20190624

Toma de posesión do alcalde de Ribadeo: lembranza de programa e discurso

Mediados de xuño de 2019. Recentes as eleccións municipais, o sábado 15, toma de posesión de Fernando Suárez Barcia como Alcalde de Ribadeo.
Para quen non estivo no acto, que sempre tenta ser emotivo, algunha lembranza no blog, xa pasados días para reflexión. En primeiro lugar, lembrar que o programa do partido que conseguiu maioría absoluta, o BNG, e ó que polo tanto pertence ó alcalde, está colgado en internet, xunto cos do resto, e polo tanto, pode facerse un seguemento ou -xa- unha comparativa co discurso de investidura En segundo lugar, o discurso do alcalde na investidura. En terceiro lugar... iremos desenvolvendo o tema ó longo de 4 anos de mandato: ha haber lugar.
Foto de gl.wikipedia.org, Lic.Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 España
O discurso:
"Veciñas e veciños:
Outra volta elixístesme para alcalde de Ribadeo, e van catro. Unha inmensa responsabilidade á que non podo responder con simple continuidade. Queredes seguir connosco como responsables politicos desta Porta Norte de Galiza e iso é un grande agasallo. Unha chea de confianza. Son consciente desa confianza, pero tamén desa responsabilidade e pregúntome por que. (E penso que esta é unha pregunta obrigada).
A democracia expresa a vontade colectiva da xente nas eleccións. O que queredes. A vontade popular. Esa é a vontade xeral á que debemos responder nos vindeiros catro anos como intentamos atender até agora. Sen favoritismos nin arbitrariedades pero tamén sen “repunancias". Para iso vos pido a colaboración a todos e todas vós. Para que sigamos a facer un Ribadeo mellor.
Pregúntome por que nos votastes, por que me votastes tamén a min como cabeza de lista da nosa candidatura e véxome na obriga de buscar algunhas respostas:
- quizais pola nosa xestión política, pola honestidade, porque gobernamos para todos e todas, quen nos votastes e quen non. Sen favoritismos.
- quizais tamén pola nosa entrega, porque sabedes que estamos e estaremos volcados en Ribadeo.
- seguramente porque falamos con todas as persoas e atendemos a todas as persoas e valémoslles no que podemos e iso seguiremos facendo.
- porque o mellor para a maioría é o mellor para Ribadeo.
- e seguramente tamén porque non nos calamos diante de nada nin de ninguén se vemos que se cometen tropelías con Ribadeo e que a nosa xente se poida ver privada de lexítimas obras ou servizos soamente porque aquí decida votar un gobemo que, quizais ás veces, non concorda co que haxa no País ou no Estado.
E indo do máis pragmático e cotiá ao máis politico:
-Porque somos e seguiremos sendo -porque vos o queredes así- un facho do galeguismo en Galicia. O faro da Porta Norte.
-Porque nos identificamos con todo o Mundo, sabendo que este país é tan grande que chega a todas as partes e non ten fronteiras.
-Porque asumimos o legado dos homes e mulleres que hai máis de 100 anos quixeron construir unha Galicia moderna no Mundo e nos seguimolo facendo dia a día en Ribadeo... e iso ben que o aprezades... e ben que vos gusta a vos e a nós.
-Porque o orgullo de ser non rifa co de facer.
-Porque aquí, en Ribadeo, todos temos os pés na terra e a cabeza no mundo. E iso queremos tamén para a Galicia do futuro.
Hoxe toca agradecer aos que axudaron a deixar o listón tan alto como está. A aqueles que estiveron neste pasado goberno, e nos anteriores. Xente que deu o mellor de si durante uns anos da súa vida, seguramente da parte vital máis significativa, polo esforzo que lles puido supoñer conciliar a súa vida, as súas profesións (os que non estiveron liberados) para entregarse á xestión da res pública unha chea de tempo. Falo de Ana, de Farruco, de David, de Sonia ou de Vanesa, ou de Paz. E tamén falo daqueloutras persoas, coma Vicente, que estando liberado neste caso, fixo do Concello a súa casa polas mañás, polas tardes e por moitas, moitas noites.
Pero hoxe toca tamén propoñer futuro: de entrada para os vindeiros catro anos. Toca pensar en Ribadeo, na bisbarra, na provincia e tamén en Galiza enteira.
Somos modélicos en moitas cousas e mesmo somos quen de exportalas: aguantamos a especulación nos peores anos da burbulla e hoxe podemos presumir de vila e de paisaxes, e somos unha referencia.
Espantamos as malas artes da política e tamén a dereitización extremista que tanto asusta ultimamente. Ese extremismo que quere reducir as nosas conquistas democráticas e sociais en todo o Estado, mesmo en toda Europa, pero non aquí.
Non somos unha aldea gala de Asterix, xa superamos iso... somos unha Vila e un Concello forte como sempre fomos, estendida en parroquias e lugares que nos identifican e nos dan afouteza.
Agora debemos pensar en que facer no futuro:
-1) Somos dende sempre capital comercial, de ocio e agora tamén turística. Logramos manter esa posición con moita competencia; axúdanos estar onde estamos: no centro dunha ampla bisbarra que vai de Viveiro a Luarca e baixa até A Fonsagrada, pero axudou máis ainda o que fixemos e seguiremos facendo: cooperando e traballando con guen sexa necesario a prol de Ribadeo. Esa capital comercial, de ocio e turística é unha fonte de riqueza ben aproveitada e foi mellorada por nós con intelixencia, fose mellorando e coidando a ribeira da Ría de Ribadeo, as Augasantas e Carricelas (As Catedrais) ou creando a exitosa, participativa e modélica festa do Ribadeo Indiano.
Esa capitalidade é unha fonte de riqueza que debemos coidar, evitar destruir e exemplos temos dabondo ben pertiño de aqui ou moi lonxe (Venezia contaminada, afundida e "atacada" polos cruceiros ou o Everest -atascos e Iixo-...) do que non debemos facer.
Ocuparémonos de planificar os coidados da nosa galiña dos ovos de ouro para que os siga poñendo... e para que siga sendo un luxo popular ser e vivir en Ribadeo.
Seguiremos impulsando un crecemento sostible, produtivo e non especulativo. Aprobado e vixente o moderno Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobaremos deseguido tanto o Plan Especial do Casco Vello como o de Ordenación do entorno das Catedrais porque en Ribadeo quixemos apostar por un modelo urbanístico que promova un crecemento sostible e sobre todo que aporte seguridade xurídica. Porque queremos que Ribadeo medre, pero que o faga con sentidiño. Igual que coas politicas de rehabilitación: Varios anos de política activa para lograr a rehabilitación de inmobles, calquera pode pasear hoxe polo noso casco vello e ver o cambiado que está, e o traballo que xerou para pequenas e medianas empresas especializadas na rehabilitación. Pero fai falta máis. Queda aínda moito por facer e impulsar desde o Concello. E farémolo!
-2) Seguiremos traballando duramente polas partes máis febles dunha sociedade. Os vellos e os novos.
Onte mesmo demos un paso de xigante ao inaugurar o funcionamento do novo Centro de Atención de Persoas Maiores de Ribadeo. Unha marabilla que naceu co reclamo do pobo ao que se lle achegou a atención da mellor política e da mellor técnica. A política que fixemos desde diferentes trincheiras, pero buscando o fin común de chegar a ver isto funcionando para honra dos nosos paisanos e paisanas.
Lográmolo. Agora tocará modernizar e actualizar o Hospital-Asilo. Ben xestionado como está, pero con carencias estruturais no edificio municipal polo que a día de hoxe, dista moito de ser un lugar cómodo para a xente maior. Deberemos tamén seguir achegando servizos sociais de proximidade aos fogares da xente maior que, seguramente, é onde prefiren estar.
E pola outra banda, polos novos. debemos e queremos empezar a sacarlle os seus froitos ao Planeamento Urbanístico aprobado hai ben pouco para poder empezar a dispoñer solo público para facer un novo espazo verde útil para todo o mundo, especialmente para a mocidade, e xunto a isto, un novo campo de herba sintética multifuncional.
Queremos comprometernos igualmente coa xente nova e coa práctica do deporte, porque xa fomos quen de facer de Ribadeo un punto de encontro deportivo, do fútbol ao surf e da vela ao atletismo, pasando por tantísimos outros. Pero queremos que Ribadeo siga a ser o Concello con maior oferta de escolas deportivas municipais de toda a Mariña. Seguiremos por tanto apoiando o deporte base para todos e para todas.
-3) Ribadeo como lugar de redistribución dos recursos entre a vila e o campo.
A atención por igual tanto á vila como ás distintas parroquias é un dos nosos sinais de identidade. Ben sexa polos plans de mellora de accesos a núcleos rurais, (falado e consensuado nas súas prioridades coas asociacións de veciños), como na organización de actividades (culturais, formativas ou doutra índole dentro das competencias dun Concello), levarannos a seguir impulsando politicas de reequilibro entre a Vila e o Campo, como se merecen.
-4) Economía e ecoloxia/medioambiente van xuntas no futuro e o futuro empeza agora xa en Ribadeo:
Non hai futuro sen unha economía produtiva e non hai economía de futuro sen respecto ao medio ambiente. Non é unha opción nin unha elección. É unha necesidade para a que nos temos que preparar xa.
Se queremos que os nosos fillos e fillas teñan futuro nesta parte de Europa xa podemos ir pensando en como lograr unha economía produtiva moderna e sustentable.
Fomos pioneiros en evitar incendios ao pé das casas e aplicar as normas para evitalos; normas que non cumpre nin quen as ditou.
Tamen seremos pioneiros e modélicos en conservar o territorio como un espazo produtivo e manexado... como sabe facer a nosa xente dende sempre:
prados para leite
terras para horta, froitas e flores..
montes para madeira...
Todas as novas actividades industriais non contaminantes e de futuro vinculadas a novas tecnoloxías, terán un camiño de instalación en Ribadeo e o seu polígono. Dialogaremos e convenceremos ao Ministerio de Fomento da necesidade dun plan para abaratar as parcelas del.
-5) Queremos facer de Ribadeo a Capital galega da produción orgánica e da alimentación sá. Hoxe esa capital -no Mundo- ven sendo Nova lorke que é para onde ollamos, sempre “mar por medio" e ao Oeste (agora que xa non imos lindar con Inglaterra por mor do Brexit); pero nós mellor ainda que Nova Iorke porque alén de vender e mercar para comer san, tamén podemos producir. Somos superiores. Sabemos producir para consumir... facer os alimentos que comemos... nas hortas de Vilaselán, Piñeira e nas de Vilela, en Ove e mais en Cedofeita, etc... Traballaremos para convencer á Xunta de Galicia de reactivar dunha vez as potencialidades que ofrece o complexo formativo da Escola Pedro Murias.
Temos que apoiar os proxectos de economía de base, desde o agro á industria, desde a horta ao leite, desde a artesanía á informática. O máis noso, o froito da nosa terra, combinado coas maneiras de traballar que permiten a conservación do entorno, en vez de destruílo.
-6) E claro que si, e todo isto con unha clara perspectiva de xénero, loitando sempre en favor da igualdade, con maiúsculas, entre as persoas. Volcados na revolución das mulleres, seguiremos sendo unha referencia no apoio ás súas iniciativas laborais, educativas e culturais, para que os pasos adiante dados na igualdade entre sexos non teñan volta atrás.
Traballaremos con este goberno que formaremos con Luz, Pablo, Suso, Mónica, Pilar e Jorge. Ainda que tamén nos gustaria traballar en acadar obxectivos comúns co resto da Corporación: con Daniel, Elisa, Begoña, Elena por unha banda e con Marta e con Francisco pola outra.
En definitiva, traballaremos por vós para que vos sintades orgullosos de nós, para ser dignos da vosa confianza. Traballaremos tendo presentes os versos de hai un século de Ramón Cabanillas do seu poema EN PÉ!:
...o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,...
Traballaremos meus veciños e miñas veciñas, para dar conta da afouteza de Ribadeo e da súa singularidade en Galiza, e desde Galiza para o mundo.
Tede por seguro que así o habemos facer.
Saúde, Terra e que viva Ribadeo."
 --

Ningún comentario: