20170531

Quen non chora non mama, edición Ribadeo

Ben, o título podía referirse a outros ditos, pero é o que se me ocorreu... Atópome no xornal (que non no taboeiro de novas do concello), que foron decretados os peches de dous clubes do concello. Non, non de clubes deportivos, senón dos chamados de alterne. Ata aquí, un acto administrativo máis. A cousa é que ambos o foron debido á petición de datos da policía. Resulta que levan funcionando anos, os dous co mesmo propietario, pon o xornal, e só foron pechados tras a solicitude da comisaría de Viveiro ó Concello dos datos do tipo de licencia de apertura e advertir que carecía de autorización.
Sabía, de hai tempo, a dificultade do concello de obrar de oficio, pero non neste grao. Por exemplo, non chegou que houbera varios incidentes que remataran no xulgado ou con dentencións, para facer a revisión duns locais que, pola súa natureza, estimaba que estarían vixiados por defecto.
Aquí, os 'choros' do título poden ser de moi diferente xeito, pero está visto que como a iniciativa non comece por eses 'choros', é difícil conseguir que o concello faga algo.
Un dos clubes clausurados, a vista de Google.

20170530

Razoando sobre FEVE

30 de maio. Falta 1 día para que expire o convenio Alcoa-Feve para transportar 5 días á semana unhas 80 000 toneladas de aluminio dende S. Cibrao a Amorebieta. O que ven representando uns 80 vagóns semanais, ou, alternativamente, podería supoñer uns 150 camións semanais.
Certo, a estrada da Mariña xa está abondo conxestionada como para meterlle máis tráfico de xeito voluntario, pero botando contas, 300 camións diarios os días de semana non chegan nin de lonxe a unha media de dous camións cada hora... Coido que o razoamento debe ser outro, apoiado no maior custe por estrada, ou sinxelmanete, na contribución de este transporte tanto ó rendemento e futuro de Alcoa como de toda a Mariña.
Hai máis de cen anos, o ferrocarril Ribadeo - Vilaodrid dinamizou unha comarca enteira, que, anos despois de ver como se deixaba sen mantemento, esmorecer, tenta recuperalo na memoria e de xeito alternativo como vía verde. Francamente, estando totalmente de acordo e colaborando coa súa recuperación e aproveitamento, coido que non resiste comparación co seu uso inicial.
E, mentres se trata da recuperación do xa perdido, esmorece outro tren que leva tempo con falta de mantemento, ó que non se lle renovou material, pero ó que tampouco se puxo moito empeño para ter maquinistas, que foi deseñado cuns criterios nos que se mixturaba economía e defensa, pero que cada vez se podería aproveitar mellor polo desenvolvemento das vilas ó seu carón... Un tren que non é a panacea, pero que todos somos conscientes de que a súa perda significaría -está significando xa, pois estase a perder- un retroceso para A Mariña.
Está demostrado que o tren é un xeito con avantaxe en relación á estrada para un amplo rango de distancias, tanto en comodidade como en seguridade ou rendemento enerxético. Por suposto que ten asemade inconvintes: non podemos levalo da porta de casa ata a do ximnasio, 500 m máis aló... Pero quizáis o lembrar que a estrutura socioeconómica actual naceu parella co desenvolvemento do ferrocarril pode indicar algo. Ao menos, que deberamos ter argumentos para convencer a quenes manexan as infraestruturas do país para un apoio decidido. E que a unión de zonas moi diversas, de Ferrol a Xixón nunha fronte común beneficia a todos: unha fronte limitada ó tramo Ferrol - Viveiro como teñen anunciado varias novas ultimamente coido que é desperdiciar sostibilidade e hipotecar o mesmo futuro dentro deses límites.
Portada dun libro adicado ó tren mineiro.

20170529

O mentireiro mentireiro


Hai anos que 'O mintireiro verdadeiro' deixou de saír á rúa. Non podía competir cos novos medios. Nin lidiar coa era da 'posverdade', termo cruñado para designar a imposición do que é verdade a partir do que lle interesa a quen ten o poder para impoñela.
Nesas andamos na actualidade. Hai xa tempo (outubro de 2016) que 'La Alacena Roja' saltou a un post neste blog: Mentiras sobre a illa Pancha. Alí expoñía como, en xaneiro do ano pasado, a revista daba á luz uncara enteira onde explicaba as bondades do hotel e adega do Faro da illa Pancha.
Onte atopeime con outro número da mesma revista, correspondente a maio-xuño deste ano, distribuída polos establecementos de hostalería, onde aparece de novo o hotel da illa Pancha. Ben, agora o establecemento xa está (estaba) aberto, si, pero non é un hotel (o que se di no interior, despois de asegurar que si o é no título e no corpo do artigo). Ten explicación que diga que está aberto: os tempos de edición permiten eses desaxustes. Pero máis o permite o intento de colar unha propaganda como verba de Deus. O intento, dende hai moito tempo, de Faros de España de vender o 'Hotel 5 estrelas' da illa Pancha, empregando cartos de todos, leva a que outras entidades, como a alacena descolorida, tenten secundar a historia. No artigo, que non reproduzo pero que se pode atopar en moitos establecementos de hostalería de Galicia, aparece a ristra de 'hoteles en faros' que virán despois. Quen estea ben informado sabe que esa lista é cando menos unha vontade de Faros de España sen moito fundamento polo momento, anos despois de poñerse en programa en marcha. Pero, antes diso, fala de que Puertos del Estado, a entidade que puxo en marcha 'Faros de España', copiou un modelo ampliamente extendido a nivel internacional, 'aplicando unha xestión responsable'. Di, que queren 'abrilos a toda a sociedade'... No artigo tenta meter as 'farolas' de Vilán e Fisterra como 'precursoras', obviando que non son faros, e que a 'nova xestión' de Fisterra da que fala ven despois de estar pechado e feito un desastre unha boa tempada. Mellor non sigo. Se o faro está hoxe pechado non é precisamente pola xestión responsable en todo o proceso, e o de abrilos a toda a sociedade xa vimos a que se refería: a deixar entrar a quen poida pagar.
Interior do establecemento de restauración de Fisterra o día 20170528

Exterior establecemento de restauración de Fisterra o día 20170528

20170527

31 fotos da ría e algún comentario

Coido que a ría de Ribadeo debe ser tamén beneficiaria (estou seguro de que si o é) de toda a propaganda que está xerando o traballo de 'Por Nuestro Faro'. A notar unha diferencia: sen un peso, o tirón é grande, mentras que Faros de España tirou de chequeira para promoción dun establecemento, non dunha zona ou unha illa.
Voltando ó tema, hoxe facía un día que algúns cualificarían de avesío. bo para aprezar outras facetas da ría, e máis en marea baixa. As fotos a continuación foron tomadas comezando a subir a marea (a marea non comeza a subir ó tempo en tódolos lugares da ría, senón que comeza pola boca e vai progresando cara ó interior, ó mesmo que ó baixar) dende o miradoiro de aves (km 376 da N-642) ata a curva sobre a praia dos bloques.

 Dende o observatorio de aves, cara Asturias. Marea ben baixa.
 Cara á embocadura da ría.
 Banco labrado na pedra en As Aceas.
 A enseada das Aceas, coa remodelación e canle do muíño de auga doce en primeiro plano.
 a canle para levar auga do rego.
 Os edificios dos dous muíños, branco, do rego, e en pedra, de mareas. Entre eles, a barreira para embalsar a auga á dereita da imaxe.
 Aspecto da enseada das Aceas. No centro dereita, a árbore usada moitas veces por Suso Peña. Cara a esquerda estaría o vello recheo.

 Charca en marea baixa no encoro de As Aceas.
 Vida á saída da auga do encoro: cangrexos entre as pedras.
 O foxo que deixa a auga na procura da ría.
 E a vida, tamén dentro da barreira: mexilóns.
 Vista xeral da parte interna da enseada.
 Acehgándonos a Ribadeo, Castropol e As Figueiras ó fondo, e a corta de eucaliptus para replantación de autóctonas, presente.
 Unha ría? Si, lonxe da beira... Vista cara ó interior da ría.
 En pouco tempo, isto non estará así: a replantación está en marcha.
 Ribadeo e as Figueiras, sen árbores no medio polo momento.
 O tesón da Vilavella.
 Un detalle cara a Ribadeo.
 Outra vista do tesón da Vilavella entre peiraos.
 A beira, limpa de vexetación.
 Tesón, enseada da Vilavella, Bloques coa escollera dos '90, Mirasol...
 Mirando un pouco ara arriba, tamén no Costal están amañando a terra.

 O fondo da enseada da Vilavella, co paseo de hai poucos anos.
 Enseada, paseo, Costal...
 Madeira a carón da auga (en chea!)
 Detalle: o embarcadoiro para as embarcacións que se agochan na antiga fábrica de alxinatos, saíndo do recheo efectuado hai décadas.
 Cara á saída da enseada.
 Saída da enseada da Vilavella cara á beira asturiana.
 Bloques e tesón da Vilavella.
Dende os Bloques á Veiga. Xa é patente que comezou a subir a marea.

20170526

Dúas novas positivas para a illa Pancha. II.O alcalde súmase a Por Nuestro Faro nas peticións

Esta nova produciuse poucas horas antes que a anterior (A Defensora continúa con Por Nuestro Faro): O alcalde tenta 'persoarse' na 'causa' aberta por Por Nuestro Faro na oficina do Defensor del Pueblo. Coido que hai que lembrar que esta 'causa' como a chama o alcalde ten xa unha longa historia... Deixo o escrito da alcaldía, xunto coa nota de prensa, non sen antes lembrar, para ofrecer unha visión máis completa, nota de prensa de Por Nuestro Faro Mediante, que este grupo está de cumpreanos por estas datas. Dous anos de traballo para devolver a illa Pancha ó pobo:
DOUS ANOS DO COLECTIVO “POR NUESTRO FARO”
“Un Faro de todos y para todos”. Este era o título do artigo publicado en La Comarca del Eo o día 30 de maio de 2015, redactado por Covadonga Suárez. Poderíase decir que este artigo foi unha especie de documento fundacional que resume o pensamento e os obxectivos do colectivo, que se manteñen impolutos dende o seu nacemento. “Pensamos que el faro forma parte del patrimonio de Ribadeo, y que, como tal, su utilización debe hacerse desde lo público” ,” el faro no es una construcción como otra cualquiera […] por su carácter, su historia y su simbología” ,”no debe olvidarse el significado especial de la Isla Pancha para los ribadenses […] es una estampa emblemática y representativa de Ribadeo, un vestigio del pasado, un monumento a los hombres y al mar y también es el lugar que muchos han elegido para que sus cenizas descansen allí” . Palabras cheas de sentimento, historia e poesía. Ideas que estaban na cultura popular dende o comezo dos tempos, pero que non foron quen de atravesar o coiro dos que nos representaban. Esta era, e segue sendo, a idea básica e central das persoas que, sen discursos retóricos, rexeitan a privatización da Illa Pancha e do Faro por un elemental principio de autoestima e permanencia. Que o Ministerio de Fomento non era mais que o administrador e non tiña nengún dereito a apropiarse da Illa Pancha para vendela ou alugala non debera precisar mais aclaracions, pero sobre cultura e sensibilidade non hai nada escrito.
Naqueles primeiros días eran imprevisibeis as numerosas irregularidades que despois se foron descubrindo, pero algo xa se albiscaba ao dicer que era “responsabilidad de las administraciones competentes que han tomado la decisión de permitirlo de manera rápida y discreta”. “No nos parece correcto que la mayoría de los ribadenses haya tenido noticia por la prensa hace apenas unas semanas de que el faro iba a ser explotado y reconvertido en hotel de lujo a través de una concesión“ .“ La escasa información de la que hoy disponemos […] es difundida de forma muy concisa a través de los medios de comunicación”.
Dende o primeiro momento estivo moi claro o que se defendía para a Illa Pancha e o edificio do faro: “No pensamos que el faro ni el acceso a la Isla Pancha deban permanecer cerrados, pero toda explotación o uso que se haga debe respetar el lugar y el carácter del edificio. Su utilización debe favorecer la democratización de su acceso y los ribadenses deben poder disfrutar de él […] Lo que nadie dijo tampoco es que para entrar en la Isla Pancha y en el faro no es necesario instalar un hotel y esta idea se ha vendido como la única posibilidad existente para poner un pie en la Isla Pancha”. Mais claro auga.
Como ben se ve as mensaxes deste artigo seguen tan vixentes hoxe como hai dous anos e o colectivo “Por nuestro faro” que, por certo, segue medrando a un ritmo contino, non mudou un chisco dos seus prantexamentos como fixeron a maoir parte dos actuantes. A carón das nosas ideas e propostas agora hai algúns que están empezando a descubrir o invento do paraguas.
Nos meses seguintes foronse descubrindo unha riola de irregularidades ao mesmo tempo que se solicitaba información da Autoridade Portuaria, do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia con escasos resultados. Un intre rechamante foi a publicación da resposta do Defensor del Pueblo (16.2.17) a unha denuncia presentada polo noso grupo en xullo de 2016, denuncias que publicamos e remitimos as administracións devanditas pero non tiveron a ben tomalas en consideración. Debemos suliñar que o Defensor respostou á maior parte das nosas denuncias e que algunhas foron ampliadas a finais de febreiro de 2017. Ao demoledor informe do Defensor ainda non se lle deu resposta por nengunha das tres partes. Entendemos que as tres partes están implicadas e teñen a sua responsabilidade como publicamos hai poucos días.
Para rematar volvemos a repetir que as autoridades deben escoitar aos veciños, as opinións e as suxerencias dos colectivos sociais e por esa vía poderíanse aforrar moitas molestias, gastos e outros problemas, e sobre todo hai que defender as culturas e os patrimonios dos pobos que son as interfaces da nosa historia común.
24 de Maio de 2017

Vaia agora o escrito do alcalde á Defensora do Pobo:

E, por último, a nota de prensa da alcaldía:
O ALCALDE ALUDE AO SILENCIO DA AUTORIDADE PORTUARIA
Defensor del Pueblo
24/05/2017
O Concello de Ribadeo ven de remitirlle ao Defensor del Pueblo un escrito para trasladarlle todos os pasos dados en relación co expediente para a actividade de hostalería no Faro da Illa Pancha. E pídelle que "impulse toda actuación que proceda y esté a su alcance a fin de que se clarifiquen a la mayor brevedad posible estas actuaciones opacas que pudieran resultar irregulares o no conformes con la legalidad vigente y ello, repito, en aras de la seguridad jurídica y en evitación de daños y perjuicios a terceros".

Dúas novas positivas para a illa Pancha. I.A Defensora continúa con Por Nuestro Faro

Primeiro, a máis recente, aínda que só sexa por unhas poucas horas (a segunda parte, 'o alcalde súmase a Por Nuestro Faro nas peticións): A defensora do pobo envía un escrito a un representante de Por Nuestro Faro para testemuñar que segue adiante na defensa.
Deixo embaixo o comunicado de prensa de Por Nuestro faro e unha toma do escrito:

Comunicación do defensor del pueblo ao colectivo “Por nuestro faro”
No día de onte, 24 de Maio, o colectivo “Por Nuestro faro” ven de recibir unha nota informativa da oficina do Defensor que di textualmente:
“En relación con su queja y a pesar del tiempo transcurrido y de las diligencias practicadas, esta institución no ha recibido respuesta de la Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao sobre la SUGERENCIA formulada.
Con esta misma fecha se requiere a la Autoridad Portuaria la remisión de la respuesta preceptiva a la SUGERENCIA, por lo que en cuanto se reciba contestación se le informará de su contenido y de las actuaciones que procedan.
Le saluda atentamente “
Pola nosa banda réstanos agradecer a atención do Defensor e constatar que se está levando un seguimento activo do caso. Informaremos ao Concello de Ribadeo e aproveitamos para lembrar que nos días seguintes á recepción do primeiro informe do Defensor (16.2.17) remitímoslle unha ampliación das denuncias de outras iregularidades detectadas, como é a falla de informe de sostibilidade económica que exixe a lei de portos para este tipo de concesións e a concesión por vía directa tralo cálculo de 500 metros de parcelas concedidas, cando en realidade o que se outorga son os 4.170 metros cadrados da illa, o que rebasa os 2.500 metros cadrados que é o tope máximo que a lei de portos estipula para as concesións por vía directa. Mesmo prantexábamos a custión do acceso libre dos veciños á totalidade da illa.
Sería moi aconsellable que todas as autoridades competentes estudasen dende agora, xa que non o fixeron antes, estas situacións opacas que puideran resultar irregulares ou non conformes ca legalidade vixente en aras da seguridade e da evitación de danos e prexuizos a terceiros, como moi ben suxire o Sr. Alcalde de Ribadeo no seu escrito ao Defensor del Pueblo do día 22 próximo pasado.


20170525

Arredor da estrada 'no porto'

Onte a alcaldía liberou unha nota de prensa dicindo que a estrada que evita Mirasol (non 'no porto' como pon a nota no título, e que eu copio) seguirá cortada. Aproveita para dicir que 'neste tema' están a partir un piñon, o xefe de portos e o alcalde.
Mais, hai uns días, aparecía neste blog 'aproveitaches a pasar por Mirasol?', e tráioo en lembranza porque alí dicía que Mirasol seguía cerrado ó tráfico (aínda que boa parte do tempo esteña aberto, non por facilitar, senón por mala xestión). Algo que, ó parecer, e se nos fiamos da nota, seguirá a ser así: Mirasol, colonia de portos de Galicia, algo así como un 'Guantánamo á galega'... mentres o alcalde, en plural maiestático, 'sentíndoo moito, entendemos, comprendemos e asumimos tamén o que nos suxire Portos de Galicia'. Así que, aproveitaches a pasar por Mirasol?
A estrada cortada fóra do porto

20170524

Telenovela Pancha

Estes días, a Pancha está no candeleiro. Hoxe, de novo, noticias de que, ante a insistencia dos medios pedindo información, dende a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a delegación de Puertos que ten mando sobre o asunto, liberaron unha nota de prensa. Nota que non está na súa web, seguindo así coa tradicional opacidade á que nos ten afeitos.
De calquera xeito, é unha nota de prensa, nada oficial transmitido a quen pediu información, sexa o Concello de Ribadeo dun xeito, sexa o grupo Por Nuestro Faro, en múltiples ocasións.
E, que di a nota de prensa? Nada. O que xa é abondo.
Si. Vexamos: a nota, polo que parece apunta 'Hemos recibido la solicitud del Concello de Ribadeo de que se revise de oficio la concesión de Eirobra en Isla Pancha. En estos momentos estamos a la espera de que nuestros servicios jurídicos nos indiquen de forma concreta los pasos a seguir. Desde la Autoridad Portuaria Ferrol-San Cibrao se recuerda que la concesión es una figura jurídica muy regulada, no solo en su otorgamiento sino también en sus posibles modificaciones, cesiones, compras, revisiones, rescates... Y cualquier actuación se ha de hacer conforme a dicho marco'. É dicir, non di nada, mentres que outras veces estaba todo claro como mostra da decisión política que é, e iso da pé ó que indica o alcalde e ven repetindo Por nuestro faro dende hai, literalmente, anos: a concesión é incorrecta.
Hai algún tempo, comezou a saír na prensa de Madrid algunha referencia ós 'problemas' na illa Pancha despois de capitanear a propaganda de Puertos e o seu programa 'Faros de España'. Estou esperando a que saia algunha nova sobre esta última parte, que coido non tardará. Un paso máis cara ó fin da telenovela illa Pancha, un paso máis cara á illa Pancha común, emblema natural de Ribadeo e de uso comunitario.
Non, non estamos seguramente ante o capítulo final da telenovela, non vai rematar mañá. Pero os síntomas son de que se achega o seu fin.
En Openstreet Map está claro: Faro de Ribadeo

20170523

Carta a un gran Mindoniense

Imaxe de José Mª Rodríguez, cabeceira do seu blog

   José María Rodríguez Díaz nunca nos dejará. Creo en la inmortalidad del espíritu. Creo en la huella imborrable que dejan las obras de personas dedicadas a investigar, divulgar y promover hechos que conforman legado socio cultural para mejor gloria de nuestra identidad como pueblo y comunidad ciudadana. Querido maestro: Tuve la suerte de encontrarte en aquella tertulia radiofónica que con tanto acierto y respeto nos organizaba Beni Mántaras. Comparto contigo y con Antonio Gregorio el orgullo de pertenecer -por encima de otras consideraciones geopolíticas- a un territorio noble por su historia. Siempre defendimos nuestra adscripción a la provincia con capital en Mondoñedo. Nos enseñaste la grandeza de nuestra Britonia. Tengo en mis manos tu trabajo de investigación sobre tu querida parroquia de Vilaselán. Tus dos estudios sobre el Monasterio de Esperautano y su Coto. La indispensable aportación a la historia de tu natal y querido Ribadeo sobre La Colegiata.
   Aunque ambos somos más de pluma estilográfica que de ordenador, no por ello renunciamos a poner la máquina al servicio de la creatividad histórica y cultural. Por ello, confieso que, en mi relación de favoritos, disfruto con tu página encabezada como Diócesis de Mondoñedo-Ferrol. Y es que Santa Catalina dejó semillas de inquietud eterna entre alumnos y profesores.
   Le recomiendo a mi amigo Vidal Martínez-Sierra, que amén de cuidar el Monasterio de San Salvador, siga la historia-leyenda de los Caballeros Templarios, desde tu trabajo "Presencia de los Templarios en Ribadeo". A nuestro querido Cronista Antonio Reigosa, alcaide del mágico Mondoñedo, entre Cunqueiro y Don Enrique Cal Pardo, que haga como yo, repasar a modo de consulta tus acertadas consideraciones sobre ese lugar rico en aguas, pan y latín.
   Intenté convencerte, desde el faro de Punta Atalaya, para que tú y los demás amigos de O Tesón, no abandonarais el "Argos" de la cultura. Lo mismo que, te debemos, seguir con la antorcha del relevo para exigir el derecho a que nuestros mayores, y nosotros mismos cuando llegue la hora, podamos seguir disfrutando de la ciudadanía desde un centro de cuidados para ese fenómeno demográfico que es el envejecimiento, sin la terrible soledad que produce la deslocalización. Prometo solemnemente, por Maelok, Obispo Sarmiento, El Conde Osorio, El Mariscal Pardo de Cela y su esposa Isabel de Castro, que seguiré contándoles a nuestra muchachada que Ribadeo fue sede Episcopal con Catedral, y cómo tras maniobras políticas de mediados del XIX, buenas gentes trataron de recuperar la provincia, con la anuencia de galaicos-astures unidos por El Eo.
   Nos veremos en Isla Pancha.
Pablo Mosquera Mata

ESCUDO DE ARMAS DA CAPELA DE SAN ANTONIO E DE SAN JOSÉ DE Sta. MARÍA DO CAMPO. Francisco José Campos Dorado


Entrando na Igrexa parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo, a primeira capela a man dereita é a capela de San Antonio e de San Xosé. Sobre o arco de medio punto está este Escudo de Armas e dúas laudes a ámbolos seus lados, que deben explicar as cláusulas e gravames que deixou establecidos o fundador ou fundadores do maiorazgo. O escudo é de deseño clásico español redondeado en punta, timbrado cun casco de fidalgo con penacho de tres plumas e adornado de lambrequines curtos que caen por ambos flancos ata a metade do campo. Na parte alta destra do casco, hai unhas letras moi confusas, que parecen ser: “P A Z M D Y A I” e das que non podemos comprender o significado. Está empotrado na parede do templo, polo que supoñemos sexa orixinal dun maiorazgo do Convento de San Francisco e que non veu trasladado da Igrexa Colexiata de Sta. María do Campo, como xa explicamos noutros casos. A ámbolos dous lados da pedra armeira hai unhas laudes (pedras con inscricións) para nós moi difíciles de interpretar debido o pintado e repintado á que estiveron sometidas durante catro e tres séculos e o caleado encheu os ocos do gravado e desapareceu da vista parte da inscrición. Na laude esquerda, segundo se mira, parece rezar: “ESTA CAPILLA ES DE ALGº (¿ALONSO, ALVARO GONZALEZ?) DEL b’NAYA(?) PA(?)DO (?) VO ESTANDO ESTABLECIDO A SV COSTA I DOTO CON SEIS MISAS CANTADAS (?)ANO 1594(?) IbEP(?)r..RIOr A CAVMA(?)..CON SVS RESPONSOS CANTADOS Y CRVZ (?)”.
 Na laude da destra, parece que continúa a ladaíña: “I SE AN DE DECIr DYA DE SAN ILDEFONSO Y DE ADRIAN I EL DIA DE (¿NAVIDAD?) DYA DE .... OTRA DYA DE N SEÑORA....DYA DE SANTO DOMINGO OTRA DIA DE SAN MYGUEL AÑO DE 1675”.
A primeira laude (esquerda), parece ser á da fundación do maiorazgo, e parece darnos a data da antigüidade do escudo, que ven a ser da mesma época que o da Capela da Virxe das Dores (1594) e case como ó da Capela das Ánimas e da Virxe do Carme (1604). Con dúbida, pois é difícil de ler por estar moi confusas as letras, parece que se refire a D. Álvaro ¿González Ribadeneira?.
O segundo laude (dereito) mostra a data de 1675, máis tardía que a primeira, posiblemente, porque foi cando se estableceron novas cláusulas na “licenza” do maiorazgo, como expresan as especificacións do laude. Este mesmo tipo de cláusulas, a posteriori da fundación, vímolas no Escudo brasonado e familiar dos RON, na Capela da Virxe do Rosario, que estableceu de novo D. Pedro de Miranda en 1616 (tamén en La Comarca del Eo, 18-Marzo-2017)
O campo do escudo está partido por unha espada baixa ou fixada (coa punta abaixo) e desenvaiñada, en pau (vertical) coa empuñadura arriba no punto de honor (punto central do xefe sen chegar a tocar a boca ou borde do escudo). Sobre este punto, baixo o centro do xefe, lábranse “as armas paternais” ou armas hereditarias transferidas polo primeiro posuidor ós seus descendentes. Son armas dun cabaleiro que tivo algún cargo militar ou pertencente a algunha Orde Militar (en campo de gules unha espada baixa de prata, coa empuñadura de ouro).
Observamos que con data do ano de 1675, que describe a segunda laude, xa vimos este tipo de partición do campo, por medio dunha espada fina, no Escudo de Armas na Casa de Del Río, da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016), pero ámbolos dous escudos non teñen relación pois os mobles ou figuras dos brasóns son distintas. De todas maneiras, non podemos descartar nada ó cen por cen, pois os VILLAAMIL, estiveron emparentados cós OYA, SARMIENTO, SOTOMAYOR, MONTENEGRO, etc. pero sendo rigorosos nas análises, aquela espada está acompañada de dúas veneras, unha a cada lado do puño, que puideran ser armas dos POUSADOURO ou POUSADEIRO, mentres que esta espada é máis curta, cun pomo no puño, con cruceta e sen garda, como se ve na espada do terceiro cuartel, do escudo dereito da Casa dos MIRANDA na rúa Amando Pérez (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016).
Na partición destra, deste escudo da capela de S. Antonio e S. Xosé, móstrase en xefe, desde o centro ó cantón destro, unha barra engulida en dragantes. Poden ser armas dos VILLAR (Blasones y Linajes de Galicia, J.S.Crespo del Pozo, Volumen I, páx.422). Na Real Audiencia e Chancillería de Valladolid atopamos dous preitos: Código: ES.47186.ARCHV// 8.7.1//CAJA 1750,28. Executoria do preito litigado por D. Juan Martínez del Villar, veciño de Ribadeo, con D. Diego de Villamane e D. Domingo Pérez de Quintana, veciño de San Martín de Oscos, sobre execución de bens por cuantía de 50 ducados en razón de media paga acumulada de certo censo outorgado en dicha vila. Fecha: 20-Novembro-1593.
Con Código ES.47186.ARCHV/8.7.1// CAJA 2189,78. Executoria do preito litigado por Dª. Aldonza Sierra Osorio, viúva de D. Juan Martínez del Villar, e fillos, veciños de Ribadeo, con Juana González de Miranda, veciña de Castropol. Fecha: 21-Agosto-1615.
Tamén poden ser Armas do Marqués de Santa Cruz, iguais que ás que se poden ver no primeiro escudo, terceiro cuartel da Casa dos Miranda (tamén en La Comarca del Eo 3-Decembro-2016).
Puideran ser Armas dos OMAÑA (en campo de ouro una banda de gules engulida por dous dragóns de sinople) (Diccionario Heráldico y Nobiliario, Fernando González-Doria, 1994). Os OMAÑA, de orixe asturiano, están enlazados cos liñaxes galegos: ULLOA, OSORIO, MOSCOSO, RIBADENEYRA, etc. todos eles con familias en Ribadeo, e probaron a súa nobreza na Orde de Santiago en 1639, e na Real Chancillería de Valladolid en 1608 e 1670. D. Pedro Miranda Omaña era o Marqués de Sta María del Villar en 1706 (“Escudo da Capela da Virxe das Dores” tamén en La Comarca del Eo, 8-Abril-2017). Por outra banda, sen estar claro, xa dixemos que a laude esquerda parece dicir: Álvaro ¿González Ribadeneira?. Este señor era Mariscal, avó de Ares de Omaña, quen era padre de D. Fernando Ares de Saavedra e Baamonde, o cal otorgou unha escritura de concordia ante D. Gregorio Vázquez de Parga o 21-Marzo-1607 (Linajes Y Blasones de Galicia, Crespo del Pozo, Volumen IV). ¿Isto querería dicir que os OMAÑA eran propietarios dun mairorazgo desta capela pertencente o Convento de San Francisco, e os VILLAR do outro maiorazgo? ¿Un de San Antonio e outro de San José?. Posiblemente.
Esta banda engulida, tamén puidera ser Armas dos NAVIA ou dos MENENDEZ NAVIA emparentados cos VILLAAMIL, segundo xa vimos nos Escudos do Altar Maior, que datan de primeiros do século XVII e no escudo da Casa do Patín de Ribadeo que data do ano 1700. Tamén son Armas dos SANJURJO da Casa dos BUSTO (“Casa brasonada da Rúa Viejo Pancho”, tamén en La Comarca del Eo, 24-Decembro-2016) ou Armas dos ANDRADE ou FREIRE DE ANDRADE, pero nestes catro últimos casos, a figura é unha banda e non unha barra engulida, as cales se diferencian en que a banda e a barra son figuras unha inversada da outra. Dado que o criterio dos artistas escultores estaba, nalgúns casos, máis coa estética do conxunto das figuras do campo brasonado, que coas normas heráldicas, non descartamos que puidera ser calquera dos apelidos anteditos, particularmente dos OMAÑA RIBADENEIRA ou dos NAVIA, como parecen rezar na laude, e que teñen as mesmas Armas dos ANDRADE ou FREIRE DE ANDRADE (en campo de sinople –cor verde- unha banda de ouro engulida en cabezas de dragón do mesmo metal). Os ANDRADE foron grandes fundadores de conventos e protectores das ordes relixiosas mendicantes, e cuxas Armas aparecen nos Nobiliarios en ámbalas dúas formas: en banda e en barra. A incógnita resolverase o día que se limpen as laudes, e se poida ler sen error o que poñen e desde estas poucas liñas, pediría que se fixera algo para que se limparan, por restauradores profesionais, estas laudes de Sta. María do Campo, pois están imposibles de ler. Respectando, por suposto, o criterio e autoridade do cura Párroco da Igrexa, que tería que dar a autorización, non creo que saíra tan cara a limpeza, pois o que cubre as letras gravadas, debe ser cal ou lechada de pintar, que posiblemente sairá mollando con auga e refregando cun trapo. É un dicir, pero incluso se podería facer pagando “a escote” ós que nos gusta conservar o patrimonio, por encima de calquera outra liorta política ou relixiosa. ¿Quizais, sería cuestión de “poñerse a elo”?.
No flanco destro dous crecentes ranversados colocados en pau e no cantón destro da punta unha venera o natural. Son Armas primitivas dos OYA do Condado de Salvaterra de Ponteareas, ás que lles falta unha aspa de gules en xefe, para estar completas, cuxa figura está substituída polo brasón da barra (banda) engulida antedita. Recordemos que as armas máis modernas dos (H)OYA, son: en campo de azur cinco lises de ouro, postos en aspa ou sotuer. Cambiando os esmaltes son as mesmas Armas que as dos MALDONADO, ALDAO ou ALVARADO, como xa vimos na Capela de Ánimas e da Virxe do Carme (tamén en La Comarca del Eo, 22-Abril-2017) Tanto os OYA como os MIRANDA, son Fidalgos do Condado de Ribadeo, provintes da Casa dos OYA-OZORES. D. Manuel Antonio Oya Ozores, estaba casado con Dª Isabel Felipa Miranda Ribadeneyra, filla de D. Pedro Miranda Ribadeneyra e de Dª María Josefa Montenegro Santiso. D. Manuel e Dª Isabel teñen varios fillos: Dª Rosalía de Oya Miranda (que sigue a liñaxe), Dª Catalina Juana, Dª Micaela e D. Carlos Oya Miranda de Ribadeo. D.Carlos cásase con Dª María Saavedra e Cotón de Lugo, e tiveron por fillo a D. Manuel Antonio de Oya Miranda y Saavedra (Blasones y Linajes de Galicia, D.José Santiago Crespo del Pozo, Volumen IV). Un dos últimos descendentes co apelido Oya en Ribadeo, foi: Dª María de los Ángeles Martínez de Aguiar y Oya, que tivo o pasamento en Ribadeo o 8-Marzo-1954, viúva de D. Gumersindo García de Presno Cotarelo, cuxa xenealoxía xa describimos, en parte, no Escudo brasonado da Capela da Virxe de Lourdes (tamén La Comarca del Eo, 6-Maio-2017).
Na Chancillería de Valladolid, atopamos dous preitos, que nos dan datas certas de cando viviron estes ribadenses: 1) Preito por Alimentos litigado no mes de Setembro do ano 1732, por D. Carlos Manuel de Oya Miranda Rivadeneira, veciño de Lugo, que probablemente sexa o mesmo fillo de D. Manuel e Dª Isabel, que se reporta na xenealoxía de D. José Santiago Crespo (ibidem). 2) Preito Civil, entre os anos 1804-1809, de D. Pedro Ramón de Oya y Miranda, de Ribadeo e D. Vicente Lamas de la Torre, de Santa Eulalia de Vilaosende (Pazo de Quintalonga), sobre anulación de escritura de foro dunha casa e horta situadas en Ribadeo. Anotemos, como curiosidade, que na Lista de Embarcacións do Porto de Ribadeo de 16-Agosto-1787, atopamos a D. Bartolomé OYA, Dª Manuela Campo Amor e D. Manuel Quintana son armadores do barco “La Concepción” de 60 Tm. de rexistro bruto, e que foi arqueado de novo en 19-Febreiro-1845 dando un porte total de 85 Tm. Este barco desguazouse na Liñeira o 9-Marzo-1850.
Aínda que as Armas primitivas dos OYA, son as máis probables neste escudo, a figura redonda da punta, tamén puidera ser un roel (si fora de cor) ou un bezante (si fora de metal). O escudo é moi antigo e estas figuras parecen estar moi pulidas ou desgastadas, para poder precisalas. A venera, que presentan varios escudos de Ribadeo, é un dos brasóns que se concederon na primeira metade do século IX, ós cabaleiros que participaron na batalla de Clavijo (Arte de Escudos de Armas, D. Pedro Joseph de Aldazaval y Murguía, ano 1775, Libro I, capítulo XI, páx.112). As veneras do Apóstolo Santiago, gañadas en batalla, aparecen noutros escudos de Ribadeo, acompañadas doutras figuras, p.e.: cunha espada baixa desenvaiñada (coa punta abaixo e o puño alto, en pau), no escudo de armas da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016) e no terceiro cuartel do segundo escudo da Casa dos Miranda (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016). Na partición sinistra tres crecentes ranversados colocados en pau, e no cantón sinistro da punta ¿unha casa?, ¿un palacio?, ¿unha tenda de campaña?, ¿un casón?, ¿unha “yacija” ou arca onde se depositaban os restos dalgún defunto?. Esta partición presenta un brasón totalmente descoñecido para nós. Fáltanos a documentación da Xenealoxía Familiar e da acreditación das Armas do fundador ou fundadores deste maiorazgo, polo que de momento, nos quedará a dubida das Armas posibles deste brasón, que non atopamos entre ningún dos miles de brasóns da bibliografía consultada.
Misterios que quedan por explorar da Fidalguía do Ribadeo Señorial, pois perdeuse moita ou toda a documentación do Convento de San Francisco, e xa non digamos, onde iría a parar a documentación da maioría das Casas de Fidalgos onde están os seus Escudos de Nobreza, pois salvo algunhas excepcións, estas casas pasaron a ser propiedade dos que eran levadores ou arrendatarios da casa ou das fincas, no mellor dos casos, e outras foron adquiridas por xente totalmente allea os propietarios orixinais. Non esquezamos que ademais disto, a destrución de documentación tamén se debeu as expurgas de arquivos, así como, a múltiples episodios bélicos que houbo en Ribadeo, desde aquelas fechas, e onde se destruíu de todo: asalto de piratas, Guerra da Independencia, Guerra Civil, perda de Consulados... etc.etc.

Un comentario propio e unha nota de prensa do concello, coa Pancha ó fondo

Portada do Concello de Ribadeo no Facebook, hoxe.

Onte tivemos unha pequena xuntanza algúns dos membros que participamos en Por Nuestro Faro. As novas que van saíndo nos xornais en resposta á nova actitude do concello, na que comezamos a recoñecernos, anímannos. Recibimos asemade ánimos na rúa, de xente que caladiñamente estivo ó noso carón aínda que se mantivera apartada, e que agora abandoa o silencio tras recoñecer unha situación máis relaxada. Segue aumentando o número de peticións para participar no grupo de Facebook, principal expresión na rede... Dende hai xa máis de dous anos que o grupo se comezou a xestar, a idea dunha illa Pancha común, en harmonía co entorno e co que ten de símbolo para o pobo, segue inalterada. O traballo de procura de documentación, lexislación, asesoramento, seguemento do proceso, etc, foise estruturando pouco a pouco e segue nestes momentos nos que sentimos que aínda hai que facer para apoiar a quen está connosco.
Queda a continuación a nota que onte apareceu na web do concello:
A ENTIDADE NON CONTESTOU AOS ESCRITOS ENVIADOS HAI MESES
Faro da Illa Pancha
22/05/2017
O Concello pídelle á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a revisión da concesión para uso hostaleiro do Faro da Illa Pancha.
O Concello ven de pedirlle á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a revisión de oficio do seu acto de concesión administrativa para instalación de uso hostaleiro no faro da Illa Pancha. O alcalde, Fernando Suárez, manifesta que esta decisión prodúcese a raíz dos pronunciamentos do Defensor del Pueblo nos que advertía de graves irregularidades na tramitación dese expediente por parte da Autoridade Portuaria.
O rexedor explicou que "acabamos de instar formalmente á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao para que proceda á revisión de oficio do seu acto de concesión administrativa para instalación de uso hostaleiro no faro da Illa Pancha. A Autoridade Portuaria é o organismo dependente do Ministerio de Fomento e é titular da Illa Pancha e responsable tamén da concesión administrativa outorgada no seu momento a unha empresa para a conversión dun edificio que está enclavado nunha parte da illa, o antigo faro, como uso hoteleiro".
Suárez Barcia sinalou que "esta decisión que acabamos de adoptar transcende desde o punto de vista administrativo, e ben dada a raíz dos pronunciamentos de hai meses do Defensor del Pueblo, e dos que tivo coñecemento este Concello, nos que advertía de graves irregularidades na tramitación dese expediente por parte precisamente da Autoridade Portuaria, fundamentalmente sinalando a omisión do trámite medioambiental".
O alcalde subliñou que "despois de que en dúas ocasións este Concello se dirixira formalmente á Autoridade Portuaria, concretamente o 22 de febreiro pasado e reiteramos un escrito o 29 de marzo, para pedirlle que aclararase esas supostas graves deficiencias de tramitación, e non tendo a día de hoxe resposta formal de ningún tipo pola súa parte, algo que nos parece inconcebible desde o punto de vista ético e legal, sobre todo".
Fernando Suárez indicou que "por todo isto debemos considerar que efectivamente o que manifestou o Defensor del Pueblo debe considerarse correcto. Polo que, aplicando formalmente un precepto da lei de procedemento administrativo, queremos instar á Autoridade Portuaria para que proceda á revisión de oficio por nulidade de pleno dereito na tramitación deste acto administrativo de concesión".
O alcalde ribadense engadiu que "agora eles estarán obrigados a comunicarnos a resolución que vaian adoptar, toda vez que desde o Concello queremos garantir a legalidade e a seguridade xurídica de todas as actuacións da administración e particularmente as que adopta o Concello de Ribadeo, co fin exclusivo de evitar, se fora o caso, prexuízos de imposible ou difícil reparación, como ben puideran ser as responsabilidades patrimoniais".

20170522

Complementado a nova desta mañá sobre a marcha reivindicativa do ferrocarril mineiro

Complementado a nova desta mañá sobre a marcha reivindicativa do ferrocarril mineiro, deixo dous apuntes dun blog que aínda segue a funcionar, mesmo cando está destinado a desaparecer en non moito tempo:

http://prensa-ribadeo.blogspot.com.es/2008/09/20080816-sobre-rota-do-tren-mineiro.html

20080816 sobre a rota do tren mineiro

COSTAS DESTINA 150.000 EUROS Á REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A RECUPERACIÓN DA RUTA DO TREN MINEIRO ENTRE RIBADEO E TRABADA. O ALCALDE AMOSÁSE SATISFEITO POR ESTE ANUNCIO.
Ribadeo, 16 de setembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, informou onte no pleno aos membros da Corporación Municipal, do compromiso de Costas para proceder á recuperación da ruta do tren mineiro entre Ribadeo e Trabada "xa que xa ten aprobado un orzamento de preto de 150.000 para a redacción do proxecto. Trátase dunha ruta magnífica e será unha das mellores sendas verdes de todo o estado".
O rexedor lembra que esa ruta "estivo en funcionamento desde o ano 1905 ata o 1964 e desde entón, sobre todo nos tramos de Ribadeo… hai algúns que son públicos e outros non. A intención do Ministerio de Medio Ambiente é facer ese proxecto expropiando os terreos que faga falla para darlle continuidade e poder empatar estes tramos que faltan entre Ribadeo e Trabada cos que xa están feitos en San Tirso de Abres e A Pontenova". Fernando Suárez engade que "falamos dunha realidade en non moito tempo. Desde o punto de vista turístico será posible que alguén que queira ir camiñando ou en bicicleta entre Ribadeo e A Pontenova o poida facer a través dunha paisaxe maravillosa ás beiras da ría de Ribadeo e despois subindo ás beiras do río Eo. É algo que nos colma de satisfacción e que amosa a sensibilidade dos responsables de Costas con esta ruta que une dúas comunidades: Galicia e Asturias".
Galescola
No pleno de onte, aprobóuse cos votos a favor do BNG, PSOE e UPRI e os votos en contra do PP, a ratificación definitiva do acordó de cesión dunha parcela municipal á Xunta para a construcción dunha galescola para nenos de 0 a 3 anos. Fernando Suárez explica que "pasou o período de exposición pública e non houbo alegacións e agora só resta que se adxudique o proxecto e as obras agardamos que se inicien en breve, si é posible a principios de 2009, para que Ribadeo non só poida manter a escola infantil que xa está a funcionar desde hai tempo, senón que contará con outra que cubrirá a demanda de prazas existente na actualidade".
http://prensa-ribadeo.blogspot.com.es/2008/10/20081023-estradas-n640-e-n642.html

20081023 Estradas N640 e N642

FOMENTO ESTÁ A REDACTAR OS PROXECTOS PARA MELLORAR O FIRME NAS ESTRADAS N-640 E N-642 ENTRE PORTO E A PONTENOVA E ENTRE PORTO E RIBADEO. ASÍ LLO CONFIRMARON NAS ÚLTIMAS HORAS AO ALCALDE, FERNANDO SUÁREZ.
Ribadeo, 23 de outubro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, recibiu nas últimas horas un escrito da Demarcación de Estradas do Estado en Lugo, no que lle aseguran que "a Unidade de Estradas está a redactar dous proxectos de mellora do firme: un afecta á N-640 no tramo entre Porto e A Pontenova e o outro á N-642 no treito entre Porto e Ribadeo".
O rexedor asegura que "como alcalde de Ribadeo sempre estiven preocupado pola situación destes viais que debo decir que non é nova. A situación degradada destes tramos de estrada está así desde hai tempo, non é algo que se degradara nos últimos tres ou catro meses, senón que ven desde moito atrás". Fernando Suárez explica que "xa tiñamos iniciado conversas no seu momento coa Demarcación de Estradas en Lugo que pertence ao Ministerio de Fomento e ao non daren resultado contactei persoalmente co xefe da Unidade, Narciso González Florido e lle pedin que o que a min me decía verbalmente o enviase por escrito para que conste a intención do Ministerio do Fomento que di que agora están redactando uns proxectos de mellora do firme que vai de Ribadeo a Porto e de Porto á Pontenova. Polo menos esa é a zona que lle decíamos que ten un estado moi lamentable e que cando chove ou cando fai mal tempo se intensifican os accidentes de tráfico".
O alcalde confía en que "agora estes proxectos se liciten enseguida e se proceda a executalos canto antes. Él tamén é receptivo a esta mensaxe que lle mandamos desde Ribadeo e que ademáis por outra banda tanta polémica estivo a dar nos últimos meses a nivel político, pero confiamos en que Fomento se poña as pilas, acabe de redactar estes proxectos que nos argumentan que están facendo e que os liciten dunha vez".

Ampliando a vía verde do ferrocarril mineiro

Alcaldes en acto protocolario

Onte un grupo numeroso de xente reuniuse para recorrer a ruta do ferrocarril. Que cambiou en relación a outras veces? A convocatoria, feita polo grupo Albións de A Pontenova, foi a correspondente á décima edición das andainas anuais que organiza o grupo. Ben organizada, como soen, era a primeira vez que a marcha comezaba fóra do concello de A Pontenova. Pero ese era un detalle circunstancial...
Placa altimétrica no concello de Ribadeo

A primeira diferencia era cuantitativa. Non dispoño de cifras exactas, pero polos autobuses na saída, puxémonos a camiñar non menos de 250 persoas, o que marca un fito para a vía verde do ferrocarril.
taxea orixinal

A segunda, reivindicativa. O grupo organizador quixo facer da décima edición da andainas un chamamento a retomar un proxecto do que hai dez anos, en 2007, asegurouse que estaba non só aprobado, senón dotado para ser levado a cabo. Un proxecto que, como o ferrocarril mineiro inicial, estaba chamado a influír sobre o desenvolvemento de toda a zona, e que, dez anos despois, só ten desenvolto o que tiña daquela: o tramo Santiso de Abres - A Pontenova, e este último como estrada asfaltada, se ben de último nivel. Por iso se comezou a camiñar en Ría de Abres, abrindo un tramo de máis de 4 km que estaba a camiño, pero en mal estado para ser recorrido, sen sinalizar, etc. Para empalmar co tramo recuperado, houbo que facer case 2,5 km por estrada... Así chegouse ós 18 km de ruta, dende os 11 que constitúen a vía verde actual.
Unha vista en Saldoiriña

A terceira, que nun acto protocolario, logrouse xuntar ós catro alcaldes e alcaldesas galegos e asturiana (A Pontenova, Santiso, Trabada e Ribadeo, os catro concello polo que transcorría o trazado), de tres partidos políticos diferentes, como apoio á petición. Coincidindo ademáis que o alcalde de A Pontenova é na actualidade presidente de Deputación Provincial. Protoclario, pero a súa presenza ó fin da unha imaxe política para o relanzamento dunha ilusión. E protocolario, porque o único concello que moveu ficha, non para apoiar o acto, senón para apoiar a vía, foi o de Trabada, limpando, ampliando, aplanando o novo tramo de camiño usado. Tramo que, por certo, ten cousa de 1 km paralelo pero non coincidente co trazado orixinal, por cousa de propiedade de terras.
Irá a iniciativa adiante? Recomeza con bó pé, pero tras ver o que pasou arredor de 2007, todo o mundo é consciente  de que o camiño non vai ser doado. E de que vai facer falta algo máis que sacarse unha foto.
Placa altimétrica no concello de A Pontenova

20170521

Aproveitaches a pasar por Mirasol?

Onte pola tarde, sábado, pasei por Mirasol. Sen garda, sen barreira, tomeino como unha facilidade alternativa destes días deferencia de Portos de Galicia por estar cortado o paso da vía que baixa dende o paseo marítimo e continúa cara a Vila Vella entroncar co que antes foi N-642, a raíz dun derrumbe a semana pasada. Hoxe quixen volver, pero xa estaban as dúas barreiras baixadas, aínda que sen vixiancia. Polo tanto, o de onte foi sinxelamente unha máis das veces que a Portos non lle importa o porto e non unha contribución para paliar o corte dunha vía en Ribadeo. Coido que é cousa de lembralo: aberto cando quere, cerrado cando lle peta. Opaco nas decisións, opaco nas estatísticas. De costas ó pobo, unha entidade máis que xestiona un ben de todos como se non fora de ninguén, aproveitándose alguén.
Deixo embaixo tres fotos do que fixeron estes días as máquinas para comparar coa foto que ilustraba a nota de prensa do alcalde o outro día.