20171014

Cochambre e lavado

Deixo embaixo a nota de prensa do concello emitida onte sobre a compra dunha hidrolavadora, máquina que "facilitará moito as tarefas de limpeza de beirarrúas, prazas e outros puntos", recoñecendo asemade que "era unha necesidade en certas zonas".
A cousa lévanos por dous camiños diferentes. Un, é un recoñecemento implícito de que a limpeza do pobo necesitaba unha mellora. O feito de mercar un artilugio parce poñer de manifesto a vontade de poñer en práctica esa mellora necesaria.
Por outra, parece como unha adiviña a declaración final que aparece na nota de prensa, "para que se poida conxugar o descanso con certas tarefas todos debemos colaborar no posible", 'adiviña' que se resolve de xeito doado en canto se da unha volta pola zona de movida dende hai anos. Vamos, entendeo que é por iso, porque se ben hai outras zonas de máis bandeira fronte ó turismo de día, cando é máis visible a cochambre, e por iso se comezou na zona da praza de abastos, estoutra zona, de menor atractivo turístico diurno, acumula cochambre semellante aínda que doutra natureza. E iso leva a que mellor que paliar os efectos, algo que parece tradición, evitar que se causen ten todas as ventaxas, porque son evitables. Neste caso sería algo así de 'non é máis limpo quen limpa máis, senón quen mancha menos', pero é trasladable a outros aspectos, relacionados con este caso, como o ruído, ou non, como a conservación da natureza.
A nota de prensa:
"

O INVESTIMENTO ASCENDEU A PRETO DE CATRO MIL EUROS

Hidrolavadora

13/10/2017
A Área de Limpeza do Concello ven de adquirir unha hidrolavadora autónoma coa que está a realizar estes días traballos de lavado a presión en beirarrúas e prazas da vila.
O concelleiro de Limpeza Viaria e Xestión de Residuos, Jorge Díaz Freije, subliña que "nunca tivemos ata o de agora unha máquina destas características. E estamos moi satisfeitos de contar con ela porque facilitará moito as tarefas de limpeza de beirarrúas, prazas e outros puntos que o poidan necesitar". 
O edil ribadense sinala que "xa leva esta máquina uns días baldeando certas zonas coma beirarrúas, prazas… dentro dun planing de lavado a presión que deseñamos no Concello. Este tipo de lavado era unha necesidade en certas zonas, nas que pouco a pouco se vai ir actuando". Unha das zonas nas que traballará esta hidrolavadora autónoma será no aparcamento da praza de abastos: "unha vez que remate a poda das árbores realizarase unha baldeo xeral".
Díaz Freije pide "a máxima colaboración aos veciños e veciñas da vila de Ribadeo, xa que para que se poida conxugar o descanso con certas tarefas todos debemos colaborar no posible". O investimento nesta máquina hidrolavadora ascendeu a uns 4.000 euros.
"

Ningún comentario: