20190729

Sobre a contaminación no mar

-A conta da mesa redonda sobre “A contaminación no mar” que terá lugar en San Cibrao o 2 de agosto, no marco da primeira feira do libro sobre o mar e a súa cultura, deixo algunhas reflexións sobre o tema.-

Nun lugar con seres vivos, que están interaccionando co seu arredor, o medio adecuado para vivir mantense só mediante un equilibrio dinámico. Se varían as condicións físicas, entón varía o equilibrio e ou nos adaptamos ou morremos, opcións menos desexables e máis difícis que variar o equilibrio o menos posible. E as ‘condicións físicas’ son todos os parámetros que definen o sistema en equilibrio. Todas. Dende a temperatura á existencia de plásticos, pasando pola eliminación de especies pola sobrepesca.
Contaminar é equivalente a variar o equilibrio de substancias ou enerxía no medio. Sempre houbo contaminación, porque calquera actividade varía as condicións do medio ó empregar materiais e producir outros materiais. Así, a nosa atmosfera é o resultado da contaminación con osíxeno de outra anterior, a partir de seres como as algas verdes. Cambio na atmosfera -contaminación- que fixo posible a nosa existencia.
Nas condicións actuais, pódese dicir que sen océanos, a atmosfera tería un 50 % máis de dióxido de carbono, o que aumentaría o efecto invernadoiro ata facer inhabitable para nós a Terra. Iso da unha idea da importancia do mar no equilibrio medioambiental.
Por un momento, pecha os ollo e pensa na inmensidade do mar.
Ocupa uns 350 millóns de km2, cunha profundidade media duns 3km. Isto significa que contén uns 1 000 000 000 000 000 000 000 de litros (1021L) de auga, e como somos uns 7 mil millóns de persoas, dividindo, cadran 150 mil milóns de litros por persoa, ou sexa, unha piscina de 1 km x 1km x 150 m. Moita auga para contaminar, un traballo arduo, pero estamos a logralo.
Aínda así, o básico non é a inmensidade, senón algo relacionado: a capacidade de rexeneración, o ritmo (velocidade de) contaminación en comparación co de tratamento co que o mar pode tratala. Ata hai relativamente poucos anos da historia humana, non había problema, o ritmo de contaminación era minúsculo en comparación á capacidade de rexeneración do mar. Pero na actualidade, prodúcese máis lixo de todo tipo (plásticos, produtos químicos, fertilizantes...) que remata por ir parar ó mar, e os océanos teñen menor poder de rexeneración (sobrepesca, descompensación do equilibrio mariño por eses mesmos produtos ou a absorción do CO2, aumento da temperatura, etc). Para facerse unha idea do que significa a concentración de contaminantes, un exemplo: 1 cagada ó día en todo ribadeo é completamente asumible. Pero en Ribadeo hai 10 000 veciños, o que significa unhas 10 000 cagadas diarias. Non sería un problema asumir esa cantidadade de merda no pobo? Hai xa anos, sentir o cheiro do Douro no seu descenso cara o mar antes de chegar a Tordesillas foi un impacto. E iso, o que produce o cheiro, remata no mar. A auga é auga, e non podemos independizala unha de outra, contra o que é a práctica nos dereitos de pesca ou de perforación. É un ben común da humanidade, que nos estamos cargando tamén entre todos, por moito que haxa quen faiga un traballo máis efectivo que outros. Por certo, cabería preguntarse se ti, ou eu, somos dos que estamos contaminando máis; pode que nos leváramos unha sorpresa, se xuntamos a contaminación agregada de todos os nosos consumos e lixos.
Aínda que se estudan por separado para tentar mellorar a nosa comprensión, non se poden separar efectos dos diferentes parámetros: variación da temperatura polo cambio climático, acidificación da auga pola absorción de dióxido de carbono, sementeira de plásticos na superficie... todo un conxunto moi amplo de perigos para o medio mariño, físicos, químicos e biolóxicos. Separados só para a comprensión, pois están totalmente interrelacionados. Así, o aumento de temperatura produce un aumento de volume dos oceanos, o que fai que desaparezan as illas baixas e os deltas, coa desaparición da vida que albergan. O aumento de temperatura tamén varía o equilibro ácido/base, e a acidificación resultante está a destruír os arrecifes de coral arredor do mundo, destrozando a coberta calcárea destes animais, que se suma ó aumento de temperatura que aguantan mal, causando así a variación de hábitat de moitos peixes e o desequilibrio causado pola súa desparición. Tamén o aumento de temperatura fai que a capacidade de disolución de osíxeno do mar sexa menor, o que afecta á capacidade de vida dos peixes e ó equilibrio mariño, afectando á cantidade de pesca e ó equilbrio de especies, favorecendo o conxunto ó aumento da cantidade de medusas, entre exemplos posibles. O aumento de temperatura varía o equilibrio das substancias químicas, e polo tanto, dos seres vivos que manteñen o equilibrio (e se manteñen en equilibrio)
De sempre, as correntes oceánicas redistribúen a merda cando o océano non pode absorbela. Pero xa chegamos a un punto no que esa redistribución está deixando de ser efectiva para a rexeración. Hai unha illa de plástico no centro Pacífico como 3 veces a península ibérica, e medrando, nun sitio onde non hai xente para contaminar. Mais as 80 000 toneladas de plástico desa ‘illa’ seguen a aumentar con rapidez. E só é un dos puntos onde se fai visible este problema. Un problema que pode levar a que para 2050, de non variar a tendencia mundial, haxa máis plástico que peixes nos océanos.
Cómpre de que nos decatemos de que o mundo é complexo, que non podemos entendelo na súa totalidade. En troques, si podemos destruír con facilidade o que non entedemos.

20190728

Reflexionando sobre o transporte na Mariña


Hai un par de días tomei o tren de s. Cibrao a Ribadeo. Puntualidade (de 13:10 a 13:53 sen moita variación), duración equiparable á viaxe en turismo, comodidade, revisor e garda de seguridade no tren, posibilidade de levar a bicicleta, importe (3,60 €) non excesivo en relación a outros custes... algo que non se parecía moito a algunha outra vez que fixen algún traxecto pola Mariña. A ocupación do tren, a mediodía, non era alta: de media no traxecto, fomos no tren unhas 8 persoas.
Noutro lugar teño comentado a mellora do transporte en autobús na franxa costeira da Mariña, e a diferencia grande co que ocorre ó querer tomar un transporte público cara ó interior da Mariña ou a outro punto de Galicia ou de España.
Un par de semanas de aparcamento de coche nun aeroporto poden supoñer máis custe que unha viaxe en avión a centroeuropa, ou un valor semellante ó custe agregado (combustible, gasto de coche, impostos, etc) da ida e volta en coche ó aeroporto de Santiago, o que parece desproporcionado. Se comparamos por outra parte o custe dunha viaxe en autobús a Lugo (nunha das poucas liñas que hai cando hai algunha), 8,80 € (ou 11 €, segundo a liña), é dicir, de cousa de 0,10 €/km, sae algo máis caro, pero semellante ó transporte en tren dende S. Cibrao ou Viveiro (ver imaxe, cun tique dende Viveiro, a un custe de 4,70 €, 60 km de vía). Mais na mesma imaxe sobremontei outro custe: Porto (Portugal) - Santiago, uns 230 km, por menos de 7 €. É dicir, cousa de 0,03 €/km. É certo que é un billete de prezo variable, que pode saír a un custe por km semellante ós que estamos 'afeitos' no transporte público da zona. Pero non deixa de ser curiosa a variación, as oportunidades, comodidade de horarios...
O desenvolvemento de xeito asimétrico do transporte nas concentracións urbanas en relación ó medio rural, que é o noso, é cada vez máis preocupante. Novas oportunidades de transporte de todo tipo xurden como fungos nas cidades, mesmo antes de que dea tempo á súa regulación. No noso entorno, hai medio século había máis posibilidades de transporte público que na actualidade. E a tendencia, con excepcións puntuais, non é mellorar: nin en horarios, nin en tempos, nin en custe. As nosas xentes na aldeaestán moitas veces incomunicados na práctica, dependentes de familiares ou outros particulares para o seu movemento. E só xurde de cando en vez algunha voz por algo en particular. así, seguiremos a perde mentres non nos organicemos, pidamos con forza e aportemos o noso gran á organización comunal.

20190726

Glifosato na política municipal. Nota de prensa de en Marea


O pasado día 2 de xullo de 2019 fará historia na vida do herbicida Glifosato. O parlamento austriaco decidiu ese dia que os productos que contivesen glifosato estarían prohibidos en aquel país alpino. Este herbicida, comercializado pola empresa Monsanto nos anos 70 do século pasado, foise extendendo por todo o mundo a través de unha campaña de marketing centrada na sua indiscutible eficacia e na sua suposta inocuidade. Ainda no 1993 a OMS e a EPA (USA) calificabano “ de baixa toxicidade”. Despois de infinidade de estudos e manipulacions pola empresa productora (agora Bayer), o 20 de marzo de 2015 a OMS declarouno “probablemente canceríxeno para a especie humana”. Dende entón unha morea de colectivos ecoloxistas, cidades e movementos sociais veñen loitando activamente para acadar a supresión definiva de este produto ca resistencia do sector produtor e comercializador e concretamente da Unión Europea que mantén unha moratoria ate 2022. Debemos suliñar aquí a laboura de un grupo de deputados europeos, entre eles de Lidia Senra para acadar unha prohibición definitiva que non acaba de chegar. Non é custión de centrarse agora nos efectos do glifosato sobre a saúde humana e sobre o medio ambiente porque están amplamente documentados nas redes e na mais diversa literatura.

O que queremos suliñar son tres cousas:

1.- O Glifosato estase usando de xeito moi extendido na nosa comarca, concretamente nos cultivos de fabas, millo, cunetas espazos públicos etc.

2.- Non existen iniciativas, nen da xunta, nen dos concellos, nen de colectivos sociais, ou estas son mínimas e de escaso impacto, para acadar a sua supresión en un prazo razoable.

3.- Faise imperativo poñer en marcha programas locais e comarcais ca máxima urxencia para reducir e suprimir este produto “probablemente canceríxeno” según a OMS ten recoñecido xa hai mais de catro anos.

O colectivo En Marea suxire unha serie de medidas de baixo custe e de escasa complexidade técnica que poden servir para iniciar un camiño nos concellos da Mariña.

1.- Constituir grupos de traballo abertos e transversais a nivel de concello ou de varios concellos e marcarse unha data límite para que toda a Mariña se teña declarado libre de glifosato, seguindo a iniciativa do Concello de Viveiro que xa adoptou este acordo no ano 2016.

2.- Adoptar programas de erradicación progresiva, comezando pola prohibición de uso en espazos públicos e administarcions a tódolos niveis.

3.- Aprobar programas de analises periódicos e programados, con métodos contrastados, de augas, alimentos, orina humana e outros parámetros que se acorden previos informes técnicos, para un seguimento programado debendo marcarse uns indicadores pbxectivos orientados á erradicación.

4.- Establecer planes de información e educación da veciñanza, agricultores, estudantes, etc. tanto a nivel de concello como comarcal, con proxección mediatíca e redes sociais escalonada e programada.

5.- Coordinación a nivel comarcal entre concellos, colectivos sociais, sindicatos do campo, AAVV, pais de alumnos, xubilados, sanitarios etc. Nos propoñeríamos unha coordinadora aberta de carácter comarcal pero se non fose posible poñela en marcha a corto prazo seríamos partidarios de iniciar coordinoras locais ou que agrupasen a varios concellos con carácter provisional.

En resumen trátase de pasar da inacción actual e a posición de “expectativa” a unha actitude activa, coordinada e orientada á supresión deste produto “probablemente canceríxeno” e altamente prexudicial para o medio, no prazo mais curto posible. O que aquí se prantexa son unas sinxelas suxerencias pero o noso grupo está aberto a calquer outro tipo de acción orientada no mesmo sentido

Casas de apostas (II)


Hai pouco máis dun mes publicaba o artigo 'Casas de apostas'. Hoxe vexo que o concello ten liberado unha nota de prensa (que por certo, nestes momentos aparece nos medios dixitais pero non na súa propia páxina, http://ribadeo.gal/) na que da conta de (ou da que se desprenden) varias cousas relacionadas entre si e co mencionado artigo:
A primeira, que xa houbo unha petición para instalar unha casa de apostas en Ribadeo, en concreto, na Avda. de Asturias, que polo momento foi rexeitada.
A segunda, que o concello de Ribadeo emitiu un informe, logo xa coñecía o tema dende hai un tempo, aínda que que eu saiba, non trascendera de xeito oficial nin oficioso.
A terceira, que a negativa é por unha cuestión técnica e subsanable (posición do local demasiado próxima a outro asimilado na normativa), polo que é previsible que nun segundo intento, de habelo, saia adiante. Por certo, que na nota de prensa cita como obstáculo o art. 67.6 da lei, que non existe (si o 67.5, como pode observarse aquí)
Unha nota máis, neste caso, indirecta: na Comarca do 13 de xullo sae nha nova dando a explicación de Balseiro sobre a negativa da xunta, co que a nota do concello xa é vella antes de saír.
E unha apostilla máis tarde: remato de ver no facebook do alcalde parte da comunicación feita en prensa, publicada hai 4 horas na súa conta particular. E aí saco o que reproduzo a continuación:

20190725

CARTEIS ELECTORAIS. Nota de prensa da AVV O Tesón

--atención: esta nota de prensa foi enviada pola avv o 9 de xullo, polo que aparece aquí con máis de dúas semanas de retraso--

Nas pasadas eleccións, tanto nas xerais como nas municipais, europeas e autonómicas, os distintos partidos políticos ou grupos de electores, afanaronse en despregar todo tipo de publicidade para dar a coñecer as propostas e ideas ós potenciais electores. Usando tódolos medios posibles, en función das posibilidades ecónomicas de cada grupo. Ímonos referir niste caso o concello de Ribadeo.
No tema da economía é onde pode verse a maior diferencia de cada un deles. Isto se reflexa logo no volume, na calidade e na cantidade dos medios empregados, principalmente no número,tamaño e calidade nos carteis colocados. A campaña oficial dura por regulación dúas semanas. Pero a que lle chaman precampaña xa comeza varios meses antes. E non ten límite cara atrás.
Algúns partidos xa fixeron a presentación dos candidatos a principios de marzo. Dende ese intre, faltando tres meses para as municipais, xa se podían ver grandes carteis cos candidatos, acompañados dos seus xefes provinciais e autonómicos, pegados por tódolos os rincóns de Ribadeo. En especial na zona urbana, pero tamén na rural. E aínda a dia de hoxe se poden ver.
En Ribadeo foi aprobada a Ordenanza de Proteción Medioambiental, con data de 10 de xullo de 2006, sendo alcalde o sr. Andina. Esta ordenanza, no Tïtulo VI, Artigo 68, di que quedará prohibido colocar carteis, realizar inscricións ou pìntadas en paredes, muros, fachadas, quioscos, farolas,verxas,valas, papeleiras, contedores, marquesiñas de paradas de autobuses ou mobiliario urbano en xeral.
Tamén di que tan só se colocarán nos lugares onde o concello habilite zonas específicas para facelo. Para cada convocatoria electoral o concello habilita nas parroquias e na vila zonas para a publicidade dos partidos.
En todos istos anos ningunha corporación se preocupou de pór en marcha dita Ordenanza: tódolos grupos levaron e levan nos seus programas actuacións en temas de medioambiente, pero logo teñen dificultade en cumprir o que eles mesmos aproban. Algúns, mesmo parece dubidoso que se propoñan cumprilo. E, se os partidos se saltan as propias normas que eles regulan e aproban, como lle poden pedir os veciños que as cumpran?
A dia de hoxe, despois de pasar máis de 2 meses das eleccións xerais e 1 mes das municipais e europeas, recomendámoslles que fagan un percorrido pola vila e as parroquias, para comprobar o lixo de carteis que deixaron espallados polos lugares mais visibles. Miren como están os muros, paredes, marquesiñas, portas e ventás de edificios abandoados, etc, ás entradas e saíidas, por calquera parte da vila. Non nos dan ningún exemplo neste tema.
É un atrevemento que se poñan a falar do importante que é dar boa imaxe do noso concello, da importancia da paisaxe, de manter limpo e ordenado o concello para un mellor disfrute e convivencia dos veciños. Agora que entramos nos meses principais de vacacións, é una verdadeira “vergoña e desidia” a imaxe ca que se atoparán os miles de turista que nos visitan. Poderíamoslle chamar “FEISMO DA CARTELERÍA”. Por favor, miren a Europa, onde isto o cuidan moito máis. A propósito, o concello de Ribadeo está irmanado co francés de Loctudy. A que non viron alí este desorde que temos aquí? Deberían tomar nota e sacar algo positivo de dita relación para aplicala no noso concello. Non costa diñeiro. Ben, algo si nos costa, cando se desprazan aló. Pero pouco aprenden.
Dende eiquí lles pedimos a tódolos partidos políticos que concurriron ás elecións, que así como tiveron tempo e diñeiro, para colocar a publicidade, que fagan o favor de retirala canto antes, se queren ser coherentes co que predicaron na campaña.
Xa non deberían necesitar ninguna Ordenanza para facelo. Dá a impresión de que esta se fai para que a cumpran os cidadáns. Pois non, son vostedes os que deberían dar exemplo. E non o están a facer. Póñanse xa a limpar o lixo que nos deixaron. Darían exemplo por unha vez e lles quedaríamos agradecidos.
* Unha nota final: o anterior escribiuse a finais de xuño. Hoxe, 9 de xullo, dúas semanas despois, a piques de comezar os indianos en Ribadeo, atópanse menos carteis. Mesmo de dous grupos que non obtiveron representación, nun repaso rápido non vimos ningún. E entre os que si a tiveron hai unha grande diferenza. A lectora ou lector pode comprobalo e ver e aprezar no futuro esas diferenzas. A foto é un collage de varias tomadas hoxe mesmo en tan só dous lugares: o paso baixo a vía e o paso baixo a autovía nas rotondas de acceso dende Asturias.
Asociación de veciños O Tesón

20190717

A RÍA DE RIBADEO DOS NEANDERTAIS AO NEOLÍTICO Pancho Campos Dorado

Hoxe é o día da Festa do Carme e gustaríame contarvos algo que parece relevante, case como unha lenda que narra un feito real, que aloumiñado de argumentadas conxecturas nos conducen a unha historia inédita sobre os primeiros habitantes da Ría de Ribadeo.
Comentaba Isidoro Asensio Amor, en varios artigos publicados en La Comarca do ano 1963, a labor xeolóxica de formación da Ría, que había exposto o Enxeñeiro Guillerme Schulz no século XIX, e tamén comentaba noutros artigos publicados en La Comarca do ano 1964, sobre a Xeoloxía de Charles Barrois e de Hernández Sampelayo, cuxos estudos estratigráficos mostran alturas do mar que varían entre cotas de máis de setenta metros entre o nivel máis baixo e o máis alto, respecto do nivel medio actual.
Estas baixadas e subidas do nivel do mar, en alturas que resultan tan esaxeradas no tempo, son producidas polas glaciacións cuxos períodos duran decenas de miles de anos. A bocana da Ría de Ribadeo estaba afundida 40 metros por debaixo do nivel actual do mar durante a glaciación Würm. Chámase Würm, ao último período glacial do Plistoceno ou Cuaternario, coñecido popularmente como a Idade do Xeo, que inicia fai 110 000 anos e termina fai 10 000 anos no Holoceno ou período posglacial no que nos atopamos actualmente.
O xacemento de Louselas, identificado no Paleolítico Inferior, dátase cunha antigüidade de catrocentos mil anos. Louselas estaba habitado por homes, que facían ferramentas, cuxos restos líticos se identifican na citada monografía Nº6. Pero no período do Plistoceno medio, o xacemento de Louselas estaba completamente somerxido baixo o nivel do mar, e máis recentemente, fai 200 000 anos, o nivel do mar estaba 38 metros por debaixo da cota actual.
Nestes períodos, cando os océanos estaban máis baixos, o litoral estaba centos de metros máis retirado do que hoxe o contemplamos. Na nosa bisbarra temos o exemplo, de que na praia da Arealonga de San Miguel de Reinante fai ao menos 9000 anos, había un bosque de árbores que foi sepultado por estes movementos do mar, e que debido o influxo das galernas de inverno dos últimos anos, quedaron ao descuberto os seus vestixios ó levar o mar a area da praia. Alí puidemos contemplar que os tocóns, raíces, madeira das árbores e restos vexetais, convertéronse nunha “turbeira”, ou zona de pegadas de carbón fósil de pouca densidade.
Na época do Plistoceno, os glaciares ocupaban unha cuarta parte da superficie terrestre, e os Neandertais eran aqueles homes que viviron durante un período de tempo de cen mil anos e cuxa extinción remóntase a fai uns 35 000 anos. Viviron en períodos xeolóxicos de glaciación intensa e refuxiábanse en covas máis menos profundas para abeirarse do frío, por isto son coñecidos popularmente como os “homes das cavernas” ou “cavernícolas”. Nas covas de terras do interior da Europa occidental atopáronse numerosos fósiles humanos do Homo sapiens neanderthalensis.
Pero ¿que ocorría coa vida humana nos litorais da costa nestes períodos de tempo, e particularmente, que pasaba cos homes que habitaban nos arredores da Ría de Ribadeo?. Pois ben. Tanto os homes como os animais, vanse adaptando ás circunstancias climatolóxicas para poder vivir como mellor poden, e as baixadas e subidas do nivel do mar, deixaron ao longo das costas, covas, grutas e escavacións medianamente profundas que o mar foi facendo cos embates da marusía, e ó quedar a descuberto, aqueles homes da costa as aproveitaron como vivendas. Aqueles homes foron os “pescadores, mariscadores e mariñeiros das cavernas” dos que ninguén fala pero que, por suposto, existiron exactamente igual que os cavernícolas das montañas.
Nas marxes da Ría de Ribadeo hai máis dunha vintena de covas que seguramente algunhas delas foron aproveitadas para vivir as familias humanas que por aquí se atopaban. Hai restos líticos nas praias, moi desgastados, pero similares aos que se atopan no xacemento de Louselas, polo que parecen anteriores ós homes de Neanderthal. Pero este tipo de restos suxírenlle a este afeccionado a historia, que aquela tecnoloxía dos homes de Louselas, usada para facer ferramentas lascando as pedras, seguíase practicando chegados aos homes do Neolítico de fai sete mil anos.
Recordar que o Neolítico foi definido como o período da prehistoria comprendido entre o Mesolítico e a Idade dos Metais, aproximadamente entre o quinto e o terceiro milenio antes de Cristo. O termo Neolítico, acuñado por John Lubbock en 1865, obedecía a criterios exclusivamente tecnolóxicos, en relación coa aparición da pedra pulimentada. Pero máis recentemente, aquela definición resultou demasiado simplista, posto que nesa idade prehistórica había evidencias de innovacións máis complexas: a cerámica, a gandeiría e sobre todo a agricultura. Así o Neolítico converteuse nunha división cronolóxica esencial dentro da Historia das Civilizacións.
Na ribeira da Ría de Ribadeo, na parte ribadense coñecemos dúas covas con nome propio: a Cova dos Sete Encantos, e a Cova da Vella. Hai outra practicamente enterrada entre a praia dos Bloques e a Vilavella, e outras tres ou catro próximas ó Cargadeiro, protexidas do Vendaval, e que para este relator, foron vivendas cavernícolas que pouco a pouco foron abandonadas a medida que subía o nivel do mar e ían desaparecendo cos recheos de area, xógaras e sedimentos.
Na hoxe ribeira asturiana da Ría de Ribadeo, no litoral de Figueiras, hai máis dunha ducia destas covas, que están semienterradas e a vista, moi ben asocairadas do vento Nordeste que tanto frío trae canda el, polo que non sería de estrañar que por aquel tempo inmemorial, foran un bo refuxio e tamén estivesen habitadas.
No debuxo móstrase o perfil do leito da Ría de Ribadeo a altura da Ponte dos Santos. Vemos que hai unha enorme colmatación de area cunha profundidade superior os 40 metros. O canal ten aproximadamente unha media de seis metros en marea chea, pola que se rexe a regulamentación do calado dos barcos mercantes que atracan no Porto Comercial de Ribadeo. Non sabemos canto haberá escarvado o mar os cantís da costa ao longo dos miles de anos de traballo das mareas e das galernas, as covas están cheas de area e xógaras, e non sabemos a que profundidade chegan. Segundo unha “lenda urbana”, escoitei que cando se buscaba firme para a cimentación da primeira zapata da Ponte dos Santos, no cantil de Ribadeo, parece ser que despois de perforar uns poucos metros en profundidade, atopouse un oco profundo, e que se fixo o seu recheo con formigón, para consolidar a zapata. Podería ser que fora unha desas covas das que falabamos, e que por casualidade se lle furou o teito ao facer a zapata da primeira pilastra.
Por outra banda, ¿todas as covas do litoral de Figueiras foron feitas polo mar? ¿estarán algunhas delas refeitas pola man do home, ou rematadas por el? ¿como é que hai tantas covas en sitios nos que realmente non bate o mar con bravura?. Preguntas, preguntas, soamente preguntas!
Segundo o número de covas que vemos, a poboación de mariñeiros e familias tiña que ser bastante grande, ¿sobre cantos?, ¿douscentos... trescentos?
Sería cousa de que patrimonio ou autoridade competente fixera algunhas catas estratigráficas de materiais das partes profundas das covas e dos sedimentos frontais destas covas que temos á vista, pois poderían sorprendernos os achádegos que atopáramos, posto que no Neolítico da península ibérica as cerámicas con decoración impresa, atópanse fundamentalmente en covas situadas nos arredores da costa, e esta é unha costa privilexiada para todo tipo de descubrimentos históricos e prehistóricos, e non está practicamente nada estudiado. Pero xa os estou oíndo: ¡Pancho, non hai presuposto asignado para estas cousas!. ¡Pois iso... xa mo parecía, pero algo haberá que facer!
Feliz día do Carme a tódolos mariñeiros e familias, así como, a todos aqueles que se sinten marineros atraídos por ese inmenso mar océano que tantos secretos nos garda.
--
1.Hernández Pacheco, Isidoro Asensio, 1963
2.Monografía Nº6, Louselas, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, 2014.
3.Ibidem, p.13
4.Nueva Larousse P 45, volume 29, páx. 8897.
5.Debuxo a man alzada, máis menos a escala, sacado do magnífico traballo: “Desdobramento da Ponte dos Santos”, feito por Martín González Vilaseca e Katia Goyos Alonso, para a Feira da Ciencia do IES Porta da Auga de Ribadeo, Abril 2009.

20190709

Programa do Ribadeo Indiano 2019

Remato de recibir a circular 'oficial':

O programa do VI Ribadeo Indiano preséntase cunha variedade de eventos que deron comezo coas antevésperas e as vésperas. Este sábado, 6 de xullo, iniciase un ciclo de cine cubano que se desenvolverá ata o vindeiro martes, día 9.

Este ciclo cinematográfico será presentado este sábado polo Cónsul da República de Cuba en Galicia, Ángel Torres Jaime, e as proxeccións serán no Teatro de Ribadeo, ás 23:00 horas o sábado e domingo, e ás 21:00 horas o luns e martes. Habanastation, Clandestinos, Un hombre de éxito e Fresa y chocolate son os filmes que se proxectarán.

O venres, 12 de xullo, ás 19:00 horas no Teatro celebrarase a presentación do VI Ribadeo Indiano que correrá a cargo do alcalde, Fernando Suárez; o Cónsul da República de Cuba en Galicia, Ángel Torres; o Cronista Oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez; e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte. Ás 19:15 horas terá lugar o pregón que ofrecerá o arquitecto ribadense, que é un grande coñecedor da construción civil indiana, Ernesto Cruzado Estévez.

Tamén o venres ás 19:45 horas os internacionalmente recoñecidos músicos do Grupo Compay Segundo ofrecerán a representación musical De ida e volta e ás 20:00 horas será a tradicional baixada ao porto de Porcillán. No peirao haberá actuacións teatrais e musicais e a música volverá soar no quiosco do Parque de San Francisco ás 22:30 horas coa actuación do grupo Habana Café e ás 00:00 horas co grupo A lo cubano.

O sábado 13 entre as 10:30 e as 11:30 horas na Sala de Exposicións do Parque de San Francisco terá lugar a recepción dos/as artistas participantes no Certame Benéfico de Pintura ao aire libre Ribadeo Indiano. Ás 11:00 horas, no barrio de San Roque, procederase á apertura do Mercado de Produtos de Ultramar; e ás 12:00 horas, na praza de abastos recibirase aos luxosos coches de época, que por segundo ano consecutivo chegarán a Ribadeo.

Ademais o sábado ás 20:30 horas celebrarase o tradicional Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana Ría de Ribadeo no que actuarán xunto á Coral Polifónica de Ribadeo a Agrupación Polifónica Centro Asturiano de Avilés e a Coral Polifónica Airiños da Capela de Ferrol.

O domingo, 14 de xullo, ás 10:00 horas na praza de abastos celebrarase o Mercado da Horta dos Domingos. E ás 12:30 horas no barrio de San Roque haberá unha exhibición de vehículos clásicos. Ademais ás 13:00 hora, dará comezo a subasta benéfica dos cadros do Certame de Pintura ao aire libre. Os ingresos recadados irán destinados ao hospital Hijas de Galicia da Habana. Ás 14:00 horas no Círculo Habanero da Devesa, celebrarase o popular xantar campestre, ao que precederán e seguirán varias actuacións musicais, un paseo cultural e unha mostra de dominó.

O broche de ouro a esta VI edición do Ribadeo Indiano poñerao o Grupo Compay Segundo-La Leyenda del Chan Chan coa actuación que ofrecerá a partir das 20:30 horas no barrio de San Roque.
Finalmente ás 22:00 horas no mesmo escenario terá lugar o sorteo presencial da viaxe a Cuba para dúas persoas cuxas rifas se reparten desde hoxe, día 4, nos establecementos comerciais e hostaleiros que se adheriron a esta campaña.

Asociacionismo e cultura (a modo de II)

Co fondo da mesa redonda 'O libro como ferramenta: asociacionismo e cultura' mantida dentro das actividades da feira do libro de Ribadeo, ‘Letras no Campo’, edición de 2019, deixo algunha reflexión propia misturada con a experiencia de edición da AVV O Tesón (Ribadeo no tempo, a través das imaxes -outro Ribadeo foi posible-, Sobre os castros de Ribadeo, Ría de Ribadeo -cartas-, In memoriam: José María Rodríguez Díaz):
Dende a asociación, sempre consideramos a cultura como unha faceta importante para guiar o desenvolvemento de actividades, inseparable de calquera outra a realizar para atopar e dar a coñecer a historia e o ser de Ribadeo. Dinamizar socialmente ten tamén unha dimensión de dinamismo cultural; sen ela, o proxecto esgótase.
Dentro do activismo cultural da nosa sociedade, a edición de libros tivo un lugar importante ata o momento. Mais, en calquera caso, todas as edicións foron deficitarias: tratouse sempre de aproveitar os cartos para levar adiante unha actividade na que críamos, cunha distribución mixta, a socios e librerías, procurando así non deixar cerrada a actividade ós socios, senón abríndoa a toda a sociedade. Algo que non evitou o déficit económico.
Na actualidade, o ISBN, necesario para defender a publicación cobrando, xa ten un custe derivado de ter pasado a unha entidade privada a súa xestión. Un custo non só económico directo, senón de estruturación das asociacións como empresas, complicándolles a vida e empurrándoas cara á perda do seu sentido asociativo, á ilegalidade ou á inactividade.
O anterior é só unha faceta da mercantilización da cultura, na que as asociacións moitas veces non sabemos movernos, pode que sinxelamente porque sexamos reacias a movernos nun sistema que vemos perxudicial para o noso propio sentido de ser.
Tamén significa un choque redundante, cultural, no que as verbas substitúen o seu significado ou aparecen novos fenómenos que nomear, e o apelido ‘cultural’ sinxelamente, perde o seu sentido. Por exemplo, as asociacións de veciños como a nosa teñen que convivir en maior ou menor grao coa xentrificación. O seu significado ven sendo primar as cousas con cartos para a súa conversión en máis cartos, e iso, de diversos xeitos, implica que a xente pase a ser secundaria, substituíble, que se poda largar fóra. Parar isa tendencia pasa entre outras cousas, por recuperar o termo humanizar, secuestrado para significar inversión no espazo urbano que pode facer máis agradable ese espazo ‘á humanidade’. Agora ben, os veciños inmediatos do lugar son ‘a humanidade’ á que debera aproveitar en primeiro lugar, e cando se pon en xenérico ‘a humanidade’, non é así, e vense desprazados, como ocorre en numerosos lugares. Logo ‘humanizar’ ten que ser outra cousa...
En fin, reflexións deslavazadas que poden -deben?- continuarse sobre un asociacionismo que en xeral non está nos mellores momentos, copado por xente xa maior e con déficit de xente nova e de esperanzas no futuro. Si hai asociacións, cada vez máis, deportivas, ou adicadas a unha actividade concreta, aínda que moitas sexan só un grupo de amigos unidos por unha certa costume que as mantén un tempo ata que comezan a decaír no seu ciclo vital. E hai asociacións culturais que están pasando por bós momentos. Mais, en xeral, os problemas, os atrancos institucionais e a inacción superpóñense, necesitando un cambio de modelo. Para cal, sen perder o seu obxecto e o seu esprito?

20190708

O libro como ferramenta: asociacionismo e cultura

Onte tivo lugar a mesa redonda "O libro como ferramenta: asociacionismo e cultura", celebrada na antiga oficna de turismo dentro dos actos da feira do libro 2019, en Ribadeo, 'Letras no campo'. Nela participamos Neves Paz como coordinaodra, e a representante da A.C. Francisco Lanza, Dores García Abel, do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, de Os Aventados, Pablo Mosquera Mata, e de O Tesón, Antonio Gregorio Montes. Esa mesma orde foi a de constitución das diferentes sociedades, respectivamente, 1971, 1974, 1996 e 2003, pasando a falar en orde inverso diante dun escaso público, que si participou interactuando na rolda de preguntas, que tivo que ser rematada polo peche da feira.
A totalidade da mesa redonda está recollida nun episodio do podcast ribadeando, e é difícil de resumir, pois cada quen enfocou o tema de xeito moi diferente. Alí saiu a historia de diversas publicacións, os problemas da edición, en particular la actualidade, co sistema privado de ISBN e o empuxar ás asociacións a convertirse en empresas ou facelo fóra da lei, a mercantilización da cultura e a navegación das asociacións por tanto por un mundo no que non sabemos movernos, pode que porque non nos guste o sistema, o por que de abuso de temas que se querería deixar, a existencia de catro cronistas na Mariña e a súa relación coa cultura, a poboación envellecida que vai mermando, a reclamación de actuación das institucións, a asunción dos cambios legais por parte das asociacións, as subvencións e a súa implicación, a distribución das publicacións, a petición de achegamento institucinal á Mariña, ... e moitos outros temas, entre a desilusión e a emoción, mais tratados con serenidade.

Reflexións posteriores.

20190707

En defensa das pensións públicas

Onte houbo manifestación. Non só concentración. Preto de 100 persoas recorrimos as rúas de Ribadeo, dende o concello a San Roque, e logo o mercado e volta ó concello por San Francisco. Polo medio, algunha xente escondéndose, outra incorporándose, outra mesmo burlándose do avance pacífico dos manifestantes. A mentalidade da xente varía moito, e a labor por facer é moita, así como a desinformación e o medo (a que, preguntarase alguén...). Algo histórico, por outra parte, algo que vai cambiando moi lento.
Pero mentres, como se coreou por momentos, as pensións deféndense goberne quen goberne, tendo en conta que non pai pan para tanto chourizo.
O final da manifestación enfilando San Francisco:


20190706

Mosquiñas no Indiano

Adxunto o artigo de Evaristo Lombardero que hoxe mesmo sae en La Comarca del Eo, a conto dos 'mosquitos' denunciados pola hostalería a Acisa e ó Concello, de este a Portos, de Portos ós madeiristas...

Ao fío do chegada masiva de mosquiñas, presuntamente a través do porto de Figueirúa, faremos algúns comentarios históricos e actuais.En primeiro lugar lembrar que a Ría de Ribadeo foi declarada Zona de Especial Protección de Aves o día 21 de Novembro de 1988 e como tal, por aplicación da lexislación vixente debera terse redactado un PORNA (Plan de ordenación dos recursos naturais), pero ningún grupo político no ámeto municipal, galego ou estatal prantexou nunca algunha proposta neste senso, como tampouco os deputados autonómicos, nen os representantes na deputación provincial. Nas recentes eleccións municipais o noso grupo prantexou a necesidade de iniciar xestións nese camiño, pero como é sabido non conquerimos representación na nova corporación.
A redacción de un PORNA levaría aparellado un proxecto económico (entre outros moitos temas) para as diferentes actividades na Ría de Ribadeo, entre elas o Porto Comercial de Figueirúa.
No ano 1991 iniciouse a construcción da escollera, pero non se redactou un Estudo de Impacto Ambiental, incumprindo a lexislación ca disculpa de que era “unha ampliación dun porto xa existente” e chamándolle ao porto deportivo “Puerto de Embarcaciones Menores", unha figura administrativa inexistente, porque a normativa de Impacto Ambiental obrigaba literalmente a realizar este estudo nos portos deportivos. Tampouco se fixo o Estudo de Dinámica Litoral que esixía a Lei de Costas e só o deputado de UG Domingo Merino apoiou unha reivindicación tan sinxela como o simple cumplimento da lexislación vixente. No Parlamento Galego e no concello de Ribadeo o BNG e o PP fixeron un tándem aplastante para que non saise adiante nengún prantexamento ou debate alternativo. Na propaganda daqueles tempos xogaba un papel destacado a mensaxe de que “xa non se iban necesitar mais dragados”, sen comentarios.
Nos anos seguintes a Plataforma Pola Defensa da Ria de Ribadeo mantivo unha certa actividade, que tamén coincidiu en varias ocasións ca AVV O Tesón. Con distintos motivos publicáronse artigos demandando un Plan Estratéxico para o Porto de Figueirúa e unha Estación de Transferencia e depósito de Mercadorías, pensando fundamentalmente na madeira, nalgúnha zona próxima ao porto e á estrada de circunvalación (en proxecto ou en obras). Folga suliñar que nengún grupo político municipal nen nengún deputado se fixo eco desta proposta nen cousa semellante. Anque recentemente o noso grupo volveuna a prantexar cara ás eleccións municipais.
No ano 2001, concretamente o 26 de Agosto, celebrouse unha manifestación en Ribadeo para protestar polo proxecto de recheo de 8000 metros cadrados na dársena do Porto de Figueirúa. Tampouco se fixo estudo de dinámica litoral e dado que no goberno municipal estaba o PP, algúns membros da oposición deixáronse caer pola manifestación sen dar outros apoios máis consistentes a nivel galego ou estatal. Fíxose o recheo e dúas naves mais. Ninguén prantexou o mais mínimo análise ou debate sobre os pros e contras destas actividades sen nengún tipo de rigor, sen proxectos estratéxicos, sen debates públicos e gastando os cartos tontamente. A Plataforma e o Tesón non puideron facer outras cousa que manifestarse unha vez máis.
Polo medio dragados na ría, deterioro medio ambiental, degradación económica, ensanchamento das cepas da ponte contravindo a lexislación de impacto e a resolución correspondente e silencio absoluto das autoridades e ribadenses distinguidos. En fin, xestión medioambiental nula e imaxen pésima cara ao gran evento do ano.
Evaristo Lombardero

Inauguración de Letras no Campo 2019

A Feira do libro de Ribadeo, Letras no Campo, xa está aberta. Foi onte cando Olalla Cociña pregoou as letras a quen a quixo escoitar. E, se ti queres, podes escoitar o pregón de Olalla e a presentación do alcalde agora no podcast Ribadeando, ou descargar o audio para escoitar onde e cando queiras.


20190704

O audio do pleno (20190704)

Coido que foi un pleno moi didáctico, para introducir ós novos concelleiros no mecanismo dos plenos, xa que poucos tiñan aparecido con anterioridade nun número abondante de ocasións.
A convocatoria era clara. O pleno tamén o foi, aclarando algunha das novas de prensa anteriores ó mesmo.
Acceso ó podcast do pleno do concello de Ribadeo de 4 de xullo de 2019.

O pleno de hoxe, en poucas verbas

O primeiro, a convocatoria:
E logo, os comentarios:
Collo a convocatoria das notas do concello, onde esta vez foi publicado co comentario para a prensa. A nota de prensa ten como anexo a convocatoria do pleno, e como ilustración, a foto do grupo BNG:
O alcalde (liberado, 2390 euros líquidos ao mes, por 14 pagas, no centro) vese acompañado dos seus concelleiros afíns, Mari Luz Álvarez Lastra (que hoxe será delegada de Igualdade, Ensino é Mocidade, e primeira tenente alcalde, á nosa dereita do alcalde); Pablo Vizoso Galdo (Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, segundo tenente de alcalde, á súa dereita); Mónica Freire Rancaño (Servizos Sociais e Obras, terceira tenente de alcalde, á nosa esquerda do alcalde); Jesús Mundiña Acebo (Medio Rural, xusto baixo o Marqués); María del Pilar Otero Cabarcos (Cultura e Consumo, cuarta tenente de alcalde, primeira muller á nosa esquerda); Jorge Díaz Freije (á nosa esquerda, Medio Ambiente e Deportes, liberado con 1739 euros líquidos por 14 pagas)
A xunta de Goberno constituirana o alcalde máis Mari Luz Álvarez Lastra, Pablo Vizoso, Mónica Freire e Pilar Otero


Nós seguimos a ser emigrantes

Nós tamén fomos emigrantes. Ese é o título da exposición inaugurada o outro día na oficina de turismo. Fotos de axencia que recorren a emigración española dende 1941, ano no que se enviaron traballadores ás fábricas alemás en plena guerra mundial, ata finais da ditadura.
Coido que hai un pouco desorde na presentación, mais pode seguirse ben. Unha foto da igrexa pedindo para os emigrados, cando eran os emigrados os que estaban enviando partidas de cartos que repercutían en España, chámame a atención. Ou que se presenten como emigrantes sen máis os de 1941 cedidos por Franco a Hitler (coido que non se debe dicir por España a Alemaña) en viaxes organizados polo goberno, recibidos nas fábricas tamén de xeito organizado e con saúdo fascista, e logo escamoteados pola ditadura para non afear o historial.
Pero máis que o que comento arriba e outras cousas parellas, chámanme a atención dúas cousas.
A primeira, o propio título, 'Nós tamén fomos emigrantes', como se na actualidade os nosos fillos non estiveran polo mundo adiante como emigrados, como se tivera sido cousa doutra época, como se houbera que recurrir ó folclore da emigración para pedir un pouco de piedade para os inmigrantes. A mentalidade que se foi tentando construír dende as alturas é así, e así se presentan hoxe moitos casos que teñen dificultade en distinguir entre emigración e inmigración, dúas palabras simétricas cun significado nas frases que é moi diferente.
A segunda, na nota do concello, a foto que reproduzo.
Certamente, o alcalde naceu na emigración, pero coido que a foto como tal, para remarcar un tema sensible como a emigración, non é afortunada. Nin aínda que sexa a presentación da exposición o pistoletazo de saída para o Ribadeo Indiano, perdendo un contrapunto á idea que se espalla no R.I. de emigración = éxito, ou da presentación da emigración como unha constante en Galicia dende hai tempo, e ben máis par acó da época dos indianos.

20190703

Cidade Horizontal. Pablo Mosquera

Nos comezos do século XX a provincia de Lugo ten aduana de primeira categoría en Ribadeo, un magnífico caserón abandonado en canto ao uso. Contaba ademáis tal cidade cos consulados da República Arxentina, Austria, Francia, Inglaterra, Portugal, Rusia, Suecia, Noruega e A República Oriental do Uruguai.
A Galicia do norte Cantábrico tivo aos cataláns como emprendedores. Aí están eses caseróns que foron fábricas de salgadura para sardiña e despois conserveras. Algo temos en común galegos e cataláns. Os nosos devanceiros xudeus. A nosa vocación pola mar. O noso sentido de patria pequena que vén dado polo amor á terra da que somos fillos.
En Ribadeo comeza a Galicia de hoxe. A que chega ata a desembocadura do pai Miño. Ese porto natural na ría á que dá nacemento o Eo, sempre con vocación comercial. De aí nace o espírito de home de acción do Ilustrado Ibáñez, precursor da cerámica que no século XIX leva o nome de Sargadelos.
Por iso non é de estrañar que un Barcelonés, como José Ramón Leal abrirase camiño na cidade do Viejo Pancho. Ademais hai raíces galegas que imprimen carácter, neste caso da Terra Chá, a mesma que lle deu vida ao noso, inesquecible Manuel María, quen desde a Vila Mariñeira de Foz, creou fermosos versos -Galicia e a terra o mar e o vento-. Esa terra mesturada con auga e lume que dá vida ás fermosas pezas de cerámica para un comercio con nome máxico: Terra Branca. Unha galería de arte. Un escaparate con vida. Un lugar multidisciplinar para a cultura.
Tanto Sito Otero Regal como José Ramón Leal, necesitan regresar continuamente a Barcelona, a cidade que desde O Tibidabo baixa polas rúas do ensanche creado por Cerdá, camiño da Mar, ben polas Ramblas ou ben polo Paseo de Gracia. Como Ribadeo o fai desde a súa Atalaia cara a Porcillán. Nos seus regresos poñen en marcha unha das mellores ferramentas do ser humano: curiosidade mesturada con sensibilidade.
O resultado, a elegancia, o deseño, a artesanía, o bo gusto, para compartir con xentes que se espertan mirando ao Levante, onde sae o sol -polo Cabo de Creus, e dormen coa maxia do Ara Solis en Fisterra, polo oeste.
O mellor que se pode dicir é: "A mestura de culturas mariñas tróuxonos o encanto dunha pequena tenda que é unha galería de arte".

Esta tarde, gravación


Esta tarde de mércores, fronte ó cantón, entre 4 e 7 ('ou así'), un equipo de Adivina produccións fará unha gravación en Ribadeo. Imaxes virtuais e entorno real para un programa sobre a Mariña dunha serie para descubrir Galicia, para a TVG. Unha empresa pequena que ten a web http://www.adivina.com.
Curiosidade? Pois xa sabes.

20190701

Galipedia lanza o concurso 'Wiki loves Parroquias'

Wikipedia lanza o concurso 'Wiki loves Parroquias', consistente basicamente en aportar á Wikipedia fotos de parroquias galegas que aínda non teñan.
O cartel: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Wiki_Loves_Parroquias_p%C3%B3ster_2019.png
As parroquias de Lugo que aínda non teñen foto pódense atopar aquí: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Fotos_parroquias_Lugo.svg
(a data 1/7, e en formato .jpg:)


As bases do concurso están aquí: https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wiki_Loves_Parroquias

Nota: As imaxes están sacadas das bases do concurso.

Este sábado, a máis de concentración, manifestación polas pensións en Ribadeo

Xa pasou tempo dende o 23 de febreiro do ano pasado, no que daba conta por primeira vez no blog dunha concentración polas pensións en Ribadeo. Abondo máis pequena que a última.
Agora, á manifestación únese á concentración. Coido que queda claro o recorrido: do concello ó concello pasando polo centro do pobo. E ti, tes clara a túa asistencia?
Máis en pensións / Ribadeo

Feira do libro Ribadeo 2019: Letras no campo

Axustar que o domingo, na mesa redonda, estaremos Pablo Mosquera, da Asociación Cultural Os Aventados, Dores Abel, da A.C. Paco Lanza, alguén representando a A Pomba do Arco e Antonio Gregorio pola AVV O Tesón.


A feira do libro, na nota do concello.
Posterior:
Inauguración.

Cidade horizontal. Pablo Mosquera

Cidade horizontal.

O BOE do 25 de xuño de 2002 publica o Real Decreto 591/2002 de 24 de xuño, polo que se concede o título de Marqués da Ría de Ribadeo, con Grandeza de España, a Don Leopoldo Calvo-Sotelo e Bustelo. Os seus restos mortais repousan desde o 5 de maio do 2008 no cemiterio de Ribadeo, de onde era a súa nai. Debemos lembrar que Calvo-Sotelo non perdoaba as súas vacacións estivais en Ribadeo e as súas singraduras no seu bote -Juanín- de vela latina ata Augas Santas, debéndose a el e á súa familia a celebridade que adquiriu tal areal.

Estar en Ribadeo é lembrarme dos médicos amigos. Manolo Moreda que foi compañeiro de bachillerato e posteriormente reencontrámonos en Madrid. O seu pai Xusto Moreda era un magnífico cirurxán que xunto a Cabanela en Mondoñedo, dispuxeron daqueles sanatorios cirúrxicos onde se atendían cadros graves, evitando as terribles condicións terrestres para chegar ata Lugo. Por certo. A miña sorpresa foi mayúscula. Somos requiridos tres Mosquera. Inspectores Médicos e Directores de Hospitais, polo INP central en Madrid. Pregúntasenos se é necesario construír o Hospital da Costa. Evidente que coincidimos os tres. Era necesario e urxente. Pero tiñan serias dúbidas, xa que un ilustre galeno da Mariña -veraneante- con altos cargos en Lugo, afirmaba que cos sanatorios lucenses era máis que suficiente, a máis diso manter o costume para acudir á cidade das Murallas para que fosen atendidos todos os asuntos e moi en especial aqueles relacionados coa saúde.
Os Moreda foron os sucesores daqueles galenos que exercían a ciencia e arte en 1900. Amado Pérez, Marcelino Vior, José Díaz, Manuel Branco, Antonio Fernández, Modesto Lage e Juan do Rego.
Na cidade que dá nome a Ría onde se atopan a mar e o río que nace en Fonteo e separa Galicia do Occidente de Asturias, chaman a atención dous edificios moi próximos un do outro. O primeiro, Pazo do Marqués de Sargadelos e Conde de Orbaiceta, na actualidade casa do Concello; e a Torre dos Moreno. Unha casa de Indianos construída en 1915 e que representa o éxito duns emigrantes ao Novo Mundo.
Todos os anos coa chegada do verán Ribadeo viste aos seus veciños e visitantes con aquelas elegantes roupas de liño branco con chapeus e pamelas, que recordan tempos de emigración alén do mundo. Un amigo, na sobremesa de tal efeméride, sorpréndeme cunha fermosa e romántica teoría. "Os emigrantes eran como aqueles cabaleiros que se puxeron a buscar o Santo Grial, e cuxos segredos desvela Joseph Campbell -investigador estadounidense- na súa Historia do Grial". "Aos galegos e astures chegoulles o mito de como facerse rico e cambiar o destino, razóns para emprender a viaxe. Algúns o conseguen e déixannos a pegada do seu éxito. Outros quedan no anonimato ou nesas longas listas de pasaxeiros para aqueles barcos nos que a travesía facíase interminable, entre o hacinamiento e o temor ao descoñecido".