20181207

O difícil futuro da mobilidade na zona de Ribadeo


Hai non moitos días o goberno de España lanzou un plan para rematar co transporte a base de combustible convencional. Xa daquela tiñan lugar as protestas dos chalecos amarelos en Francia pola suba de combustible, que afecta de xeito desproporcionado a unhas zonas periurbanas con conexión deficiente nas que o uso do coche particular é obrigado. E moito antes, o tren na nosa zona ten diminuído a calidade do transporte, despois de perder hai máis de medio século outra liña de tren á zona interior, e ver como as liñas de autobús van caendo. Unha restruturación das concesións de liñas xunto do transporte escolar o ano pasado mellorou en teoría o transporte pola cosa, con baixa calidade de funcionamento, pero fixo pouco polo interior, abocado a poder baixar ó pobo dende primeira hora da mañá ata primeira hora da tarde, e impedindo que a xente do pobo poda subir,
Logo, que? Non subir o prezo do combustible e eliminar a lei que trata de dar a puntilla a un desastroso e contaminante consumo de recursos naturais? Non, coido que a cousa non vai por aí. É mais, ven demasiado tarde con prazos demasiado grandes. Pero mover un armatroste de 1400 kg para que unha persoa de 70 kg se poda desprazar significa empregar vinte veces máis enerxía da debida. E se, ademais, facer un recorrido de 15 km supón emitir ó ambiente 3 kg de dióxido de carbono, uns 1500 L, podemos ver que non só non é mantible pola falta de recursos (esgotamento do petróleo), que se manifesta na suba de prezos, ou pola contaminación que supón o método de extracción de novos recursos en boga hoxe, o fracking, senón tamén pola degradación do aire que respiramos contaminado por miles de millóns de coches, ou a degradación que supón o aumento de temperaturas pole efecto invernadoiro.
Pero necesitamos unha resposta a un problema. E si, hai que racionalizar os desprazamentos de cada quen a nivel particular, pero tamén artellar que os desprazamentos particulares podan ter un encaixe nun transporte colectivo. Nas cidades poden ter máis problema de aparcamento, pero a densidade de poboación permite establecer liñas de autobuses, tren, metro, que achegan abondo ó destino. Na soidade do campo galego, a cousa varía abondo. Pero é necesario darlle unha solución. e só é unha aproximación ó primeiro paso a defensa dun tren que se cae a pedazos  por falta de atención.
Complemento medioambiental, de antonte mesmo:
O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, dixo: "Estamos en apuros. Estamos en profundos problemas co cambio climático. O cambio climático está indo máis rápido que nós e debemos poñernos mans á obra máis cedo que tarde, antes de que sexa demasiado tarde ".

Ningún comentario: