20180423

ESCUDO-NON ESCUDO HERÁLDICO DA CAPELA DA ATALAIA. Francisco José Campos Dorado


Esta preciosa capela é a máis ou unha das máis antigas de Ribadeo, que data posiblemente do tempo de Fernando II (rei 1157-1188), e está dedicada a devoción da Trindade, cuxa imaxe se atopa no ático do retablo do altar maior, e no centro está a imaxe da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros.
Vulgarmente chámaselle Capela da Atalaia, por situarse neste pintoresco e estratéxico lugar de Ribadeo.
Pois ben. No centro do hastial do frontispicio, baixo o campanil e o lucernario, e sobre o arco oxival da portada de entrada, enriquecido de un cheurrón ou moldura en zig-zag, adorno similar a un festón con puntas en serie, atopamos unha pedra cadrada de cantería, que nada ten que ver coa fábrica da parede feita con pedra do país.

Esta pedra de cantería ten a súa historia e a súa lenda. Segundo o “Ribadeo Antiguo”, a inapreciable obra de Francisco Lanza, no capítulo XXII, Capillas, páx.253, atopamos referencia a esta pedra: “Por el patronato de la Iglesia de la Trinidad pleitearon en 1722 el Ayuntamiento y la Cofradía de la misma. Inició el pleito la Cofradía, al ver que el Ayuntamiento, con ocasión de estar revocando el templo por dentro y fuera y a la morisca (Nota: “a la morisca” parece ser que era como un “lavado de cara” pois refírese ao “alquinal” que é un velo de seda que como adorno usaban as damas moras), mandó colocar sobre la puerta principal el escudo de armas de Ribadeo; y ella fue quien lo ganó, a pesar de demostrar la parte contraria que el patronato le correspondía a la villa, como más bien consta en los libros consistoriales y antiguos, y por el cotexo de la piedra de armas que tenía ya la iglesia, con otros muy viejos que había en distintos edificios de la villa”. No Ribadeo Antiguo, Capítulo I, “El nombre y las Armas de Ribadeo”, páx.6, Paco Lanza, cóntanos a historia de que a Cofradía da Santísima Trindade queixouse o Bispo de Mondoñedo, de que se colocaran dous escudos de armas co brasón das armas de Ribadeo: “una llave sobre olas de mar” no frontis da capela, e que lles parecía que non correspondía este privilexio ó Concello.
O tribunal eclesiástico fallou o preito en 1723, ordenando que se recoñecesen como patróns os mordomos e ós confrades, “sopena de excomunión mayor lacte sentencia ipso facto...” “e de seis mil maravedís aplicados a disposición de S.I.”. Os escudos parece que foron arrancados da fachada.
Un deles levado para o matadoiro vello de Ribadeo, onde estaba o brasón coa chave inclinada e que “foi colocado ¿patas arriba?”
Ata aquí a historia que nos narra Francisco Lanza. Pero aquí tamén comeza a súa lenda. Parece ser que quen tiña que executar a sentencia e dar a orde de arrancar os escudos era un Xuíz Civil (posiblemente por ser Ribadeo Vila de Realengo, e non Vila de Abadengo, como anteriormente fora). Este xuíz non quería de ningún modo contradicir o bispo pero tampouco darlle a razón en contra do Concello de Ribadeo. Polo tanto tomou unha decisión salomónica. Nin razón para o Bispo nin para o Concello, polo que, o que mandou foi darlle a volta a pedra, ou sexa meter o brasón cara a dentro da parede, e deixar a pedra do escudo no sitio. Así sacáballe a razón o Concello, por non aparecer as Armas na parede da capela, e por outro lado tampouco lle daba a razón o Bispo, porque a pedra non se arrancaba da parede como el ordenaba. Por iso se ve unha pedra sen ningún sentido sobre o portón da entrada, a cal parece que debe ser o escudo heráldico coas Armas de Ribadeo ocultadas.
Pero ¿é isto verdade ou é unha lenda?. O caso sigue sendo embrollado, pois temos varias preguntas sen resposta. Segundo nos di Paco Lanza, colocáronse dous escudos, e ¿onde estaba o outro que gardara simetría con esta pedra central? Si estaba cada escudo, un a cada lado da porta, ¿porque entón, agora só hai unha pedra centrada sobre o portón?.
Fixándose un na obra de pedra da esquerda, segundo se mira a fachada principal, agora que está sen cales, vese como un oco cadrado tapiado, case a mesma altura que o escudo central, e a máis menos un metro do borde e a máis menos medio metro do tellado. ¿Estaría aí o outro dos escudos en liza, e así a sentenza cumpriuse a medias, por un lado, arrancouse un, e deixouse o outro co brasón ocultado, o que parece satisfixo ás partes?
Non hai maneira de sabelo de certo, a non ser que se saque a pedra e se mire a súa parte oculta. E por outro lado, ¿quen sabe a onde foi parar o escudo heráldico daquel matadoiro vello do que fala Paco Lanza, que non é o de abaixo da Rúa Nova, rúa na que eu me criei?
Ao mellor está enterrado en sabe deus que obras de recheo ou aterraplenado, pois xa sabemos que as Antigüidades de Ribadeo, están “perfectamente conservadas”... ¡¡en el fondo del mar Matarile, rile, rile!! Saudiños.

Ningún comentario: