20181014

Melloras nas catedrais

Chéganme a través de Suso Fernández as fotos que acompaño. Tamén video, pero coido máis interesante o coller a esencia que o distraerse con imaxes cambiantes.
 As melloras que se observan son evidentes: total liberdade de andanzas, total inconsciencia, sen necesidade de pases nin peticións, seguridade máxima, natureza solitaria, coidado do entorno...

 Corresponden as fotos a esta ponte que aínda non acabou, e coido que cuestionan calquera mellora do "plan" que tanta tinta levou nos medios e tan pouca posibilidade de participación real deixou.


 Ó mellor resulta que o desgraciado accidente do pasado ano animou a que o turismo de aventura se apoderase deste entorno. que conste que penso que, se foran unha ou tres persoas as que accederan con coñecemento, sería unha gozada aganchar polas penas e desfrutar da natureza. Mais a cantidade cambia a calidade, e sobre todo, os efectos, e a bo seguro boa parte das persoas que se ven no alto subiron  por un sentimento parello a que 'as catedrais non teñen outra cousa que ofrecer'.
 De pouco importa a posible perigosidade asociada máis que ó propio terreo á inconsciencia e á falta de coñecemento: Mira, subiu alguen! que haberá alí arriba? Vou!
 Privatización do espazo,normas con miras economicistas, pensando só no presente, falta de participación, mando e ordenación dende o poder e en conflito con outros poderes, liortas Xunta - Concello, falta de información e máis aínda de educación e civismo, únense para que se acumulen pedras con lembranzas que queren competir coa natureza, que se desfaga a paisaxe ou se esquilmen mexillóns ou percebes, para que non se considere e se despreze un espazo común, natural, belo a máis fonte de estímulo económico de toda a zona.
Melloras nas catedrais? Coido que pasan por mellorar as institucións que se encargan, a xente que as xestion e os políticos que deciden, e a información e educación da xente en xeral, pois todos somos visitantes potenciais das catedrais, e a este paso, non fará falta que se caia un arco para deixar de consideralas unha marabilla e pasar a velas como un territorio conquistado máis.
Moito se leva dito sobre as catedrais. Que os feitos non correspondan en calidade e cantidade está relacionado coas cousas arriba expostas. Cousas como participación, educación, responsabilidade de visitantes e responsables (que si, que responsable está relacionado con responsabilidade)... cousas lóxicas pero que parecen arrumbadas en favor das fotos nas inauguracións, a diversión automática ou o 'que o fagan eles, que para iso están roubando /lles pagamos.

Ningún comentario: