20171022

Historias do tren

O tren ten xa unha historia na comarca. Seis décadas para o tren mineiro, e xa 45 anos para a liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón. Mais, a este paso, parece que vai ser o 'fin da historia'. E é que é notorio o desentendementa da liña pola empresa, o que fai que se estea tentando de estruturar unha resposta por parte da sociedade. Os alcaldes sábeno e pouco a pouco van eles tamén, ó seu nivel, estruturando a nivel político unha plataforma de resistencia.
Claro que, no caso dos alcaldes (tamén, aínda que doutro xeito, no caso da sociedade en xeral) a cousa vai tarde e de xeito incompleto. Tarde porque hai tempo que sucede o abandono da liña, da vía e dos servizos, a falta de material ou o traslado de maquinsitas, de tal xeito que o declive é evidente. E incompleto porque as primeiras xuntanzas foron dos concellos afectados por cercanías de Ferrol, non contando a Mariña, e só de xeito máis recente se foron incorporando os mariñáns. E, aínda así, atopámonos con que os participantes na última xuntanza (20 de outubro) eran alcaldes afectados, si, pero faltaban outros alcaldes afectados: os ligados co PP.  E eran só da zona galega, mentres que se non se considera a liña na súa totalidade, o desaproveitamento de parte dela fará pouco a pouco caer ó resto.
A liña é sabido que naceu con taras ó ser concebida dun xeito estratéxico militar, non social e económico (ao menos, non de xeito único) polo que se levaron as estacións en xeral lonxe das poboacións, e, co apoio ó tráfico por estrada, deseguida pasou a un segundo plano. Mais tamén é sabido que as infraestruturas de transporte comunitario non só son o pasado e exponente dun presente puxante, senón tamén que son o futuro. E O tren é unha estrutura dese tipo que non se levanta nun momento e cuxa perda pode ser lembrada como tal durante moito tempo. Aí está aínda na mente de todos o ferrocarril mineiro, desaparecido hai case 55 anos despois dun languidecer que deixou a zona, de novo, nun atraso da que o tiña sacado coa súa chegada.
Estéñase ou non de acordo con certos prantexamentos, como o apeadeiro nas Catedrais (do que teño escoitado voces a favor e en contra, estas non tanto polo apeadeiro, senón relacionadas co plan de conservación do monumento natural) o certo é que parece lóxico que un apeadeiro alí levaría á liña abondo máis tráfico que o de Esteiro (500 persoas ó ano). E a recentemente denunciada falta de revisores para os billetes, que permite que viaxar 'sexa gratis', pero tamén que ditos viaxeiros non conten para os estudos ata o momento, ou a contratación de persoal externo para facer precisamente esos estudos, de forma parcial, cando podían saír directamente das contas de venda de billetes,  non son máis que xalóns dun abandono que pagaremos todos, non só polo seu uso ou non, senón pola desmontaxe dunha estrutura que pode ser fundamental, se se aproveita, para a comarca.
A vía, salvando a desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo

Ningún comentario: