20190806

Crónica dende os bloques

Este verán, a praia dos bloques parece estar especialmente concorrida. As novas duchas, que polo momento evitan a lama que xa se formaba arredor das antigas, supoñen un paso adiante, que acompaña ás boas temperaturas e a un auga que cada vez está máis quente. Hai veces que o campo está cheo, aínda que nunca como para dicir que non cabe un alfinete.
A instalación inchable segue a ocupar unha parte considerable da zona que antes era máis usada para baño. A cambio, as embarcacións parece que pasan máis lento, máis lonxe, pode que para non interferir nun negocio tan visible, mentres que os bañistas na auga pasaban tan desapercibidos que é un 'milagre' que unha motora con esquís detrás ou unha moto acuática non se teñan levado algunha cabeza por diante. De calquera xeito, xa me teñen comentado ocupantes dos apartamentos próximos que os vixiantes correspondentes do 'tráfico marítimo' só viu que se pasaran por alí unha vez, para dar cuns vellos que estaban fondeados pescando fóra da rada.
Chamoume a comezos de verán a atención que suprimiran as ostras dos chanzos da praia, como se pode ver na imaxe. Algo diferente ó que pasa coas ostras das aceas. E algo que era necesario para o uso da zona, aínda que non sei quen o fixo (nin os permisos para actuar alí)
A rapazada segue a andar polo peirao, aínda que despois dos sucesivos reforzos da separación entre praia e peirao, abondo menos. Claro que tamén hai quen, en marea chea e a última hora, baixa dunha barca tradicional (iso si, coa vela recollida, que é máis cómodo o motor) e pasa de peirao a praia por terra, que por auga hai que nadar.
A última hora a ocupación gratuíta dos inchables vai vento en popa, a pouco que a marea e o tempo acompañen, xa co edificio de servizo limpo e pechado. Sen vixiancia, pregúntome que pasará se hai un accidente, algo que non me preguntaría se ocorrera un accidente de alguén nadando (ententendo por accidente non un atropello motorizado)
A última hora, o baleirado progresivo vai deixando a zona en calma, o que é aprezado por algúns ocupantes que prolongan a estancia e por outros que van disfrutar dese momento.

Ningún comentario: