20180419

Unha exposición de ovos

Non é o primeiro ano que no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo organiza unha exposición de ovos con motivo literario: representar unha obra literaria de xeito comprensivo (unha escea, un persoaxe, ...). Este ano está rematándose de montar, e será visitable tamén a próxima semana na entrada do IES:






20180418

Derrumbe(s) con máis dunha década por medio

 Fotos do derrumbe de onte, dende a ponte dos Santos e dende a beira da estrada ó faro. Vese claramente o lugar, xunta ó albergue de peregrinos.
 --
Onte houbo un novo derrumbe na zona na que o 30 de decembro de 2005 outro anterior provocara o corte da estrada do faro, como se ve nas fotos daquela (publicadas en 'unha primicia en visual'):


Un ano despois das fotos, no día dos inocentes do 2006, comentei que seguía o valado, pero doce anos despois non é doado rememorar aquel ano de paso restrinxido cara ó faro.
A estabilización do terraplén e da calzada durou ata o momento, máis parece que vai sendo hora de reforzala. Non porque estivera mal feita nin porque caducara, senón porque o actual derrumbe, lateral, nunha zona non tratada con anterioridade, ameaza esa parte do talud saneado daquela, podéndose aprezar que baixo o manto de saneamento hai unha zona da beira sen nada detrás.
dende entón lévanse producido outros derrumbes, como o Derrumbe da atalaia, do que parece que costa xa traballo lembrarse.En fin, cousas da natureza, ás veces intervida polos humanos, pero actuando sempre.

20180417

Pouco a pouco, Ribadeo móvese

Adxunto fotos e lema transmitidos en Facebook por Suso Fernández.

Resulta que... ante o éxito dos pensionistas en mobilizarse (organizados pouco a pouco no 'Movemento en Defensa das Pensións Públicas', agora chama á mobilización todo o mundo (léase partidos, sindicatos) querendo subirse á onda. Iso si, non soen xuntarse co movemento, senón agregar a 'súa' manifestación outro día, noutro lugar... A iso chámaselle 'oportunidade', e é sinal de vitoria básica e de loita por controlar e reconducir isa vitoria. Lembro que me comentarion que na primeira manifestación en Ribadeo, saiu por casualidade o alcalde e preguntou que era aquelo. Despois, viu a foto e a nota de prensa. Onte tamén houbo nota de prensa:
É A SEGUNDA QUE SE CELEBRA EN 24 HORAS
Concentración dos pensionistas
16/04/2018

Ducias de pensionistas se concentraron esta mañá, ás doce, ás portas do Concello de Ribadeo en demanda dunhas pensións dignas. Dúas pancantas grandes e varias pequenas nas que se podían ler mensaxes como "SOS. Pensións públicas si, privadas non" ou "Pensións dignas xa" protagonizaron a movilización. A carón dos pensionistas estivo o alcalde ribadense, Fernando Suárez
Se se compara coa foto correspondente á segunda semana de manifestación (abaixo, tamén foto de Suso do 20180221), na que xa aumentara a xente de xeito considerable, pode colixirse a evolución positiva da protesta.
 Unha protesta que é por todos, pois todos aspiramos a chegar a esa idade de xubilación.
O futuro? veremos. Omovemento é victorioso. A xestión da victoria están tentando arrebatarlla.

20180415

Non importa non habelo podido publicar a tempo. Hai cousas ás que non se lle pasa o momento

Dous días despois da nota que adxunto, do concello, sigo a pensar o mesmo: é unha moi boa nova. Un paso máis no traballo comezado dende a Plataforma Pro Residencia de Maiores de Ribadeo por José Mª Rodríguez e que aínda non rematou (como tampouco a actividade da Plataforma).
Novas
BARCIA: "POR DÍAS COMA ESTE VALE A PENA LOITAR"
Residencia de maiores
13/04/2018
O alcalde, Fernando Suárez, cualifica de boa nova o convenio asinado entre Concello e Deputación para a posta en marcha da residencia de maiores, que hoxe foi refrendado na xunta de goberno da institución provincial. O rexedor asegura que por días como este está orgulloso de estar en política e que por días como este vale a pena loitar. Engade que o traballo debe seguir a partires de agora, e que entre os asuntos pendentes está a petición do permiso de inicio de actividade á Xunta, que agarda que sexa concedido sen problema.
Suárez Barcia declarou que "é unha moi boa noticia para Ribadeo, e emocióname dicir que hoxe é un destes días nos que un se sinte orgulloso de estar en política, e é un destes días polos que un sinte que vale a pena loitar a pesar dos problemas que moitas veces poidamos ter".
O alcalde dixo que "este convenio entre a Deputación e o Concello de Ribadeo, que agora tamén a parte do Concello ven de ser refrendado pola xunta de goberno da Deputación de Lugo, ten ao noso xuízo, o mellor da política e o mellor da xestión que poida existir".
O rexedor ribadense engadiu que "ten o mellor da xestión porque ten as achegas dos mellores técnicos, tanto do Concello como da Deputación, en todo este proceso de varios meses de traballo duro e discreto. Ten ao mesmo tempo o mellor da política porque, aínda que os gobernos dunha e doutra institución non somos da mesma cor política, si que soubemos deixar as diferenzas a un lado, que non hai moitas, e apostar dentro da legalidade por poder ter o mellor servizo, os mellores prezos, as mellores calidades, e as mellores garantías para os futuros usuarios e usuarias desta nova residencia, que non son outros que os nosos paisanos tanto os do noso concello prioritariamente como despois os da comarca e, se quedan prazas libres, os da provincia".
Fernando Suárez quixo "deixar claro que a formación política da que formamos parte o goberno municipal de Ribadeo tamén apostou e aposta claramente en favor deste xeito de facer política. Isto non é nin máis nin menos que poñer os instrumentos públicos que existen para facer política a favor da xente, porque a ela nos debemos e a ela debemos servir".
O alcalde comentou que "agora nos vindeiros días temos que seguir traballando para cumprimentar a documentación que falta como a ordenanza económica, o regulamento de xestión, de acceso, etc… Ao mesmo tempo isto é necesario para pedirlle á Xunta o permiso de inicio de actividade, un papeliño sen máis, pero que confiamos non ter problema algún, xa que se desde o inicio de todo este proceso, desde hai varios anos, a Xunta non puxo un peso en toda esta acción polo menos que non poña máis paus nas rodas ao que é o noso soño colectivo, noso da unanimidade da Corporación e da unanimidade da xente de Ribadeo, que é a nova residencia para maiores".
-
Que si, que sempre se pode facer mellor... e peor!

20180412

Festival de Swing 2018

PROGRAMA:

venres 13 abril:
21:30 recepción na sala 
Rosalar Ribadeo
22:00 taster de baile rock'n'roll
23:00 concerto da bigband 
The Swingtonized BAND
01:00 festa swing na sala Rosalar Ribadeo

sábado 14 abril:
10:30 recepción no Teatro de  Ribadeo
12:45 - 14:14 clases de baile nivel 0 en teatro Ribadeo.
14:30 xantar
18:15 - 19:15 clases de baile nivel 0 en teatro Ribadeo
22:30 concerto de 
Viajeros del Swing no Teatro (organiza Concello de Ribadeo. Prezo 4 €)
00:30 festa swing na discoteca 
Molino ribadeo

domingo 15 abril:
12:30 vermú swing e  Feira de Pasos no Cantón (na praza de abastos, se chove)
14:30 entrega de premios



Axenda Cultural do segundo trimestre (concello de Ribadeo)

Unha translación: Maimiñas do 22 de abril pasa ó 10 de xuño.






Placas en Porcillán

Hai xa meses que o blog comezou a conter fotos das novas placas descritivas de Sargadelos, que describen trinta lugares do rueiro de Ribadeo. Dende aquela, publicouse un folleto recollendo o seu contido, mais coido non da unha idea adecuada da beleza das placas, polo que sigo recollendo fotos ata completar o conxunto. Hoxe tocoulle a Porcillán, que a máis da da aduana, ten dúas placas:


Máis das novas placas descritivas:
Placas de Sargadelos, Máis placas de Sargadelos informativas, Letreiros para coñecer Ribadeo, Placas de Sargadelos ilustrando o rueiro de Ribadeo, Nota do concello: Arte e historia. Rúas e Sargadelos

20180410

En loita polas pensións, sección Ribadeo

Publicado no muro de Facebook do Movemento en Defensa das Pensións Públicas, Ribadeo.

A Roda, Barreiros, por Emilio Piñeiroa Lozano




Máis sobre a Roda.

Capela de San Lázaro, por Emilio Piñeiroa Lozano




Esta entrada forma parte da Serie de Capelas de Emilio Piñeiroa.

Capela de San Roque, por Emilio Piñeiroa Lozano




Esta entrada forma parte da Serie de Capelas de Emilio Piñeiroa.

Capela da Atalaia, por Emilio Piñeiroa Lozano




Esta entrada forma parte da Serie de Capelas de Emilio Piñeiroa.

20180409

Nota de prensa da Plataforma pro residencia de maiores de Ribadeo

Lento, pero seguro

A residencia, en construción. Imaxe do Sigpac tomada a mediodía un día polo medio do ano 2016.

   Cando José María Rodríguez comezou a capitanear a andadura da nova residencia de maiores, supoñía xa que a viaxe ía ser longa e dura, mesmo con reviravoltas e retrocesos. Nunca, ninguén dos que participamos con el na andaina nos fixemos á idea dun curto paseo entre rosas. E as expectativas cumpríronse e seguen a cumprirse.
   Pasaron os anos e o edificio está construído e dotado, aínda que polo momento falte o que se podería chamar a estrutura de funcionamento.
   Nestes últimos días, despois de recobrar o consenso político no pleno do pasado 23 de marzo no que a corporación votou de xeito unánime na casa do concello de Ribadeo a aprobación do convenio marco para dar soporte ó funcionamento da residencia, airéanse novas diferenzas políticas. Mais coidamos que esta volta son máis cosméticas que outra cousa, que non se basean en mandatos externos, ou en diferenzas irreconciliables, senón en posicionamentos que se tentan facer visibles de cara á procura dun oco mediático fronte ás novas eleccións que xa se albiscan.
   Dende o día 23, resumindo:
   -hai unha postura unánime da corporación de apoio ó convenio.
   -hai unha vontade por parte da cabeza visible da Deputación de levalo adiante.
   -tamén hai dificultades internas na Deputación. Esas dificultades, que veñen de atrás e pouco teñen que ver con Ribadeo ou coa residencia, manifestáronse de xeito cru xa o día antes do pleno lucense, con tempo abondo para facer algún tipo de movemento individual pero totalmente insuficiente para unha discusión calmada. E iso deu lugar a que se pedira por unha beira, a asistencia dos representantes no consistorio Ribadense ó pleno da Deputación do pasado venres en Lugo. Por outra, a que nos enteráramos con posterioridade da petición de segregación do convenio marco para ser votado de xeito independente o de Ribadeo. Aínda por outra, da ausencia sen explicar dun dos votos que se presumía a favor ou, totalmente diferente, a ausencia de membros da corporación ribadense entre o público do pleno en Lugo... e por último dunha compoñenda que pode representar un parche, pero moi ben posto a estas alturas, e sobre todo, representa a continuidade cara ó futuro: a aprobación por parte da Deputación en comisión en troques de en pleno. Nesa xuntanza, que se espera para martes, quedará aprobado ó ter asegurada a maioría, e estaremos xa encamiñados a solucionar aspectos máis finos da futura xestión.
   É posible que cando estas verbas saian á luz xa se teña dado algunha reviravolta máis, dialéctica, pero sen poder deixar de asumir cada partido o que fixo no último pleno ribadense: apuntarse de xeito unánime a unha pedra angular que debuxa a grandes trazos o futuro da residencia de maiores de Ribadeo.
Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo.

20180406

Residencia de maiores de Ribadeo: unha encrucillada

Imaxe da sinatura do preacordo/protocolo.

José María Rodríguez, impulsor da construción da nova residencia ribadense

Se un se achega pola páxina web da Deputación Provincial de Lugo, poderá atopar cousas como a seguinte: "Por primeira vez na historia da Deputación, representantes políticos non respectan a representación sindical e tumban un ACORDO UNÁNIME SINDICAL."
É cunha Deputación en certo xeito inesperada coa que terá que lidiar hoxe o acordo xa aprobado polo Pleno municipal o pasado día 23 de xeito unánime.
No seu momento, hai dúas semanas, quedou claro que o si do concello ó convenio marco era un paso na boa dirección, apoiado por toda a corporación, despois de ser asinado un protocolo previo. Agora, ese convenio marco necesita ser ratificado na Deputación para a súa entrada en vigor, a facilitación do deseño dos convenios específicos para as diversas residencias afectadas, e a posta en marcha efectiva deste instrumento de coordinación e financiamento. E ese paso non está nada claro pola traxectoria que levade voltas e reviravoltas a actual Deputación dende as eleccións locais do pasado 2015. Tanto é así que o alcalde de Ribadeo, no seu Facebook, da un aviso contundente onte á noitiña:
Hai poucos días o Concello de Ribadeo, e para honra de toda a Corporación Municipal dos 4 grupos que somos, votamos unanimente a favor do Convenio coa Deputación Provincial para a Xestión da nosa Residencia de Maiores. Un éxitazo de tod@s e un orgullo para todo Ribadeo.
Cal é o seguinte paso?
Pois que mañá celebrarase un Pleno na Deputación para refrendar este mesmo convenio cos seis concellos que o asinamos.
E que pode pasar?
Pois que asistamos ao que a xente do común detesta. A política “de merda”, a política sen contar co pobo, a política noxenta de sempre.
E por que?
Pois ao igual que pasan en algunhas votacións no Parlamento Galego que os deputados dun grupo votan a favor dalgún asunto de competencia do Estado e logo cando ese asunto chega ao Parlamento do Estado, os deputados dese mesmo partido votan o contrario do que os seus compañeiros fixeron.
Pois aquí pode pasar o mesmo. Quizais eu, que ás veces peco de iluso, penso que se todos na Corporación de Ribadeo votan a favor dun convenio inmellorable para @s veciñ@s deste nobre Concello, pois o previsible é que os deputados provinciais deses mesmos grupos políticos voten o mesmo que os seus compañeiros en Ribadeo. Sé isto é así ou non saberemolo mañá. Para iso hoxe convidei expresamente a todos os grupos da Corporación de Ribadeo a ir ao Pleno da Deputación, para presenzar o que os Deputados Provinciais van votar.
Se se perpretra a traizón contra Ribadeo poderei dicir algo que sempre odio que se diga: Xa o dicía eu.
Se ao final todo vai con sentidiño, coa forza da razón, da legalidade e ademais coa debida lealdade aos paisanos e paisanas maiores deste Concello, entón terei que dicir: Son un esaxerado que sempre penso que moitos representantes políticos non merecen estar no cargo que ocupan.
Verémolo. Boa noite e boa sorte.
De xeito independente a que se estea ou non de acordo en todos e cada un dos puntos que o rexedor expón, o temor a que na Deputación, hoxe, despois de ter presentado a mesma Deputación o documento inicial votado o pasado día 23 en Ribadeo e no resto dos concellos afectados, se de unha reviravolta, é unha posibilidade real. De feito, Manuel Martínez, vicepresidente da Deputación e presidente de SUPLUSA -entidade de xestión de residencias da Deputación ata o momento, e cargo de compromiso despois dun difícil comezo do mandato da Deputación-, xa anunciou o seu voto en contra, o que podería levar ó PP a facelo asemade, despois de ter votado a favor en Ribadeo pero absténdose en Trabada. As residencias afectadas polo momento (hai máis, pero están en fase máis retrasada), son, a máis de Ribadeo, A Fonsagrada, Pedrafita, Pol, Ribas do Sil e Trabada.
Esta tarde, a partir das 5, veremos.
--
Actualización despois do pleno:
Despois das 6 da tarde, aprazamento do pleno da Deputación: Martínez dixo que non apoiaba o convenio marco mentres non tivera uns informes. Os concelleiros de Ribadeo (PP exceptuado), Manuel Valín e representantes da plataforma pro residencia asistiron ó pleno.
--
Nova actualización:
Entérome de que será aprobado en Xunta de Goberno, onde o si ten asegurada a maioría.

20180405

Centenarios (II)

en relación á entrada anterior (Centenarios) na que deixaba unha páxina do xornal 'El Norte de Galicia' de 19180325, na que se refería á contratación para a liña Vilaodriz-Villafranca do Bierzo, adxunto agora a nova enteira, obtida de 'Galiciana'

Centenarios

O edificio da Torre dos Moreno segue en pé. E xa ten cen anos. Celebración polo seu cumpre? Non tivo.
O desaparecido tren a Vilaodriz xa os cumpriu hai tempo. Non lembro tampouco celebración.
Agora tócalle o turno a un proxecto fallido, agora que estmos en loita pola conservación do tren pola cornixa cantábrica. Este ano fará cen da súa proposta... e 'subasta'. Daquela, quedou a terra sen un instrumento que lle tería dado un pulo considerable. Agora, está a piques de quedar sen outro, tamén do ferrocarril.
Por certo, a proposta da liña a Ponferrada foi recollida no 2016 por Ciudadanos, pero pasou desapercibida.


20180404

NOVA QUEIXA DO COLECTIVO POR NUESTRO FARO AO DEFENSOR DEL PUEBLO

O colectivo POR NUESTRO FARO ven de remitir unha nova queixa ao Defensor del Pueblo en base ao seguinte asunto:
A concesión aprobada pola Autoridade Portuaria con data do 15 de Xuño de 2015 comprende seis parcelas que en total suman cincocentos metros cadrados. Aquí inclúese o edificio do antigo faro e outras parcelas colindantes. A Illa Pancha ten 4300 metros cadrados de superficie cuberta por un manto vexetal, e ate 10 000 incluíndo o que son rochas mais ou menos accesíbeis.
A vixente lei de de Puertos del Estado, no artigo 83, estipula as condicións para facer concesións por vía directa ou por concurso aberto. Unha das condicións para facer unha concesión por via directa é que os terreos da concesión teñan unha extensión menor de 2500 metros cadrados.
No caso da Illa Pancha, sobre o papel, cúmprese esta previsión, sen embargo na práctica atopámonos ca seguinte situación:
1.- Non existe ningún valado, cinta indicativa ou medida similar que impida o paso á totalidade da illa aos usuarios da instalación hostaleira, nin tampouco nas condicións da concesión se especifica ningunha limitación neste senso.
2.- Os veciños e visitantes non teñen acceso á illa se non son usuarios dos apartamentos.
3.- A ponte e o camiño que chega ate os apartamentos non están incluídos na concesión, debendo suliñarse que os veciños e visitantes non están autorizados a facer uso destes espazos.
4.- Nas redes sociais existen fotos e vídeos onde pode apreciarse a presencia de persoas fora do cincocentos metros cadrado concedidos, mesmo os coches deben pasar necesariamente pola ponte e máis o camiño, como dixemos non incluídos na concesión.
En consecuencia entendemos que se ben dende o punto de vista formal a concesión é inferior a 2500 metros cadrados, na práctica esténdese á totalidade da Illa. Polo tanto solicitamos ao Defensor que se estude se a medición feita pola Autoridade Portuaria no intre da concesión se axusta as condicións esixidas pola lei de Puertos.

Mirando para outro lugar

Mentras se van vendo as manobras diversas sobre as Catedrais -onte, xuntanza en Santiago, e nota de prensa segundo o concello-, abonda unha mirada ó noso arredor para ver que a vida segue e que as Catedrais son importantes, pero non o único que manter en Ribadeo. Antonte tomaba estas dúas fotos, que dan unha ide doa estado dunha casa (rúa Bós Aires) que conforma a base dunha vista á ría abondo concorrida (baixada ó Auditorio Hernán Naval).