20170724

Saca o teu gran

Verán. Rúas ateigadas, praias tamén. Servizos a tope, desbordados polos visitantes.
Mentres, cada un de nós segue a manchar e a contaminar, coma sempre.
Hai uns anos xurdiu a iniciativa 'colle3' (ben, xurdiu en castelán, 'coge3') e tomou pulo, mesmo con ramificacións internacionais, mais parece que se está esquecer (aínda que segue a funcionar, como se amosa aquí). E é unha mágoa. Consistía en que o achegarnos por calquer motivo a un lugar con restos, retiráramos unha cantidade pequena deles que non supón grande molestia, 3, e os puxéramos a bo recaudo cos refugallos, para que poideran ser tratados en conxunto. Non é gran cousa, só un paso cara adiante no comportamento co planeta. Había un paso máis, complementario, para a difusión. Que non debera facer falta e que vai en dirección contraria a non contaminar, que é sacar unha foto da acción e poñela nas redes sociais para que cunda o exemplo.
Hoxe quero lembralo, poñendo en aberto, non dreitamente nas redes sociais, senón a traverso do blog, cunha das accións deste tipo que levei a cabo ultimamente. Foi a semana pasada, na primeira rada da praia do cargadoiro. O resultado, dous plásticos de certo tamaño e e un anzó con sedel:
Aí queda a testemuña...
E aquí, tres entradas anteriores onde se fala de 'coge3' contemplando diversos aspectos:
20140109: Cando menos curioso: Coge3, concienciación/acción
20150709: As nosas costas: navegando mares de plástico
20150111: Galicia: operación acordeón e síndrome de Estocolmo

20170723

Pasou a peregrinaxe da Ruta Quetzal 2016

Non vin ós medios deixar reflectido nas súas novas o paso por Ribadeo de 70 rapazas e rapaces de 19-22 anos, autoorganizados, facendo a súa versión do Camiño Norte este ano despois de desfrutar da última edición da Ruta Quetzal o pasado ano. Última porque polo que parece este ano non hai tal ó deixar de ser financiada polo BBVA.
O caso é que, despois dunha boa experiencia, decidiron xuntarse de novo para recorrer o Camiño Norte dende Avilés. Con algunha variante: chegaron a Ribadeo o xoves dende a Caridade, e partiron Vía Rinlo e Catedrais cara a San Martiño, onde visitaron a basílica e Espazo Caritel, pasando por Eido Dourado e a lagoa dos patos na ría de Foz. Ó día seguinte, polo Camiño Natural de San Rosendo, cara a Mondoñedo, onde foron recibidos na Capela de Ferrería polas alcaldesas de Trabada, Vilanova e Mondoñedo, participaron na romaría xacobea da fervenza e recobrarán hoxe domingo o recorrido 'normal' do Camiño Norte.
Ás sete da mañá de venres estabamos camiñando cara ás Catedrais, despois de facer revisión (eles)do polideporvio vello/remozado onde durmiron, para que quedara todo en orde. Desfrutaron de Ribadeo o xoves pola tarde, de xeito independente, en pequenos grupos, ó igual que o veñen facendo en cada un dos lugares pols que pasan.
Para organizar a marcha, puxéronse en contacto con xente diversa, como José Luis Fernández Ansedes, presidente da Asociación do Camiño Norte que se está a encargar da súa tutela dende Ribadeo a Baamonde.
Non foi moito tempo o que estiven con eles, mais abondo para vislumbrar o seu carácter e as súas inquedanzas ou o seu método de organización. Expoñentes dunha xeración que xa está aquí, pero que como todas, é diversa.
Nun descanso en Rinlo, co amencer de fondo.
Reagrupamento nas Catedrais
Atendendo explicacións en Eido Dourado
Con mochila nas Catedrais


20170720

De novo, a ría (1)

A ría de Ribadeo ofrece un recurso para, dentro do bulicio, ter paz. Quizáis por iso as cousas da ría parece como se se notaran, anotaran e traballaran con máis tranquilidade.
E variacións hai máis das que parece, e non me estou referindo á dobre subida e baixada diaria da marea. comezando polo extremonorte, luns tomaba esta foto:
Foto que deixaba nas redes sociais indicando a persistencia da sinal en terre público, despois de ter sido avisado o concello hai meses, haberse renovado as sinais que dan información do faro, ter comezado o tren turístico a funcionar, etc. Pois ben, onte , despois de todas esas cousas, puiden sacar outras fotos:
Amañado! Pero non parece que por legalidade, lóxica, conservación da natureza ou cousas parellas, senón máis ben porque un cravo saca outro cravo: unha actividade económica puxa e despraza outra actividade económica. Se agora se está a usar para xiro de tren turístico, non se pode usar como aparcamento do faro.

20170718

Manobra dun cargueiro para entrar en Mirasol

Moita xente de Ribadeo veríao multitude de veces. Algúns, ningunha. Na ría de Ribadeo, ó natural, está dispoñible moitas veces ó ano, aínda que segundo as características a manobra pode variar algo. O vídeo é sinxelo, e permite ver a entrada dun cargueiro, este domingo pasado, con marea morta rematando de subir, dende o paso pola Ponte dos Santos ata a aproximación ó peirao de Mirasol.
Vese que a lancha do práctico precede ó barco, e nótase o freado deste antes da manobra de xiro, a propia manobra e o achegamento ó peirao marcha atrás para saír de frente unha vez cargado, sen ter que efectuar manobras do mesmo tipo que moitas veces xa levaron a outros buques a tocar fondo no tesón. Así, efectúase o xiro en lastre e en zona de canle máis ancha .
Para ver en youtube: https://youtu.be/1KOEFKYJHlc
Datos do cargueiro, segundo http://www.marinetraffic.com:

JUERGEN K., bandeira dos Países Baixos
General Cargo
IMO: 9195717
MMSI: 244329000
Identificativo de llamada: PBKV
Bandera: Netherlands [NL]
AIS Tipo de Buque: Cargo
Arqueo bruto: 2545
Peso muerto: 3850 t
Eslora Total x Manga Máxima: 88.78m × 12.5m
Año de construcción: 2001
Estado: Activo
Chegou a Ribadeo: 2017-07-16 20:11 LT (UTC +2)
Saiu de Ribadeo: 2017-07-18 12:47 LT (UTC +2)
Puerto base: DELFZIJL

20170716

Para ver as aves na ría

Remato de atoparme nas redes a nova que publicou hai dous anos e medio o blog Ría de Ribadeo. Trátase da posta a disposición de todo internauta do plano-guía para observar aves na ría de Ribadeo (aquí, o post no blog de Enrique Sampedro), e coido que non está de máis o tentar darlle un novo pulo de difusión, e a iso vou. En galego, a publicación está en https://www.scribd.com/doc/283621389/Folleto-Ria-de-Ribadeo-galego; en castelán, en https://www.scribd.com/doc/283620904/Folleto-Ria-de-Ribadeo.
Deixo a versión galega para a súa consulta directa aquí:

20170714

Adecentamento do cantón

Hoxe, ó pasar polo parque, leveime unha agradable sorpresa. Cambiaran a cobertura do baixo da Torre dos Moreno no cantón. Non hai unha perspectiva na que cadre exacta a superposición, pero aproxímase abondo, como pode verse na foto.
Un pouco máis en detalle, obsérvase mellor a calidade percibida da reprodución:
 O cambio foi realizado moi recentemente; se non lembro mal, alguén se queixaba por escrito hai pouco, pode que esta mesma semana.
A mágoa é que non sexa a finalización da obra, senón unha foto. Coido que para o outro aínda haberá que esperar.

Ribadeo, vila amiga das bicicletas?

Iso é o que di un cartel que me atopei onte ó entrar en Ribadeo:
Contrasta con non deixar arcén uns metros máis aló do cartel:
E con non facer nada dende que se realizaran aquelas xornadas de sostibilidade e mobilidade, con participación cidadá para aportar ideas e discutir, hai cousa dunha década. Por facer só dúas consideracións, o carril bici non existe, o mesmo que os aparcamentos para bicicletas. O ano pasado houbo seis meses xuntanzas ciclistas para pedir un respecto para as bicis, e os grupos deron cada vez unha volta por Ribadeo sen apercebemento do concello nin para acompañar con PL.
Cambiará algo con este cartel? O cartel está ben, pero pode quedarse en verbas baleiras, como ata o de agora. Mentres, o número de ciclistas segue a aumentar en Ribadeo.

20170713

Hoxe, pleno

Dentro de pouco máis de unha hora dará comezo un pleno que foi anunciado hoxe mesmo (non podo precisar a hora, pero con abondo menos de 10 horas de antelación) na sección de novas do concello.
A nota non di tampouco moita cousa sobre o que se vai tratar, máis aló de reducir as taxas para obras en dous supostos (edificios patrimoniais, á metade, e pintura de fachadas, só liquidando o mínimo) e o aumento de subvención á comisión de festas.
Certamente, non vexo que este xeito de facer as cousas sexa un impulso grande á democratización e participación popular nos asuntos que nos afectan a todos. O pleno estaba convocado, polo que parece, ao menos dende luns, 4 días, que quedan reducidos a poucas horas polo método como se fan as cousas.
De 'Escudo de Ribadeo (I)'


20170712

Ribadeo ante o verán

Di a Concelleira de Turismo que nos pasados indianos a poboación de Ribadeo aumentou: as 40 000 persoas que di que pasaron implicaría que o sábado, día de maior concentración, a poboación de Ribadeo vila teríase cuadriplicado. Ós preto de 7000 habitantes teríanse incorporado unha cantidade equivalente a outras tres veces esa cifra. E iso, claro, implica xestionalos, non só aproveitarse dos seus cartos.
Non é a primeira vez que alguén me di que escapa de Ribadeo polo boureo; sen levar unha conta, é un número significativo, diría que de longo a maioría, aínda querendo participar da festa, pero ó estilo turista, de paso.
E é que non só son as colas no supermercado ou que os coches non caiban nin nos aparcamentos habilitados ex profeso. A aglomeración implica tamén outros xeitos de convivencia que hai que xstionar, aínda que sexa 'por un día' (que ó final, rematan sendo unha morea deles). e non parece ser boa medida deixar que 'ese día' se podan saltar as normas e os poderes públicos miren cara outro lado mentras a habitabilidade e a convivencia se degradan.
O anterior, aínda que pareza a coña cousa de coña. Aí está, por exemplo, que en Europa, a OMS calcula que por culpa do ruído cada ano os europeos perdemos ata 1,6 millóns de anos de vida saudable (p.126 http://www.euro.who.int/__data/assets/pdf_file/0008/136466/e94888.pdf?ua=1), (mortes prematuras e vida saudable non disfrutada por ter un estado de saúde deteriorado), sendo un problema de saúde pública e afectando non só ó sono, senón ó rendemento laboral, capacidade de aprendizaxe e concentración, pensamento e memoria, saúde cardíaca, relacións sociais (incluído illamento, ou depresión), hipertensión, retraso de medre do feto...
Non se trata de asustar, senón de comprender e empatizar. Ó fin, que os cartos poden matar é algo asumido dende hai séculos.
Tomado de http://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/PDF/?uri=CELEX:52017DC0151&from=EN

En España non coñezo as estatísticas, mais si que as porcentaxes son diferentes.

20170711

Celia Castro ten páxina na Galipedia

Co gallo do anuncio de que Celia Castro será a pregoeira das festas, xa ten creada unha páxina na Galipedia. Polo momento, está incompleta, mais irá medrando... e xa se poden consultar a partir dela varias das súas obras, a máis de noutras entradas deste blog:
Celia Castro na Galipedia.

20170710

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE GUIMARÁN E ESCUDOS DA IGREXA DE VILASELÁN. Francisco José Campos Dorado


Este magnífico Escudo de Armas do Pazo de Guimarán (foto 1, supra), está formado por unha pedra armeira central, rodeada de catro pedras de cantería totalmente talladas que conforman un espectacular conxunto. Está timbrado cun casco de fidalgo antigo con seis plumas, que segundo o Escudo da Cédula de Certificación de Fidalguía, Nobreza e Armas de D. Bernardo Rodríguez Arango e Mon (Arquivo Privado do Pazo de Guimarán) (foto 2, infra), teñen as cores: verde, vermello, azul, marelo, branco e púrpura. Os lados do casco están adornados con follas de carballo abertas e os flancos do escudo de pedra, con acantos volteados, mentres que no escudo do pergamiño son lambrequines, rodetes e xiras. No sostén presenta adornos simétricos de molduras e grimpolas ou bandeirolas, e no medio un adorno a modo de metopa, no que resalta mirando ó fronte, a cabeza dun doncel con rizos.

 Tanto o escudo en pedra do Pazo de Guimarán como o representado no papel pergamiño da Cédula de Fidalguía, firmada polo Rei de Armas D. Juan Alphonso de Guerra y Sandoval na coroada Vila de Madrid a nove de Xullo de 1740, así como, os dous escudos idénticos (foto 3, infra) que timbran os retablos laterais das capelas da Igrexa de Vilaselán, no lateral esquerdo o de Nosa Señora da Inmaculada Concepción, e no lateral dereito o retablo de Nosa Señora do Rosario; todos eles están cuartelados en catro e presentan as mesmas Armas, con algunhas diferenzas nos detalles e cores. Xeralmente este tipo de cuartelado en catro, úsase para representar as armas dos catro avós (dous avós e dúas avoas): 1º) apelido avó paterno; 2º) apelido avó materno; 3º) apelido avoa paterna; 4º) apelido avoa materna.
Segundo a Cédula de Fidalguía (CF en diante) os cuarteis representan os brasóns: 1º RODRIGUEZ; 2º ARANGO; 3º MURIAS e 4º MON. Por suposto, non somos ninguén para contradicir a literatura dunha Cédula de Fidalguía do século XVIII, firmada por un Rei de Armas e por múltiples testemuñas, pero engadiremos algún comentario baseándonos noutras descricións heráldicas.
Primeiro cuartel: segundo CF, son Armas do apelido RODRIGUEZ, Señor de Sanabria, Mestre da Orde e Cabaleiro de Santiago: (foto 2) “pintan por Armas, en campo de ouro tres barras verdes”. Segundo as normas Heráldicas son: “en campo de ouro tres faixas (en relevo no escudo de pedra) de sinople” (escudo CF). Estas faixas parecen tamén as Armas dos MESIA ou MESSIA, as cales xa vimos no cuarto cuartel do escudo da Casa Brasonada da Rúa Bispo Veres (tamén en La Comarca del Eo, 4-Xuño-2016), chamada Casa de Vior.
Mentres que nos escudos da Igrexa de Vilaselán os campos dos cuarteis son de ouro (dourados con pan de ouro) exactamente igual que aparecen na Cédula de Guimarán, os esmaltes ou cores das faixas son moi discutibles pois o artista parece que vernizou tódolos mobles ou figuras cunha sustancia que se “oxidou”, quedando todas dun cor pardo, tal, que non as deixa definir. Por isto as faixas poden corresponder as Armas de varios liñaxes, como o de D. Carlos ÁLVAREZ DE MON, que vivía en Ribadeo en 1794 (en campo de prata tres faixas de gules, e entre cada dúas faixas dous armiños de sable, os cales faltan neste brasón). Non descartamos que a liñaxe puidera ser dos BARREIRA, BARRERA ou “DE LA BARRERA” (en campo de prata tres faixas de gules) ou dos PARGA (en campo de azur tres faixas de ouro).
As faixas deste primeiro cuartel xunto coa aguia (dos AGUIAR ou dos PARDO) do terceiro cuartel, son Armas do brasón dos VILLAAMIL que tamén aparecen no Escudo da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016) e no terceiro cuartel do escudo dereito da Casa dos MIRANDA (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016). Segundo cuartel: segundo CF, corresponde á Familia ARANGO: (foto 2) “en campo de ouro un espiño de sinople con froito de estripeiras vermellas [cast., “majuelas rojas”], e dous lobos de sable (cor negro) lampasados de vermello (con lingua vermella de distinta cor que o corpo de sable), empinados o tronco, e unha orla de doce pezas: seis, en campo de azur, dentro unha estrela de ouro e as outras seis en campo de prata unha panela vermella. (Nota: o estripeiro [cast., espino majuelo]  é unha árbore delgada das rosáceas, de madeira dura, de ramas espiñosas, que produce un froito de baias redondas, tenras, carnosas de sabor doce e coloradas).
En Vilaselán (foto 3), os animais empinados no tronco dunha árbore “conífera”, son cabras, polo que poden ser armas dos PARDO das Terras de Ribadeo, frecuente brasón con árbores, así como, na zona asturiana (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo del Pozo Volumen I, páx. 372). En campo de prata unha árbore de sinople (un freixo) terrasada do mesmo (có chan de sinople), acostada (acompañada en ámbolos dous flancos) de dúas cabras de sable (cor negro) empinadas ó tronco.
Estas Armas tamén poden verse no escudo dereito da fachada da Casa dos MIRANDA, na rúa Amando Pérez de Ribadeo, no primeiro cuartel semicortado e partido, na parte alta da partición esquerda vese unha árbore con dúas cabras empinadas coméndolle nas follas. Aquí parecen ser Armas dos SOTELO ou SOUTELO: en campo de prata, unha árbore de sinople (cor verde) e dúas cabras de sable (cor negro) empinadas no tronco. Este brasón pode falar do parentesco entre a familia ARANGO, coa de D. Ramón María MIRANDA E MON.
Por outro lado, no escudo de pedra da Casa de Guimarán, os animais empinados son lobos, polo que parecen Armas dos SOTELO ou SOUTELO, señores de Xunqueira De Ambía onde teñen solar e pazo (“O Libro da Heráldica Galega”, D. Luciano Fariña Couto, 2001). En campo de ouro, unha árbore frutada (con fruta) de sinople, terrasada do mesmo, acostada de dous lobos de sable empinados o tronco.
As Armas da liñaxe SOTELO, son confusas nos Nobiliarios, pois mentres os animais en campo de prata son cabras, en campo de ouro son lobos, e ás veces intercámbianse.
A bordura de ouro, cargada de seis panelas (follas de álamo) intercaladas entre seis estrelas de seis (Vilaselán) ou oito puntas (Guimarán) semellan as da bordura compostelán, pois este brasón e moi antigo, e pode referirse a familias asentadas no Porto de Ribadeo que era a entrada Norte por mar do Camiño de Santiago, e polo século XI, XII, XIII e máis en diante, as calas e praias de Guimarán, Porcillán e Cabanela, eran os desembarcadoiros naturais para calquera viaxeiro que chegara por mar, tanto de Francia como dos Países Baixos e Nórdicos ou de Inglaterra. Nembargante, segundo se explica na CF de Guimarán, de mediados do século XVIII, as panelas, significan que o cabaleiro brasonado estivo nunha sinalada vitoria, e as estrelas, a paz conseguida para a súa patria. Por outra banda, estas Armas de ARANGO difiren moito das que se atopan no Escudo da Aduana Vella (tamén en La Comarca del Eo, 16-Abril-2016) onde se representan no 4º cuartel con cinco corvos pousados pois derivan da liñaxe dos CUERVO que tiveron o señorío no val de Arango do concello asturiano de Pravia: “en campo de prata, seis corvos de sable (cor negro) postos de dous en dous”.
Terceiro cuartel: segundo CF, son Armas da Familia MURIAS, cuxa primeira noticia data de D. Álvaro Sánchez de Murias, que serviu a Fernando III “El Santo” (rei de 1230 a 1252) na conquista de Sevilla (1250) e a Afonso X “o Sabio” (rei de 1252 a 1284) na conquista de Xerez da Fronteira. As Armas, segundo CF: “en campo de ouro unha aguia de sable (negra) volante e rampante”. A esta breve descrición, nós engadimos, que a aguia mira á destra, e está linguada de gules (con lingua de cor vermella) e armada e picada de prata (con garras e pico de cor prata).
Tamén parece brasón dos AGUIAR, dos PARDO ou dos PARDO DE AGUIAR que xunto coas faixas do primeiro cuartel, son Armas, como xa vimos, do Escudo da rúa Antonio Otero, e do escudo dereito da Casa dos MIRANDA.
Cuarto cuartel: segundo CF, son Armas da Casa de MON: (foto 2) “en campo de ouro un carballo de sinople sobre terrasado natural, acompañado dun home armado que está asido cunha man a unha das ramas e dous cans atados o tronco con cadeas. (Nota: os cans están parados ou arrestados cara a sinistra, inmóbiles, de perfil e cos pés parellos dous a dous). Sobre o terrasado dúas espadas tendidas (Nota: espadas de cazoleta á destra e punta á sinistra) acompañadas dun brazo armado cunha daga empuñada, e está chorreando sangue. Orla de ouro dividida con perfil vermello e nela o “mote” (lema) seguinte con letras vermellas: ESTAS ARMAS Y BLASÓN SON DE LA CASA DE MON, COMO FUERTE LAS GANE Y ASÍ LAS DEFENDERÉ. Esta orla vese claramente nos escudos da Igrexa de Vilaselán (foto 4).
No escudo de pedra do Pazo de Guimarán vemos, ós pés da árbore, un brazo movente (como en movemento) armado cunha espada corta en posición de apuñalar cara abaixo; sinistrado de dous facheiros (soportes cónicos) tombados onde se poñían os fachos (antorchas) para alumar as estancias ou os corredores, e dos que saen dúas teas acesas con pequenas lapas de lume. Nos escudos da Igrexa de Vilaselán (foto 3) soamente está o brazo movente empuñando unha espada corta, pero non hai nin espadas, nin facheiros.
A descrición antedita, difire bastante coa explicada no brasonado do Padre D. José Crespo del Pozo (Blasones y Linajes de Galicia, volumen III, páx. 310): “en campo de ouro, unha árbore de sinople (cor verde), sobre terrasado do mesmo (sinople); no flanco destro un cabaleiro de “punta en branco” tronzando unha rama da árbore coa man sinistra, e movente do franco sinistro un brazo armado, empuñando unha espada de cazoleta, guarnecida de prata, en acción de cortar a man do cabaleiro dito. Do pé da árbore saen unhas chamas, de gules e ouro, e ao seu tronco están atados cunha corda dos cans afrontados (un fronte o outro), do seu cor, e asida o mesmo tronco, unha mao coa moneca ensanguentada. Ó lado sinistro da terrasa, outras dúas espadas, como a descrita, cruzadas e cravadas nela”. D. Bernardo Rodríguez de Arango y Mon, está claramente citado na Igrexa de Vilaselán, e verifica a súa proba de nobreza na Real Chancillería de Valladolid en Preito de Fidalguía de 1747 sendo veciño da feligresía de Santa María de Vilaselán, xurisdición de Ribadeo (Código ES.47186.ARCHV/ 8.10.4 //SALA DE HIJOSDALGO,CAJA 1106,2).



Segundo entramos na Igrexa de Vilaselán pola porta lateral de entrada, encontramos de fronte o retablo da Virxe das Dores, policromado en fondos azuis, morados e con múltiples molduras douradas, en cuxo centro se atopa a talla vestida da Virxe Dolorosa entre dúas columnas barrocas. Arriba un Cristo Crucificado do século XVIII, surmontado por unha gran concha de vieira. Detrás do Cristo Crucificado hai un fresco con fondo azul que representa, con gran profusión de edificios, a paisaxe dunha cidade que non recoñecemos, pero segundo nos di a nosa historiadora ribadense Dª Celia Castro, posiblemente sexa a representación idealizada da "Xerusalén Celeste", que é o que se sole poñer sempre detrás dos Crucificados pois aínda que as casas reproduzan unha cidade real, esta non se corresponde con ningunha concreta. É unha receita que normalmente se repite no arte, e da que podemos ver outro exemplo, detrás do Cristo Crucificado do retablo do Altar Maior da Igrexa Parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo. Sobre o propio altar, ó centro da predela do retablo, está o sagrario, e a ambos extremos atopamos dous “medallóns” coa lenda que alude a doazón aportada para facelo. Á esquerda, segundo se mira: “ESTE RETABLO MANDO HACER I PINTAR A SU COSTA I VOCACIÓN D. BERNARDO RODRIGUEZ ARANGO Y MON”, e á dereita: “Y Dª BERNARDA LUISA GONZALEZ SU MUJER VECINOS DE ESTA PARROQUIA”.
No centro do templo, hai outros dous retablos laterais. Segundo miramos ó altar maior, en cuxo centro se encontra a imaxe vestida da Virxe de Vilaselán, no lateral esquerdo está o retablo de Nosa Señora da Inmaculada Concepción, timbrado polo Escudo Brasonado do Pazo de Guimarán, que pertencía D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon. No lateral dereito, está o retablo da Nosa Señora do Rosario, en cuxa parte superior hai un San Francisco e sobre el atopamos outro escudo coas Armas do Pazo de Guimarán, de idénticas características as do retablo esquerdo (Vilaselán, Aproximación Histórica, D. José María Rodríguez Díaz, páx.72)
Estes elegantes Escudos de Armas (foto 3) son de estilo español, feitos en madeira policromada, que pertence o patronazgo da Casa de Guimarán, quen doou os tres retablos laterais do templo. Ámbolos dous escudos están timbrados con celada de fidalgo antigo mirando á destra, un almete ou casco cerrado do século XVII, véndoselles tres grilletas da visera e burelete encristado. Os cascos, de cor cinabrio escuro, teñen feitura moi esférica e pulida que parecen indicar que son de aceiro templado, e están adornados con molduras a modo de lambrequines curtos. A ámbolos dous lados, levan soportes conformados por volutas de follas de acanto que alcanzan ata ambos cantóns do xefe.
A Capela do Pazo de Guimarán está dedicada a Virxe do Rosario de Chiquinquirá e a San Bernardo. Foi construída no ano 1740 por D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon, e convertida en Oratorio privado en 1790, mediante un Breve Pontificio do Papa Pío VI a D. Ramón María de Miranda y Mon e a súa muller Dª María Josefa de Arango y Saco, que vivía con súa nai Dª Luísa Saco y Abraldes, viúva de D. Bernardo Felipe Rodríguez de Arango y Mon, fillo de D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon, fundador do Pazo de Guimarán, e de Dª Bernarda Luisa.
A fundación de Vilaselán fíxose cumprindo os desexos do tío do fundador por liña materna, D. José Fernández de Murias y Mon, da Casa dos Fernández Murias e Mon de Vilanova dos Oscos. D. José morreu solteiro en Cádiz (6-Febreiro-1769) e deixou como herdeiro universal o seu sobriño D. Bernardo Rodríguez de Arango y Mon a quen lle correspondeu unha importante fortuna que tiña en Cádiz e en San Francisco de Quito (Ecuador) (Vilaselán, Aproximación Histórica, José María Rodríguez Díaz, páx. 100-101).
D. Bernardo emigrara a Perú de onde regresou rico. Era coñecido en Ribadeo como D. Bernardo “O Indiano”, posiblemente o primeiro Indiano de Ribadeo, e foi nomeado Alcalde de Honra de Ribadeo. Os Rodríguez Arango quixeron despachar contas en Cádiz en 1773, e foinas liquidar con plenos poderes o mordomo da Casa de Guimarán, D. Antonio Raimundo Ibañez. Cós 12 000 pesos das rendas gaditanas, que cobrou D. Raimundo, comprou unhas partidas de aceite de oliva que transportou en barco en ánforas de arxila ata Ribadeo, onde aínda se conserva unha ánfora daquelas no patio de Guimarán. Coas ganancias obtidas pola venta do aceite en Ribadeo, Ibañez, que parece ser gañou 12 000 pesos pois dobrou o capital invertido, empezou a labrarse a fortuna do futuro Marqués de Sargadelos... ¡Pero esa é outra historia!
Quero desde aquí, darlle as máis expresivas grazas a Dª María José Suárez García de Paredes, que tan amablemente dedicou toda unha tarde, a mostrarme os escudos, tapices e o precioso Pazo de Guimarán, e que tan profusamente me comentou algunha das súas lendarias historias, igualmente estender o agradecemento a D. Federico García de Paredes Moro quen me mostrou e me deixou copiar as Armas e parte da literatura da Cédula de Certificación de Fidalguía de D. Bernardo Rodríguez Arango, todas elas foron conversas e notas fundamentais que me serviron de base documental para este traballo.

20170709

Fin de festa? Non!

Mentres ben pasadas as 9 da mañá seguen as voces altas próximas de xente nun local de hostalería, pero na rúa, en xeral as rúas están baleiras. Non importa que o Sol xa saíra hai horas por tras da nubes que cobren o ceo. Non importa para ningunha das dúas cousas.
Onte remataba o post cunha foto baldeando a rúa. Ó baixar tiven que apartar vidros rotos unha vez máis, a pesar do baldeado. Hoxe polo momento non pasou a mangueira, quedouse na rúa principal, e as secundarias seguen cochas. Haberá que baixar con escoba... isto é máis tanxible que o ruído, aínda que durmir sexa máis necesario.
A festa remata hoxe, segundo a propaganda (desta festa) pero sabemos que do que se trata é de que non remate, verdade? Fagamos honra logo á festa do domingo. Total, por uns poucos ruídos e cochambres...
Unha nota: sempre cabe dicir que os culpables son uns poucos descontrolados, e preparar o camiño os seguintes poucos descontrolados, que serán os que teñan culpa aínda que se saiba que non terán control nin serán controlados.
Outra: mentres remato, escoito e vou ver para comprobar que un camión vai pasando polas rúas botando auga. Contemplo que xira e non se achega. Ó mellor máis adiante, volve. +: Van ser as 11. Voltou e está a facer o seu traballo. Despois de que pasara a escoba mecánica.


20170708

Invasión, versión 2017

A estas alturas, Ribadeo está cheo. A festa do glamour atrae e as redes sociais énchense de testemuñas sobre traxes e postureo, sorrisos e tapeo, collidas a voleo das posibilidades amplas que hai a disposición. Hai que recoller testemuñas diversas para ver otro tipo de impacto no pobo e saír da sala de teatro no que se convirte.
As tres primeiras fotos son do aparcamento indiano. Dos haigas da época final á actualidade, variaron abondo as cousas. Entre elas, a forma e vistosidade dos medios de transporte e o seu número. E, en plena ocupación hostaleira, estas cousa fanse necesarias. E neste caso permiten ver despexado un lugar que varía a súa fisiognomía, por moito que nunha intelixente medida unha das construcións quedara cuberta e disimulada pola vexetación. Aparcamento permanente? aparcamento para a xente? Coido máis ben que aparcamento para turistas veraneantes, non contemplando outras necesidades.


Outro par de fotos, coa capela da Virxe do Camiño nun comezo de adecentamento dos seus muros, que faltos estaban, como se ve nelas, con humidades que preguntei ó operario que estaba a picar e parece que non se van corrixir. Non, non é para os indianos. É para Ribadeo. Pero comeza na época propia.

As dúas últimas fan un contraste entre elas e con outras anteriores. Na primeira, una muller vai á festa indiana mentras baldean as rúas.
 Rúas que comezaron a baldearse hai uns días, para a xente de fóra, mentras outros días anteriores, moitos, sen turistas pero con movemento, os locais soportamos mexo e cochambre, mesmo cagadas, semanas e semanas sen limpar (como aquí, ou aquí... por ligar fotos suaves), nun episodio máis de xentrificación 'á ribadense'.

20170707

A nova anunciada: Venres de indianos

Venres 7 de xullo. si, San Fermín. E os indianos en Ribadeo, que se nas edicións pasadas se presenteou multitudinario, este ano espérase 'aínda máis.'
Embaixo quedan fotos do escaparate montado polo Hostal Presidente, a montaxe en preparación da r/San Roque, o cartel e o programa.











Imaxe e nota de prensa do concello:

20170706

Enviado onte por 'Por Nuestro Faro': ACOSO VS NEUTRALIDADE




O pasado día 23 de xunio, na festa da fogueira de San Xoan volvéronse repetir os actos de chantaxe e insulto a membros do grupo “Por Nuestro Faro”, esta volta por partida dobre. Xa temos denunciado anteriormente situacións semellantes, mesmo nas rúas e lugares públicos e nos postos de traballo, que afectaron a persoas que participan no noso colectivo. Por certo, as nosas denuncias tiveron escasa relevancia nos medios socias e mediáticos.

Ao fio desta cuestión quixéramos suliñar outro tipo de actuacións que viñeron a servir de caldo de cultivo para chegar a estes extremos. Nas redes sociais, por poñer un exemplo, son relativamente frecuentes os insultos directos a persoas do noso colectivo, tratando de imputarnos intereses persoais ou apelando a outro tipo de actividades alleas ao tema que tratamos. Nestes comentarios utilízanse falsedades de todo tipo que pretenden xerar un estado de opinión hostil ás nosas persoas físicas, o que axuda ao que despois se traduce en acosos persoais, insultos verbais, persecucións polas rúas etc. Mesmo en diarios e semanarios teñen aparecido escritos despectivos e informacións falsas ou manipuladas -e non só por espontáneos e afeizoados- nos que se trata de degradar a nosa imaxe pública, lexitimando en consecuencia outro tipo de actuacións mais agresivas.

Ademais destes escritos insultantes temos a labor de zapa dos que sistemáticamente non presentan como un grupo de internet, cando levamos realizadas 42 asambleas públicas, recollidas de sinaturas, concentracións, actos culturais etc, sempre convocadas por métodos públicos e transparentes que asoleian para calquer observador obxectivo a existencia dun colectivo cunha presencia social real e tanxible. Na mesma tesitura estiveron os repetidos escritos que nos acusaban de ser xente de “fora de Ribadeo”, sen tomarse a mais mínima molestia por preguntarnos directamente quen formaba o colectivo ou acudir a unha das nosas xuntanzas, sempre convocadas en aberto. Poñamos aquí un dato relevante: mais do 60% dos membros do noso grupo viven en Ribadeo, mais dun 30% naceron en Ribadeo, teñen familiares e visítannos a cotío, e non chega ao 6% as persoas que apoian en facebook sen ter presencia física ou relación directa.

Outra forma de demagoxia é presentar o proxecto como o xerador dunha importante actividade turística e ao noso colectivo como os causantes de impedir esa marabilla e retrasar a execución dun proxecto que acabaría co paro en catro días. Pero a verdade é que os informes negativos da Xunta sobre a cafetería e os requerimentos do Concello para dispoñer de auga potable dificilmente poden ser debidos á influencia do noso grupo cando nunca tivemos acceso a ese tipo de informacións. Podemos lembrar aquí que a documentación que presentou inicialmente a empresa promotora no concello (9 de setembro de 2015) tivo que ser rexeitada por un erro de principiantes, ao tomar como referencia o antigo PXOM, sen vixencia dende decembro de 2014. Despois, como é sabido, a empresa, pola sua conta, desdobrou o proxecto – apartamentos e cafetería – provocando un novo retraso de varios meses, pero os axitadores seguiron botándonos a culpa dos “retrasos”. Tamén hai que suliñar a inestimable colaboura da Autoridade Portuaria, da Xunta de Galicia e do Concello de Ribadeo a xerar unhas expectativas fantásticas e fora de toda medida realista. “Un premio para Ribadeo”, según o Sr. Alcalde, e “o primeiro hotel dos faros”, según o Ministerio de Fomento, repetido en tódolos medios con hiperbólica publicidade gratuíta ou a cargo das contas públicas. Esta campaña mediática tratou de presentar o proxecto como un emporio turístico para quedarse en dous apartamentiños e un posto de traballo.

E para remate a negativa de tódalas administracións a analizar o informe do Defensor del Pueblo, acompañada da inhibición do Valedor do Pobo galego, que se quitou o morto de enriba nun alarde de pragmatismo, sen entrar nun tema que podería ser da súa exclusiva competencia. Cousas que pasan, ningún dos “expertos” tomou nota deste ínfimo detalle, pero iso si, cargar culpas ao noso colctivo non se lles pasa por alto.

A situación non é inédita: queren buscar culpables a tanta incompetencia, subcultura e desidia. Por eso vémonos na obriga de reclamar máis implicación fronte á constelación político-corporativa que, na entrega do noso faro a mans privadas, calquer método atopa xustificación.

20170704

300 euros diarios

300 euros diarios.  Segundo a nota de prensa do concello, ese é o éxito medio, cifrado en vendas, das casetas que participaron na IV edición da feira do libro de Ribadeo. 'Uns 10 000 €' entre 11 casetas, entre 3 días. Non sei a porcentaxe que lles queda ós libreiros, e polo tanto non podo xulgar se é un éxito como dí a nota de prensa (supoñamos unha porcentaxe de ganancia do 40% en cada libro, 120 € diarios) ou un fracaso (supoñamos un 5%, 15 € diarios). Tampouco teño moi claro como se botaron as contas, aínda que si que se arredondaron á alza.
De calquera xeito, a animación cultural que supón o conxunto de actos arredor da feira é un activo inmaterial a considerar. O mesmo que supón a ampliación en relación a anos anteriores (2014 -e aquí-, 2015, 2016 e a deste ano, 2017).
A feira supuxo de novo (xa o ano pasado deixou de ser no parque) o desprazamento da concentración motera dende o lugar típico usado nas concentracións dende o 2008 ó aparcamento, e xa teño escoitado voces a favor e en contra, dende que o parque non é lugar para motos, pasando polo ruído das actividades no aparcamento, ata que o aparcamento está lonxe da hostalería local o que é unha perda e falta de atracción para a concentración. 350 motos inscritas, logo por riba das 500 persoas, farían que, en termos estritamente económicos, o impacto de gasto para Ribadeo fora maior a partir de 20 €/px, tendo ademáis en conta que o impacto multiplicador de cada euro en Ribadeo sería superior. E tamén con actividades, se ben doutro tipo diferente.
500 m, distancia en liña recta entre o lugar do parque no que se facía a concentración de motos e o aparcamento, onde se fai.

20170703

Nova sobre as novas (... que tamén afecta a este blog)

Dende hai un par de anos, os lectores asiduos do blog observarán que non poño ligazóns a xornais. A razón é unha lei, que se verá afectada por unha decisión que se tomará pronto a nivel comunitario, que implica un pago por cita, e que, co gallo que querer exprimir a Google para que pagara por as novas de Google News (o que levou a que cerrara o servicio en España), asfixiou outras moitas pequenas publicacións e obrigou a cambios noutras (como neste blog), rematando por ser perxudicial, ao menos a nivel influencia e difusión comentada inter pares de novas, tamén para a prensa e a liberdade de ideas (aínda que beneficie económicamente a algúns grandes grupos, algo que non está demostrado, aínda que si está demostrado que aumenta o seu poder).
Por certo, o de pago por cita é obrigatorio e irrenunciable, pero se quixera esixir o que me correspondería por ser copiado o blog polos medios (o que ten ocorrido abondas veces, mesmo sen citar) vou de lado, pois tería que asociarme ó equivalente á tristemente célebre SGAE e demostrar que me están citando, ó xerar demasiado pouco tráfico de datos como para que o teñan en conta, e seguramente aínda tería que pagar despois polos dereitos de adminsitración abondo máis do que me asignarían para pagarme... É dicir, para min sería obrigado pagar e imposible cobrar.
Agora, co motivo do tratamento legal na UE, International Communia Association remata de liberar un comentario, o seguinte:

Spain: Publishers pay themselves in desperate effort to show that giving them extra rights actually has an effect

... non sei se queda claro. A ligazón, aquí. Por se non queda claro que non só é a lei mordaza o que está a constreñir a sociedade en España, senon un conxunto de disposicións contra a liberdade que lle serven de compañía e axuda a dita lei.

... isto tamén é Ribadeo

O noso pobo -tódolos pobos- ten, a máis das cousas e lugares remarcados, moitos outros e outras que son aprezables. Ás veces, efémeros, outras, diminutos, outras máis, acubillados en calquera lugar, sempre, que se poden desfrutar ou sinxelamente quedar para a lembranza.
As fotos a continuación dan idea dalgúns:
* pombas e herbas nun aleiro dunha rúa céntrica
* arco da vella entre a bruma no rural (montes de Vilaosende)
* contraste coa imaxe que temos gravada do Costal
* A Vilavella, a ría, en baixamar
* hórreo na rúa San Miguel
Recunchos e tempos que están a disposición de todos,e que moitas veces, pola súa dispoñibilidade diaria, non desfrutamos.

20170702

Finde: de fóra en Ribadeo, e de Ribadeo fóra

Esta fin de semana acumuláronse en Ribadeo varias citas con aportacións externas ó pobo, e algunha na que Ribadeo aportou tamén para fóra. Aquí queda algo delas.
A primeira, a celebración do 'día do orgullo'. Así, sen máis, aínda que evidentemente, pola bandeira e pola nota de prensa, refírese ó orgullo do colectivo lgtb.
O concello, ca bandeira lgtb
A imaxe coa que o concello, na súa páxina web, ilustrou a nota de prensa (tamaño real).
Outra cita foi a da feira do libro 2017, con 11 casetas e conferencia de Lalo para dar comezo. non me puiden pasar moito por ela, pero o que vin foi interesante. A foto, as casetas preparadas pouco antes de dar comezo á Feira:
A feira do libro 2017, preparada para comezar
Outra cita foi da X concentración moteira organizada por Al Corte, este ano, co parque coas casetas da feira do libro, con sede no aparcamento municipal. Para a I concentración xa tiña unha moi breve referencia no 2008.
Algunha moto da concentración moteira

Motos e xente na concentración de al Corte 2017
A última parte do artigo é para algo que naceu en Ribadeo e que este fin de semana repetiuse en Abres, no marco do Eu Son Eo celebrado en ría de Abres, pero con actividades tamén en Asturias, como esta, acubillada na escola de Abres: a exposición a Chocolateira.
A Chocolateria expo, edición EusonEo 2017




O rincón dos pícaros