20170327

A 'idade de ouro' da banca en Ribadeo

Quero eliminar un vello blog no que deixei de publicar hai tempo, 'Ribadeo historia'. Como paso previo, necesitro ir pasando os datos para conservalos. Esta foi a última entrada, do 24/10/2010: 

Deixo a copia dunha entrada collida en Google do libro 'La actividad bancaria en Galicia: desde el catastro del Marqués de la Ensenada a la Ley Cambó, de Alfonso García López.




Papá, ven en tren

A foto da imaxe non corresponde á actual liña de FEVE Ferrol-Ribadeo. A xuntanza que van ter mañá diversos alcaldes que teñen formado unha plataforma da que non forma parte polo momento Ribadeo, si ten relación co mal estado do material rodante, supresión de servizos e ninguneo da liña por parte da xestora de infrastruturas.
Terá lugar mañá en Moeche, di o xornal, pero a atención dos alcaldes parece que se detén en Viveiro, que máis para acó a unión non fai a forza.
FEVE na zona arrastra deficiencias diversas, comezando o ser construída con criterios de resguardo de vía cara ó interior para evitar agresións guerreiras, ou (relacionado), o desaxuste do lugar das estacións en relación coas poboacións que sirven. Pero con todas e con esas, foi (e polo momento, segue) facendo servizo. Sen adaptacións de ningún tipo. Como exemplo, foi pedido un apeadero nas Catedrais, e aínda que non consta que se fixera un estudo de rendibilidade ou conveniencia asociado á petición, o turismo que soporta a praia coido que ben valería que a xestora de infrastruturas o considerase.
Polo momento non hai resposta ás queixas, nin do organismo de ferrocarrís nin das administracións autonómica ou central, se non é para saír na foto. E o ferrocarril segue deteriorándose. Cando non é por falta de material ou o seu mal estado, é por levar maquinistas a outras liñas. Creo que non fai falta estudo para dicir que, a pesar de que na actualidade a liña é inadecuada, a súa perda suporía un atraso substancial para a comarca. Para todos nós.

20170326

SENTENZA DA SUBESTACION ELECTRICA. Evaristo Lombardero Rico, 22/3/2013

   Nos próximos días vaise coñecer a sentenza do contencioso administrativo promovido polos veciños de Piñeira contra a ubicación da subestación eléctrica promovida BEGASA- EON ca colaboura do Concello de Ribadeo, a Consellería de Industria e a sociedade SEPES que o día 31 de xullo de 2008 asinaron un convenio, sen que houbese nengunha documentación oficial, como declarou o Sr. Alcalde en xaneiro de 2009. Un pouco antes, na exposición pública do PXOM en maio-xuño xa figuraba unha reserva de solo no monte comunal de Piñeira para edificar esta subestación. O prantexamento dos vecinos é moi doado de entender, non se opoñen á subestación en si, senón en concreto á ubicación, pola proximidade aos núcleos de Folgosa, Reverte e á área industrial prevista na mesma zona, prantexando unha ubicación alterntiva, no mesmo monte, desplazada a uns 400 metros ao sur.
   De tódolos xeitos o sustancial deste asunto non é a protesta da veciñanza senón a falla dun debate democrático e dunha documentación técnica que xustifique non so a ubicación, senón a propia necesidade desta infraestructura e mesmo as reformas do proxecto que os promotores foron introducindo ao longo do tempo.
   Empezouse anunciando unha subestación de 400 000 voltios (xullo 2008) para pasar a 136 000 voltios (xaneiro 2009), sen explicación de nengún tipo. Presentouse un “proxecto” en marzo do mesmo ano que ocuparía 3 500 metros cadrados, para retiralo deseguido e presentar outro en maio de 2010, nunha superficie de 11 800. A única xustificación dos promotores resúmese na seguinte expresión “…nuevos estudios topográficos exigen ampliar…”. En xullo de 2011 a Delegación de industria de Lugo remite aos vecinos unha resposta de EON ás alegacións que di “… no es objeto de la memoria ni del proyecto técnico la justificación de la elección de la ubicación donde pretende implantarse esta infraestructura…” Despois xustificabase co PXOM (daquela xa suspendido) e ca aprobación do concello e seguía ca seguinte pérola, referíndose á necesidade da subestación “… ha sido holgadamente difundido en distintos medios de comunicación…” .
   Despois de tramitar os permisos pertinentes as obras de explanamento dos terreos comezan en febreiro de 2013 e paralízanse ao cabo de tres meses, sen nengún tipo de explicacións. No mes de decembro seguinte a Comunidade de Montes de Piñeira formaliza o contencioso que mencionamos ao comezo e a empresa xustifica a paralización das obras por este motivo. Ou sexa seis meses mais tarde, nos que puido negociar ou tramitar o cambio de localización. A mais de que sería o único caso na historia no que unha multinacional como EON (nº 44 do mundo por volumen de negociado nunha listaxe publicada en 2008) paralizase unha obra pola iniciativa dos veciños. De feito a sentencia do Tribunal Supremo obligando a trasladar a subestación de Mondoñedo segue incumplida dous anos mais tarde.
Ao longo destes anos puidemos comprobar que o Sr. Alcalde de Ribadeo e mais os conselleiros de Industria (primeiro do BNG e despois do PP) seguiron ao pe da letra as indicacións da multinacional, apoiaron entusiásticamente unha subestación sen proxecto técnico documentado e publicitado, sen formar parte de nengún plan enerxético debatido democráticamente, aplaudiron a campaña mediática, colaboraron á manipulación informativa e sempre vendendo a ideoloxía desenrolista que sustenta a estafa que chaman crise.
--
Encadre centrado (aprox.) no lugar previsto para a subestación eléctrica:

20170325

Minucias (cales, unhas ou as outras?)

Vexo hoxe no xornal que hai en marcha un expediente para impoñer unha multa de 2000 € a un club de alterne no concello de Ribadeo. Polos datos, queda claro que é o que hai á entrada da desviación de Rinlo. E esa é a nova: unha multa de 2000 € por incumprimento da lei de medidas sanitarias fronte o tabaquismo...
'Non sei por que' ó ler a nova lembreime de que a Al Capone collérono por un asunto de impostos. Pero non creo que esta sexa unha operación coordinada para finiquitar as actividades do club de alterne.
Por certo que, procurando o documento ofical que deu pé á nova, atopei que onte mesmo, no DOG, aparecen varias medidas en relación co maltrato á muller ('violencia de xénero' queda máis político, e son dúas resolucións e dous extractos de resolución).
Polo que parece, medidas paliativas si, atacar a raíz do problema... iso é máis complicado, queda para outra.

20170324

Nove puntos e tres mocións: pleno

20170323, xoves, 20.30 da noite, salón de plenos, 17 concelleiros, o persoal técnico do concello, 22 persoas de público e dous reporteiros. Pleno. Entre o público, dúas monxas (da congregación que leva o hospital asilo), un técnico do concello, tres persoas relacionadas co accidente do Alvia, tres persoas do PSOE, algún casual e o resto, apoyando para a moción a favor de paralizar a licenza de obras do faro.
  O primeiro punto, a aprobación de acta do pleno de 24 de xaneiro, aprobado sen discusión, e o segundo punto, a toma de posesión de Cristina Losas como concelleira, pasaron nun santiamén.
  O terceiro punto e o cuarto estaban relacionados co hospital asilo de San Sebastián e San Lázaro. Un, en relación ó regulamento do seu funcionamento e outro, en canto ós prezos. Fíxose lembranza de que para a aprobación definitiva fai falta unha aprobación inicial, un período de exposición dun mes, e, se non hai alegacións, queda aprobado, e, se as hai, hai que volver a votar se se modifica ou non para que a aprobación sexa definitiva.
  En canto ó horario, a redución de visitas, de 7 a 3 horas, sen visitas pola mañá, foi discutida, quedando a votación 15 si - 0 abstencións - 2 non. Dada a composición do pleno, 10 BNG, 4 PP, 2 PSOE e 1 C's, é doado seguir o que votou cada grupo ó ver o resultado das votacións.
  En canto ós prezos, houbo unha discusión abondo máis longa, no que saíron a relocer en repetidas ocasións tanto os datos aportados pola congregación que leva o asilo como o informe do técnico municipal, aireándose por toda a oposición que nos gastos aportados figuraran billetes de avión, exercicios espirituais ou 'comunidade' (24 000 €). Por parte do equipo de goberno defendeuse que é unha actualización, non unha suba dos prezos, despois de estar sen actulizar varios anos, tentando facer a residencia sostible sen que o acceso tamén o deixe de ser (sempre menos dun 90% de pensión, aínda que se poda recurrir a reclamar propiedades dos asilados ou á familia para aportacións, coa norma de que os fillos teñen a obriga de coidar dos pais), que é e seguirá a ser a máis barata da zona e que mesmo ten máis puntuación para entrar o ter menos ingresos. A reclamación para un exame con máis calma foi así mesmo negada por vía de dicir que xa se adiantara a comisión, cun aviso que distou máis dunha semana do pleno. Foi citado ademáis que un requerimento da Xunta hai uns tres anos en relación ás deficiencias que presenta foi contestada polo concello cun 'se quere, péchea, e dispoña dos 45 asistidos', con inhibición posterior da Xunta. Asemade, foi lembrado o cambio de regulamento no ano 2009.
A votación quedou 10 - 0 - 7
  O punto 5, dación de contas, pasouse sen intervencións.
  O 6, o convenio do ARI, saldouse cunha pequena explicación de que se trataba da bonificación de licenzas de obra adscritas ó ARI. Votación: 15 - 2 - 0
  O punto 7, convenio de dinamización comercial 2017-2019 con ACISA, no que o concello aporta 14 000 € cada un dos 3 anos, saldouse con intervencións de PSOE e PP agradecendo os servizos a ACISA e pedindo que os pagos a ACISA e outras asociacións se fagan con premura. Resultado: 15 - 2 - 0
  Punto 8: Supresión da taxa de biblioteca municipal. Por harmonización e entrada nun sistema galego de bibliotecas, pediuse a supresión da taxa (4,02 €/ano), o que foi aprobado por unanimidade.
  O punto 9, control de órganos da corporación pasouse sen intervencións, entrando no apartado adicado a mocións.
  A primeira moción vista, presentada polo BNG, foi de apoio ás reclamacións dos afectados polo accidente do Alvia 730, nº 04155 en Angrois, Santiago, lendo ademáis un texto presentado polos tres asistentes relacionados co accidente (no que se fixo un repaso de diversas cousas e se promocionou a vista do documental 'Frankestein 04155'), que pasaron toda a moción en pé. 17 - 0 - 0
  A segunda, presentada polo PP, foi a petición á Xunta de inicio de trámites para a declaración das Cruces como 'festa de interese turístico "rexional"'. Ana Mª Martínez, representando o goberno municipal, deu un repaso ás características que debe ter unha festa para ser cualificada de interese turístico, sinalando que non existían as festas de interese turístico rexional, senón de interese turístico galego, e que o goberno levaba tempo reunindo datos e facendo intervir ós veciños para un informe como é debido previo á instrucción do expediente. Rematou dicindo que había acordo no fondo, non na forma. Non se aprobou: 4 - 3 - 10
  A terceira, a petición dunha pasarela para o C.P. Gregorio Sanz, presentada polo PSOE, foi aprobada con unanimidade.
  Neste punto, ás 10 menos 10, foi presentada polo PSOE a petición de urxencia para unha moción que non entrou no pleno sobre as obras na illa Pancha. O PSOE presentou a urxencia dun xeito curto, como debido ó avanzado do proceso e baseándose no informe do Defensor del Pueblo. Foi respondido polo alcalde, apuntando que 'di unha serie de cousas que nos preocupan moito', repetindo (unha vez máis, en contradición outras veces no que expresou unha idea contraditoria con esta) que se cumpre, ten que dala, pois se non, é prevaricación. Argumentou que se referiu a diversas institucións e entidades hai un mes e que polo momento non ten resposta de ningunha, que non escapa ó debate pero que cando foi presentada a moción non lle viron obxecto o presentala, que di unha serie de cousas que non se manteñen xurídicamente... básicamente, respostou que parar as obras ten que dicilo o xuíz. Apostillou que o concello non se adica a revisar os informes de outros e que acuda (o Defensor) directamente á xustiza [algo que entendo que non pode facer]. A resposta de Aurora González, do PSOE, que recalcou que o alcalde recoñecía que lles preocupaba, logo algo hai, foi respondida cun lacónico, breve e pouco audible 'si, si, si'. 2 - 15 - 0, a moción non pasou, e nese momento, a excepción de seis persoas, saíu todo o público do salón.

20170323

Hoxe hai pleno (aínda que a información del estea baleira)

Hoxe hai pleno. Di a prensa que ás 20:30 [, cando o normal ata o de agora é que se celebren ás 20:00, pero] é a referencia que teño: a estas alturas, o mesmo día a primeira hora da mañá, non hai nada colgado na páxina do concello. /Nota: rematan de confirmarme a hora: 20:30/
As ideas de participación, de facilitar a participación, parece que entran moi lentamente, e iso de anunciar os plenos a todo o mundo déixase para outros concellos, salvo casos moi puntuais.
E así, sabemos polo PSOE que non se tratará (salvo que se tramite e saia aprobada unha aprobación de urxencia) a moción deste partido sobre as obras na illa Pancha, Pero estamos enterados dende hai tempo que neste pleno si tomará posesión unha nova concelleira cualificada de mediática porque foi nos medios onde se recolleu a súa actuación nun programa televisivo. Ou que suben as taxas do 'hospital', o xeriátrico actual, que se encargou de difundir o partido que leva poñendo atrancos ó novo dende antes de comezar as obras.
Máis difícil será que se traten outros temas: o corte do Fiouco seguirá pesando como unha variable probable, máis aló do alcance dos mortais.  E case parece do mesmo nivel a contaminación do Lexoso polo CAVI, que volveu a suceder porque volveu chover (cousa rara nesta terra, non?), despois da última nova de prensa do 20/12/2016. Por certo, que disto último polo momento non hai nota de prensa colgada, cando o corte de auga do encoro de Vilamariz se estendeu a onte e antonte e, di o xornal, o feito foi comunicado ó concello dende Viaqua 'por se houbera que depurar responsabilidades'. E cando , quizáis polo comezo de contaminación, a auga nalgunha zona daba prevención. Moito menos que aparecera aceite na lagoa de as Catedrais. Ou que houbera un microcorte de luz de novo onte.
Amence. E a imaxe que da o ceo podería representar a información pública do pleno:


20170322

Moción sobre o deixar facer un hotel na illa Pancha (PSOE, 20170316)

A semana pasada, o grupo municipal socialista presentou unha moción para ser levada ó pleno que se pretende para mañá xoves, ás 20:30 horas. Temos entendido que non se levará, co que a única alternativa para tratala en data próxima (en caso de que faigan así) será solicitar o metela de urxencia. Algo que o alcalde pode preguntar ó pleno en calquera momento do mesmo (normalmente, ó comezo ou  ó final).
Cremos que o apoio ou rexeitamento da moción dará unha idea do pensamento do alcalde e dos concelleiros sobre as irregularidades denunciadas por 'por Nuestro Faro' e manifestadas de xeito claro polo defensor del Pueblo.
Mañá, despois das oito, a resposta.

O texto da moción:
https://www.scribd.com/document/342701189/20170316-Mocion-Hotel-Faro-Illa-Pancha
ou
http://issuu.com/agremon/docs/20170316_mocion_hotel_faro_illa_pan
Ou podes vela aquí:
En Scribd:

En issuu:

A lagoa Cascos, revisitada

A conta dunha información que coido que rematou nunha denuncia ó Seprona, sobre unha mancha de aceite na charca próxima ás catedrais, e por confusion miña, achegueime á lagoa Cascos, o oco deixado en Meirengos, no camiño descarrilado cara a piscifactoría de Rinlo.
Nestes días está con auga, patos , gaivotas... despois de terse convertido nun lugar abandoado que a natureza tenta reciclar.
A súa posición vese na foto do Sigpac, preto da segunda cetáre ade Rinlo (ó seu norleste) e a terceira (na punta de terra ó seu oeste). Seca, como aparece na foto, queda clara a súa estrutura, e mesmo a canle de desaugue, na súa parte suroeste.
As fotos que deixo son precisamente desta última zona, a que queda entre as pedras amontoadas e o extremo suroeste.
 O pico suroeste.
 A canle ó sur das pedras amontoadas.
 Mirando cara ó norte, cara a costa.
 As pedras amontoadas.
Detalle da canle de desaugue.

20170321

Peprich

Unha nota de prensa de onte, que deixo embaixo, da que se fan eco os xornais de hoxe, da conta dun fito no PEPRICH de Ribadeo.
Coido que o primeiro é deixar claro que é o PEPRICH: Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico. Enténdese que algo así como un PXOM máis detallado para a zona vella.
O PEPRICH na páxina do concello
Hai tempo que comezou a súa andaina, e, de feito, pode verse aínda na web do concello que foi aprobado de xeito inicial no 2014. Alí aparece unha ligazón (que deixei referida e usei nunha ilustración en agosto dese ano) que, a día de hoxe, non se pode usar, xa non hai o contido a que está referida, despois do que di a nota do concello de onte (que non avisa do feito) de que foron aceptadas abondas alegacións.
A nota de prensa de onte aparece sen ningún documento máis ó que se refira, facendo fincapé en que agora debe pasar o informe da Xunta nun prazo máis ben breve, que non especifica tampouco.
Esperemos que ese paso pola Xunta non se volte a convertir noutro enfrontamento de fondo político ós que nos teñen afeitos.
Non sei se o tema necesita tratarse en pleno (ten que haber un antes de fin de mes, xa foi a Xunta previa, pero aínda non está convocado, que saiba); polo que di a nota intúo que non, quedando sen máis información ata que a Xunta fale.
Mentres, outros datos recollidos nas páxinas da Xunta:
Case 400 000 € para o 'PEPCHA Ribadeo'
Aprobación inicial do Peprich


A nota que aparece na web do concello:
O CASCO VELLO DISPORÁ DUN PLANEAMENTO PROPIOS
Peprich
20/03/2017
O pasado venres foi asinada a aprobación provisional do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo. Agora o documento deberá ser informado pola Xunta para posteriormente sometelo á aprobación do pleno. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, contou que durante o período de exposición pública do Peprich foron presentadas 122 alegacións das que o 75% foron estimadas total ou parcialmente.
O rexedor subliñou que "estes días vimos de dar outro pequeno grande paso con vistas a que o casco vello de Ribadeo dispoña dun planeamento propio. De feito o pasado venres asinamos a aprobación provisional do Peprich, o Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo, o que é coñecido popularmente como o casco vello".
Suárez Barcia explicou que "despois de manter unha xuntanza cos voceiros dos diferentes grupos políticos, onde por parte da empresa redactora Eptisa lles explicamos todo este período de dous anos desde a súa aprobación inicial en abril de 2014, despois de que se abrira un período de exposición pública para a presentación de alegacións. En total houbo 122, que se referiron maioritariamente á revisión de liñas de cornixa ou de fondos edificables, das cales estimáronse de maneira total ou parcial unhas 91, practicamente o 75% das alegacións presentadas foron estimadas ou total ou parcialmente".
O alcalde ribadense salientou que "este Peprich, que é un plan especial urbanístico do ámbito do casco vello, aínda que en extensión non é tan grande como o plan xeral loxicamente, si que conleva un sinfín de informes sectoriais de diferentes departamentos da Xunta de Galicia, de Patrimonio, de Urbanismo, de Medio Ambiente, etc…, como tamén de diferentes informes do Estado, do Ministerio de Fomento, da Autoridade Portuaria. En definitiva un total de 23 informes sectoriais que houbo que ir adaptándose aos seus requerimentos e nalgúns casos envialos varias veces ata que finalmente todos foron favorables, de aí que puidéramos facer este paso, que é a aprobación provisional".
Fernando Suárez detallou que "agora terémolo que mandar á Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, que terá un prazo relativamente curto para facer un último informe, para que despois o pleno da corporación poida sometelo a aprobación definitiva. Ese será o último paso necesario para que este Peprich poida entrar en vigor e conseguir os obxectivos que se pretenden".
O rexedor relatou que "os obxectivos deste plan son a conservación, o fortalecemento da identidade e a posta en valor da vila de Ribadeo co seu conxunto histórico, manter o uso residencial como un uso característico do casco histórico, contribuír á recuperación das actividades produtivas, e rematar a ordenación do borde oriental e dos demais espazos baleiros existentes neste casco vello, e a mellora dos servizos urbanísticos e de urbanización".
Suárez Barcia recalcou que "é moi boa noticia que ven despois dun proceso de traballo moi longo e intenso coa empresa redactora Eptisa, á que lle estamos agradecidos polo seu traballo, e esperemos que dentro de pouco poidamos falar non xa da aprobación provisional como é o caso, senón da aprobación definitiva".

20170320

Habitudes

Xa estamos afeitos: en múltiples formas, é normal un proceso que pode resumirse en coller un ben público, non mantelo como é necesario, dicir que o sistema non funciona, pasarllo aínda en bo estado ou con subvención a mans privadas, e que o capital privado saque lucro do servizo cun encarecemento con aumento da desigualdade e sen mellora.
O ciclo pode completarse con retorno a control público dun ben xeralmente deteriorado, previo pago dalgún xeito de expropiación, e pode que volta a comezar.
Pode engadírselle, como está agora sucedendo no estado español, que se poña trabas ás administracións para asegurar o proceso. Dende o sistema de evitar endebedamentos (sexa o do estado, votado para introducir nunha constitución que non se deixa ó pobo a oportunidade de cambiar, ó do concello, consecuencia do anterior, ou a idea-lei de automantemento económico dos servizos públicos, que deixan de ser servizo para ser outra cousa) á prohibición de aumento de persoal público (restrición para previr o aumento de tamaño da administración que se está empregando como arma para externalizar servizos administrativos), hai unha asimetría de tratamento sector público/sector privado.
Dende os ferrocarrís británicos ó subministro de auga, pasando por hospitais ou outros máis locais como, no caso de Ribadeo, o que está a suceder coa illa Pancha ou coas Catedrais.
As fotos de embaixo son de onte. E poden encadrarse nun proceso de descontrol dun espazo que se comezou a 'tratar de controlar' despois da avalancha de xente; como se di para outras cousas, 'despois de que ninguén pensara nel en moitos anos'. Como a administación (neste caso, administracións en conflito) é ríxida, non sabe facer aso cousas ben, etc, o control pasa a mans privadas. Parcialkmente, porque hai momento s de descontrol, dende as primeiras horas ás últimas horas, ou cando se incumpre o plan porque hai que recortar gastos ou favorecer á xente que vive do turismo, ou cando non se lle da importancia porque non chega xente... como onte, que, domingo, 'dia do pai', con boa marea a boa hora e non mal tempo, non había ninguén, como pode observarse nas fotos.
E claro, como non había ninguén, tampouco a xente se subía ás rochas (a foto con xente sobre un arco non a poño porque non saíu ben, pero coido que chega coa de embaixo, sobre oas rochas do aroco de Xangalo)

Non había ninguén... os coches estaban sós.
 E o mantemento, óptimo.
O paso seguinte? Máis intervención privada, claro: o público non funciona, e ademáis, non ten cartos, que non queremos pagar impostos e hai descontrol no gasto. E é que, máis aínda, a xente ('eles') non ten principios e non coida do que non é de ninguén (porque non é de ninguén, verdade?) e o que está en estado natural non se aproveita (porque non aproveita a ninguén, verdade?)

20170318

O río Grande, desconfederado, e outras curiosidades

É só unha curiosidade: o río Grande, se se visitan os mapas correspondentes a Confederación Hidrográfica Galica Costa (CHGC, nota sobre aviso legal) e Confederación Hidrográfica do Cantábrico (CHC, nota sobre aviso legal), queda en terra de ninguén. Ó igual que a costa oeste da ría de Ribadeo, incluído o mesmo núcleo urbano de Ribadeo
Coido que se trata dun erro da CHGC, pois remato de meter na entrada do río Grande na Galipedia datos correspondentes a estación de aforo do río Grande nas Anzas, recollidos na web da confederación Hidrográfica Galicia Costa.
Mais, a pesar da lei de transparencia ('e bo goberno'), os trámites para suxerir que están errados non levan un minuto, e a 'participación cidadá' entendida porlo organismo é 'información ó cidadán' (como moito), co que estimo que non será mañá cando se corrixa o erro.
Os mapas, da CHC (que inclúe o río Eo):
 ... e da CHGC:
Destas cousas pasan... e repasan, como se pode ver se ampliamos máis a escala e nos fixamos na ría de Ribadeo. Polo mesmo orden que no caso anterior:




Coido que se pode ver que no mapa da CHC hai un engadido claro no nome da ría. Mais, a outra escala...

O mapa da CHC segue conservando o engadido, mais a esa escala determinada, o mapa da CHGC cámbialle o nome á ría...

Por último, un detalle do concello de Ribadeo no mapa da CHGC, centrado no Río Grande e onde se ve que este, nin a vila de Ribadeo aparecen asignados a dita confederación:

Lembrando o inverno (que aínda non rematou)

Nun día non cálido, pero tranquilo, suave de aire como hoxe, unha lembranza dun día diferente deste mesmo inverno con fotos da ría.
 A bocana da ría, imposible para o tránsito mariño.
 As Carrallas, co faro azotado polas ondas despeinadas polo vento.
A illa Pancha, símbolo fronte ó mar.

20170317

Imaxes libres da illa Pancha (e moitos outros lugares ou asuntos)

As imaxes que levo publicadas no blog, salvo aviso en contra, teñen a licenza creative commons atribución-non comercial-compartir igual 3.0. Do faro van unhas cantas. Agora atopei un lugar onde procurar imaxes con licenza semellante, da Pancha ou do que se queira. Hai millóns. E, polo que puiden ver, outras moitas que son e non aparecen nesa procura (as de ribadeando, por pór un só caso)
Aĺgún exemplo:
“2183-Isla Pancha en Ribadeo (Lugo)” por Jose Luis Cernadas Iglesias, lic. CC BY 2.0

“Faro de isla Pancha” por Gabriel González, lic. CC BY 2.0

“Ribadeo - Faro de Isla Pancha” de Roman Santos, CC BY 2.0
“2039-Isla Pancha-Ribadeo (Lugo)” por Jose Luis Cernadas Iglesias, CC BY 2.0


Eloxio de... de?

'Eloxian o impacto económico dos dous portos en Ribadeo' era o título dunha nova de onte. Desas novas que era de onte, pero xa non de hoxe, de non ser polas circunstancias, que tenden a facer dela unha nova intemporal.
O primeiro, a foto. O presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán, está acompañado, a máis do presidente do club náutico, de tres persoas relacionadas co PP local e unha do equipo de goberno do concello. Xa case se esquece un de que existen outros dous partidos na corporación local, ou de cal é a relación de forzas dentro da mesma.

O presidente de portos, segundo o subtítulo da nova, di que o cierre de Porcillán e o dragado son necesarios e están a ser tramitados. O dragado... a colmatación da ría vese acelerada pola acción humana, pero non se pon coto (si conto) a esta, senón que se segue a paliar o dito incremento. Non parece que sexa unha opción demasiado intelixente, pero si é a que fai mover máis cartos, e mentras que o fluxo de cartos se manteña, sempre se pode aproveitar alguén. O cierre... aproveita, visita o porto... por se acaso. Que haxa impagos nos amarres non ten nada que ver con que se quera arañar á ría unhas poucas máis prazas, que a vaca hai que exprimila. E que a ría teña máis actividades, tampouco importa moito, cando se está a considerar a 'súa' actividade. Porque, como foi posto de desculpa por Portos para non acometer a obra hai cousa de dous anos, o problem son só os cartos. A ría está aí para actuar sobre ela e nada máis que para iso. Estudos de impacto ambiental? de correntes? de variacións de patróns de sedimentación coa obra? de nada. Pódense sacar algúns amarres máis, e se teñen que entrar a porto pola Veiga, pois fáiselles ir pola Veiga.
Polo interior da nova fálase do grande impacto de 40 000 € (referido ás embarcacións en tránsito, que aumentaron), e a iso debe ser debido o eloxio, a que aumentou. Algo máis de 400 000 €/ano é o que saca portos do porto deportivo, ó parecer (confiando nos datos recollidos a comezos de 2015). Do de Mirasol, levamos tempo tentando sabelo dende O Tesón, e o que nos chega son só contradicións de movementos e vaguedades. Sábese que o importe reduciuse e volveuse reducir coa redución de taxas a ENCE. Pero mentres se presume do impacto económico, non se dan datos nin para xustificar o eloxio; menos aínda para xustificar a maior ou menor atención, mantemento ou necesidade de peche do porto de Mirasol. Así, parece que neste caso as necesidades van parellas ós eloxios: necesidade de? eloxio de?
Mentres, a inexistencia dun plan integral para ría vese manifestada na falta de cohesión das actuacións que se pretenden sobre a ría.

20170316

O DEREITO Ó PÚBLICO


   Nos derradeiros días temos asistido a unha avalancha de publicidade en tódolos medios, destinada a insistir na inminencia dun hotel que leva sendo inminente dende hai dous anos. Esta morea de vídeos, artigos, especiais adicados á reconversión hoteleira dos faros españois e a asocialos á idea de progreso e confort, intervén no momento no que as obras do faro da Illa Pancha avanzan e vaise esgotando o último prazo que restaría dignidade e credibilidade ministerial a un proxecto que apostou forte coa imaxe da nosa illa e o seu faro-hotel. A publicidade 'oráculo' á que nos ten afeitos o programa 'Faros de España', como se un plan fora un feito consumado, tense visto incrementada dende que o Defensor del Pueblo deslexitimou de xeito público o proxecto de hotel no faro de Ribadeo, ó poñer ó descuberto todas as fallas do expediente. Certo que, aínda co peso desta institución e co valor incuestionable do primeiro estudo minucioso que ten sido divulgado sobre o tema, outras institucións parecen obviar -polo momento- esta realidade, e multiplican a publicidade co fin de afogar o impacto do Defensor en calquera que teña unha conciencia sobre o que debe ser un curso legal.
   En 'Por nuestro faro' temos insistido dende o comezo en todas estas cuestións que desbaratan un proxecto destinado a pasar deslizándose diante dos nosos ollos, facendo o mínimo ruído, e creando unha mínima resposta social. O defensor deunos a razón, e así o ten feito saber. Debera de abondar. Por iso quizáis debera estrañarnos -pero non nos estraña- que certas institucións decidan parapetarse nos seus propios intereses obviando as recomendacións baseadas en feitos reais e legais, pero todo é posible: conseguíronse sortear as carencias do expediente en cada paso do camiño, xugouse á información enganosa, e á desinformación de masas, dende o Ministerio co seu programa de reconversión hoteleira, ou Puertos co seu contrato de concesión, ata o concello de Ribadeo coa súa licenza a cegas.
   Somos conscientes de ter razón, e de contar co aval dunha institución independente, e iso non fai máis que reforzar a nosa determinación. Non obstante, todo o ruído xerado arredor destas cuestións estanos afastando da ofensa orixinal que supón instalar un hotel para uso privado nun enclave público, nun edificio emblemático, noso templo, e no noso propio xardín.
   A idea de luxo, de instante privilexiado, que non para de difundirse nestes últimos días, vai asociada á idea de exclusivo e de privado, de pagar polo que é noso ou, en caso contrario, de cerrarnos o paso. A idea que nos facemos do faro e da illa Pancha vai e irá sempre asociada á idea do público, non podemos pagar por entrar na nosa propiedade, nin nos poden impedir o acceso. Non se pode profanar un símbolo e convertilo nun emblema mercenario de cinco estrelas, non se pode. Nin un particular nin unha institución, erixirse en xestora dun ben patrimonial e natural e poñerlle prezo a un valor incalculable. É un sinsentido, e convén lembrar as bases deste principio tan evidente, por se algunha institución vinculada de xeito sentimental a Ribadeo decidira defender o dereito de todos os ribadenses, o dereito ó público. 'Por nuestro faro' vai seguir facéndoo.
Covadonga Suárez, do colectivo 'Por nuestro faro'

20170315

Destruíndo patrimonio no 2001, en Ribadeo

A destrución de patrimonio non é cousa de agora. En particular, en Ribadeo. Remato de atopar un artigo vello, do blog 'Destrucción do Patrimonio en Galicia dende o 2000 ata o 2003' referido a obras no 2001, que lembra unha historia que non se subsanou. Deixo unha adaptación ó galego, acompañada da foto anterior, no dominio público:
"Un paseo marítimo de Ribadeo invade unha zona protexida.
As obras do proxecto de recuperación da beira litoral das praias de Rocas e Cabalar, en Ribadeo, xa iniciadas, invaden un xacemento arqueolóxico catalogado -recoñecido pola Xunta no seu inventario como Torre Vella-, sen que de xeito previo se teña solicitado autorización a Patrimonio.
Precisamente onte a Consellería de Cultura recibiu unha denuncia ó respecto dun particular e, acto seguido, remitiu un escrito ó Concello de Ribadeo solicitándolle que de forma urxente lle envíe toda a documentación que ten ó respecto, para decidir qué medidas adoptar. Como consecuencia das obras, botouse abaixo a antiga caseta de carabineiros de Illa Pancha [na foto] e removeuse o terreo nas inmediacións da praia de Rocas Blancas. Esta caseta atópase ubicada sobre a Torre Vella, un xacemento arqueolóxico catalogado. Era o antigo faro de Ribadeo, e data do século XVI, aínda que ata o século XVIII non hai testemuñas documentais. Así, se sabe que no 1725 parte do edificio estaba derruído, e que no 1745 ordeouse a súa reconstrución. A o parecer, tratábase dun faro e de garitas, que tiña canóns para defender a entrada da ría. No 1813 xa estaba totalmente derruído e no 1885 iniciouse a construción do faro de Illa Pancha. Nun xacemento catalogado, como é o caso, non se poden facer obras a menos de 200 metros sen permiso de Patrimonio. Ademáis, o habitual é que se encargue a un arqueólogo que as supervise."
--
O artigo, de 2008, refería a outro de La Voz de Galicia de anos antes (28/6/2001). O blog deixou de ter edicións a partir de abril de 2008. A data da construción do faro está mal: as obras sábese que foron subastadas no 1857.

20170314

Adeus, España! Benvida, Marca España!

Aínda non me recuperei do susto de que onte, El Rey presente, foran nomeados embaixadores honorarios da marca España. Si, si, da Marca España, non de España. Traducido, embaixadores do nome comercial e produto dunha suposta empresa España. De xeito oficial, aínda que, polo momento, honorarios.
Aínda non, pero como se xa tivera sido así toda a vida: hoxe atópome no correo electrónico unha invitación a un 'workshop interactivo' cun asunto clarificador: "[Master Class] ¿Cómo impacta la Marca País a la comunicación de las empresas?"
É evidente que, máis aló do significado concreto dos dous feitos puntuais que remato de expoñer, cada vez máis a maquinaria do estado está tendo un sesgo de representante das empresas (e polo tanto, das persoas que mandan nelas) e non da xente.
E non só o estado, senón moitas outras institucións. De feito, se hoxe por hoxe en Ribadeo non hai un Regulamento de Participación Cidadá, ao menos en parte é precisamente porque na(s) propostas defendidas polos partidos, aprobadas en primeira instancia, recurridas e hoxe por hoxe non vixentes debido a ese detalle do recurso, o que máis había era participación empresarial, abondo por riba da participación das persoas. Algo que se conxuga, polo outro extremo, a nivel internacional, con que os tratados internacionais de comercio non pasen polos cidadáns (aí está o CETA entrando en vigor antes de calquera referendo ou o polo momento deixado de lado, pero secreto TTIP). E tamén cunha visión lateral, con que se creara unha materia de economía para o ensino medio con libros (que polo momento non se pensan retirar) con adoutrinamento en materia económica como 'hay que contratar un plan de pensiones "cuanto antes"'.

ESCUDO e LAUDE DA CAPELA DA VIRXE DO ROSARIO DE Sta. MARIA DO CAMPO. Francisco José Campos Dorado

Dentro da Igrexa Parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo, ó lado destro da ábsida do altar maior, está a Capela da Virxe do Rosario e a continuación a Sancristía. No frontal esquerdo, xunto do seu altar, está esta pedra armeira, case cadrada que presenta un escudo de armas semicortado e partido, cuxa composición sirve para representar a liñaxe de tres ramas familiares: 1) Avó paterno. 2) Avó materno e 3) Avoa paterna (Compendio Heráldico, Arte de Escudos de Armas, Presbytero D. Pedro Joseph de Aldazaval y Murguía, 1775, Libro I, páx.46)

O adorno exterior é tan sinxelo como expresivo, pois semellan ser enclaves de afirmación, dispostos para cravar con cravos o escudo á cartela de pedra que lle sirve de base. Para a numeración e descrición dos cuarteis, tomamos a orde establecida na obra citada, e tamén da “Heráldica Española, El Diseño Heráldico” (D.Luis F.Messia de la Cerda y Pita, páx.131). Por outra banda, para unha mellor definición das armas, daremos os esmaltes de cada brasón, segundo se describen nos nobiliarios, pois este escudo carece deles.
Primeiro cuartel (cantón destro do xefe), aparece unha cruz cargada de cinco veneras. Son armas dos ARMESTO (en campo de azur unha cruz de prata cargada de cinco veneras de ouro, unha en cada brazo e a quinta no centro // outros ARMESTO presentan: en campo de azur unha cruz gamada de ouro, cargada de cinco veneras de prata e gules).
Segundo cuartel (cantón destro da punta), sobre ondas unha torre de catro ameas donxonada con torre de homenaxe de tres ameas, ambas de portas adxuradas (abertas) e dúas árbores arrincadas (desenraizadas ou coas raíces á vista) unha a cada flanco da torre. Parecen ser armas da Casa de D. Sancho Marqués e de Dª Inés López de Vaamonde, veciños de Ribadeo, cuxa filla Dª María Marquesa de Miranda, falecida en 1639, funda a Capela da Inmaculada Concepción da Catedral de Mondoñedo (Heráldica del Municipio de Mondoñedo, Dª Olalla Rúa Veloso, 2005, páx.34). Tamén puideran ser armas dos Castrillón, que desde moi antigo emparentaron con ramas familiares dos Miranda.
O terceiro cuartel, neste caso, a partición sinistra, está ocupada enteiramente por unha torre redonda con seis ameas triangulares ou á xibelina (de ameas fendidas), donxonada dunha torre de homenaxe con catro ameas tamén triangulares, e o todo mazonado (gravado con liñas que significan as gretas da xunta entre pedras de cantería). No adarve da torre asoma a cabeza dun home que toca un corno de caza, e cargado no castelo, tres bustos con brazos, de homes sentados de fronte a un lado dunha mesa, sobre a que están dúas fogazas de pan ás cabezas e no centro un coitelo inclinado coa punta alta e o fío cara a sinistra. Claramente, son tres comensais dispostos a comer á mesa. Posiblemente, esteamos ante un escudo cun brasón único, dos máis completos e descritivos do por que do brasón das antiquísimas armas da Casa de RON, que son orixinarias das Terras do Condado de Ribadeo, que abarcaban un amplo territorio do antigo Reino de Galiza (algunhas, hoxe do Principado de Asturias).
Na bordura desta partición sinistra, reza a lenda: “A (en xefe) ESTE SON COMEN (flanco sinistro) LOS DE RON”(en punta) (A ESTE SON COMEN LOS DE RON). Esta lenda descúbrenos, sen dúbida, unha das ramas xenealóxicas principais das liñaxes a quen pertence o escudo. D. José Santiago Crespo del Pozo, na súa extraordinaria obra Heráldica: “Blasones y Linajes de Galicia”, Volume IV, páx. 371, fai constar que: “xa o Licenciado Molina advertía que os desta Casa de Ron, facían tocar un corno polas rúas para que todos os que quixeran comer, fosen a súa casa” (Descrición do Reyno de Galizia, ano de 1550). O que nos da fe do humanos, solidarios ou caritativos que debían ser os membros desta familia coa xente do pobo onde habitaban, pois invitaban a comer os veciños, supoñemos que despois das cacerías, e polo que da a entender a relevancia do brasón, con bastante frecuencia.
Polas súas Armas, o escudo presenta a liñaxe de D. Gonzalo de Armesto, da Casa de Veiga de Forcas, ascendente dos Marqueses de Viance e dos de Villaverde de Limia. Testou en 1630, e estaba casado con Dª Ana Ron Valcarcel, filla de D.Pedro Valcarcel Ron e de Dª María Armesto Balboa, neta de D. Juan Saco de Armesto e de Dª Beatriz de Balboa. Un fillo, D. Antonio de Armesto e Ron, sigue a liña dos Marqueses de Viance e de Villaverde de Limia. Outro fillo, D. Matías de Armesto e Ron Valcarcel, sigue a liña da Casa de Veiga de Forcas. (Notas xenealóxicas sacadas do arquivo de D. Alexandro Pedrosa Neyra, citadas por D. José Santiago Crespo del Pozo, “Blasones y Linajes de Galicia”, Volumen II, páx. 127).
No frontal destro xunto deste altar da Virxe do Rosario hai unha laude (pedra cunha inscrición) na que podemos ler: “ESTA CAPILLA DENDE SU FVNDACION ES DE LOS SEÑORES DE LA CASA DE MIRANDA QUE ESTAS SITA EN BILLA (?)EIML(?) DE MIRANDA I NADIE SE PVEDA ENTE(R)RAR SIN LICENCIA DEL MAIORAZGO (?)I LA(?) I HIZO DE NVEVO D. PEDRO DE MIRANDA SEÑOR I MAIORAZO DE LA DICHA CASA ANO 1616”.
Os maiorazgos, eran institucións feudais que pretendían manter o esplendor da clase nobre, e para a súa fundación necesitábase a autorización do Rei. Tiñan unha vinculación civil perpetua, por virtude da cal realizábase unha sucesión na posesión e disfrute dos bens segundo regras especiais da vontade do testador ou do fundador do maiorazgo. Os maiorazgos foron suprimidos do Dereito Civil pola lei do 11-Outubro-1820 (Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar y Castro –C.S.I.C.- Hidalguía, Madrid 1961, páx.103)
Esta laude, a primeira vista parece non ter que ver co escudo colocado o outro lado do altar da capela, pois no escudo de armas non está o brasón das Cinco Doncelas, relevante da Casa dos Miranda, e podería pensarse que nalgunha das reparacións ou reformas sufridas no último século pola capela, se colocaron ámbalas dúas pezas xuntas, baixo a advocación da Virxe do Rosario, pero soamente co criterio de conservalas, posto que ninguén ía ser enterrado alí nun futuro, e non se ía romper ningún compromiso cos antigos donos do maiorazgo. Pero no mesmo arquivo de D. Alexandro Pedrosa Neyra, citado por D. José Santiago Crespo del Pozo, “Blasones y Linajes de Galicia”, Volumen IV, páx. 372, atopámonos con: D. Pedro Miranda de Ron, ó que debe referirse a parte do laude: “I HIZO DE NVEVO D. PEDRO MIRANDA SEÑOR I MAIORAZO...”. D. Pedro era irmán de D. Alvaro Díaz de Ron, de Dª Mayor e de Dª Leonor Miranda de Ron (señores das Casas de Barreiros, Santalla de Oscos e de Caldaloba, cuxa casa solar estaba emparentada cos Pesoz de Ibias, e cos Valcarcel dos Barrios). D. Pedro tivo tres fillas: Dª Inés de Vaamonde que casou con D. Sancho López de Moscoso y del Río; Dª María de Vaamonde que casou con D. Juan Díaz Pardo de Donlebún e Dª María de Bolaño que casou con D. Alvaro Pérez de Navia. Por outra banda, D. Alvaro Díaz de Ron é padre de D. Diego Sánchez de Ron que casou con Dª Teresa González de Rodil, da Casa de Villagudel, señora do maiorazgo de Barreiros. Tiveron por fillo a D. Fernando Rodil de Ron que sigue a liñaxe, casando con Dª María Mayor Tobar y Vaamonde de Ribadeneira (irmá de D. Gonzalo de Mesía e de Dª Blanca Pimentel de Ribadeneira)... etc. etc.
Como podemos ver na secuencia xenealóxica relatada das xeracións deste escudo de armas, os parentescos entrecruzados por matrimonio entre os brasóns dos Escudos de Armas de Ribadeo, son evidentes. Non cabe dúbida de que as árbores xenealóxicas dos Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, requiren un estudio aparte, moito máis profundo do que este traballo pretende, pois nós soamente queremos divulgar un pouquiño da Heráldica, Xenealoxía e Nobiliario de Ribadeo, e darémonos por contentos se espertamos o interese dalgúns, incluso só duns poucos, pois iso quererá dicir que sempre haberá alguén que recolla a testemuña para seguir estudando e loitando para nunca esquecer a Historia do noso magnífico e exquisito Patrimonio, e que non é doado de sacar a luz, pois está reflectido en múltiples disciplinas do saber, que requiren de tempo e perseveranza para ler e entender os escritos que nos dan os datos. Queda unha gran labor de estudo nos campos da Paleografía, Diplomática, Simboloxía, Sixilografía, Historiografía, Arqueoloxía, Lingüística, etc. etc.
Non queremos deixar sen comentar unha particularidade que vemos neste escudo. Está suxeito a parede con grampóns, e non empotrado nela, o que parece dar a entender, que o escudo pode non ser orixinario dunha capelanía do Convento de San Francisco, fundado no ano 1214, se non que pode proceder da antiga Colexiata de Santa María do Campo (1207-1852) cando os confrades trasladan algunhas das capelanías, ó tempo que o bispado de Mondoñedo lle reclama o Cura Párroco de Ribadeo os arquivos, documentos de fundacións, foros e convenios, libros, xoias, incluíndo o báculo e zapatillas do bispo D. Pelaio de Cebeira, roupas litúrxicas e demais enseres, cando ía ser desmantelada para facer unha nova Colexiata, que nunca foi levantada (La Colegiata de Ribadeo, D.José María Rodríguez Díaz-2011, pax.52). Este mesmo sistema de suxeición aparece na laude, e podemos velo tamén no Escudo de Armas da Capela da Virxe das Dores, que describiremos nun próximo artigo. Vemos, que antes ou despois, sempre nos atopamos coa “mala sorte” de Ribadeo, como no caso das pertenzas da Colexiata, que poderían estar en Ribadeo, formando parte do “tesouro parroquial”, como ocorre no Mosteiro de Lourenzá, na Catedral de Mondoñedo, ou como en calquera outro lugar que tivo e ten un lugar relevante na Historia de Galiza. Pero non, a Ribadeo o máis normal, é que se lle levanten “por orden de birlibirloque ou de bóbilis bóbilis” todos cantos bens patrimoniais ten, e “sen unha queixa”, pois, Ribadeo é un pobo culto, tolerante e non gusta de liortas. ¡En fin!
Xa vai sendo hora de que as nosas autoridades locais, sobre todo, provinciais e autonómicas se dean conta de que teñen a obriga de traballar polo noso patrimonio e de conservalo no propio territorio, nos pobos ós que pertence. Subliño, sen ningunha dúbida, o dito: “Ribadeo First” (Primeiro Ribadeo) pois aínda que non estea de acordo coas moitas das ideas peculiares do Presidente Trump, si o estou co seu slogan de defender primeiro o seu, o da súa casa. Nós non podemos seguir perdendo, ano tras ano, todos cantos bens patrimoniais temos, de forma practicamente irrecuperable, pois son parte da nosa riquísima Historia. Non vemos que haxa ningunha iniciativa para crear un listado inventariado de ditos bens, onde se diga, p.e.: “ben patrimonial XXL de Ribadeo, descrición, foto, soporte documental, está en tal sitio, gardado en depósito...” ¿Cantos restos arqueolóxicos da Ría de Ribadeo desaparecen “sen deixar rastro”? ¿Cando se van escavar os Castros e poñelos en valor? ¿Cando retornarán os achádegos do xacemento de Louselas? ¡Pero bueno, ese é outro tema! ¿Cantos bens de produción de riqueza nos deixaron os nosos ancestros, e só nos interesen os bens de servizo...? ¡Pero bueno, ese é outro tema! ¿ata cando seguirá sendo todo, outro tema? ¿Para cando vai ser a construción dese magnífico Museo Arqueolóxico, dese Teatro, dese Pazo-Auditorio-Escola Superior da Música...? ¿que non hai nin sequera proxecto de ningún deles? ¡Pois estamos apañados cos nosos políticos, sen proxectos culturais, industriais ou portuarios de futuro!. Iso si, ¡Portos de Galiza choiando por destruír a Illa Pancha e o Faro, e Fomento sen dar luz a Ponte dos Santos, nin ós Santos da Ponte...! ¿E estes son dous organismos oficiais que “velan polo interese da cidadanía”? Portos pretendendo palear a terra e a roca viva da Pancha, como si foran escombros, e Fomento destruíndo a Ría de Ribadeo con obra cada día máis “incivil” e deixando a ponte a escuras, para que “paseemos moi, pero que moi, namorados a luz das estrelas”! ¿Será por isto...? ¡Ó mellor ata lle lo temos que agradecer! ¡manda truco! ¿non?
Nota a posteriori: No artigo anterior dos Escudos do Altar Maior de Sta. María do Campo, facíamos referencia a Capela da Misericordia, e segundo nos comentaron algúns veciños, situámola mal. Polo que moi agradecidos pola advertencia, corriximos o erro: “A Capela de Nosa Señora da Misericordia, estaba a case un terzo da rúa Rodríguez Murias, na casa Nº7 (hoxe de Nistal), entre a Casa de Sarmiento que sobresae á rúa e fai esquina, e a Boutique Valentina. Fronte a ela está instalada unha fonte pública de auga, que podería chamarse, como recordo: “Fonte da Misericordia”, igual que a Fonte da S. Roque, a Fonte da Virxe do Camiño, a fonte de S. Lázaro ou a fonte de Santiago de Vigo, todas elas denominadas pola súa situación o lado da capela do santo respectivo. A Capela da Misericordia e a casa do lado onde vivía o capelán, derrubáronse “a piqueta” no mes de Abril de 1964 debido o seu estado ruinoso (La Comarca, 26-Abril-1964)”. Moitas grazas a todos vos polas correccións.

20170313

Muller traballadora, repetindo estereotipos

Unha semana de traballo por diante pode verse de moitos xeitos. Dende con desesperación ante un traballo que non gusta e que se amontoa ata con naturalidade ante un traballo que apaixoa e que se fai con gusto. Séxase muller ou home.
Son consciente de que soe haber diferencias diversas, comezando polo 'traballo fóra do traballo', e que por iso se tenta 'celebrar o día da muller traballadora', do que xa teño falado algunha vez. Mais os perigos de procurar a igualdade hai veces que son patentes, mirando a igualdade mesmo no lado malo, a 'igualdade á baixa'.
Collo a idea dunha foto que saiu hai un par de días na voz de Galicia, e da que, a falta de permiso para reproducila, tentei tentei expresar a mesma idea cunha pequena ilustración á que lle hai que poñer intención / imaxinación:
Sexa un grupo de mulleres, catro de pé, mirando, traxeadas, sorrintes, e unha inclinada, á que case non se lle nota a cara, e polo tanto, a expresión, traballando.
Ben, o primeiro que me veu á cabeza foi a típica viñeta do 'operario español' (aínda que me consta que tamén circula por outros países) no que hai uns miróns, por fóra dunha valla, un capataz, un director de obra, un xefe de cuadrilla, un descansando, outro mirando... algúns máis sen identificar claramante o que fan, e un obreiro traballando. As versións que circulan son variadas, pero sempre todos caracterizados como homes. Neste caso, nesta foto, eran mulleres, pero se ben se vía que traballadora era unha, as outras eran tamén 'mandos', 'observadores', se ben de tipo político.
Unha semana por diante ben diferente, imaxínase un, para a traballadora que está agachada e as outras que están de pé. E que poden estar cumprindo tamén unha semana agotadora mesmo cunha misión altruísta, pero que na foto daban (ao menos a min) unha imaxe de 'xa visto en versión masculina' que me fixo pensar sobre o que vía.

20170310

Tobogán a Cabanela

Onte pasei por Cabanela. Dixéronme dunha obra que se estaba a facer alí, e si, é unha Obra, grande. A zona quedará transformada, posta ó día, aínda que non se actúe sobre a zona da baixada á casa do bispo. O resultado desa posta, descoñézoo. E, mellor que comentar, as fotos dan unha idea da actualidade.
O tobogán sobre Cabanela. Ó fondo, a Atalaia.
Situación da obra (extensión aproximada, tendo en conta os muros das casas afectadas). Cabanela, á dereita, a Atalaia no alto da imaxe (norte):
 O tamaño da obra, polo tamaño da grúa sobre a Atalaia:
 O fondo de Cabanela, valado, despexado...
 Os antigos soportais de baixada, coa vista sobre o tobogán.
 Aspecto actual dos antigos soportais e o terreo valado de Cabanela para a obra.
 O fin da rúa Cabanela, onte.
 A antiga baixada a Cabanela, abandoada (agora a baixada está cara á 'casa do bispo').
 Da casa do bispo ós soportais e ó fin da rúa Cabanela.
 O tobogán da obra coa Torre dos Moreno ó fondo. Con luz:
 En obscuro:

Os restos da casa do bispo, en Cabanela.

 O paseo feito para a obra en Cabanela.