros, mentras a cantidade de xente no centro do pobo puido mesmo acadar unha nova marca (a falta de estatísticas que o confirmen) mesmo aínda non participando ACISA e cun caso relativo dos comercios ó peche pedido para este domingo de festa.
Deixo unha foto dos fogos do 7 feita por Suso Fernández dende a beira asturiana da ría de Ribadeo.

20190907

Hoxe, a manifestación do 7

Un mes máis, en Ribadeo houbo saída á rúa dos pensionistas. Esta vez, en festas, o sete. Esta vez, de novo, en forma de manifestación, que saíu do concello ás 12 e volveu ó concello despois de pasar por cantón, Pza. de España, Villafranca, Rodríguez Murias, Ramón González, Doutor Moreda, Reinante, Avda. de Asturias e San Francisco. Esta vez, de novo preto de cen persoas detrás de varias pancartas polas rúas ateigadas de xente ou nas terrazas. E cantando os lemas que se ven na imaxe e outros que non aparecen nela. Chamou a atención que sendo unha manifestación conforme coas normas e peticións, non houbera ningún policía local para acompañar e facilitar o paso polas rúas. Tampouco houbo vixiancia visible da Guardia Civil. O que si houbo é a constancia de que a vontade dos pensionistas segue, por moitos que se queden nas casas, mirando na rúa ou sentados nas terrazas.
Ó final, a lembranza das próximas convocatorias en Ribadeo e pobos veciños, incluída a que está convocada para o 27 en apoico das accións polo clima e a estatal de Madrid do día 16 de outubro, para a que se espera fletar un autocar. 

20190905

#cortesdeluzRibadeo, de novo ás voltas

Facía moito que non me cadraba un corte de luz en Ribadeo usando a luz nun lugar no que tomar nota de xeito doado, sendo consciente de que se seguen a suceder (mesmo saíu nos papeis nalgún caso). Hai un pouco volto suceder, polo que sigo a deixar constancia a modo de base de datos para que o aproveite quenqueira. Coma sempre, outras indicacións serán ben recibidas e recollidas:
20190905 Zona: catro calles, hora: 7:57, duración: 4 s
20190930 Zona: Pintor Fierros, hora: 10:42, 3 cortes, de máis duración o do medio.

20190904

Das oito da mañá á democracia

Informe positivo do concello de Ribadeo. Enterámonos que foi dado cando a propaganda de ACISA Ribadeo nolo comunica pola prensa para lamentar que non se amplíe o horario de apertura de establecementos nouturnos durante todas as festas ata as 8 da mañá. Coido que unha pregunta que cabe facerse é: a quen ou que consultou o concello (o informante do concello) para facer un informe positivo a favor de tal medida?
O anterior leva con facilidade á historia do inexistente regulamento de participación cidadá de Ribadeo. Inexistente non por pedido, pois despois de serlle presentado propostas ó concello por parte da AVV O Tesón, sen contestar, o concello sacou da manga un refrito no que mesmo incluía o nome de Santiago a máis de ser máis ben un regulamento de participación empresarial. Foi alegado, sen facerlle caso ás alegacións, e, tras pasar a aprobación inicial e ser alegado, non se voltou votar, quedando a cousa así ata o de hoxe. Polo medio houbo outras peticións de reactivación.
Claro que, de calquera xeito, non parece facer falta o regulamento para levalo a cabo: por unha banda, estamos tendo campañas para que compremos en Ribadeo dirixidas ós ribadenses e pagadas en parte por nós, a traverso de Xunta e Concello, mentres os cidadáns de a pé ven reducida a participación á votacións cada catro anos despois de longo tempo, e por outra, mentres, ás asociacións veciñais se lles aplicaba a invisibilidade dende os poderes públicos (iso si, menos cando conviña ás iniciativas deses mesmos poderes), algo do que se poden dar múltiples referencias.
E así, chegamos ó tema de novo, fixándonos no feito curioso de que a patronal insista (e non é a primeira nin a segunda vez) en que o aumento do horario de apertura é só para establecementos asociados. Cabe preguntar polo que distingue a ditos establecementos, a máis da lista que segundo parece teñen as forzas de orde público, que parecería unha lista para obrigar a apuntarse na asociación. Curiosidade pois coido que toda concesión vai aparexada cunhas obrigas, e que se é concedido á asociación algún privilexio, caso de ser legal esa discriminación, terá como contrapartida que a asociación vele tamén para extremar as medidas que eviten molestias á poboación. Iso non se deixa ver nas notas de propaganda.
Hai moito tempo que nun un deses informes favorables do concello dicía sinxelamente iso, que o informe era favorable, sen argumentación ou base algunha. Pregúntome se seguirá a ser así -témome que si- e se o modo de informar será xeralizado, afectando por exemplo tamén ás subvencións de que se beneficia a propaganda.
Volvendo ó tema relacionado da participación cidadá, onde vai aquel 'fala, pobo, fala' da estrea da democracia? Polo que parece, ninguén ten interese, nas institucións, pero tampouco moito no pobo. Iso si, logo haberá quen se queixe de que pode haber unha ditadura.
Para non alongar moito, unha última pincelada. Na polémica mantida entre ACISA e Comisión de festas e falta de apoio da asociación á Comision, os motivos alegados por ACISA non foron que as festas non son incumbencia da patronal, senón que o mercadillo vai contra os seus intereses. Suponse que as festas, esas para as que se pediu ampliación de horario, tamén vai contra os seus intereses? Vense á memoria aquelo de que 'o que é bó para a General Motors, é bó para os EEUU' (What is good for GM is good for America), dito, claro, polo presidente da GM daquel tempo. Quedou demostrado que non ten por que ser certo.
--
Anexo: un bando do 2017 que pode verse tamén aquí:

20190901

O pregón das festas patronais 2019 de Ribadeo (e o resume de ofertas nas festas)

Onte, 31 de agosto, Fabián Pérez Rego deu o pregón no Cine Teatro de Ribadeo ás 20:30. Quedan embaixo os podcast das verbas do presidente da Comisión de Festas, do alcalde, dun comisionado e por último de Fabián, acompañados dunha breve biografía e un resume de actividades festeiras. A presentación foi feita por M. Carmen Cruzado:
Presidente da Comisión, Juan José Otero
Alcalde, Fernando Suárez Barcia
Comisionado, Avelino Martínez

Pregón, por Fabián Pérez Rego

Fabián Pérez naceu en Ribadeo en 1993, estudou no Colexio Sagrado Corazón e no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros. En 2011 trasládase a Barcelona a cursar a carreira de Xornalismo e dous anos de Ciencias Políticas. Desde 2015 reside en Madrid, cidade á que se desprazou inicialmente para cursar un máster.Pasou polo diario El Progreso en A Mariña no verán de 2014 e estivo na Cadena SER en Barcelona en 2015. Actualmente traballa como reporteiro no programa Todo es mentira, de Cuatro, presentado por Risto Mejide. Traballou durante tres anos no programa Partido a partido, emitido na plataforma Radioset e na canle Be Mad. Entre estas dúas etapas en Mediaset pasou polo programa Aquí hay madroño, de Telemadrid. Fabián ten un blog no que escribe de cando en vez: Cavilaciones Varias.
A continuación do pregón actua a Coral Polifónica de Ribadeo.
5 de setembro, Día Infantil.
Ás 16:00 horas haberá teatro para os nenos e nenas de 3 a 10 anos. Será a storytime Around the world, by Kids&Us School of English Ribadeo.
Ás 16:30 horas no parque Diverneno con inchables, festa da escuma e moito máis. No caso de que o tempo non acompañe os xogos trasladaranse ao pavillón do colexio Gregorio Sanz.
Ás 22:30 horas haberá festa verbena amenizada pola orquestra Los Satélites.
6 de setembro, venres, as orquestras Trébol e Nueva Fuerza serán as encargadas de amenizar a festa verbena desde as 22:30 horas.
7, véspera da Patroa, grandes bombas de palenque anunciarán esta data pola mañá.
11:30 sairán os Cocos e os Cabezudos, acompañados polo grupo Amigos da Gaita. 22:30 haberá verbena con Passarela e La Favorita.
Doce da noite terá lugar a gran sesión de fogos artificiais no peirao.
8 de setembro, día grande das festas patronais de Ribadeo, festividade de Santa María do Campo.
A xornada arrincará con potentes bombas de palenque.
12 do mediodía na igrexa parroquial será a misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida da procesión que estará acompañada pola Banda Municipal de Música ribadense, que despois ofrecerá un concerto diante do Concello.
Pola noite as orquestras Palladium e Televisión serán as encargadas de poñer a nota musical na verbena.
9 de setembro, Día dos Nenos. Durante esa xornada haberá prezos populares nas atraccións das festas.