20181018

11% de parcelas desaparecidas

Imaxe despois do recente incendio en Piñeiro, Cedofeita

O alcalde remata de dar un novo ultimato (coido que o anterior aviso xa o chamara así) para cumprir a lei en relación á masa forestal na proximidade de edificios ou vías de comunicación. O listado de fincas afectadas foi publicado no Boletín Oficial do Estado.
A lei na que se ampara leva xa promulgada moitos anos, a Lei de Incendios de Galicia (Lei 3/2007), pero como moitas outras leis, non se aplicou de xeito xeral (neste estado parece que sempre é posible aplicar a lei de xeito só particular, como torniquete para deixar sentir o poder sobre quen non se sinte amigo) ata despois da vaga de incendios do pasado ano. Por iso, no 'ultimato' na web do concello aparece "Desde que hai un ano o Concello iniciara este proceso". O caso é que dende aquela, foron enviados avisos, saiu a cousa varias veces nas novas do concello (e nas novas nos medios), e este aviso da 15 días para actuar ou... o concello actuará de xeito subsidiario "sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda".
Coido que a transmisión do que é a lei ós cidadáns non foi (desta e doutras moitas, en xeral) adecuada cando aínda andamos con estas lerias (e polo que parece, Ribadeo foi abondo avanzado en relación á media). Neste caso, ademais, enfróntase co desastre do catastro, con fincas que non aparecen os propietarios, outras que están a nome doutra xente, etc. tiven que lidiar hai non moitos anos co catastro en Lugo, e é unha experiencia que se podería chamar kafkiana.
O asunto é que un ano despois de que Ribadeo se puxera en marcha para facer cumprir a lei, segue sen facerse cumprir para todos, quizais na idea aquela de que 'mellor, fai as cousas, xa che pediran contas despois en caso de que as fagas mal e te pillen, pero ti xa as levas feito'. Neste caso concreto, a suavidade de aplicación legal tamén puido enfrontarse a casos nos que a xente non tivera claro se a lei lle afectaba ou non, pero coido que iso quedaría claro a partir da comunicación do concello.
De calquera xeito, o título corresponde a algo que se pode observar na nota do concello: "En total o 45% dos propietarios ou xa adecentaron as súas propiedades ou están a punto de facelo, pero aínda hai un 44% que está pendente de dar cumprimento á lei de incendios". Segundo iso, habería un 11% de parcelas nin listas nin pendentes, ás que lles afectaría a lei pero que non estarían contempladas dentro dela... quizais esa sexa a clave do porque unha lei de hai 11 anos aínda está a ser contemplada para a aplicación de disposicións transitorias ("incumplimientos de los artículos 21 y 22 y disposición transitoria tercera" segundo o título que aparece no BOE)

Ningún comentario: