20170725

25 X: chámalle x (e despexa a incógnita)

Día de Galicia. Día da Patria Galega. Día de Santiago... e algunha celebración atribuíble máis fan que o significado do 25 de xullo sexa múltiple. Algo bó, mentres se teña clara a convivencia e o común.
Calquera que rastrexe no blog poderá atopar que as reseñas do 25 de xullo van asociadas ó Día da Patria Galega. Mais non deixo de ser consciente de que ese sentimento é meu, manifestándose diferentes sentimentos en diferentes persoas. Mesmo en persoas que se apuntarían ás mesmas verbas de título de definición, neste caso, día da Patria Galega, o significado pode ser abondo diferente.
Onte, na rede social Facebook, no muro persoal do alcalde de Ribadeo, vin o bando do día da Patria Galega correspondente a este ano. Para min é sorprendente que a estas alturas non esteña aínda na web do concello: como se pode ver en baixo, ten sinatura electrónica e é algo institucional, non persoal.
Quizáis foi iso, que entendo unha contradición, o que me levou a botarlle unha ollada máis detidamente. Sempre comezo por sorprenderme de que o logotipo usado sexa algo que comezou como logotipo dun chiringuito do concello con quefacer turístico, e non o escudo de Ribadeo. Mentres, noutras ocasións, unha imaxe ou reprodución das Catedrais, ou aínda máis común, do faro da illa Pancha (hai un par de días no trofeo anual de fútbol, sen ir máis lonxe), símbolo de Ribadeo por riba da preciosa Torre dos irmáns Moreno, son a representación do aquel ribadense. Mentres, a estrela estereotipada tomada prestada do escudo parece indicar que Ribadeo é un pobo con estrela, e non outra cousa cun significado ligado ó pasado ou ó destino do pobo.
Comeza traendo a colación verbas de Castelao que sinalan o 25 de xullo como 'festa de todo o noso pobo'. Coido que identificar pobo con terra pode ter o seu aquel, mais facelo con patria xa é máis complicado. Polo medio, o parágrafo identifícao con 'país'. Con todo, quen quera facer unha aproximación maior, pode consultar por exemplo un estudo de Santiago Sanjurjo sobre identidade e política en Castelao a traverso de Cortezón que reseñei hai pouco no blog.
A orixe da significación deste día nos anos 20 do século pasado non restaría definición ó significado. Se acaso, o que lle restaría sería historia, e con case cen anos, se a idea é potente, debera abondar. A identidade colectiva citada coido que si vai abondo máis aló na historia, aínda que se poda misturar, mellor, poda ter compoñentes, doutras identidades, a diferentes niveis simbólicos, de tamaño ou de nivel de pertenza.
No parágrafo seguinte, a festa pasa a trascender o símbolo para converterse en vehículo de reivindicación. Enténdoo e asúmoo. E apóioo, mais non por iso deixa de ser un utilitarismo vehicular do que debemos ser conscientes. Sobre o orgullo a traverso da procura de futuro, non vou dicir nada, atragántanseme as sucesivas oleadas migratorias.
En canto ós obxectivos do parágrafo seguinte, asúmoos, mais non deixan de ser verbas que poden baleirarse no discurso político en menos do que dura iso, un discurso. E aínda así, esa asunción e recoñecmento de fume non deixa de descubrir as eivas, como o coidado da nosa terra, protexéndoa e non deixando ó asalto da cobiza e propiedade os nosos tesouros; a concilación ata onde sexa posible dos motores produtivos co mantemento do equilibrio ecolóxico, e, caso de non ser posible, o establecemento da primacía deste último como garante dun futuro; ou o conxugar o comezo e o final do parágrafo, xustiza e liberdade, con apoio substanciado para que ambas sexan efectivas.
E, por suposto, Galicia, e o mundo, son unha obra colectiva que necesita de todos. Por iso, o desenvolvemento da participación cidadá non estaría de máis.
Recoñezo que un folio non dá para moito, e unha arenga como o bando vese limitado por ese impedimento de espazo sobre o papel. De seguro, de telo feito eu, cometería un número semellante de incidencias obxetables. E por iso, nese caso, gustaríame que a xente o desmenuzara para chegar un pouco máis aló, cada quen e en conxunto, para ben de todos. Así, pola tarde, cando a banda inunde de sentemento o espazo ó seu arredor, poderíamos ser máis conscientes e entr5e outras cousas, tamén desfrutar máis desta Galicia que temos.

Ningún comentario: