20190529

Eu non votei

En España, votar ou non é liberdade persoal. Non hai obriga, senón vontade. Iso permite a abstención. Abstención que chega a sobrepasar moito a maioría da poboación nalgunhas mesas electorais, e que fóra de España, nas Eleccións Europeas, tense achegado ó 80% no conxunto dalgún país.
Por que non votar? Está amosado que as zonas de alta abstención están asociadas a zonas con baixas perspectivas, é dicir, zonas nas que dalgún xeito voto non se asocia a un potencial poder. Está estudado a base de grandes números que vota menos a xente de baixo poder adquisitivo. E así, perfil a perfil, pode irse construíndo a imaxe dunha persoa abstencionista.
Pero, máis aló do perfil, e da consideración no imaxinario de que cada elección ten unha importancia diferente, asociada ó estar máis ou menos lonxe o poder da xente que se elixe, cada unha das persoas que non foi votar pode necesitar ter unha disculpa que lle de a coartada para non exercer un dereito asociado a un poder.
Para moitos, non foi coartada. Sinxelamente, non puideron, non lles deixaron ou non deron accedido ó voto, como a xente que está emigrada, que 'logrou' porcentaxes de participación por baixo do 10%.
Pera outra moita xente, o traballo por conta allea consideraron que non lles deu un respiro para unha ocasión de tentar defender eses dereitos que lles están machacando. Ou o traballo por conta propia. Ou, caso poñamos de transportistas, non pediron o voto a distancia e xurdiulles unha viaxe que os mantivo lonxe o día das votacións. Nalgures, nestas ou noutras eleccións, o motivo de moita xente para evitar o pasar por unhas urnas menos atractivas que a praia ou o campo foi un día soleado que desfrutar. E a casuística podería seguir case cunha causa por cada persoa, vistas desde fóra, máis ou menos 'xustificadas'.
Pero volvendo atrás, e penso que iso é a clave, hai que procurar a causa da abstención sobre todo en algo parello a: para que? Xente que non confía na democracia tal e como está proposta, e que ten razóns para non facelo á vista da corrupción e outras lacras, a máis da propaganda que potencia lanzar merda uns contra outros en troques de difundir uns logros polo xeral pouco traballados, escasos, que dan pouco de si. Xente que ve que a única arma que cren ter, o voto, é pedida cunhas promesas incumpridas dende a mesma noite electoral. Xente que se cre sen poder cando o poder emana da xente. Xente que non participa de xeito organizado porque a súa organización é sistemáticamente menosprezada ou destruída se non é integrada nun partido consolidado. Xente que esquece o poder da xente. En todos os casos, xente que ten o poder potencial e que algún día poder demostrar que o ten.

Ningún comentario: