20180912

FOSA SEPTICA E VERQUIDO NA ILLA PANCHA. Por Nuestro Faro

O colectivo “POR NUESTRO FARO” ven de remitir ao concello de Ribadeo o escrito que reproducimos de seguido. De xeito moi resumido diremos que se trata dunha chamada de atención ao Sr. Alcalde para que asuma o análise polo miudo do proxecto de legalizar unha fosa séptica que leva mais dun ano funcionando e un novo verquido cun sistema de depuración de dudosísisma eficacia. O “proxecto” técnico está publicado no BOPA de Lugo do pasado día 23 de agosto. O lector pode apreciar as numerosas contradiccións e supostas irregularidades atopadas polo noso grupo e comunicadas ao concello ao que se lle pide que defenda os intereses dos ribadenses e presente as pertinentes alegacións.


Sr. Alcalde de Ribadeo: Os abaixo asinantes, en nome e representación do colectivo POR NUESTRO FARO desexamos comunicarlle o seguinte:
Na lectura do “PROYECTO DE LEGALIZACION DE INSTALACION DE TRATAMIENTO Y EVACUACION DE AGUAS RESIDUALES, EN ILLA PANCHA” que se encontra en exposición pública no Concello de Ribadeo dende o día 24 de Agosto ate o 12 de Setembro atopamos unha serie de inquéritos que poñemos no seu coñecemento.
1º.- O proxecto devandito presenta na primeira páxina a data “Enero de 2018”. Non figura data de entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, pero non deixa de sorprender que se expoña ao público en Ribadeo na última semana de agosto e nas festas patronais.
2º.- No Anexo nº 5 (Planos) aparece un plano de situación da foxa que “se pretende instalar” e mais do tubo e zanxa de verquido que se proxecta. Apreciase con toda claridade que a zanxa, ou unha parte dela, está proxectada fora da zona concesionada.
3º.- No documento da concesión non aparece reflexada esta nova foxa, nen as suas características técnicas, ne tampouco a sua ubicación. A única referencia que atopamos está na páxina 5, ap. 13 Que di: “Fosas sépticas y su modo de mantenimiento”, sen mais precisións. Tampouco aparece o actual proxecto de verquido e polo tanto os informes de Medio Ambiente, por riba dos comentarios que facemos mais adiante, non puideron ter en conta este verquido porque non existía no proxecto inicial. Entendemos que esta é unha falla sustancial e que afecta a todo o procedimento anterior poñendo en dúbida a sua validez.
4º.- En base aos dous puntos anteriores puidéramos estar diante dun cambio no proxecto básico que deu pe á concesión. Ainda mais o feito de que este novo proxecto se presente agora obriga a pensar que non estaba no orixinal. Se fose así estaríamos diante dunha “Modificación de la concesión” regulada no art. 88 do RDL 2/2011 (Ley de Puertos y Marina mercante). O devandito art. 88 esixe un “informe previo de la Autoridad Portuaria” para modificacións non sustanciais, pero no proxecto actual non figura este “informe previo”.
5º.-Na páxina 3 di textualmente: “La actividad causante del vertido es la actividad turística que el promotor va a desarrollar en la edificación…”. Sorprende a expresión “va a desarrollar” e da lugar a moitas dúbidas cando resulta evidente que a instalación hosteleira xa esta funcionando dende hai moitos meses e xa o estaba cando se redactou este novo proxecto de foxa e verquido.
6º.- Na documentación anexa a este proxecto aparece o documento “AUTORIZACIÓN AMBIENTAL” con rexistro de saída da Xunta de Galicia do día 24.10.2016. Resulta como mínimo sorprendente que a data deste documento sexa 18 meses anterior á que aparece na primeira páxina do proxecto actual (Xaneiro de 2018).
7º.- No párrafo terceiro desta “Autorización Ambiental” fálase dunha foxa séptica “ que disporá dun rexistro para o seu valeirado periódico”. En nengún caso se fala do novo verquido que agora se proxecta.
8º.- No ”ANEJO Nº 2 Normativa de obligado cumplimiento. Ap 10 Medio Ambiente e Impacto Ambiental” aparecen reflectidas unha serie de normas relativas a esta materia, pero non aparece a “Ley 21/2013 de Evaluación Ambiental (LEA)” que según os reiterados informes do Defensor del Pueblo (16.2.17, 24.5.17, 22.8.17, 4.1.18 e 3.7.18) sería a norma aplicable neste caso. Neste ponto sería procedente suliñar que no informe do Defensor do 4.1.18 dase conta de que a Autoridade Portuaria viña de recoñecer que ainda está pendente de realizar a “evaluación ambiental simplificada”. Ainda mais a normativa de impacto ambiental que se cita (RDL 1302/86) tivo polo menos cinco modificacións dende que foi aprobada hai 32 anos. Asemade non deixa de sorprender que neste apartado non se cita nengunha normativa sobre verquidos.
9º.- Unha simple visión do plano nº 2, onde aparece a conducción do verquido, permite apreciar que polo menos un tercio do mesmo transcurre por debaixo da estradiña de acceso aos apartamentos (ver tamén pax 6 párrafo 7). Mesmo pola sua anchura compre supoñer que será unha zona de maniobra de automóveis e vehículos máis pesados, de onde se desprende que ao cabo de pouco tempo será un terreo compactado no cal o drenaxe poderse ver obstruído con facilidade, producíndose o verquido ao exterior e sen filtrar, máxime tendo en conta que a zona máis superficial da zanxa estará cuberta por “ 300 mm de tierra procedente de la propia excavación como remate “(pax 8, párrafo terceiro). Resulta un tanto chamadeiro que os autores do proxecto técnico non se decatasen deste detalle do que non dan conta no seu informe.
10º.- Na páxina 6, párrafo 4 cítase a fosa de 200 litros de capacidade mentras que noutros apartados a capacidade é de 2000. Deixando ao marxe que poda ser un erro de transcripción suliñamos esta contradicción.
11º.- Na páxina 21, párrafo 2 declárase que a fosa xa está executada dende o “mes de abril”, (enténdese que se refire a abril de 2017). Sin embargo no primeiro párrafo da paxina 2 dase a entender, así como en outros mais adiante, que o proxecto inclue a fosa e o verquido. Resulta preocupante que se presente en xaneiro de 2018 un proxecto de fosa que xa foi executado nove meses antes e ainda mais sometelo a exposición pública oito meses mais tarde, precisamente coincidindo cas festas patronais de Ribadeo.
12º.- No apartado 4, pax 1, “Presupuesto” di “Fosa séptica cilíndrica”, cando no apartado 2 “Planos” plano nº 3 aparece unha planta e alzado de forma claramente rectangular.
En resumen, trala revisión efectuada cos nosos limitados recursos, entendemos qu existen notorias carencias e preocupantes contradiccións. Ainda mais o proxecto actual pretende legalizar unha fosa séptica que xa está construída e prestando servizo a uns apartamentos turísticos que levan mais dun ano con actividade. A maiores preténdese incorporar un verquido que non estaba proxectado anteriormente.
Por todo elo solicitamos ao Concello de Ribadeo que estude polo miudo este asunto, que crarexe se se tramitaron correctamente os informes, permisos e licencias para unha fosa séptica construída en Abril de 2017, cuxo proxecto se presenta no 2018 e proceda a presentar as alegacións oportunas en defensa dos intereses dos veciños de Ribadeo, do mantemento da Illa Pancha nas condicións que esixe a lexislación medioambiental e da tramitación correcta dun expediente que afecta nidiamente aos intereses devanditos.

Ningún comentario: