20190501

Pensando no traballo no seu día: balsa de lodos de Alcoa

Hai un par de días, un amigo guioume polas beiras de Alcoa S. Cibrao a descubrir algúns lugares senlleiros. O, para min, máis significativo foi a balsa de lodos. Por varias razóns. A primeira, por tomar conciencia de que ó fin, 'iso' son residuos industriais tóxicos, en cantidades case inimaxinables. A segunda, por confrontar que se presentan algo así como un toma-daca a cambio de postos de traballo. Outra, por constatar como nestes momentos está claro un aumento de capacidade recente da balsa a base de aumentar a altura dos seus muros. E poderiamos continuar, pero non é necesario: xa abonda confusión levan consigo as razóns anteriores. Cada unha delas.
Aínda que non estiveramos nos arredores do un de maio, a 'festa do traballo', como se lle chama parece que para esquecer a súa orixe de loita e vidas perdidas, a confrontación postos de traballo-esixencia calqueira presentada como ineludible pola empresa correspondente, é un clásico. Sexa o eucalipto presentado como especie non invasora a cambio de postos de traballo (e cartos para as madereiras correspondentes), sexa, seguindo no mesmo sector, a prolongación da contaminación de ENCE en Pontevedra como 'mal menor' fronte ós postos de traballo que 'produce' (e os millóns de euros de ganancia da empresa), sexa no caso de Alcoa o rebaixe do prezo da electricidade, ou o desentenderse dos lodos acumulados na balsa, pois están en xogo postos de traballo (din que non é rentable senón...), sexa o que sexa, fronte a unha situación de oferta/demanda de traballo controlada polas empresas, os argumentos presentados pasan a ser o de menos.
No caso da balsa de lodos, a constatación de que o volume da balsa é limitado a pesar das ampliacións-parche feitas ou que se pretendan facer, implica unha consecuencia pra o traballo: de xeito independente a outras consideracións, como o prezo da enerxía, e a falta doutras alternativas na actualidade (como o uso dos lodos como materia prima noutros procesos), se non hai unha nova balsa de lodos, a empresa rematará en algo parello ó afogamento na súa propia merda. Vista a balsa, diría que un prazo de cinco anos só se conseguiría en base a incumprir máis medidas de seguridade na contención dos lodos. É dicir, isa sería duración da fábrica -con electricidade gratis-. Tomo nota de que máis importante que o prazo concreto de datos que poden ter un erro considerable, o número de anos, é o peche por unha limitación física, e de que nin estou a xulgar cousas como a toxicidade do material.
De calquera xeito, segue a estar claro que os postos de traballo serán empregados mentres dure a fábrica para obter vantaxes de todo tipo, mesmo nas contraprestacións da empresa a cambio do traballo, comezando polo soldo.
Si, e... alternativas? Evidente: as alternativas non saen da nada, e se son alternativas, son porque marcan diferencias claras co anterior. Véñenme a bote pronto dúas situacións que se poderían contrapoñer destes últimos anos. Unha a nivel estatal e outra lonxe, no estranxeiro. A primeira, o plan E, en plena crise do ladrillo, foi aproveitada polas institucións ás que ía dirixido, os concellos, para máis ladrillo, como o amaño de rúas. Algo que podía (ou non, segundo casos) ser necesario, pero que tiña como efecto inmediato o manter o sistema que contribuiu a crear a crise, basado na construcción (a máis de que nalgún caso, os cartos empregados na propaganda correspondente eran equiparables ós usados na mesma actuación prevista). A segunda, o paso de China de ser un país atrasado e agrícola a ser, nunha xeración, referencia mundial en comercio electrónico, telefonía móbil, superordenadores ou intelixencia artificial. É evidente que se seguiran facendo o mesmo, o cambio non tería tido lugar.
E ambos casos, dentro dun sistema, o capitalista, que está demostrado que está levando ó planeta e a nós a puntos límite en moitos campos, e que, como mínimo se non é substituído, terá que sufrir fortes cambios para poder sobrevivir. Pero eses cambios non van xurdir da nada: seremos nós quenes teremos que impulsalos como afectados. Mentres, en troques de seguir a defender cada un dos postos de traballo de xeito inmediato, afundíndonos máis nos brazos asfixiantes das condicións actuais, habería que poñer máis fincapé no conxunto, no reparto e nas condicións de vida de mañá e pasado mañá, que tamén van ser nosas.
Vista da balsa de lodos

Nota:
Datos (estimados) da balsa.
Medio millón de m2 de superficie.
Lonxitude da barreira principal: 900 m
Altura da barreira principal: 70 m
Volume ocupado na actualidade: 15 000 000  m3
Para facerse unha idea, unha cantidade cunha masa maior que toda a mercadoría embarcada en Mirasol en toda a súa historia.

Ningún comentario: