20170524

Telenovela Pancha

Estes días, a Pancha está no candeleiro. Hoxe, de novo, noticias de que, ante a insistencia dos medios pedindo información, dende a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a delegación de Puertos que ten mando sobre o asunto, liberaron unha nota de prensa. Nota que non está na súa web, seguindo así coa tradicional opacidade á que nos ten afeitos.
De calquera xeito, é unha nota de prensa, nada oficial transmitido a quen pediu información, sexa o Concello de Ribadeo dun xeito, sexa o grupo Por Nuestro Faro, en múltiples ocasións.
E, que di a nota de prensa? Nada. O que xa é abondo.
Si. Vexamos: a nota, polo que parece apunta 'Hemos recibido la solicitud del Concello de Ribadeo de que se revise de oficio la concesión de Eirobra en Isla Pancha. En estos momentos estamos a la espera de que nuestros servicios jurídicos nos indiquen de forma concreta los pasos a seguir. Desde la Autoridad Portuaria Ferrol-San Cibrao se recuerda que la concesión es una figura jurídica muy regulada, no solo en su otorgamiento sino también en sus posibles modificaciones, cesiones, compras, revisiones, rescates... Y cualquier actuación se ha de hacer conforme a dicho marco'. É dicir, non di nada, mentres que outras veces estaba todo claro como mostra da decisión política que é, e iso da pé ó que indica o alcalde e ven repetindo Por nuestro faro dende hai, literalmente, anos: a concesión é incorrecta.
Hai algún tempo, comezou a saír na prensa de Madrid algunha referencia ós 'problemas' na illa Pancha despois de capitanear a propaganda de Puertos e o seu programa 'Faros de España'. Estou esperando a que saia algunha nova sobre esta última parte, que coido non tardará. Un paso máis cara ó fin da telenovela illa Pancha, un paso máis cara á illa Pancha común, emblema natural de Ribadeo e de uso comunitario.
Non, non estamos seguramente ante o capítulo final da telenovela, non vai rematar mañá. Pero os síntomas son de que se achega o seu fin.
En Openstreet Map está claro: Faro de Ribadeo

Ningún comentario: