20190411

A praia das Catedrais, atacada por quen tiña que protexela

Case mellor que un  novo escrito, unifico forzas e reproduzo a nota de prensa da Sociedade Galega de Historia Natural que se pode ver na súa web:

Segundo as novas e fotografías publicadas nos medios de comunicación, a Xunta de Galicia está a colocar sinais de perigo de desprendimentos directamente sobre as rochas nos cantís e covas da Praia das Catedrais, espazo declarado Monumento Natural e Zona de Especial Conservación.
A colocación de calquera tipo de cartel ou sinal directamente sobre o elemento que se trata de protexer – sexa éste unha rocha nunha zona de valor xeolóxico ou paisaxístico, un petróglifo, unha mámoa ou unha árbore senlleira – constitúe unha degradación e atentado do elemento do patrimonio natural ou cultural, así como un pésimo exemplo para a cidadanía por parte, precisamente, dun organismo oficial encargado da súa protección.
A acción de taladrar as rochas dos cantís para colocar os carteis constitúe “un deterioro das formacións xeolóxicas”. Polo tanto é unha actividade prohibida polo Artigo 8.2.a. do Plan de conservación do M.N. Praia das Catedrais (Decreto 80/2015):
“A destrución e deterioro das formacións xeolóxicas presentes no espazo, incluíndo a realización de pintadas ou gravados sobre as paredes dos acantilados e a substracción de materiais”.
Polo devandito, SGHN ven de solicitar á DX do Patrimonio Natural que se proceda de inmediato á retirada dos carteis instalados directamente sobre as rochas e cantís e á súa substitución por outros que respecten a normativa vixente no espazo natural

Ningún comentario: