20180201

Río Uso, en Ribadeo?

    Onte, o ABC, titulaba unha nova 'La subasta para vender el barco de Ciudad de Vascos no recibe ofertas'. Non era a primeira vez que nomeaba o tal barco: hai xa varios meses daba nota da súa existencia (varado, dicía, cunha foto atracado) no peirao de Ribadeo á espera dunha subasta.
    A historia non deixa de ser ilustrativa de como pasan algunhas cousas relativas ós bens públicos (tamén pasan cos privados, pero iso depende de cada quen): a Deputación de Toledo encarga un barco a Gondán (río Uso, 14,75 m de eslora, 4,8 m de manga, segundo a web de Gondán) para navegar polo encoro de Azután (cruz no centro da imaxe):
    A cidade de Vascos son unhas importantes ruínas á beira deste pantano, situado na provincia de Toledo, preto xa de Extremadura, a cabalo entre os ríos Texo e o seu afluente Uso, que da nome ó barco, e cara á que se pretendía levar xente a través do pantano.
    Naturalmente, o feito de ser un lugar protexido medioambientalmente, e a moitos quilómetros de Lisboa, a saída ó mar das augas do Texo, fixo que as características do barco vaian do silencio a paneis solares, pasando por un tamaño adecuado (60 persoas máis dous tripulantes) e un perfil adaptado á navegación fluvial.
    O caso é que o goberno provincial cambiou, e as miras tamén. Considerouse un proxecto megalómano (para entendérmonos, como o da Cidade da Cultura santiaguesa) e tras a entrega, quedo esperando na ría de Ribadeo. Hoxe leva tempo varado en Porcillán, a primeira subasta organizada pola Deputación toledana quedou deserta, a segunda vai cunha rebaixa do 15% e xa se verá...
    Mentres, pode observarse desde o paseo marítimo Rodríguez Castelao de Ribadeo co asteleiro que o fixo ó fondo, a máis de 500 km do destino que esperaba... e que segue a esperar.

1 comentario:

CaptainQQ dixo...

Very efficiently written information. It will be beneficial to anybody who utilizes it,This is truly wonderful and worth reading blog.Thanks alot and have a nice day.