20190331

O que non din sobre ALCOA. Pablo Mosquera Mata

Sei de certo que o que a continuación publico é "políticamente incorrecto" pero débome á miña conciencia de profesor de Saúde Pública na UPV.
O que non din sobre ALCOA
O diario nacional de máxima tirada en España, "El País", publicaba o 17 de marzo do 2010, un artigo titulado "Un estudo confirma contaminación por flúor preto de Alcoa". Nun radio de polo menos tres quilómetros a empresa con sé en Pensilvania e factoría aluminera entre San Ciprián e Xove, emitía partículas con alto contido en flúor. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) confirmaba o resultado dos estudos levados a cabo pola Universidade Compostelana. Pero non era a primeira vez nin a última. E é que o 9 de abril de 1979, hai unha reunión no Goberno Civil de Lugo coa asistencia de Eduardo Fernández Combarro, o Secretario Xeral, Delegado de Industria, Corporación Municipal de Xove, Confraría de pescadores de San Cibrao e altos cargos de Alúmina-Alumio, para poñer en funcionamento as medidas correctoras anticontaminación. É dicir, antes da inauguración da planta en 1980 hai preocupación e compromiso en relación aos cambios sobre o medio ambiente.
O que está escrito pode lerse e queda... En outubro de 1987 hai un movemento socio político en defensa da planta transformadora de aluminio ante a noticia da posta en marcha doutra planta no País Vasco, pero non se perdan o comunicado dos axentes sociais: "si Galicia soporta industrias altamente contaminantes como Aluminio Español, etc., debe terse a cambio algunha partida dos produtos obtidos nelas".
Máis recente, o 28 de xullo do pasado 2018, Ecologistas en Acción colocaron unha das súas 43 bandeiras negras ao Complexo de ALCOA POR CONTAMINACIÓN E MALA XESTIÓN AMBIENTAL. Por certo, non era a primeira vez que gañaban tal "galardón". Pero o publicado era "aglaiante": "Alcoa desfixo por completo unha zona costera de gran valor ecolóxico". "Os verquidos de sosa caústica están afectando á saúde das persoas e á contorna mariña". Avisábannos de algo que hoxe máis que nunca debería preocuparnos tanto ou máis que os custes energéticos da empresa: "o risco medioambiental que supón a acumulación de residuos tóxicos xerados no proceso de produción, lodos vermellos que se están acumulando nunha balsa de grandes dimensións".
Hai medo para dar argumentos que faciliten a deslocalización. Así se manifesta o médico Laureano López da coordinadora ecologista de Asturias, a mesma que recibe fotos de operarios de Alcoa con denuncias de irregularidades que impactan no medio ambiente, pero esixindo que non as fagan públicas por medo a perder o posto de traballo. Mentres tanto, convén lerse o informe realizado o pasado ano 2018, por vez primeira, polo Grupo Español do Cancro de Pulmón, formado por 463 expertos, e que debuxou por vez primeira o MAPA DO CANCRO DE PULMÓN EN ESPAÑA.
E agora, logo de todo o que nos deron entre traballo e contaminación integral -terra, mar e aire- din que se van e poñen como desculpa o prezo da enerxía, esa mesma que pagamos os fogares a prezos insostibles para o poder adquisitivo das xentes.



20190330

Hoxe foi o acto de nomeamento de Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. Vídeo

Ás 12 da mañá, só anunciado de xeito público onte por Ribadeando e hoxe nunha nota curta por El Progreso, tivo lugar o pleno de nomeamento de Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. O acordo tomouse no pleno do pasado día 13 de marzo, de xeito unánime, tal como aparece no vídeo.
A cerimonia tivo unha carga emotiva, máis que polo que se dixo polo sentemento conxunto dos alí presentes.
O título:
A convocatoria do pleno:
O vídeo do acto:

Entidades que pediron o nomeamento (por orde alfabética):
A Concordia
Acisa
Amarante-Setem
Asociación Cultural Ronqueta
Asociación Cultural Francisco Lanza
Asociación Cultural Tá en Artes
Asociación Filantrópico-Dramática
Asociación de Veciños A Atalaia
Asociación de Veciños O Tesón
CIFP Porta da Auga
Colectivo 8 de marzo
Colectivo Por Nuestro Faro
Colexio Sagrado Corazón de Xesús
Coral Polifónica de Ribadeo+
IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

20190329

Mañá ás 12, Suso Peña fillo predilecto de Ribadeo


Remato de enterarme de casualidade, pois aínda que supoño que estará anunciado, non vin os anuncios: mañá sábado 30 de marzo ás 12, nun acto no salón de plenos, Suso Peña será declarado fillo predilecto de Ribadeo como foi acordado no último pleno. É de supoñer que está invitada calquera persoa que queira honrar a Suso.

20190328

Casa da Ría e Eleccións (locais)

 Casa da Ría de Ribadeo
Comezan as imprecisións (imos comezar por verbas suaves aínda que non sexan exactas) para facerse oco na campaña local cara as eleccións de dentro de dous meses, eleccións locais de maio de 2019.
O de 'comezan' é un dicir, pois de diferentes xeitos xa levan tempo rondando diversas novas, informacións, notas de prensa, etc que constitúen exemplos de precampaña ou mesmo campaña contínua.
Pero voltemos ó título. Agora (hoxe, xoves 28 de marzo, no xornal) di o PP de Ribadeo que eles van a usar o telescopio da Casa da Ría. Noutro momento, con seguridade veremos outras afirmacións de grupos variados (algunhas xa se produciron) pero hoxe, tocoulle a esta, non por ser especialmente importante, senón por estar no lugar e momento oportunos para poder tomar algunha nota.
En primeiro lugar, habería que formular ben a idea da que se trata. É dicir, que (supoño) se propoñen activar o observatorio, promover o uso do telescopio, actuar para que funcione... pero iso sería algo así como facer unha emenda á totalidade, pois non se trata de que (eles) o usen.
Evidentemente hai un fondo na cuestión: nestes momentos, hai un edificio desaproveitado e mal mantido. E diversos puntos nos que se podería incidir (e que non saíron na nova que vin) como as lembranzas dos sucesivos fallos do peche da cúpula e o seu por que, a existencia dun avispeiro entre a contra e o cristal dunha das fiestras do edificio (e o seu por que) ou o medre de árbores da terraza (e tamén o seu por que).
A máis, non se ten en conta algo necesario para clarificar o debate: o telescopio non é do concello. É dunha asociación, Xerfa, que ten un convenio co concello, aínda que agora tampouco esteña en condicións de facer que o concello cumpra coa súa parte.
Lembrando algunha cousa de cando Xerfa tiña máis actividade, negóuselle por parte da Asociación Puente de los Santos unha subvención para modernizar o telescopio e dar un impulso ó seu uso. O motivo que se barallou na xuntanza correspondente da directiva (na que entre o concello de Ribadeo e o de Castropol tiñan o 50% dos votos), segundo trascendeu, foi que a asociación tería que contratar unha persoa para estar alí e manter unha actividade de xeito continuado. Para unha asociación cunltural que nunca tivo ninguén a soldo nin cartos para telo, que organizaba actividades gratuítas, coido que é moito pedir. E máis aínda por parte unha entidade encabezada polo concello e que xestionaba os cartos do plan Leader, e que invertiu nalgún caso abondos miles de euros nun negocio con ánimo de lucro sen producir nin o primeiro e con abandono dos medios de produción (véxase o sucedido con Un puente a tu salud 2.0)
Por outra banda, xa en lugares como o programa de UPRI no 2007 aparecía algo abondo mellor artellado nunha soa frase (ver punto 2 de 'educación e cultura').
Non é unha desculpa, senón unha constatación, que o convenio non funciona dende hai tempo. Pero existe. Polo tanto, que un partido fale sen telo en conta é falar sen base. En principio, o que habería que facer sería poñerse en contacto con esa asociación para estudar a situación e reconducir o uso do espazo. Ou sexa, falar en serio, con resultado de propostas e papeis, antes de dar que falar nos medios e fóra deles para a galería.
-
Sobre a Casa da Ría no blog.

20190326

Verquidos: ate a próxima


Si, xa o sei: o dos verquidos tocaba hai un mes, non agora.
Pero diso se trata, os verquidos volverán a ser actualidade cando nos volte afectar de xeito directo. E mentres? Non habería que ir loitando para que non volvera ocorrer? Porque denuncias, habelas, hainas, reproches, tamén, pero solucións, iso de 'problema resolto', coido que non. Ou é que me perdín algo?
Así, no próximo episodio voltaremos ás andadas de paso que tamén voltramos a sufrir o episodio.
Coido que se se puxo algunha solución, debera ser algo público e verificable. Que se as denuncias non teñen visos de veracidade, deberan tamén ter ter o mesmo tratamento: desmentido con datos e verificable. E, noutro caso, se 'non hai total seguridade', tamén debera ser público e verificable todo o proceso e os reforzos de seguridade para que se volve a ocorrer un 'episodio' quede totalmente claro que a fonte non é a denunciada anteriormente.
Mentres, se non se fai algo parello, voltaremos a estar nas mesmas. O único que queda é a posibilidade de apostar sobre se sucederá antes ou despois ou será denunciado por uns ou polos outros en primeiro termo. Hai moita vontade de armala, pero parece que abondo menor de solucionar o problema. O caso non é o único con esta disposición...

20190324

Wikipedia:Comunicado 24 marzo 2019

Estimada lectora, estimado lector,
O 26 de marzo a Unión Europea votará se se debe proceder cunha proposta de directiva sobre os dereitos de autor que, se fose aprobada, danaría significativamente a Internet aberta que coñecemos.
En lugar de actualizar as leis de dereitos de autor en Europa e promover a participación de tódolos cidadáns na sociedade da información, a directiva ameaza a liberdade en liña e crea obstáculos para acceder á Web, impoñendo novas barreiras, filtros e restricións. Se a proposta se aproba no seu formato actual, podería ser imposible compartir un artigo de noticias nas redes sociais ou atopalo a través dun motor de procura; a mesma Wikipedia estaría en risco.
Xa se opuxeron firmemente a esta proposta máis de 70 científicas e científicos informáticos, entre eles o creador da Web Tim Berners-Lee (aquí [[1]), 169 académicas e académicos (ver [2]), 145 organizacións que traballan no campo dos dereitos humanos, liberdade de prensa, investigación científica e industria tecnolóxica (ver [3]), e a Fundación Wikimedia, a organización sen ánimo de lucro que promove, entre outros proxectos, esta enciclopedia libre (ver [4]).
Por estas razóns, a comunidade de Wikipedia en galego decidiu escurecer tódalas páxinas da enciclopedia. Queremos seguir ofrecendo unha enciclopedia aberta, colaborativa e gratuíta con contido verificable. Chamamos a todos os membros do Parlamento Europeo a votar en contra do texto actual, reabrir a discusión e reconsiderar as numerosas propostas da asociación Wikimedia así como a extensión da liberdade de panorama a toda a UE e a protección do dominio público.

Tradución do comunicado da Fundación Wikimedia

Tradución do comunicado da Fundación Wikimedia:
Non apoiamos a Directiva sobre dereitos de autor da UE na súa forma actual. Aquí tes por que non deberías facelo ti.
O texto final da directiva de copyright para o mercado único dixital prexudicará o acceso ao coñecemento e beneficiará indebidamente ás grandes corporacións e ás industrias dos titulares de dereitos. A pesar do texto escrito, Wikimedia non pode soportar unha reforma que, no seu seo, ten como obxectivo controlar radicalmente a compartición de información en liña.
28 de febreiro de 2019
Despois dun longo proceso lexislativo, o texto final da Directiva sobre dereitos de autor da UE cimentouse a semana pasada cando as negociacións a tres bandas entre a Comisión da UE, o Parlamento e o Consello se pecharon. Agora que o texto final está dispoñible, con só un voto de si-non no Parlamento que está a impedir a súa aplicación, Wikimedia determinou que non podemos apoiar a reforma como está. Aquí tes por que.
A evolución do texto da directiva
Nos últimos anos falamos en contra das partes problemáticas da proposta de Directiva de dereitos de autor da UE. Inicialmente, tiñamos esperanzas. A nosa comunidade apoiaba a reforma, xuntándose desde o inicio coa Comisión Europea antes de que se propuxese a directiva, e con deputados e representantes dos Estados membros sobre o que esperaban ver na directiva. Entre estas preguntas houbo unha ampla liberdade de excepción de panorama, para que os fotógrafos poidan libremente e compartan fotografías de arte e edificios públicos e unha maior harmonización das regras en torno ao dominio público, de xeito que as reproducións fieis de obras de dominio público non estarían suxeitas a novos dereitos.
Con todo, a Comisión da UE presentou unha proposta unilateral e engadiu elementos preocupantes á directiva. Mentres a comunidade viu as súas suxestións apartadas en favor das disposicións das grandes industrias titulares de dereitos e dos editores de noticias, as críticas á directiva creceron. As dúas disposicións máis prexudiciais, os artigos 11 e 13, mantivéronse a pesar de todas as críticas e agora forman parte do texto final que o Parlamento da UE e o Consello da UE concluíron a semana pasada. Aínda que se incluíron algúns bos elementos no paquete de reformas, é imposible que Wikimedia apoie unha reforma que inclúa estes dous artigos. Nunha última etapa, a Directiva sobre dereitos de autoridade da UE volverá ao parlamento esta primavera para a súa última votación.
En vez de crear, unha perda neta para o coñecemento libre
O artigo 11, dirixido a agregadores de novas pero cun alcance moito máis amplo, requirirá licenzas para todos os usos en liña do contido de noticias ademais dalgunhas excepcións. Isto significa que os sitios web que agregan, organizan ou analizan as novas xa non serán capaces de mostrar fragmentos xunto a estes artigos, o que fai moito máis difícil para os usuarios atopar e utilizar información en liña. Agradecemos que o artigo 11 inclúa polo menos algunhas excepcións para usos individuais, sen fins de lucro ou "palabras individuais" ou "extractos moi curtos". Non obstante, ao facer a información máis difícil de atopar en liña, o artigo 11 afecta á capacidade do colaborador voluntario para mellorar a Wikipedia, especialmente con fontes específicas de Europa.
O artigo 13 imporá a responsabilidade das plataformas para o contido infractor dos dereitos de autor subidas polos usuarios a menos que cumpran unha serie de requisitos rigorosos. A disposición require que os sitios web fagan "os mellores esforzos" para obter a autorización para todo o contido dos seus sitios web, así como para eliminar rapidamente o contido infractor e impedir a súa subida. Estas son tarefas complicadas para calquera plataforma que permita a un gran número de usuarios subir contido e só os sitios web máis sofisticados e ben financiados poderán desenvolver a tecnoloxía para facer cumprir estas regras. Isto diminuirá drasticamente a diversidade de contidos dispoñibles en liña se os sitios web cumpren estritamente estes requisitos e establecen un sistema para a aplicación privada de dereitos de autor a través de filtros de suba que poden levar ao exceso de borrado de contido debido ao medo de responsabilidade e falsos positivos. Como o contido fóra da Wikipedia se reduce, así o fai tamén a profundidade, exactitude e calidade do contido de Wikipedia. Confiamos no mundo exterior para construír a nosa enciclopedia colaborativa, e o que afecta ao ecosistema de Internet en xeral afecta a Wikipedia, independentemente das descargas legais directas.
Aínda así, dada a dura batalla que enfrontamos, a comunidade de coñecemento libre pode estar orgullosa do impacto que tiveron na reforma ata agora. O texto actual inclúe unha ampla excepción para a minería de datos e textos, unha salvagarda de dixitalización para obras de dominio público, unha disposición de obras descatalogadas que fará que máis contido do patrimonio cultural estea dispoñible en liña e unha excepción nun intento de limitar o efecto negativo do texto en proxectos non comerciais.
Estas son boas medidas e pretenden facer o que a reforma se propuxo orixinalmente: facer que a antiga lexislación do século pasado se axuste ao futuro dixital ao que nos enfrontamos. Tamén nos recordan dolorosamente que as outras partes desta reforma non están orientadas cara ao futuro.
Conclusión, o coñecemento libre afecta máis que só á Wikipedia
Preguntaranos por que non estamos satisfeitos con esta reforma se certos proxectos non comerciais están excluídos e podemos atopar algunhas melloras no dominio público. Ben, estas medidas non fan isto unha reforma boa ou equilibrada. A pesar de algunhas boas intencións, a inclusión totalmente problemática dos artigos 11 e 13 significa que os principios fundamentais do intercambio de coñecemento son derrocados: na práctica os usuarios e proxectos deberán demostrar que se lles permite compartir coñecementos antes de que unha plataforma permita a suba. A Directiva sobre dereitos de autor da UE prevé unha infraestrutura técnica e legal que trata os contidos xerados polos usuarios con sospeita, ata que se proben legais. Non podemos apoiar isto, é mellor non ter ningunha reforma en absoluto, que ter unha que inclúa estas disposicións tóxicas.
Haberá un último voto sobre a directiva no Parlamento, que terá lugar a finais de marzo. Esta votación é unha última oportunidade para que a comunidade de Wikimedia en Europa diga ao Parlamento Europeo que non apoiarán unha reforma dos dereitos de autor que aplique excepcións á comunidade aberta sen considerar todo o ecosistema de Internet. Neste punto deste proceso lexislativo, pasou o tempo para as emendas e as negociacións. O Parlamento Europeo debería rexeitar toda a reforma. Con este texto controvertido e moitos deputados pendentes da súa reelección en maio, sería prudente rexeitar a proposta tal e como está e seguir traballando nunha solución nun novo mandato.
Non é demasiado tarde para que Europa teña unha reforma positiva dos dereitos de autor, pero serao pronto. É por iso que os nosos afiliados en Europa están organizando as súas comunidades para actuar. Obtén máis información sobre o seu progreso e as súas accións.
Allison Davenport, Technology Law and Policy Fellow, Legal Fundación Wikimedia
https://meta.wikimedia.org/wiki/SaveYourInternet
A comunidade da Wikipedia en galego

Que parte de 'caciquismo' non entendiches?

Vénseme á cabeza o Ron Cacique, coa etiqueta caracterizada cun indio con plumaxe. O nome de cacique ven do que se lle daba ós xefes locais das comunidades taínas de América, e foi importado na idea de que eses xefeciños facían o que lles petaba nas súas comunidades, pola inexistencia de leis escritas e por ser considerados bárbaros sen tradicións. De aí que aquí, ó convertirse as leis, normas e costumes en papel mollado pola acción dalgunhas persoas con certo poder local ou a outro nivel, o nome viñera como anel ó dedo. E segue en vixencia total, sendo a rede caciquil un dos fundamentos das desigualdades de todo tipo que neste estado e neste país están á orde do día.
O cacique (soe ser home, aínda que tamén pode herdarse o posto ou mesmo xurdir por vía feminina) ten contactos na administración, de xeito que nos temas polos que se interesa, a administración pasa a ter unha compoñente importante de manexo privado. Os chiringuitos que teñen proliferado coa desculpa de facer as cousas de xeito máis eficiente (en troques de facer funcionar mellor a propia administración) deron un novo impulso, nova vida, ó caciquismo. Pois en resume son entidades que manexan o público de xeito privado por encargo da administración, personificada nos políticos de quenda no remprazo correspondente ou no anterior, que que para algo se acuñou hai tempo en España aquelo da alternancia entre conservadores e liberais. Claro que, voltando a aquela época, foi na que tivo lugar o desastre de 1898, só tivo un respiro ó quedar España fóra da Primeira Guerra Mundial, e rematou nunha ditadura...
O caso é que hoxe por hoxe, poñamos por caso Portos de Galicia ou Puertos del Estado, son entidades que controlan bens públicos, de todos, e nese sentido, comúns, de xeito opaco e con control deficiente cando non nulo. Sen control, sen dar máis explicación que algunha conta xeral de final de exercicio e unha relación de actividades nas que só aparecen as boas, pois as que non o son maquíllanse abondo e paréceno para pasar o trámite. Pedrilles contas? O goberno correspondente e 'en diferido', de xeito que se algún grupo de persoas quere chegar a enterarse de algo ten que procurar ter man no goberno para chegar a facelo. Goberno que por certo foi quen nomeou a xefatura do chiringuito, e polo tanto, a súa dirección, pero que non ten responsabilidade directa por vía legal.
Ese 'ter man' é a encarnación do caciquismo. E non val poder chegar á oposición que non tivera mando anterior que vaia coa 'alternancia', pois a cousa pasa tamén polo filtro da maioría dunha cámara, que se supón que está apoiando ó goberno  e con representante que antes da votación de elección polo pobo, foron designados por unha cúpula de partido na que tiña moitos puntos a xente do goberno. Por certo, que iso leva tamén ó caciquismo de diferentes niveis, sempre a través dos políticos ou quen os controla por cartos, amizade (interesada ou non directamente) ou por ambos (pois a relación entre poderes fai amizades e redes clientelares ou de favores tanto como dependencias económicas)
E por hoxe xa me despachei por escrito. Pero non aínda na loita diaria que -coido- debemos manter por unha sociedade máis digna e xusta que deixar ós nosos fillos, aínda que só sexa por compensar o desastre ambiental que lles legamos. O día aínda está a comezar.
Botella de ron Cacique, por Der Kreole, en Wikipedia Commons. Lic. CC-By-SA 4.0.

20190323

Nota de prensa Por Nuestro Faro: Resposta do Concello á resolucion da valedora


Como lembrarán os lectores que sigan o periplo, o día 4 de marzo recibimos a resolución da Valedora do Pobo na que esixía ao concello de Ribadeo que nos dese resposta a unha pregunta formulada o 10 de setembro de 2018 sobre a concesión da licencia de actividade para os apartamentos da Illa Pancha. O motivo concreto da pregunta era a situación da fosa séptica, cuxo proxecto de legalización se publicou o 24 de agosto de 2018, despois de executar a obra en Abril de 2017.
Xa temos publicado abondosa información sobre o tema e non nos imos repetir. So suliñar que nos vimos obrigados a recurrir á Valedora do Pobo, en aplicación da Lei de Transparencia, ao non recibir resposta algunha do Sr. Alcalde de Ribadeo.
Agora, seis meses despois de iniciado o proceso, concretamente o día 15/3/2019 recibimos un escrito do concello que nos ofrece a posibilidade de consultar o expediente devandito durante os próximos 30 días.
Folgan comentarios, porque ter que agardar medio ano para que os veciños teñan que facer un traballo que non lles corresponde para recibir unha información que se houbese resolto en cinco minutos da unha idea moi clara da calidade da democracia municipal que impera en Ribadeo.
Iremos ver ese expediente e daremos conta dos resultados. Pero non podemos negar que levaremos a mosca detrás da orella, porque as experiencias vividas ao longo de cinco anos longos de ocultación e manipulación de información por parte do concello e ontras institucións e entidades non convidan a ser moi optimistas. E sempre lembraremos aquelas declaracións do Sr. Alcalde ao diario El Pais en abril de 2015: “UN PREMIO PARA RIBADEO”, segundo a valoración do noso mandatario por aquelas datas.

20190320

60 000 espectadores

Faye White. Collido de Wufong en https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Faye_White.jpg, lic. Creative Commons recoñecemento compartir igual xenérico 2.5

E iso? Pode que haxa que especificar máis...
Como xa teño mencionado algunha vez, quen impón a noticia a tratar está adiantándose mesmo ás posibles manipulacións da noticia, está mesmo 'impoñendo o futuro'. De aí que no blog, dende hai moito tempo, non me deixe levar moitas veces polas novas do momento, de Ribadeo ou xerais, senón que siga outros criterios, collendo novas que teño aparcadas para o seu tratamento en momentos a contracorrente. Momentos como este no que a liña principal de novas machaca sobre as eleccións a celebrar aínda dentro de tempo abondo, trufadas polo proceso á cúpula política de Cataluña e, no tocante a Ribadeo, algunha puntual directamente relacionada. Non, esta é unha nova de hoxe, senón de hai uns días pero imbricada nun sistema moito máis profundo en extensión espacial e duración temporal: a igualdade da muller.
O caso é que o outro día apareceu nun xornal (que non soe verse por Ribadeo) unha nova que, resumindo, viña a dicir que 60 000 espectadores dun partido de fútbol feminino entre dous equipos punteiros, de Madrid e Barcelona, eran non só unha marca para o deporte feminino senón que en certo xeito implicaban a equiparación de sexos no deporte. Máis abaixo, fóra dos títulos, quedaban claras varias cousas, como que parte das entradas foran de agasallo e que o resto tiveran un custe para os espectadores de 5 ou 10 euros. Coido que esas cantidades non son equiparables cos correspondentes importes para o fútbol masculino.
Un detalle importante é que non comentaban nada sobre os emolumentos das xogadoras: coido que aí tampouco hai equiparación polo momento. E máis cousas que non se din é que o fútbol segue a ser en boa parte un ideal quizais a non seguir para os equipos femininos, segundo o que se procure. Porque, que ten que ver a 'alta competición futbolística' co deporte? Si, algo si... pero eu meteríao máis no apartado empresa ou cartos que no de deporte. E, se a idea que se persegue para o fútbol feminino é a mesma de negocio e 'panem et circenses' que dirían os romanos, non sei se lles valerá a pena (salvo quizáis ás multimillonarias agraciadas)
Por certo, hoxe foi galaradoada por primeira vez unha muller co premio Abel, o Nobel das matemáticas...

20190319

40 kg

Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported, foto de Michaël CATANZARITI collida de Galipedia.

As cousas do mundo tamén tocan a Ribadeo. Ás veces, moi profundo aínda que podan pasar inadvertidas ou case.
Hoxe vexo unha nova á que non sei que cualificativo poñerlle, aínda que lle cadrarían moitos: unha balea foi atopada morta preto das costas de Filipinas. Ate aí, nada noticiable especialmente. Mais fixéronlle autopsia, e foi reveladora: 40 kg de plástico no seu estómago. Por desgraza, unha noticia do tipo ó que nos estamos a afacer a diario.
Si, 40 kg en 40 toneladas non é moito, é como se algún de nós tivera no estómago uns 70 ou 80 g de plástico. O imaxinalo envolvendo a comida sen deixala metabolizar, ocupando abondo máis que esa cantidade ocuparía de por si, mesmo taponando a vía de saída do estómago, xa é diferente. Podería ser equivalente a ter unha botelliña pequena de refreco cerrada dentro do estómago. Agora, súmalle que algunha cantidade de plástico xa tivera pasado ó interior do corpo, como os microplásticos que cada vez se producen en maior cantidade porque son exitosos para moitas cousas debido á pequenez das súas partes, e a cousa comeza a ser moi preocupante. Máis, se consideramos que eses microplásticos están tamén no peixe que comemos e pódense ir acumulando no noso corpo.
E si, as Filipinas son un desastre no tratamento de plásticos, de xeito que é o terceiro país maior contaminante de plásticos do planeta, pero os mares están intercomunicados, non son estancos, existen correntes mariñas, e... chéganos a nós. Chegaríannos aínda que nós fósemos uns santos, aínda que non se produciran e consumiran aquí, cousa que si ocorre (non o de ser santos, claro).
Hai uns anos, participei nun día de limpeza unha illa do Parque das Illas Atlánticas. Era pequena, nun lugar paradisíaco, estaba sendo limpada de xeito periódico, e paramos de limpar cando xa non podiamos transportar máis lixo... Pensar que ó día seguinte ía ter unha cantidade semellante de plástico na súa beira deixoume pensando días.
O problema é de produción, é de consumo, é de sistema. Se grande parte dos alimentos veñen envasados en plástico, é dificultoso non usalo, o mesmo que se un electrodoméstico ou un móbil ven deseñado para 'usar e tirar', dificil será combatir para seguir usándoo porque será difícil amañalo, non haberá repostos, resultará máis caro que un novo... e xerará lixo e ineficiencia. E é cousa do sistema, pensada para manter unha mecánica de traballo por traballo e consumo por consumo para xerar uns beneficios que en realidade son sinxelamente papel de privilexios e atropello dos semellantes.
Resulta que se suprimen as bolsas de plástico (non os envases de plástico) no supermercado, pero cada vez se produce máis despercidicio, que é recollido... en bolsas de plástico a mercar noutras tendas. Mellor sería que non houbera lixo, pero xa postos, que se fai logo co lixo? Pois... iso, que se fai? Coido que se agora mesmo saio á calle e pregunto por un caso concreto como o do plástico, habería unha ampla variedade de respostas con poucas que se poideran considerar acertos, tendo ademáis en conta que a realidade vai dende tiralo a queimalo pasando pola clasificación para a reutilización en certo casos, que en lugares diferentes o aproveitamento e o tramento en xeral é diferente, etc.
A vida actual é abondo complexa e non tempos conciencia nin coñecemento de boa parte (diría que da grande maioría) dos procesos dos que nos estamos beneficiando (mellor, que estamos usando de xeito directo ou indirecto).
Pero, se a cousa non marcha, e está claro que non, haberá que pensar en cambiar, non?

20190318

Sexamos supersticiosos

21 de marzo, equinoccio. A partir de agora, ata finais de setembro, os días teñen máis tempo de luz que de noite. Vese máis vida. Tempo de esperanza, a primavera.
Este ano, eleccións. Por partida dobre. En plena primavera, tempo no que medra a esperanza do futuro, está programado o acto de elixir o futuro que queremos.
Mais, coa vexetación medrando, a esperanza verde e florida de mellores tempos tamén permite que medren as malas herbas. As que poden medrar ate ocultar ou escamotear e ocultarse entre as boas.
Máis luz. Hai que usala para ver mellor: tanto a luz e o medrar das malas herbas son cousas do tempo, e unha pode axudar a non perderse coas outras. Para distinguir todas esas noticias falsas, datos falsos, ideas falsas, bosque de mentiras que fan dificultoso o facerse unha idea da verdade. Para poder elixir conscientes. De xeito que á hora da colleita, non recollamos veleno, dese que parecera estar de moda sementar e que se estende mesmo coa nosa axuda se non temos tento... E é que hoxe entendemos pouco de plantas e herbas, ocupados cada quen no seu embigo.
O mirar a primavera como tempo de futuro ten que ver coa visión, mais máis aínda coas nosas crencias, con como interpretamos o que vemos a partir delas, coas nosas supersticións. E ser crentes, ser supersticiosos, tamén implica andarse con tento coa superstición, que é todo un sistema, non unha crencia puntual que pronto se desmontaría. Un punto de irracionalidade? Si, somos humanos, seguro que o temos, anclado nas nosas crencias, no conxunto das nosas supersticións. Mais ser supersticiosos de verdade implica tamén un moito de manexo da situación, ser consciente dese sistema de crencias e actuar en consecuencia.
Es persoa supersiticiosa? Neste tempo (e sempre), faite un favor: anda con tento, vixía as malas herbas e actúa en consecuencia... sobre todo como persoa.

20190313

WWW e Ribadeo


Lembroume onte o meu amigo Antonio Andina que hoxe, 13 de marzo, a web cumpre anos. E rescatei un vello artigo, 'O comezo da historia de Ribadeo en internet', onde queda dito que ámbolos dous puxemos o noso gran de area nesa historia.
Claro, o que se celebra hoxe, día 13 de marzo, é unha proposta que daría pé ó protocolo que levou á rede a onde está hoxe, despois de aceptar polo camiño melloras múltiples na infrastrutura e na programación.
Ven isto a conto de dúas cousas (principalmente). Unha, que 'a rede', 'a web' ou como queramos chamalo (de xeito estrito son cousas lixeiramente diferentes) é algo que se foi facendo evolucionando, e non se pode dicir con total propiedade que nacera o 13 de marzo de 1989. Mais os humanos somos así, e necesitamos asentar as cousas e simplificalas, asignarlles algo concreto -sexa un nome, unha partida de nacemento...- para poder tratar con elas de xeito máis natural. Cos seus efectos perversos: iso inclúe o levantar as persoas que están no punto xusto no momento adecuado e deixar sen recoñecemento a outras moitas que fixeron posible ese momento e lugar ou o seu aproveitamento. Algo que se engade a outros sesgos e que fai o recoñecemento no momento e a historia humana en conxunto, ás veces algo moi inxusto.
A outra, que é evidente que calquera que fora a nosa actuación, de non existir nós, 'a' e 'as' web terían chegado de modo parello a Ribadeo, cunha evolución presumiblemente non moi diferente á observada. Unha evolución que, mirada en conxunto, sen particularismos, sempre é nebulosa: hoxe, Google, o buscador usado pola maioría da xente, da 5 370 000 entradas se se lle pregunta por Ribadeo. Pero non se pode fiar un diso: se procuro por min mesmo, aparecen máis de 12 millóns de resultados por diversas circunstancias, aínda que sexa evidente que as referencias a Ribadeo en internet sexan abondo máis que as referidas á miña persoa. Na web as cousas poden ser moi diferentes do que parece a ollo nu mirando unha rúa ou unha leira. E iso da lugar ás 'fake news', as noticias falsas, mesmo en Ribadeo, aínda que por ser nun espazo máis reducido sexan tamén máis doadas de identificar.
Volvendo ó tema, dende as primeiras páxinas web ribadenses, aló por 1996, internet ten cambiado de múltiples xeitos a Ribadeo. Tantos, que fai posible ese termo, 'difuso', que mencionei antes sobre todo pola dificultade de atopar os límites desa incidencia no cambio. Ó contrario, Ribadeo non ten cambiado a internet, e se hoxe voltara a haber algo como o 'plan E', a bó seguro o acento da petición das subvencións sería aínda en cemento ou semellante.

20190312

Complemento á convocatoria do pleno

Onte publiquei 'Suso Peña Fillo Predilecto, subvención a ACISA ou variación no decreto de Medio Ambiente: pleno'. Completo agora con dúas cousas: O Informe-proposta da Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo para modificar a
Ordenanza de Protección Medio Ambiental no tocante ao ruído
e a nota de prensa que acompaña a convocatoria.
Dicir que a a proposta non Substitúe a Ordenanza sobre o ruído, que non chegou a ser aprobada no seu momento ó atoparse daquela o goberno municipal en minoría, senón que regula un aspecto moi concreto sobre actuacións en directo en locais.
Velaeiquí o informe:



E a nota de prensa:
RIBADEO MIRA A CIDADES COMO SANTIAGO OU PONTEVEDRA
Ordenanza medio ambiente
11/03/2019
No vindeiro pleno do Concello de Ribadeo abordarase a modificación do artigo 80 da ordenanza de protección medio ambiental. Con ela o que se persegue é que, por exemplo, os Cantos de Taberna que albergan algúns locais hostaleiros ou que organiza o Concello sexan legais, xa que coa normativa autonómica que entrou en vigor a finais de 2018, este tipo de eventos non estarían permitidos. O Concello incorpora un novo apartado para que os bares e pubs poidan ter amenización ou ambientación musical por medios técnicos ou con voz ou música en directo, pero o alcalde, Fernando Suárez, subliña que non poderán superar os niveis de ruído, nin tampouco os límites de aforo e os horarios que xa teñen autorizados nas súas licencias de actividade.
O rexedor declarou que "somos conscientes desde o Concello desta problemática que está xerada nestas ultimas semanas, despois da entrada en vigor dunha normativa autonómica no que ten que ver cos ruídos. Desta maneira, coa lei na man e de maneira estrita, ningún bar podería ter Cantos de Taberna, que ás veces os propios Concellos organizamos como actividades municipais e que, coa entrada en vigor desta normativa, quedan dunha maneira ilegal".
Suárez Barcia explicou que "para resolver isto, desde o Concello, neste vindeiro pleno, imos ir na liña doutros Concellos que están á vangarda destas circunstancias como poden ser Santiago de Compostela ou mesmo Pontevedra. Queremos incorporar un novo apartado á ordenanza municipal de medio ambiente no senso de que nos bares ou nos pubs se poida permitir a amenización e a ambientación musical por medios técnicos ou con voz e música en directo. Iso si non poderán superar en ningún caso nin os niveis de ruído, nin os límites horarios, nin os límites de aforo que xa tiveran autorizados para as correspondentes categorías que teñan concedidas as súas licencias de actividade. Necesitamos dalgunha maneira para sacar dunha certa anarquía a normativa que neste caso se está a converter nun absurdo".
O alcalde engadiu que "aínda que en Ribadeo somos moi conscientes, tivemos moitos problemas hai anos, e somos os primeiros que queremos compaxinar o dereito ao ocio duns veciños co dereito ao descanso doutros. Temos que ter en conta a importancia deste sector e neste cambio normativo para nada se vai vulnerar ningún dereito senón todo o contrario. Vai entrar dentro do que é a normalidade racional que nun bar alguén poida cantar, por poñer por caso, ou que alguén poida tocar unha guitarra, sempre que nin os niveis de ruído, nin os límites horarios nin os límites de aforo se cambien".
Fernando Suárez agarda que "conte coa unanimidade da Corporación este cambio que pretendemos levar adiante".

20190308

Suso Peña, en vías de ser fillo predilecto de Ribadeo


Despois de ser pedida no outono, a petición de fillo predilecto de Ribadeo para Suso Peña via a Comisión e, a próxima semana, a pleno. Mira o artigo sobre Suso na Galipedia e a nota do prensa do concello co anuncio (entre outras cousas) da tramitación de fillo predilecto:
OUTRO ASUNTO SERÁ O PACTO DOS ALCALDES PARA O CLIMA
Comisións informativas
07/03/2019
No pleno da vindeira semana do Concello someterase a aprobación o nomeamento do artista Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo. Tamén se abordarán varios expedientes de modificación de crédito.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que "varios son os asuntos que van ir ás comisións informativas desta tarde, que son preparatorias do pleno da semana que ven. Entre as máis importantes está un expediente de modificación de suplemento de crédito para inversións financeiramente sostibles. Xa ven sendo habitual nestes últimos anos que, grazas á xestión realizada, os resultados presupostarios dos últimos exercicios sempre contan con remanentes positivos. Hai que ter en conta que, desde o ano pasado, as novas medidas do Ministerio de Economía e Facenda acordaron que os Concellos puidéramos dispoñer destes remanentes para inversións, sempre que estivéramos liberados de plans de axuste, e hai que lembrar que isto aquí xa foi amortizado o ano anterior. Agora polo tanto podemos dispoñer deles para reforzar inversións para rúas, camiños ou outros fins".
O rexedor explicou que "para todo isto xa estamos redactando os correspondentes proxectos nalgúns casos e noutros os procesos de licitación xa están moi avanzados como pode ser a rúa Carlos III e Sor Pilar der León, que nos próximos días se comezará a amañar, ou ben o camiño de A Faxarda ao cemiterio de Ribadeo que tamén nos vindeiros días empezará. Tamén estamos redactando proxectos para un ambicioso plan de camiños no rural, dividido nas parroquias da costa e do interior, que en breve presentaremos, e polo tanto queremos habilitar esta partida duns 300 000 euros para todas estas inversións".
Suárez Barcia sinalou que "trataremos un suplemento de crédito para todas estas facturas que son dun ano contable, por exemplo do 2018, pero que os provedores por algún motivo, porque se esquecen ou polo que sexa, o presentan noutro ano diferente como é no ano 2019, para iso temos que facer o que se chama recoñecemento extraxudicial de crédito para darlles cabida na contabilidade anual. Isto importa a cantidade de 106 000 euros. Tamén dentro do ámbito económico imos levar unha modificación de suplemento de crédito para unha subvención a Acisa, destinada a unha campaña singular de apoio ao comercio local que estamos traballando nestes últimos tempos, e que dentro de poucos días daremos a coñecer".
O alcalde relatou que "hai un punto que se trata da proposta de nomeamento do artista, finado xa hai uns anos, Suso Peña como Fillo Predilecto de Ribadeo. Hai que ter en conta que numerosas asociacións culturais tanto da vila como da comarca, así como moitas persoas a título individual, o viñeron demandando e o Concello propoñemos para que tome posición sobre este asunto".
Fernando Suárez engadiu que "hai outro punto relativo a aspectos medio ambientais, que é unha proposta que ven directamente da Unión Europea para os Concellos, o que lle chaman eles o pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía. Está coordinado pola Xunta de Galicia e os Concellos se queremos podémonos adherir, e o Concello de Ribadeo por suposto que se quere adherir, para facer un estudo da situación de Ribadeo, para ver os indicadores ambientais, o plan de acción, etc…, e coordinados entre Concello, Xunta e Unión Europea poidamos facer medidas tendentes a tratar mellor o noso medio ambiente".

PRESENTACION DO LIBRO “O FUTURO DAS PENSIONS”. Nota de prensa

O sábado próximo, 9 de marzo presentarase en Ribadeo o libro “O futuro das pensions en Galiza, Estado Español e Europa”. O acto terá lugar no Cine Teatro ás seis da tarde. Na mesa estarán como ponentes Lidia Senra, eurodeputada galega, Xavier Pérez Davila, economista, escritor e membro de MODEPEN e Victoria Portas, tamén membro de MODEPEN e da Coordinadora Estatal do sistema publico de pensións.
O libro contén unha serie de traballos presentados nas xornadas celebradas en Santiago de Compostela os días 28 e 29 de setembro de 2018, organizadas por GUE/NGL e Movemento Galego pola Defensa das Pensión Públicas (MODEPEN).
Entre os autores cóntanse expertos en Seguridade Social e Pensions procedentes de Francia, Suecia, Portugal, Finlandia e irlanda. En total son 15 colaboracións e mais as conclusións das xornadas.
As experiencias nos diferentes países céntranse na estratexia que ten o seu comezo dos oitenta, cando o Fondo Monetario Internacional, a OCDE e o Banco Mundial poñen en circulación a idea de que os sistemas de pensións garantidos por alguns estados socialistas e capitalistas dende comezos do século XX e maiormente despois da segunda guerra mundial, deben “reformarse” ou “modernizarse” para controlar eses fondos e metelos no mercado de capitais. Dende entón a maioría dos gobernos, a UE, a prensa e os medios en xeral difunden sistemáticamente a mensaxe de que o sistema de pensións non é sustentable en base a idea de que debe ser “rendibel” tratando de convencer á opinión pública de que as pensións son un produto comercial e un dereito das clases traballadoras garantido polo estado ao chegar a unha edade determinada. Para os dirixentes da economía mundial trátase de orientar os diferentes sistemas de pensións hacía un modelo privatizado e manexado por bancos e fondos especulativos, para conquerir os máximos beneficios privados ao mesmo tempo que se xenera na poboación o convencimento de que os estados non serían capaces de financiar as pensións no futuro.
En varios traballos destácase a fenda de xénero e analízase o PEPP (Producto Paneuropeo de Pensiones Personales) que trata de canalizar os aforros das persoas traballadoras cara ás inversións especulativas a longo prazo a través da Unión de Mercados de Capitais.
En outros traballos desmiúdanse as reformas de 2011 e 2013 e prantéxase alternativas prgresistas, ademais da derrogación da coñecida normas restristivas.
Finalmnte prantexanse unha serie de conclusións para defender no futuro sistemas de pensións que recoñezan o esforzo vital das persoas traballadoras, garantidos polos estados como un dereito social indiscutible, así como a solución definitiva da fenda de xénero.
MODEPEN RIBADEO

20190307

Propaganda electoral: unha cuestión práctica

Resulta que anda por algo máis de 1 € o que se gastan os partidos para o envío subvencionado desa publicidade que din electoral e que en xeral chamaría electoralista. E resulta que un cambio legal de hai non moito permite que te borren da lista que é entregada ós partidos para que fagan propaganda por correo. A súa eficacia? Verémolo. Vereino, porque remato de facer o procedemento que detallo embaixo, co resultado da captura de pantalla que poño a continuación. Por certo, antes de pasar á descrición, quédame a dúbida do correo electrónico: coido que non está incluído, porque a oficina electoral non ten eses datos. É dicir, se consiguen os datos por outro lugar, propaganda seguirache a chegar.
Ben, o proceso, que me chegou da man de amigos polas redes sociais, é:
1.ir á páxina https://sede.ine.gob.es/oposicionPartidos/presentacion e alí acceder (ligazóns na parte dereita superior da páxina). A ter en conta que é un acceso seguro. Tes certificado dixital? Se non, terás que facer o proceso polo sistema clave, seguindo as instrucións da páxina. O aspecto da páxina é este:

2.na parte inferior da páxina cos teus datos á que te envían, premer na ligazón para cambio exclusión / inclusión.
3.elixir o que queres
... e xa está!
Mesmo podes descarregar un certificado de exclusión, por se seguen a incordiar a pesar de todo.
Nota 1: a ter en conta que podes volver a cambialo para outras eleccións.
Nota 2: para que o teñan en conta, tes que facelo en przo, ante de que envíen os datos ós partidos.
Por último, grazas á xente que mo pasou!

20190306

Mazás


Lembro coller mazás das árbores. Lembro ver como as mulleres viñan en coche de liña ó mercado a traer os seus produtos, entre eles, mazás. E logo, velas nas tendas... ata hoxe. Hoxe fixeime nun posto tradicional dun mercado tradicional nas mazás. Cinco variedades, todas lozanas, brilantes, todas iguais. Todas, cunha etiquetiña pegada, cun número, omesmo para as do mesmo tipo. En primeira liña de venda. E logo, outras, aló, no fondo, un par de caixas con pintas, non tan lustrosas, desiguais, máis naturais.
E pregunto. E contéstanme: as do país son as do fondo, estas outras, as cinco variedades, son importadas.
A reflexión pódese facer curta ou longa, pero é necesaria, en varias direccións. Por unha beira, estamos nun país que de ser autosuficiente (se non expotador a pequena escala) en froita, pasou a ser importador neto, co que iso representa para a economía.
Por outra, o traer a froita de longa distancia implica un gasto xa non só económico, senón ecolóxico: combustible queimado. Gasto ecolóxico que se aumenta cando pensamos que a produción, mantemento e recolección de exemplares totalmente idénticos non só representa unha aplicación tecnolóxica da ciencia, senón tamén un esforzo enerxético.
Por outra aínda, a uniformización de comida do exterior supón unha dependencia sen vir a conto, cando temos aquí variedades moi aproveitables e aproveitadas durante moito tempo, quizáis con unha presenza individual non tan boa, pero cun sabor ó que, cando menos, os nosos padares están afeitos e saben aprezar.
Aínda máis, pois a postergación de variedades autóctonas pode supor a súa extinción e polo tanto, dependencia a nivel mundial, de menos posibilidades de alimentación.
Queda algo? Si. Entre outras cousas máis, supón ou allearse de coñecementos tradicionais da zona, de cultivo da mazá, empregos diferentes (para perfumar unha estancia ou roupa, por exemplo), etc, supoñendo un empobrecemento cultural tanto a nivel individual como social.
E, ben, se alguén de Mondoñedo quixera hoxe reproducir a venda no mercado (agora chamaríase ambulante) de Ribadeo ou Vilalba, podería facelo en autobús? Si, xa sei, iso sería outra historia...
Pois si, as cousas cambian, pero non teñen por que facelo para peor.

Nota de prensa. Colectivo 'Por Nuestro Faro'

A illa Pancha. Retocado de Chairego_apc na wikipedia, lic. CCBYSA3.0
Como xa temos informado anteriormente, o Colectivo “Por Nuestro Faro” viuse obrigado a recurrir á Valedora do Pobo Galego, diante da negativa do Sr. Alcalde de Ribadeo a cumplir a súa obriga de dar información dacordo ca lei de transparencia. Agora recibimos unha resolución da Valedora do Pobo da que transcribimos literalmente os parágrafos finais:

« ACORDA:
Primeiro: Estimar parcialmente a reclamación presentada polo Colectivo “POR NUESTRO FARO” con data 11 de xaneiro de 2019 no referente á remisión da información sobre os trámites e requisitos para a concesión de licencia de actividade para uso hoteleiro en Illa Pancha.
Segundo: Instar ao Concello de Ribadeo, a que, no prazo máximo de 15 días hábiles, se responda á petición de información solicitada nos termos expresados no fundamento de dereito quinto deste acordo, respectando os límites dos artigos 14 e 15 da Lei […]. »

A cousa está ben clara, o dia 16 de febreiro de 2017 o Defensor del Pueblo dábanos a razón con toda contundencia sobre as reclamacións na tramitación do expediente que conduciu á concesión do Faro e o Sr. Alcalde tirábase a andanas. Agora a Valedora do Pobo Galego danos a razón na nosa reclamación por ocultismo e falla de información, e esixe ao Sr. Alcalde que nos informe dacordo ca lexislación vixente. Veremos a onde chegamos pero volvemos a insistir na pregunta do millón: ¿por que non se pode dar unha información clara e transparente sobre a concesión dunha licenza municipal? ¿que hai que ocultar? ¿por que temos que recorrer, os veciños, a estas institucións para conquerir que se respeten os nosos dereitos?
Pero o asunto da foxa séptica non remata na súa instalación e tramitación do proxecto. Entendemos que o Concello de Ribadeo debe facer o control do baleirado da foxa-depósito, de tan só 2000 litros, que se supón que se está usando na actualidade mentras non se autorice o verquido. O Concello debera comprobar con que frecuencia se fan os baleirados, o volume extraído en cada viaxe e o lugar de verquido. Todo elo a través dos documentos que a empresa xestora de residuos está obrigada a cumprimentar e deixar copia no Concello. Desa maneira saberíanse se os volumes baleirados se corresponden co uso dos apartamentos. Se non houbese unha correspondencia xutificada estaríamos diante da posibilidade de que a foxa estivese verquendo directamente sen autorización. Así que, como dixemos, agardaremos pola información sobre a licenza, que o Sr. Alcalde nos negou reiteradamente e agora se ve obrigado a dar pola Valedora do Pobo. E seguiremos esixindo máis información como é lóxico e natural nunha sociedade democrática.

20190304

Incendiarios

Un novo incendio, unha renovada intención de destruír.
O plano anterior (collido do sixpac) abrangue máis ou menos a zona de incendios sucesivos que está a haber. Zona despoboada, preto da ría, con posibilidade de estar en poucos minutos na autovía ou no máis recóndito doutra zona boscosa.
O por que? Coido que hai que tentar sabelo para anticipar e previr, mais non creo que inclúa unha lóxica sana para aproximar unha comprensión, senón algo emponzoñado que, na súa base ou no seu desenvolvemento mental, faga posible o facer o mal porque si.

20190301

A crise na asistencia sanitaria. Pablo Mosquera

Dos dereitos sociais contemplados polo Ordeamento Xurídico que protexe o Estado de Dereito a través da Constitución de 1978 e os diferentes Estatutos de Autonomía, quédome o que aprendemos do Servizo Nacional de Saúde no Reino Unido. Curar e coidar, que dan orixe ao que máis tarde se chama Espazo Socio-Sanitario. A tal cuestión que garante o dereito á saúde, inclúo unha reflexión progresista. Os dereitos non poden ser mercadorías. Outra cuestión é a forma en que os pagamos e onde, na orde preferente, en tempos con recursos escasos, poñemos un gasto semellante.
Os mellores instrumentos utilizados na sanimetría seguen sendo o Mapa de Saúde e os Plans de Saúde. Ambos están baseados en datos reais, están suxeitos ao control parlamentario porque é unha xestión da que se precisa eficiencia e require modificacións axeitadas, pero sempre nunha premisa de asistencia integrada e integral aos cidadáns. Precisamente estes dereitos sociais son os que establecen as coordenadas reais da cidadanía.
O sistema integrado é aquel que inclúe desde a comunidade de servizos sociais, asistencia farmacéutica, coidados en centros de saúde e atención urxente e planificada en hospitais, e toda esa estrutura nunha rexión ou zona urbana, de ser unha gran cidade. Para determinar unha rexión, utilízanse os criterios históricos e de poboación e as chamadas curvas isócronas, que permiten establecer os tempos de acceso a cada un dos recursos que están integrados no sistema sanitario.
A conversión de toda a provincia de Lugo na mesma zona de saúde é un erro moi grave. Máis aínda se os servizos sociais non forman parte da mesma xestión "integrada". A Mariña é un territorio-provincia de Mondoñedo, coa súa propia poboación e características xeográficas, sen comunicación por vía férrea entre a capital do sistema e o norte, que tamén debe incluír diferentes plans de saúde pola dinámica poboacional, a contaminación da industria do aluminio e a influencia do clima marítimo.
Os centros de saúde deben ter equipos de saúde. Moi en especial para resolver e non derivar. De cara aumentar a dispoñibilidade de tempo médico no proceso de diagnóstico e tratamento, para o cal é necesario redistribuír a asistencia entre farmacias e enfermería, pero conectando toda a actividade, dos protocolos de actuación ata a investigación epidemiolóxica, cos hospitais.
A información e participación de usuarios e traballadores do sistema representa un procedemento útil, democrático e enriquecedor para a toma de decisións. Especialmente tendo en conta que o SERGAS coas súas plantillas e instalacións convértese no núcleo principal de nichos de riqueza e emprego público.