20180620

NOVOS TEMPOS PARA O FARO DE RIBADEO

Vella foto da pasarela á illa Pancha

Co remate da xeira mais negra da democracia española e a chegada do novo goberno corren outros aires na administración e compre revisar os temas pendentes na tramitación do proxecto hostaleiro da Illa Pancha. Lembraremos, de vagar, que estes asuntos sempre están abertos, e pequenos cambios climatolóxicos poden facer que os ventos viren cando menos se agarda, e o que parecía imposible faise viable dun día para outro. Por exemplo compriría revisar un proxecto trufado de intereses do mais variopinto, obscurantismo e ineficacia, como é o caso de “Faros de España” que en seis anos xa sabemos ao que chegou. Sen invocar ningún revanchismo, calquera goberno que queira ventilar minimamente a pestilencia herdada terá que pararse un pouco a levantar algunhas alfombras.
No caso concreto do Faro da Illa Pancha hai unha ringleira de inquéritos que deberan ser reprantexados nos próximos meses.
En primeiro lugar temos a falla de informe de non afección a Rede Natura 2000, recoñecida pola Autoridade Portuaria na última resposta aos requerementos do Defensor del Pueblo e polo goberno anterior diante das preguntas do deputado de En Marea, Fernán Vello. Hai que suliñar aquí que o Defensor emitiu tres informes (17 de febreiro do 17, 22 de agosto do 17 e 4 de xaneiro do18) nos que inequívocamente argumenta as carencias do expediente devadito.
En segundo lugar temos a pregunta pendente de respostar polo defensor e pola autoridade portuaria encol da medición dos terreos incluídos na concesión. Como é sabido a concesión abarca cincocentos metros cadrados, pero está por crarexar se non debera incluír a totalidade da illa (4300 m2 só a cuberta vexetal) que está sendo explotada para o negocio hostaleiro, o cal rebasaría os 2500 m2 que son o límite legal para a concesión directa que se tramitou.
En terceiro lugar está o problema da memoria económica de viabilidade do proxecto, que en caso de existir foi redactada incluíndo unha cafetería que posteriormente non foi aprobada.
En coarto lugar está o asunto do acceso exclusivo dos clientes dos apartamentos e prohibido para os veciños e visitantes, sen que haxa explicación legal desta discriminación.
A estes temas pendentes de crarexar no caso do faro da Illa Pancha engádese o fracaso absoluto do proxecto faros de España que ten ,como trasfondo, uns custes ate agora descoñecidos a toda a enxurrada de influencias, enchufes e corrupcións acreditadas polos tribunais na xestión do extinto gobernó da gaivota.
Folga suliñar que o concello de Ribadeo ten unha nova oportunidade de retomar os compromisos que foi deixando voluntariamente nas cunetas, como foron as tres consultas á Autoridade Portuaria respostadas con vaguedades, o seu compromiso de defender o acceso libre dos veciños e a concesión das licenzas con tantos inquéritos sen resposta. A ver se agora canta a galiña.
O noso grupo, despois de tres anos segue mantendo o obxectivo para o que foi creado: evitar a privatización da Illa Pancha e promover o seu uso social e cidadá. Agora o novo goberno socialista ten a pelota no seu tellado.
 Colectivo “POR NUESTRO FARO”
 Ribadeo, 20 de Xuño de 2018

Ningún comentario: