20171025

De subvencións: Life Fluvial

Que alegría, que alboroto, nos ha tocado el perrito piloto!
Sempre se celebra con festa o que a un lle toque algo, e o acto que tivo lugar onte pola mañá na casa do concello de ribadeo tivo algo diso: celebración dunha subvención millonaria. Os detalles, na nota de prensa en baixo, implican e aplican a unha serie de entidades, entre as que se atopa o concello de Ribadeo e InterEo, a asociación de Oscos-Eo-Terras de Burón. O motivo, o coidado das ribeiras, e 2,25 millóns de euros (75% do gasto previsto) a conta do programa LIFE (por certo, hoxe aínda non está no listado de concesións). A excusa, a compra de terreos á beira de fluviais (en Ribadeo, parece ser que á beira da ría, logo non fluvial).
Con isto de millóns de euros en subvencións véuseme a lembranza da anterior subvención millonaria para unha asociación da zona, provinte da UE, a Asociación Puente de los Santos, Proxecto Leader+, cosificada nos arándanos:
En resume, a finca ribadense non sei se segue alugada ós Irmandiños ou non, mais segue cada vez máis abandoada sen chegar a producir un só froito. A de Castropol tivo que asumir unha multa  e destrución da balsa de auga que a atendía por ir contra as normas de medio ambiente. Ambas xestionadas a traverso do concello correspondente e coa subvención tamén correspondente.
Agora, resulta que na nota de prensa que deixo embaixo, fálase 'da marxe ribadense da ría', evitando o nome da ría de Ribadeo, e que 'Ribadeo adicará a súa parte', logo non parece haber un plan común, á 'compra de terras', aumentando as súas propiedades que tanto lle custa conservar, e se non, véxase o número de anos tardado en amañar a cuberta do auditorio (dende aquí a aquí van oito anos de diferencia), para 'accións de conservación' xunto cunha asociación, InterEo, que esta mañá tiña como última referencia anotada na súa web o ter promovido as xornadas gastronómicas km.0 hai máis de 5 anos.
Festexemos a subvención. E, se é posible, contribuamos a que a súa xestión vaia algo mellor que a vez anterior.
A nota de prensa:

PARA A CONSERVACIÓN DOS CORREDORES FLUVIAIS

Life Fluvial

24/10/2017
O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación do proxecto Live Fluvial. A Comisión Europea aprobou unha cofinanciación dese proxecto transnacional, que en Galicia lidera o Ibader do Campus de Lugo. Son 8 os organismos públicos, empresas e asociacións de Galicia, Asturias e Portugal os que forman parte deste proxecto, que se desenvolverá desde o 1 de setembro de 2017 ao 31 de agosto de 2021. O presuposto é de tres millóns de euros, dos que a Comisión Europea sufraga o 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria Life outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha.
O obxectivo xeral deste proxecto Life Fluvial é a mellora do estado de conservación dos corredores fluviais da rexión atlántica ibérica. O Concello de Ribadeo destinará a partida recibida a través deste proxecto á compra de terras dentro do seu ámbito municipal para o desenvolvemento posterior de accións de conservación da marxe ribadense da ría, tal e como explicou na súa intervención o alcalde, Fernando Suárez, que aludiu á figura do Marqués de Sargadelos: "simboliza un pouco a unión que temos estas dúas comarcas tan importantes ao longo do tempo, e que agora grazas ao traballo ímprobo, do que podo dar fe porque o levo vivindo desde hai tres anos. Non o traballo que levamos feito exactamente desde o Concello de Ribadeo, que foi moito menos, pero o traballo ímprobo que levan facendo toda esta xente que se embarcou nun proxecto formalmente hai tres anos, probablemente hai máis tempo, que intentou en varias ocasións que a Unión Europea dera financiamento, e finalmente á terceira foi a vencida e o proxecto foi merecedor de ter un apoio importantísimo a nivel económico. Esa é unha parte moi importante para o proxecto".
O rexedor ribadense subliñou que "outra parte, indo máis aló, a min a que me gusta, é que este proxecto ofrece unhas posibilidades moi importantes tamén para coordinar e conciliar moitos departamentos que ás veces, e o digo por experiencia propia, é moi difícil coordinar. Cando varios entes ou varias administracións operan sobre un mesmo territorio moitas veces se intenta buscar o consello ou beneplácito dunha parte, pero ás veces é contraditorio co que di a outra, e eu espero que este proxecto serva para coordinar todo iso, e estou seguro que así será".
Suárez Barcia dixo que "tamén creo que este proxecto vai ser un exemplo vivo do que é posible, do que se pode facer e do que se debe facer. Estamos nuns momentos históricos de cambio, de moito cambio, tamén a nivel forestal. Están de actualidade todas as desgrazas que pasan moitas veces por deixar nos últimos lustros ou decenios, a veces unha política forestal creo que un tanto equivocada. Este proxecto non pretende cambiar a política forestal, pero si que pretende dar unha idea de por onde debe ir o crecemento sostible, e poñer en valor o que os nosos devanceiros deixaron ben e nós moitas veces non a estamos tratando tan ben como nola deixaron. Seguramente que aos nosos fillos queiramos deixarllo mellor que como nós o estivemos tratando".
O alcalde mostrouse "moi satisfeito desde o Concello de Ribadeo, que tamén forma parte como beneficiario asociado. Hai como tres ou catros anos tamén iniciamos humildemente un proceso de expropiación na beira da ría para ir eliminando a vexetación de fora, os eucaliptos, para que foran sendo substituídos por frondosas. Levamos tres fases con diferentes axudas, unha da Xunta e a maioría con fondos propios, pero agora este proxecto vainos dar a oportunidade de prolongalo un pouco máis, para deixalo ás portas da antiga vía do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz. Ese sería un novo proxecto para soñar, aínda que sabemos que están os proxectos redactados, pero están nun caixón desde hai varios anos, pero sería un proxecto marabilloso para poder proseguir toda esta actuación que imos facer".
Fernando Suárez dixo que "me gustaría, e teño falado co meu colega de Castropol, da outra banda da ría, de que sería moi boa cousa entre todas as partes porque isto non soamente depende dos concellos, xa nos gustaría, que puidéramos ver o entorno da ría substituído con vexetación autóctona en lugar dos eucaliptos. Sería unha boa imaxe para Galiza, para Asturias e para o mundo, tamén de que as cousas as empezamos a facer dunha maneira moito máis sostible e moito máis sensata".
Tras o alcalde de Ribadeo interviñeron na rolda de prensa Andrés Barreiros Lois, vicerreitor de Desenvolvemento Científico da Universidade de Santiago de Compostela, e Jorge Marquínez García, director do Indurot da Universidade de Oviedo. 
Forman parte do proxecto Life Fluvial o Ibader da USC, o Indurot da Universidade de Oviedo, o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, a asociación InterEo, a asociación de desenvolvemento rural Mariñas-Betanzos, o Concello de Ribadeo, Emalcsa (Empresa Municipal de Aguas de La Coruña, S.A) e Tragsa. 
Ao acto de presentación celebrado hoxe en Ribadeo foron convocadas máis de 40 persoas pertencentes aos organismos, entidades, proxectos e asociacións que prestaron un apoio incondicional á candidatura deste proxecto: Xunta de Galicia, Principado de Asturias, Demarcacións de Costas de Galicia e Asturias, servizo provincial de Costas de Lugo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Confederación Hidrográfica Cantábrico, Augas de Galicia, Deputacións de Lugo e A Coruña e Concellos de A Coruña, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, A Pontenova, Baleira, Guitiriz, Lugo, Meira, Rábade, Trabada, Castropol, San Martín de Oscos, San Tirso de Abres, Santa Eulalia de Oscos, Taramundi, Vegadeo e Villanueva de Oscos.

Ningún comentario: