20170816

Hoxe é San Roque: Cartel San Roque 2017 Ribadeo


ESCUDO DE ARMAS DA CASA DE QUINTALONGA DE SANTALLA DE VILAOSENDE E ESCUDOS POLICROMADOS DA CAPELA DE SAN ROQUE DE RIBADEO. Francisco José Campos Dorado


Este Escudo de Armas está colocado na fachada oriental da Casa-Pazo de Quintalonga na parroquia de Santalla de Vilaosende. É un escudo con forma ovalada, medio partido e cortado, con bordura gravada de tal forma, que coincide a lenda có correspondente brasón de cada cuartel: “MONTENEGRO” (flanco destro, 1º cuartel)- EN LAS ARMAS Y EL BENCER LAMAS ES DE SOSTENER (rodea toda a partición baixa ou 3º cuartel)- BAAMONDE(S) (flanco sinistro, 2º cuartel). Este tipo de distribución dun escudo de armas cos brasóns das liñaxes familiares, soen estar distribuídas para representar: 1º) as armas do avó paterno; 2º) armas do avó materno, e as veces, as armas da avoa materna; 3º) as armas da avoa paterna.
A forma ovalada do escudo, como arma de defensa, foi usada polos antigos gregos, e na Heráldica española, é costume que a usen as damas e os eclesiásticos. Neste caso, ó estar timbrado cun casco de fidalgo, que só é admitido na regra Heráldica aos cabaleiros, debe corresponder o escudo familiar dunha dama. A viseira levantada ensinando tres grilletas, é a dun fidalgo de tres liñas paternas e maternas. O casco mostra un burelete adornado de catro plumas, e o adorno exterior consiste nunha cartela que soporta o escudo, asemellando volutas dun pergamiño nos soportes, e carece de adorno no sostén (pola parte baixa)
1º cuartel: unha “M” coroada das Armas dos MONTENEGRO (se tivera esmaltes sería: en campo de sinople, unha “M” de prata surmontada dunha coroa real de ouro)
2º cuartel: unha “M” coroada e rodeada de sete peixes das Armas dos BAAMONDE (se tivera esmaltes sería: en campo de azur, unha “M” de ouro, coroada do mesmo metal, bordura de gules con sete peixes de prata). Este brasón tamén o podemos ver no segundo cuartel do Escudo de Armas da Capela de Lourdes da Igrexa de Sta. María do Campode Ribadeo (tamén en La Comarca del Eo, 6-Maio-2017).
3º cuartel: esta partición baixa, presenta as Armas dos LAMAS, que son as mesmas que as do escudo exterior da Capela de San Roque (tamén en La Comarca del Eo, 30-Xullo-2016) coa advertencia de que están invertidas en xefe, as armas dos LUACES e dos DONIS. Neste escudo: 1º) son de DONIS (tres lises ben ordenadas); 2º) LUACES (cinco estrelas de seis puntas surmontadas por un crecente ranversado); 3º) LAMAS (cinco lapas de lume ou “llamas”). No escudo da Capela de San Roque: 1º) son de LUACES; 2º) DONIS e 3º) LAMAS.
As armas dos LUACES son as da Casa de Camarasa (en campo de azur, cinco estrelas de ouro surmontadas dun crecente ranversado de prata).
Na Internet, na páxina de “Xenealoxía.org. Investigando a HistoriaFamiliar en Galicia” e noutras varias fontes, atopamos a seguinte xenealoxía:
D. Pedro NUÑEZ (ou ÁLVAREZ) DE LAMAS BAAMONDE, que presenta Preito de Fidalguía na Real Chancillería de Valladolid no ano 1539 (Sala de Fidalgos, Caixa 1506,1), foi quen creou vínculo e maiorazgo dos bens da Casa de Quintalonga na parroquia de Santalla de Vilaosende do Concello de Ribadeo. A acta fundacional di que fixera moitos servizos, probablemente de armas, o emperador Carlos I de España e V de Alemaña (rei entre 1517-1556). D. Pedro casou con Dª Teresa RODRIGUEZ DE CORA E BAAMONDE, e faleceu sen descendencia, polo que seguiu a liña sucesoria seu irmán D. Lope ALVAREZ DE LAMAS BAAMONDE, que aparece empadroado como fidalgo nos padróns da parroquia de Sante concello de Trabada en 1580. Casou con Dª María DE LINARES. Tiveron por fillos a D. Fernando que faleceu en América en 1590 e a D. Rodrigo que herdou Quintalonga.
D. Rodrigo tivo por fillo a D. Gaspar LAMAS BAAMONDE que casou con Dª Catalina DEL BUSTO ANDRADE. (Nota: á vista desta xenealoxía, parece que no Escudo de Armas dos BUSTO, que explicaba no artigo “Casa brasonada da Rúa Viejo Pancho” (La Comarca del Eo, 24-Decembro-2016) o primeiro cuartel, parece ser, brasón dos ANDRADE). D. Gaspar e Dª. Catalina tiveron por fillo a D. Antonio Lamas Baamonde, Señor da Casa de Quintalonga de Vilaosende que casou con Dª. María MONTENEGRO SANJURJO, filla de D. Pedro NÚÑEZ DE MONTENEGRO SANJURJO e LANTOIRA e de Dª María de AGUIAR e PEDROSA. D. Antonio faleceu o 27-Marzo-1705.
D. Antonio e Dª María Montenegro, tiveron seis fillos: 1) D. Antonio de LAMAS E MONTENEGRO que casou con Dª. Isabel MENENDEZ DE NAVIA E VILLAAMIL, natural de Ribadeo, filla de D. Baltasar MENÉNDEZ DE NAVIA E VILLAAMIL e de Dª María de ESTRADA E MANRRIQUEZ.
2) D. Gaspar de Lamas Montenegro, foi cura reitor propio da freguesía de Cabarcos en 1722, é Comisario do Santo Oficio da Inquisición. Como nota interesante atopamos que D. Gaspar, sendo xa cura de Cabarcos, foi unha das testemuñas da voda de Dª María PARDO DE ULLOA E LOSADA (filla do Capitán D. Juan PARDO DE CELA E TABOADA e de Dª Antonia ULLOA LOSADA E VALLEDOR, seguramente os donos da Casa de Pumarín de S. Miguel de Reinante) que casou con D. Diego DEL BUSTO E VILLAAMIL (fillo de D. Domingo DEL BUSTO E VILLAAMIL e de Dª María DE SIERRA E OSORIO, seguramente veciños de Ribadeo) cuxo matrimonio se celebrou o 3-Xuño-1700 en San Miguel de Reinante (Libro Matrimonios Nº1 (1670-1738) Folio 175-V).
3) D. José de Lamas, que foi cura da freguesía de Santalla de Vilaosende. 4) Dª. María de Montenegro e Sanjurjo, foi monxa no convento de Santa Clara de Ribadeo, e pasou de monxa de velo branco a monxa de velo negro o 10-Outubro-1686. 5) Dª. Juana Marta de Lamas e Montenegro. Casou o 11-Decembro-1695 con D. Pedro Teodoro MIRANDA E SANJURJO. 6) D. Francisco de Lamas e Montenegro.
D. Antonio de LAMAS E MONTENEGRO (primoxénito de D. Antonio Lamas Baamonde e de Dª María Montenegro Sanjurjo), casou con Dª. Isabel MENENDEZ DE NAVIA E VILLAAMIL, e tiveron tres fillos: 1) D. José Antonio LAMAS E MENÉNDEZ, dono da Casa de Quintalonga onde faleceu o 1 de Xaneiro de 1755, que casou con D. Maria Luisa MOSCOSO E LEMOS (ver máis abaixo)
2) D. Gaspar Antonio de Lamas e Menéndez que casou con D.ª Micaela Rosa BUSTO E SIERRA e tiveron por filla a Dª. Maria Ignacia LAMAS E BUSTO que casou en Ribadeo, 11-Outubro-1745, con D. Jacìnto VALLEDOR PRESNO QUEIPO DE LLANO, fillo de D. García Francisco Valledor Presno e D.ª Melchora María Queipo de Llano.
3) D.ª Maria Francisca de Lamas, casou o 31 de xullo de 1707 con D. Francisco PLÁCIDO POSSE SAAVEDRA E VILLAR DE FRANCO, fillo de D. Roque Posse e Villar de Franco e D.ª Margarita Saavedra, rexedor perpetuo da cidade de Betanzos.
Hai un preito do ano 1722, na Real Chancillería de Valladolid que corrobora parte dos membros desta xenealoxía: Preito de D. José Antonio de Lamas Menéndez, veciño da freguesía de Santa Eulalia de Vilaosende, con D. Gaspar de Lamas Montenegro, cura de San Julián de Cabarcos, D. José Bernardo de Lamas, cura da freguesía de Santa Eulalia de Vilaosende, D. Pedro Teodoro de Miranda y Sanjurjo e súa muller Dª. Juana Marta de Lamas Montenegro, veciños da freguesía de Santa María de Conforto, posuidores e herdeiros dos bens que quedaron de D. Antonio de Lamas Bahamonde, sobre o pago de certos pesos de prata chegados de Indias como agregados ó vínculo que fundou D. Antonio de Lamas Bahamonde (Código de referencia: ES.47186.ARCHV/8.12.3.2//PL CIVILES,FERNANDO ALONSO (F),CAJA 2204,2)
Chegados a este punto, pasemos a estudar os ESCUDOS POLICROMADOS DA CAPELA DE SAN ROQUE, pois pertencen a esta familia, nas ramas familiares do maiorazgo desta capela.



Estes escudos están, un a cada lado, no alto do retablo do altar maior da Capela de San Roque. O escudo esquerdo, segundo miramos o altar (foto 2ª do artigo) é un escudo español cuartelado en catro, e obsérvese que a boca do escudo (o borde ou liña que delimita o interior ou campo), está formada por unha sarta de cinco deceas de contas dun rosario eclesiástico. A mesma característica ocorre no escudo dereito (foto 3ª). Isto parece indicar que ámbolos dous escudos pertencen a familias de relixiosos con nobreza de fidalgos. Non obstante, debemos notar que na Heráldica, os cascos son privativos da armería masculina, quedando excluídos para timbrar con el as armas das damas e do clero, polo que son escudos brasonados de familia (Tratado de Genealogía, Heráldica y Derecho Nobiliario, Curso de Licencia, Instituto Luis de Salazar y Castro –C.S.I.C- Madrid 1961, p.139)
O escudo esquerdo (foto 2ª) está timbrado cun casco de cabaleiro, pero non vemos que presente algunha das Armas dos señores que profesaban nas Ordes Militares que dependían da Igrexa, como: a Orde de Malta, á do Santo Sepulcro ou a Orde de Santiago. Estas Armas (cruces características de cada Orde) deberían estar acoladas ou sitas por detrás do escudo. Por isto, o escudo esquerdo debe ser o dun cabaleiro relacionado coa Igrexa ou cun abade que está baixo a xurisdición dun bispo ou dun arcebispo, e timbra as súas armas cun casco de Fidalgo, por ser o seu escudo familiar (como xa dixemos, os eclesiásticos nunca timbran o Escudo de Armas cun casco).
Escudo esquerdo, primeiro cuartel: parecen armas dos PARDO ou dos PARDO DE CELA (axadrezado de doce xaqueles en campo de gules, seis alzados: 1 central, 2, 1, 2, con tres ordes de contraveros de ouro e seis afundidos alternados). Estas armas xunto coa aguia dos terceiro cuartel, están falando dun matrimonio dos PARDO DE AGUIAR.
Segundo cuartel: en campo de azur, unha cabeza de lobo degolada de ouro, lampasada de gules. Esta cabeza de lobo está representada de forma moi expresiva, pois claramente se ven as gotas de sangre saíndo do corte da “decapitación”. Son armas dos MOSCOSO, con brisura nos esmaltes (con cambio da cor dos esmaltes), pois o brasón da primoxenitura dos MOSCOSO preséntase: en campo de ouro unha cabeza de lobo degolada de sable (de cor negro) lampasada de gules (coa lingua á vista e con esmalte de cor vermello, distinto á cor negro do resto da cabeza)
Terceiro cuartel: en campo de azur, unha aguia de ouro mirando a sinistra. Son armas dos AGUIAR, das máis primitivas da casa soar de Galicia, situada cerca de Lugo.
Cuarto cuartel: en campo de gules un castelo de oito ameas, con tres torres de ouro, a central de homenaxe de cinco ameas, donxonada (que ten outra menor sobre ela) e o todo acostado (acompañado en ambos flancos) con dúas torres de ouro, sobre ondas do mesmo metal. Parecen armas dos NOVOA que teñen parentesco desde moi antigo cos MOSCOSO.
Deste escudo dos MOSCOSO (foto 2) atopamos a xenealoxía na Casa de Quintalonga. Como arriba vimos, D. José Antonio Lamas Menéndez (f.1-Xaneiro-1755) dono da Casa de Quintalonga, estaba casado con Dª María Luisa Moscoso e Lemos. Tiveron por fillos a: 1) D. Luís LAMAS MOSCOSO (n.4-xullo-1734 en Santalla de Vilaosende). 2) D José Antonio Lamas Moscoso que casou coa súa prima irmá Dª Ignacia Lamas. 3) Dª Gertrudis Lamas Moscoso, nacida en Vilaosende que casou con D. Antonio VENTURA DE AGUIAR, natural de Ribadeo, e tiveron por filla a Dª Ramona Vicenta AGUIAR LAMAS E MOSCOSO, que casou o 1-Xuño-1785 co seu primo D. Antonio Jacinto POSSE VALLEDOR. 4) D. Vicente Antonio Lamas e Moscoso, nacido en Vilaosende, 17-Marzo-1730, Señor da Casa de Quintalonga, casou o 27-Decembro-1763 con Dª. María Josefa DE LA TORRE E PONTE, do Concello de Bergondo (A Coruña). Ela era filla de D. Cayetano Josef DE LA TORRE E ROMERO e de Dª. María Josefa DE PONTE VARELA E REYMONDEZ. Ambos da parroquia de Bergondo.
Un irmán de D. José Antonio Lamas Ménendez, D. Gaspar, casou con Dª. Micaela Rosa BUSTO E SIERRA, e tiveron por filla a Dª Maria Ignacia LAMAS E BUSTO que casou en Ribadeo o 11-Outubro-1745, con D. Jacìnto Valledor Presno y Queipo de Llano, fillo de D. García Francisco Valledor Presno e de Dª. Melchora Maria Queipo de Llano.
Por outro lado, o escudo da dereita segundo miramos para o retablo do altar maior (foto 4) é dos MENÉNDEZ NAVIA VILLAAMIL SIERRA Y FUERTES, cuartelado exactamente igual e cos mesmos mobles ou figuras que os escudos de armas de Ribadeo, da Casa do Patín e da casa patrucial de D. Baltasar e Dª Antonia (casa do antigo Comercio de Maseda), e igual que o da Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante. Podemos ver a xenealoxía ata Dª. María Teresa LAMAS SANJURJO (1886-1970) casada con D. José Navarro Reverter, no artigo “Casa Brasonada do Parque de Ribadeo" (tamén en La Comarca del Eo, 21-Maio-2016)
Como sabemos polo testamento de 1668, explicado en “Escudos do AltarMaior de Santa María do Campo” (tamén en La Comarca del Eo, 4-Marzo-2017), D. Baltasar MENÉNDEZ NAVIA VILLAAMIL SIERRA Y FUERTES, fundador do maiorazgo da Capela de San Roque (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza (páx.259), era fillo de D. Sancho Menéndez Navia y Villaamil e de Dª Magdalena RODRIGUEZ DE SIERRA Y FUERTES naturais da vila de Navia. D. Baltasar casou con Dª Antonia de HESTRADA Y RÍO, filla de D.Francisco RODRIGUEZ DE RÍO e de Dª Antonia HESTRADA MANRIQUEZ veciños de Ribadeo.
O escudo (foto 2) tamén parece relacionado coa liñaxe da familia de Dª Antonia Estrada Manrique, descendente de D. Hernando Duque de Estrada, que tivo por filla a Dª Juana de ESTRADA MANRIQUE E MOSCOSO, irmá maior do Arzobispo de Sevilla, casada co capitán D. Sancho PARDO OSORIO, Cabaleiro de Santiago, General das Galeras de Indias, procedente da Casa PARDO DE VALLEDOR de Asturias e señor da Casa de Donlebún de Figueiras. Dª Juana viviu no século XVI pois fai doazón duns bens o 23-Agosto-1597, e tivo unha filla, Dª Francisca PARDO OSORIO Y ESTRADA que casou con D. Pedro BOLAÑO PIMENTEL, señor de Torés.
Un tío de Dª.Francisca, D. Juan PARDO OSORIO, falece en 1630 nun barco de guerra, pelexando contra dos holandeses (resumido: Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo del Pozo, Tomo II páx.395, e Tomo IV páx.127)
Este relato xenealóxico recompilado, en parte, na páxina de Internet “Xenealoxía.org. Investigando a Historia Familiar en Galicia”, non cabe dúbida de que é intricado de ler e quizais haberá que corrixilo nalgún punto. Pero dado o grado de interés que representan os enlaces matrimoniais e de parentesco entre as distintas Casas Brasonadas do Concello de Ribadeo, así como, entre os membros das familias fidalgas que hoxe son veciños que non dispoñen de Escudo de Armas nas súas casas, nunca me privo de facer unha recompilación o máis detallada e escrupulosa que me é posible, pois seguramente facilitará algún estudo posterior da Heráldica, Xenealoxía e Nobiliaria dos Escudos de Armas de Ribadeo, que sen dúbida, si queremos poñer en valor este riquísimo patrimonio, alguén terá que facer algún día, pois eu soamente o albisco, e intento “reflotar” ou aflorar á superficie un tema esquecido e apaixonante, que haberá que investigalo en toda a súa dimensión histórica, pois, sen dúbida, todos estes señores marcaron a maioría dos pasos de desenrolo económico e social daquel Ribadeo Antigo e moitos do Ribadeo actual.

PREGUNTA DO COLECTIVO “POR NUESTRO FARO” Á AUTORIDADE PORTUARIA, CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE DA XUNTA DE GALICIA E CONCELLO DE RIBADEO

Foto de Carmen López Pérez

 Nos últimos días puidemos observar que na Illa Pancha xurdeu como por ensalmo un murete de obra que remata o valado da ponte na beira que da ao norte e que, dende o noso ponto de vista, racha abertamente ca estética do conxunto e introduce materiais alleos aos que se utilizaron anteriormente neste espazo. Agora, ao que non deixa de ser unha aberración como privatizar un ben público que debera ser un espazo público, ven a sumarse unha aberración constructiva que semella abrollar no chan como unha mala herba de exótica natureza. Como ven sendo habitual, sen que se saiba se é o resultado dunha decisión arbitraria ou conta con algún tipo de autorización ou mesmo forman parte das condicions esixidas polo concello para concedela licenza de actividade. O misterio e o segredo, versus a falla de información seguen dominando o escenario. A obriña, polo demais, é dun mal gosto evidente, atenta contra os valores paisaxísticos da illa e ven sendo como on grao disarmónico na face do conxunto arquitéctonico.
  Agradeceríamos que nos comunicasen se esta nova obra estaba no proxecto inicial que deu pase á concesión e se foi avaliada dacordo ca normativa vixente, sobranceiramente reiterada. Tamén sería interesante saber se nunha zona protexida pola Rede Natura 2000 pode abrollar do chan esta muralla e mañan outra e pasado mañana outras duas e despois medrar medio metro e despois outro medio e asi ata chegar a unha torre de Babel de límites infinitos e descontrolados. E mesmo se formase parte das condicións esixidas polo concello debérase informar aos veciños polo menos ca mesma relevancia que se lle deu ao carrito dos turistas. Asemade sería saudoso que se coñecese quen ou que organismo se fai responsable do seguimento e vixilancia do cumplimento das prescripcións municipais. En fin, unha información básica do que se pensa facer nos espazos mais salientabeis de Ribadeo, antes de que se fixera irreversible.
 Con respecto ao concello de Ribadeo seguimos na agarda de recibir resposta a dous escritos anteriores sobre a entrada na illa de persoas, se está vixente o precinto anunciado e cómo estas visitas, en días festivos, poden explicarse nun espazo precintado pola administración municipal.
 Pola outra banda na estrada de Vilaselán ao faro, estase abrindo unha xanza pola cuneta, supostamente para conectar a toma de auga para os apartamentos. A obra carece de cartel e non esta do anunciado o corte do trafego rodado, polo tanto, mentras traballan as máquinas, xúntase unha fileira de ata doce coches nalgúnn intre. O resultado é que os visitantes deben ir a pe ata a illa pasando xunto da obra cativos e maiores co que eso significa. A información do concello aos veciños e visitantes é nula como no caso do murete e tamén resulta incomprensible a xestión dos permisos tratándose dunha zona afectada pola lei de costas e da rede natura 2000.
 Nos dous casos insistimos en comparar o interés do concello por publicitar actividades de escaso ou nulo interés para a comunidade, con fotos do alcalde e concellais, moitas veces acompañados dos promotores, funcionarios e publicistas e o xeito precipitado, sen anuncios, en pleno mes de Agosto, para iniciar esta obra de interés exclusivamente particular.
11 Agosto 2017
Colectivo Por Nuestro Faro

20170729

Carta de 'Por Nuestro Faro' ó alcalde de Ribadeo

Sr. Alcalde de Ribadeo
        O pasado día 23 de Xullo volvéronse ver varias persoas camiñando pola Illa Pancha. Dado que era domingo, mais-menos ás nove da noite sería improbabel que se tratasen de funcionarios ou operarios de nengún tipo. O Colectivo Por Nuestro Faro non deixa de preguntarse que clase de precintado terá esa porta sen atopar resposta de nengún tipo. Por eso vémonos na obriga de dirixirnos de novo a vostede, despois de velo na foto  do Enma Cuervo erguendo o trofeo entregado aos gañadores do partido cuha reproducción, ¡cómo non¡ precisamente da Illa Pancha.
        A realidade é moi sinxela e dase de fuciños ca imaxe virtual ou mediática que se veu transmitindo á sociedade nas últimas semanas. Teoricamente a illa está pechada por orden do concello, pero na práctica  o acceso segue aberto para algúns e coutado para a inmensa mayoría. De feito a illa segue estando mais privatizada que nunca e non se entende qué clase de lei pode permitir unha situación tan contradictoria e difícil de comprender.
        Hai poucas semanas, nas redes sociais, apareceron fotos que parecían reflexar unha festa de primeira comunión. Como nos estivemos alí non podemos saber exactamente o que sucedeu, pero as imaxes  colgadas no  Facebook, nunhas datas concretas, dan conta dese evento recente e  reflicten o libre acceso e uso por particulares dun espazo que,  teóricamente, estaba precintado pola autoridade competente. Como Ve. debe saber diriximoslle unha escrita con este motivo pero, a día de hoxe, estamos sen resposta.
        En resumen quixéramos saber, e supoñemos que alguén mais que nosoutros se fará estas preguntas, se a Illa e o Faro seguen precintados. Se é así que clase de precinto é o que permite entrar a varias persoas un domingo pola tarde ou tomar fotos dunha suposta festa de primeira comunión. Se tódolos precintados do concello funcionan así, unha especie de si pero non. Qué lei ampara esta interpretación tan volátil do precintado e  qué autoridade verifica e controla o cumplimento das resolucións administrativas e protexe o interés xeral da veciñanza para saber que se cumple o que se tivo a ben ordear.
        Xa ve que pouco pedimos, a ver se desta volta temos alguna resposta ou nos temos que conformar ca sua gabanza na foto do Enma Cuervo.
        Reciba unha aperta
        Colectivo   POR NUESTRO FARO
        Ribadeo, 26 de Xullo de 2017
--
Nota: pode verse unha versión errónea desta carta en 'La Comarca del Eo', versión que non foi corrixida pola editorial.

20170728

Repensando a democracia, escoitando

A multitude de actos de diversos tipos que se producen en Ribadeo no verán fan imposible na práctica o seu seguemento. Así pasa esta mesma tarde coa coincidencia da actuación da Coral Polifónica de Ribadeo coa presentación do libro (Re)pensar a democracia. Ti elixe. O que si diría é: participa.

20170727

De novo, a ría (3)

O tráfico mariño na ría en xeral non se pode seguir por ser embarcacións demasiado pequenas, pero si podemos ter unha idea de embarcacións un pouco máis grandes, como a información que da http://www.marinetraffic.com. Mesmo cousas curiosas, como a referencia de entrada dos tres barcos que onte compartiron peirao. Non teño foto dende a ría, pero velos ós tres aliñados coa proa cara ó mar era unha estampa a lembrar, aínda que non única (ver a última camputra de pantalla, de agora mesmo)
Navarret entrando na ría a mediodía do 20170718

O 25 sobre as 5 da tarde dábase a situación seguinte, que desdobro nas capturas de pantalla a continuación:




E 4 barcos entrando hoxe (a diferentes horas, pero a web representa últimas posicións rexistradas):

Por orde de posición, de sur a norte: Amadeus Amethist, Navarret, Chimaera e Augusta, todos eles a estas horas no porto de Ribadeo

De novo, a ría (2b)

Despois de ter publicado onte a posición dun parque acuático na praia dos bloques, preguntoume algunha xente sobre a restricción que afecta ó terreo que ocupa. Nunha primeira procura, no pxom do concello, segundo aparece nas capturas de planos en baixo, está nun área de interese natural e ecolóxico (Ría de Ribadeo, con afección de Rede 2000 e demais, primeiro plano) e estaría parcialmente en zona portuaria de Ribadeo (polo que parece, 25 m dende o peirao, dependente de Portos de Galicia, segundo plano), pero sobre todo en zona non afectada polo porto (na que de feito leva moito tempo acumulándose limo sen ser retirado e dificultando a zona de baño entendo que por esa circunstancia).
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/RIBADEO/documents/27886pi022.JPG
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/RIBADEO/documents/27886ot118.JPG
Para ver algo máis sobre a protección da ría:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2016/04/zepa-ria-de-ribadeo-unha-lembranza.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2016/04/zec-ria-de-ribadeo-unha-lembranza.html



25 X: a música chama (II)

O concerto foi avisado. Executouse diante dun numeroso público. E aquí está un vídeo da mestría da execución (atención: está sen editar).
E o programa:
A máis, o programa foi finalizado co Himno galego e houbo una peza extra entre programa e himno, unha xota galega.
Máis? Sábado, Festival de Bandas de Música no mesmo lugar.

20170726

De novo, a ría (2)

Despois da primeira entrega, nesta segunda a ver se ves algo diferente ó que estás afeito...


A última foto corresponde a unha marea baixa nos bloques como ven sendo estes anos. As outras dúas, a unha instalación tipo 'Parque Acuático' que Hola Ola! instalou alí esta mesma semana. Segundo me din, a razón de 6 €/h ata hoxe, en plan experimental, que logo será máis caro. Dimo a mesma xente que me comenta dunha subvención de 60 000 € do G.A.L.P. A Mariña-Ortegal. Tento comprobar, e si: 60 251,04 €

Sesé, para desafiucio

Onte estiven falando con José Emilio Amor García, Sesé. Tentou explicarme a súa situación e pediume axuda para difundila: se non se produce algún feito inesperado, espera ser desafiuzado da súa vivenda en Martínez Pasarón, 6,4ºB en calquera momento a partir de setembro. Pretende, chegado o día, congregar xente diante da súa casa, pensando nos amigos que ten e que o apoian. Non sabe aínda cando será, mais cando chegue difundirao polos medios de comunicación.
Esa era a mensaxe que quería dar: que a xente o saiba e estea preparada para cando chegue.
A situación que ten é complicada e procura apoio. Se o ves pola rúa e o coñeces, pregúntalle.
Situación da vivenda (mapa OSM).
 

20170725

25X: a música chama. Concerto da BMR


25 X: chámalle x (e despexa a incógnita)

Día de Galicia. Día da Patria Galega. Día de Santiago... e algunha celebración atribuíble máis fan que o significado do 25 de xullo sexa múltiple. Algo bó, mentres se teña clara a convivencia e o común.
Calquera que rastrexe no blog poderá atopar que as reseñas do 25 de xullo van asociadas ó Día da Patria Galega. Mais non deixo de ser consciente de que ese sentimento é meu, manifestándose diferentes sentimentos en diferentes persoas. Mesmo en persoas que se apuntarían ás mesmas verbas de título de definición, neste caso, día da Patria Galega, o significado pode ser abondo diferente.
Onte, na rede social Facebook, no muro persoal do alcalde de Ribadeo, vin o bando do día da Patria Galega correspondente a este ano. Para min é sorprendente que a estas alturas non esteña aínda na web do concello: como se pode ver en baixo, ten sinatura electrónica e é algo institucional, non persoal.
Quizáis foi iso, que entendo unha contradición, o que me levou a botarlle unha ollada máis detidamente. Sempre comezo por sorprenderme de que o logotipo usado sexa algo que comezou como logotipo dun chiringuito do concello con quefacer turístico, e non o escudo de Ribadeo. Mentres, noutras ocasións, unha imaxe ou reprodución das Catedrais, ou aínda máis común, do faro da illa Pancha (hai un par de días no trofeo anual de fútbol, sen ir máis lonxe), símbolo de Ribadeo por riba da preciosa Torre dos irmáns Moreno, son a representación do aquel ribadense. Mentres, a estrela estereotipada tomada prestada do escudo parece indicar que Ribadeo é un pobo con estrela, e non outra cousa cun significado ligado ó pasado ou ó destino do pobo.
Comeza traendo a colación verbas de Castelao que sinalan o 25 de xullo como 'festa de todo o noso pobo'. Coido que identificar pobo con terra pode ter o seu aquel, mais facelo con patria xa é máis complicado. Polo medio, o parágrafo identifícao con 'país'. Con todo, quen quera facer unha aproximación maior, pode consultar por exemplo un estudo de Santiago Sanjurjo sobre identidade e política en Castelao a traverso de Cortezón que reseñei hai pouco no blog.
A orixe da significación deste día nos anos 20 do século pasado non restaría definición ó significado. Se acaso, o que lle restaría sería historia, e con case cen anos, se a idea é potente, debera abondar. A identidade colectiva citada coido que si vai abondo máis aló na historia, aínda que se poda misturar, mellor, poda ter compoñentes, doutras identidades, a diferentes niveis simbólicos, de tamaño ou de nivel de pertenza.
No parágrafo seguinte, a festa pasa a trascender o símbolo para converterse en vehículo de reivindicación. Enténdoo e asúmoo. E apóioo, mais non por iso deixa de ser un utilitarismo vehicular do que debemos ser conscientes. Sobre o orgullo a traverso da procura de futuro, non vou dicir nada, atragántanseme as sucesivas oleadas migratorias.
En canto ós obxectivos do parágrafo seguinte, asúmoos, mais non deixan de ser verbas que poden baleirarse no discurso político en menos do que dura iso, un discurso. E aínda así, esa asunción e recoñecmento de fume non deixa de descubrir as eivas, como o coidado da nosa terra, protexéndoa e non deixando ó asalto da cobiza e propiedade os nosos tesouros; a concilación ata onde sexa posible dos motores produtivos co mantemento do equilibrio ecolóxico, e, caso de non ser posible, o establecemento da primacía deste último como garante dun futuro; ou o conxugar o comezo e o final do parágrafo, xustiza e liberdade, con apoio substanciado para que ambas sexan efectivas.
E, por suposto, Galicia, e o mundo, son unha obra colectiva que necesita de todos. Por iso, o desenvolvemento da participación cidadá non estaría de máis.
Recoñezo que un folio non dá para moito, e unha arenga como o bando vese limitado por ese impedimento de espazo sobre o papel. De seguro, de telo feito eu, cometería un número semellante de incidencias obxetables. E por iso, nese caso, gustaríame que a xente o desmenuzara para chegar un pouco máis aló, cada quen e en conxunto, para ben de todos. Así, pola tarde, cando a banda inunde de sentemento o espazo ó seu arredor, poderíamos ser máis conscientes e entr5e outras cousas, tamén desfrutar máis desta Galicia que temos.

20170724

Saca o teu gran

Verán. Rúas ateigadas, praias tamén. Servizos a tope, desbordados polos visitantes.
Mentres, cada un de nós segue a manchar e a contaminar, coma sempre.
Hai uns anos xurdiu a iniciativa 'colle3' (ben, xurdiu en castelán, 'coge3') e tomou pulo, mesmo con ramificacións internacionais, mais parece que se está esquecer (aínda que segue a funcionar, como se amosa aquí). E é unha mágoa. Consistía en que o achegarnos por calquer motivo a un lugar con restos, retiráramos unha cantidade pequena deles que non supón grande molestia, 3, e os puxéramos a bo recaudo cos refugallos, para que poideran ser tratados en conxunto. Non é gran cousa, só un paso cara adiante no comportamento co planeta. Había un paso máis, complementario, para a difusión. Que non debera facer falta e que vai en dirección contraria a non contaminar, que é sacar unha foto da acción e poñela nas redes sociais para que cunda o exemplo.
Hoxe quero lembralo, poñendo en aberto, non dreitamente nas redes sociais, senón a traverso do blog, cunha das accións deste tipo que levei a cabo ultimamente. Foi a semana pasada, na primeira rada da praia do cargadoiro. O resultado, dous plásticos de certo tamaño e e un anzó con sedel:
Aí queda a testemuña...
E aquí, tres entradas anteriores onde se fala de 'coge3' contemplando diversos aspectos:
20140109: Cando menos curioso: Coge3, concienciación/acción
20150709: As nosas costas: navegando mares de plástico
20150111: Galicia: operación acordeón e síndrome de Estocolmo

20170723

Pasou a peregrinaxe da Ruta Quetzal 2016

Non vin ós medios deixar reflectido nas súas novas o paso por Ribadeo de 70 rapazas e rapaces de 19-22 anos, autoorganizados, facendo a súa versión do Camiño Norte este ano despois de desfrutar da última edición da Ruta Quetzal o pasado ano. Última porque polo que parece este ano non hai tal ó deixar de ser financiada polo BBVA.
O caso é que, despois dunha boa experiencia, decidiron xuntarse de novo para recorrer o Camiño Norte dende Avilés. Con algunha variante: chegaron a Ribadeo o xoves dende a Caridade, e partiron Vía Rinlo e Catedrais cara a San Martiño, onde visitaron a basílica e Espazo Caritel, pasando por Eido Dourado e a lagoa dos patos na ría de Foz. Ó día seguinte, polo Camiño Natural de San Rosendo, cara a Mondoñedo, onde foron recibidos na Capela de Ferrería polas alcaldesas de Trabada, Vilanova e Mondoñedo, participaron na romaría xacobea da fervenza e recobrarán hoxe domingo o recorrido 'normal' do Camiño Norte.
Ás sete da mañá de venres estabamos camiñando cara ás Catedrais, despois de facer revisión (eles)do polideporvio vello/remozado onde durmiron, para que quedara todo en orde. Desfrutaron de Ribadeo o xoves pola tarde, de xeito independente, en pequenos grupos, ó igual que o veñen facendo en cada un dos lugares pols que pasan.
Para organizar a marcha, puxéronse en contacto con xente diversa, como José Luis Fernández Ansedes, presidente da Asociación do Camiño Norte que se está a encargar da súa tutela dende Ribadeo a Baamonde.
Non foi moito tempo o que estiven con eles, mais abondo para vislumbrar o seu carácter e as súas inquedanzas ou o seu método de organización. Expoñentes dunha xeración que xa está aquí, pero que como todas, é diversa.
Nun descanso en Rinlo, co amencer de fondo.
Reagrupamento nas Catedrais
Atendendo explicacións en Eido Dourado
Con mochila nas Catedrais


20170720

De novo, a ría (1)

A ría de Ribadeo ofrece un recurso para, dentro do bulicio, ter paz. Quizáis por iso as cousas da ría parece como se se notaran, anotaran e traballaran con máis tranquilidade.
E variacións hai máis das que parece, e non me estou referindo á dobre subida e baixada diaria da marea. comezando polo extremonorte, luns tomaba esta foto:
Foto que deixaba nas redes sociais indicando a persistencia da sinal en terre público, despois de ter sido avisado o concello hai meses, haberse renovado as sinais que dan información do faro, ter comezado o tren turístico a funcionar, etc. Pois ben, onte , despois de todas esas cousas, puiden sacar outras fotos:
Amañado! Pero non parece que por legalidade, lóxica, conservación da natureza ou cousas parellas, senón máis ben porque un cravo saca outro cravo: unha actividade económica puxa e despraza outra actividade económica. Se agora se está a usar para xiro de tren turístico, non se pode usar como aparcamento do faro.

20170718

Manobra dun cargueiro para entrar en Mirasol

Moita xente de Ribadeo veríao multitude de veces. Algúns, ningunha. Na ría de Ribadeo, ó natural, está dispoñible moitas veces ó ano, aínda que segundo as características a manobra pode variar algo. O vídeo é sinxelo, e permite ver a entrada dun cargueiro, este domingo pasado, con marea morta rematando de subir, dende o paso pola Ponte dos Santos ata a aproximación ó peirao de Mirasol.
Vese que a lancha do práctico precede ó barco, e nótase o freado deste antes da manobra de xiro, a propia manobra e o achegamento ó peirao marcha atrás para saír de frente unha vez cargado, sen ter que efectuar manobras do mesmo tipo que moitas veces xa levaron a outros buques a tocar fondo no tesón. Así, efectúase o xiro en lastre e en zona de canle máis ancha .
Para ver en youtube: https://youtu.be/1KOEFKYJHlc
Datos do cargueiro, segundo http://www.marinetraffic.com:

JUERGEN K., bandeira dos Países Baixos
General Cargo
IMO: 9195717
MMSI: 244329000
Identificativo de llamada: PBKV
Bandera: Netherlands [NL]
AIS Tipo de Buque: Cargo
Arqueo bruto: 2545
Peso muerto: 3850 t
Eslora Total x Manga Máxima: 88.78m × 12.5m
Año de construcción: 2001
Estado: Activo
Chegou a Ribadeo: 2017-07-16 20:11 LT (UTC +2)
Saiu de Ribadeo: 2017-07-18 12:47 LT (UTC +2)
Puerto base: DELFZIJL

20170716

Para ver as aves na ría

Remato de atoparme nas redes a nova que publicou hai dous anos e medio o blog Ría de Ribadeo. Trátase da posta a disposición de todo internauta do plano-guía para observar aves na ría de Ribadeo (aquí, o post no blog de Enrique Sampedro), e coido que non está de máis o tentar darlle un novo pulo de difusión, e a iso vou. En galego, a publicación está en https://www.scribd.com/doc/283621389/Folleto-Ria-de-Ribadeo-galego; en castelán, en https://www.scribd.com/doc/283620904/Folleto-Ria-de-Ribadeo.
Deixo a versión galega para a súa consulta directa aquí:

20170714

Adecentamento do cantón

Hoxe, ó pasar polo parque, leveime unha agradable sorpresa. Cambiaran a cobertura do baixo da Torre dos Moreno no cantón. Non hai unha perspectiva na que cadre exacta a superposición, pero aproxímase abondo, como pode verse na foto.
Un pouco máis en detalle, obsérvase mellor a calidade percibida da reprodución:
 O cambio foi realizado moi recentemente; se non lembro mal, alguén se queixaba por escrito hai pouco, pode que esta mesma semana.
A mágoa é que non sexa a finalización da obra, senón unha foto. Coido que para o outro aínda haberá que esperar.
Por certo, no lateral, 'niquelado':

Ribadeo, vila amiga das bicicletas?

Iso é o que di un cartel que me atopei onte ó entrar en Ribadeo:
Contrasta con non deixar arcén uns metros máis aló do cartel:
E con non facer nada dende que se realizaran aquelas xornadas de sostibilidade e mobilidade, con participación cidadá para aportar ideas e discutir, hai cousa dunha década. Por facer só dúas consideracións, o carril bici non existe, o mesmo que os aparcamentos para bicicletas. O ano pasado houbo seis meses xuntanzas ciclistas para pedir un respecto para as bicis, e os grupos deron cada vez unha volta por Ribadeo sen apercebemento do concello nin para acompañar con PL.
Cambiará algo con este cartel? O cartel está ben, pero pode quedarse en verbas baleiras, como ata o de agora. Mentres, o número de ciclistas segue a aumentar en Ribadeo.

20170713

Hoxe, pleno

Dentro de pouco máis de unha hora dará comezo un pleno que foi anunciado hoxe mesmo (non podo precisar a hora, pero con abondo menos de 10 horas de antelación) na sección de novas do concello.
A nota non di tampouco moita cousa sobre o que se vai tratar, máis aló de reducir as taxas para obras en dous supostos (edificios patrimoniais, á metade, e pintura de fachadas, só liquidando o mínimo) e o aumento de subvención á comisión de festas.
Certamente, non vexo que este xeito de facer as cousas sexa un impulso grande á democratización e participación popular nos asuntos que nos afectan a todos. O pleno estaba convocado, polo que parece, ao menos dende luns, 4 días, que quedan reducidos a poucas horas polo método como se fan as cousas.
De 'Escudo de Ribadeo (I)'


20170712

Ribadeo ante o verán

Di a Concelleira de Turismo que nos pasados indianos a poboación de Ribadeo aumentou: as 40 000 persoas que di que pasaron implicaría que o sábado, día de maior concentración, a poboación de Ribadeo vila teríase cuadriplicado. Ós preto de 7000 habitantes teríanse incorporado unha cantidade equivalente a outras tres veces esa cifra. E iso, claro, implica xestionalos, non só aproveitarse dos seus cartos.
Non é a primeira vez que alguén me di que escapa de Ribadeo polo boureo; sen levar unha conta, é un número significativo, diría que de longo a maioría, aínda querendo participar da festa, pero ó estilo turista, de paso.
E é que non só son as colas no supermercado ou que os coches non caiban nin nos aparcamentos habilitados ex profeso. A aglomeración implica tamén outros xeitos de convivencia que hai que xstionar, aínda que sexa 'por un día' (que ó final, rematan sendo unha morea deles). e non parece ser boa medida deixar que 'ese día' se podan saltar as normas e os poderes públicos miren cara outro lado mentras a habitabilidade e a convivencia se degradan.
O anterior, aínda que pareza a coña cousa de coña. Aí está, por exemplo, que en Europa, a OMS calcula que por culpa do ruído cada ano os europeos perdemos ata 1,6 millóns de anos de vida saudable (p.126 http://www.euro.who.int/__data/assets/pdf_file/0008/136466/e94888.pdf?ua=1), (mortes prematuras e vida saudable non disfrutada por ter un estado de saúde deteriorado), sendo un problema de saúde pública e afectando non só ó sono, senón ó rendemento laboral, capacidade de aprendizaxe e concentración, pensamento e memoria, saúde cardíaca, relacións sociais (incluído illamento, ou depresión), hipertensión, retraso de medre do feto...
Non se trata de asustar, senón de comprender e empatizar. Ó fin, que os cartos poden matar é algo asumido dende hai séculos.
Tomado de http://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/PDF/?uri=CELEX:52017DC0151&from=EN

En España non coñezo as estatísticas, mais si que as porcentaxes son diferentes.

20170711

Celia Castro ten páxina na Galipedia

Co gallo do anuncio de que Celia Castro será a pregoeira das festas, xa ten creada unha páxina na Galipedia. Polo momento, está incompleta, mais irá medrando... e xa se poden consultar a partir dela varias das súas obras, a máis de noutras entradas deste blog:
Celia Castro na Galipedia.

20170710

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE GUIMARÁN E ESCUDOS DA IGREXA DE VILASELÁN. Francisco José Campos Dorado


Este magnífico Escudo de Armas do Pazo de Guimarán (foto 1, supra), está formado por unha pedra armeira central, rodeada de catro pedras de cantería totalmente talladas que conforman un espectacular conxunto. Está timbrado cun casco de fidalgo antigo con seis plumas, que segundo o Escudo da Cédula de Certificación de Fidalguía, Nobreza e Armas de D. Bernardo Rodríguez Arango e Mon (Arquivo Privado do Pazo de Guimarán) (foto 2, infra), teñen as cores: verde, vermello, azul, marelo, branco e púrpura. Os lados do casco están adornados con follas de carballo abertas e os flancos do escudo de pedra, con acantos volteados, mentres que no escudo do pergamiño son lambrequines, rodetes e xiras. No sostén presenta adornos simétricos de molduras e grimpolas ou bandeirolas, e no medio un adorno a modo de metopa, no que resalta mirando ó fronte, a cabeza dun doncel con rizos.

 Tanto o escudo en pedra do Pazo de Guimarán como o representado no papel pergamiño da Cédula de Fidalguía, firmada polo Rei de Armas D. Juan Alphonso de Guerra y Sandoval na coroada Vila de Madrid a nove de Xullo de 1740, así como, os dous escudos idénticos (foto 3, infra) que timbran os retablos laterais das capelas da Igrexa de Vilaselán, no lateral esquerdo o de Nosa Señora da Inmaculada Concepción, e no lateral dereito o retablo de Nosa Señora do Rosario; todos eles están cuartelados en catro e presentan as mesmas Armas, con algunhas diferenzas nos detalles e cores. Xeralmente este tipo de cuartelado en catro, úsase para representar as armas dos catro avós (dous avós e dúas avoas): 1º) apelido avó paterno; 2º) apelido avó materno; 3º) apelido avoa paterna; 4º) apelido avoa materna.
Segundo a Cédula de Fidalguía (CF en diante) os cuarteis representan os brasóns: 1º RODRIGUEZ; 2º ARANGO; 3º MURIAS e 4º MON. Por suposto, non somos ninguén para contradicir a literatura dunha Cédula de Fidalguía do século XVIII, firmada por un Rei de Armas e por múltiples testemuñas, pero engadiremos algún comentario baseándonos noutras descricións heráldicas.
Primeiro cuartel: segundo CF, son Armas do apelido RODRIGUEZ, Señor de Sanabria, Mestre da Orde e Cabaleiro de Santiago: (foto 2) “pintan por Armas, en campo de ouro tres barras verdes”. Segundo as normas Heráldicas son: “en campo de ouro tres faixas (en relevo no escudo de pedra) de sinople” (escudo CF). Estas faixas parecen tamén as Armas dos MESIA ou MESSIA, as cales xa vimos no cuarto cuartel do escudo da Casa Brasonada da Rúa Bispo Veres (tamén en La Comarca del Eo, 4-Xuño-2016), chamada Casa de Vior.
Mentres que nos escudos da Igrexa de Vilaselán os campos dos cuarteis son de ouro (dourados con pan de ouro) exactamente igual que aparecen na Cédula de Guimarán, os esmaltes ou cores das faixas son moi discutibles pois o artista parece que vernizou tódolos mobles ou figuras cunha sustancia que se “oxidou”, quedando todas dun cor pardo, tal, que non as deixa definir. Por isto as faixas poden corresponder as Armas de varios liñaxes, como o de D. Carlos ÁLVAREZ DE MON, que vivía en Ribadeo en 1794 (en campo de prata tres faixas de gules, e entre cada dúas faixas dous armiños de sable, os cales faltan neste brasón). Non descartamos que a liñaxe puidera ser dos BARREIRA, BARRERA ou “DE LA BARRERA” (en campo de prata tres faixas de gules) ou dos PARGA (en campo de azur tres faixas de ouro).
As faixas deste primeiro cuartel xunto coa aguia (dos AGUIAR ou dos PARDO) do terceiro cuartel, son Armas do brasón dos VILLAAMIL que tamén aparecen no Escudo da Rúa Antonio Otero (tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016) e no terceiro cuartel do escudo dereito da Casa dos MIRANDA (tamén en La Comarca del Eo, 3-Decembro-2016). Segundo cuartel: segundo CF, corresponde á Familia ARANGO: (foto 2) “en campo de ouro un espiño de sinople con froito de estripeiras vermellas [cast., “majuelas rojas”], e dous lobos de sable (cor negro) lampasados de vermello (con lingua vermella de distinta cor que o corpo de sable), empinados o tronco, e unha orla de doce pezas: seis, en campo de azur, dentro unha estrela de ouro e as outras seis en campo de prata unha panela vermella. (Nota: o estripeiro [cast., espino majuelo]  é unha árbore delgada das rosáceas, de madeira dura, de ramas espiñosas, que produce un froito de baias redondas, tenras, carnosas de sabor doce e coloradas).
En Vilaselán (foto 3), os animais empinados no tronco dunha árbore “conífera”, son cabras, polo que poden ser armas dos PARDO das Terras de Ribadeo, frecuente brasón con árbores, así como, na zona asturiana (Blasones y Linajes de Galicia, J.S. Crespo del Pozo Volumen I, páx. 372). En campo de prata unha árbore de sinople (un freixo) terrasada do mesmo (có chan de sinople), acostada (acompañada en ámbolos dous flancos) de dúas cabras de sable (cor negro) empinadas ó tronco.
Estas Armas tamén poden verse no escudo dereito da fachada da Casa dos MIRANDA, na rúa Amando Pérez de Ribadeo, no primeiro cuartel semicortado e partido, na parte alta da partición esquerda vese unha árbore con dúas cabras empinadas coméndolle nas follas. Aquí parecen ser Armas dos SOTELO ou SOUTELO: en campo de prata, unha árbore de sinople (cor verde) e dúas cabras de sable (cor negro) empinadas no tronco. Este brasón pode falar do parentesco entre a familia ARANGO, coa de D. Ramón María MIRANDA E MON.
Por outro lado, no escudo de pedra da Casa de Guimarán, os animais empinados son lobos, polo que parecen Armas dos SOTELO ou SOUTELO, señores de Xunqueira De Ambía onde teñen solar e pazo (“O Libro da Heráldica Galega”, D. Luciano Fariña Couto, 2001). En campo de ouro, unha árbore frutada (con fruta) de sinople, terrasada do mesmo, acostada de dous lobos de sable empinados o tronco.
As Armas da liñaxe SOTELO, son confusas nos Nobiliarios, pois mentres os animais en campo de prata son cabras, en campo de ouro son lobos, e ás veces intercámbianse.
A bordura de ouro, cargada de seis panelas (follas de álamo) intercaladas entre seis estrelas de seis (Vilaselán) ou oito puntas (Guimarán) semellan as da bordura compostelán, pois este brasón e moi antigo, e pode referirse a familias asentadas no Porto de Ribadeo que era a entrada Norte por mar do Camiño de Santiago, e polo século XI, XII, XIII e máis en diante, as calas e praias de Guimarán, Porcillán e Cabanela, eran os desembarcadoiros naturais para calquera viaxeiro que chegara por mar, tanto de Francia como dos Países Baixos e Nórdicos ou de Inglaterra. Nembargante, segundo se explica na CF de Guimarán, de mediados do século XVIII, as panelas, significan que o cabaleiro brasonado estivo nunha sinalada vitoria, e as estrelas, a paz conseguida para a súa patria. Por outra banda, estas Armas de ARANGO difiren moito das que se atopan no Escudo da Aduana Vella (tamén en La Comarca del Eo, 16-Abril-2016) onde se representan no 4º cuartel con cinco corvos pousados pois derivan da liñaxe dos CUERVO que tiveron o señorío no val de Arango do concello asturiano de Pravia: “en campo de prata, seis corvos de sable (cor negro) postos de dous en dous”.
Terceiro cuartel: segundo CF, son Armas da Familia MURIAS, cuxa primeira noticia data de D. Álvaro Sánchez de Murias, que serviu a Fernando III “El Santo” (rei de 1230 a 1252) na conquista de Sevilla (1250) e a Afonso X “o Sabio” (rei de 1252 a 1284) na conquista de Xerez da Fronteira. As Armas, segundo CF: “en campo de ouro unha aguia de sable (negra) volante e rampante”. A esta breve descrición, nós engadimos, que a aguia mira á destra, e está linguada de gules (con lingua de cor vermella) e armada e picada de prata (con garras e pico de cor prata).
Tamén parece brasón dos AGUIAR, dos PARDO ou dos PARDO DE AGUIAR que xunto coas faixas do primeiro cuartel, son Armas, como xa vimos, do Escudo da rúa Antonio Otero, e do escudo dereito da Casa dos MIRANDA.
Cuarto cuartel: segundo CF, son Armas da Casa de MON: (foto 2) “en campo de ouro un carballo de sinople sobre terrasado natural, acompañado dun home armado que está asido cunha man a unha das ramas e dous cans atados o tronco con cadeas. (Nota: os cans están parados ou arrestados cara a sinistra, inmóbiles, de perfil e cos pés parellos dous a dous). Sobre o terrasado dúas espadas tendidas (Nota: espadas de cazoleta á destra e punta á sinistra) acompañadas dun brazo armado cunha daga empuñada, e está chorreando sangue. Orla de ouro dividida con perfil vermello e nela o “mote” (lema) seguinte con letras vermellas: ESTAS ARMAS Y BLASÓN SON DE LA CASA DE MON, COMO FUERTE LAS GANE Y ASÍ LAS DEFENDERÉ. Esta orla vese claramente nos escudos da Igrexa de Vilaselán (foto 4).
No escudo de pedra do Pazo de Guimarán vemos, ós pés da árbore, un brazo movente (como en movemento) armado cunha espada corta en posición de apuñalar cara abaixo; sinistrado de dous facheiros (soportes cónicos) tombados onde se poñían os fachos (antorchas) para alumar as estancias ou os corredores, e dos que saen dúas teas acesas con pequenas lapas de lume. Nos escudos da Igrexa de Vilaselán (foto 3) soamente está o brazo movente empuñando unha espada corta, pero non hai nin espadas, nin facheiros.
A descrición antedita, difire bastante coa explicada no brasonado do Padre D. José Crespo del Pozo (Blasones y Linajes de Galicia, volumen III, páx. 310): “en campo de ouro, unha árbore de sinople (cor verde), sobre terrasado do mesmo (sinople); no flanco destro un cabaleiro de “punta en branco” tronzando unha rama da árbore coa man sinistra, e movente do franco sinistro un brazo armado, empuñando unha espada de cazoleta, guarnecida de prata, en acción de cortar a man do cabaleiro dito. Do pé da árbore saen unhas chamas, de gules e ouro, e ao seu tronco están atados cunha corda dos cans afrontados (un fronte o outro), do seu cor, e asida o mesmo tronco, unha mao coa moneca ensanguentada. Ó lado sinistro da terrasa, outras dúas espadas, como a descrita, cruzadas e cravadas nela”. D. Bernardo Rodríguez de Arango y Mon, está claramente citado na Igrexa de Vilaselán, e verifica a súa proba de nobreza na Real Chancillería de Valladolid en Preito de Fidalguía de 1747 sendo veciño da feligresía de Santa María de Vilaselán, xurisdición de Ribadeo (Código ES.47186.ARCHV/ 8.10.4 //SALA DE HIJOSDALGO,CAJA 1106,2).



Segundo entramos na Igrexa de Vilaselán pola porta lateral de entrada, encontramos de fronte o retablo da Virxe das Dores, policromado en fondos azuis, morados e con múltiples molduras douradas, en cuxo centro se atopa a talla vestida da Virxe Dolorosa entre dúas columnas barrocas. Arriba un Cristo Crucificado do século XVIII, surmontado por unha gran concha de vieira. Detrás do Cristo Crucificado hai un fresco con fondo azul que representa, con gran profusión de edificios, a paisaxe dunha cidade que non recoñecemos, pero segundo nos di a nosa historiadora ribadense Dª Celia Castro, posiblemente sexa a representación idealizada da "Xerusalén Celeste", que é o que se sole poñer sempre detrás dos Crucificados pois aínda que as casas reproduzan unha cidade real, esta non se corresponde con ningunha concreta. É unha receita que normalmente se repite no arte, e da que podemos ver outro exemplo, detrás do Cristo Crucificado do retablo do Altar Maior da Igrexa Parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo. Sobre o propio altar, ó centro da predela do retablo, está o sagrario, e a ambos extremos atopamos dous “medallóns” coa lenda que alude a doazón aportada para facelo. Á esquerda, segundo se mira: “ESTE RETABLO MANDO HACER I PINTAR A SU COSTA I VOCACIÓN D. BERNARDO RODRIGUEZ ARANGO Y MON”, e á dereita: “Y Dª BERNARDA LUISA GONZALEZ SU MUJER VECINOS DE ESTA PARROQUIA”.
No centro do templo, hai outros dous retablos laterais. Segundo miramos ó altar maior, en cuxo centro se encontra a imaxe vestida da Virxe de Vilaselán, no lateral esquerdo está o retablo de Nosa Señora da Inmaculada Concepción, timbrado polo Escudo Brasonado do Pazo de Guimarán, que pertencía D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon. No lateral dereito, está o retablo da Nosa Señora do Rosario, en cuxa parte superior hai un San Francisco e sobre el atopamos outro escudo coas Armas do Pazo de Guimarán, de idénticas características as do retablo esquerdo (Vilaselán, Aproximación Histórica, D. José María Rodríguez Díaz, páx.72)
Estes elegantes Escudos de Armas (foto 3) son de estilo español, feitos en madeira policromada, que pertence o patronazgo da Casa de Guimarán, quen doou os tres retablos laterais do templo. Ámbolos dous escudos están timbrados con celada de fidalgo antigo mirando á destra, un almete ou casco cerrado do século XVII, véndoselles tres grilletas da visera e burelete encristado. Os cascos, de cor cinabrio escuro, teñen feitura moi esférica e pulida que parecen indicar que son de aceiro templado, e están adornados con molduras a modo de lambrequines curtos. A ámbolos dous lados, levan soportes conformados por volutas de follas de acanto que alcanzan ata ambos cantóns do xefe.
A Capela do Pazo de Guimarán está dedicada a Virxe do Rosario de Chiquinquirá e a San Bernardo. Foi construída no ano 1740 por D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon, e convertida en Oratorio privado en 1790, mediante un Breve Pontificio do Papa Pío VI a D. Ramón María de Miranda y Mon e a súa muller Dª María Josefa de Arango y Saco, que vivía con súa nai Dª Luísa Saco y Abraldes, viúva de D. Bernardo Felipe Rodríguez de Arango y Mon, fillo de D. Bernardo Rodríguez Arango y Mon, fundador do Pazo de Guimarán, e de Dª Bernarda Luisa.
A fundación de Vilaselán fíxose cumprindo os desexos do tío do fundador por liña materna, D. José Fernández de Murias y Mon, da Casa dos Fernández Murias e Mon de Vilanova dos Oscos. D. José morreu solteiro en Cádiz (6-Febreiro-1769) e deixou como herdeiro universal o seu sobriño D. Bernardo Rodríguez de Arango y Mon a quen lle correspondeu unha importante fortuna que tiña en Cádiz e en San Francisco de Quito (Ecuador) (Vilaselán, Aproximación Histórica, José María Rodríguez Díaz, páx. 100-101).
D. Bernardo emigrara a Perú de onde regresou rico. Era coñecido en Ribadeo como D. Bernardo “O Indiano”, posiblemente o primeiro Indiano de Ribadeo, e foi nomeado Alcalde de Honra de Ribadeo. Os Rodríguez Arango quixeron despachar contas en Cádiz en 1773, e foinas liquidar con plenos poderes o mordomo da Casa de Guimarán, D. Antonio Raimundo Ibañez. Cós 12 000 pesos das rendas gaditanas, que cobrou D. Raimundo, comprou unhas partidas de aceite de oliva que transportou en barco en ánforas de arxila ata Ribadeo, onde aínda se conserva unha ánfora daquelas no patio de Guimarán. Coas ganancias obtidas pola venta do aceite en Ribadeo, Ibañez, que parece ser gañou 12 000 pesos pois dobrou o capital invertido, empezou a labrarse a fortuna do futuro Marqués de Sargadelos... ¡Pero esa é outra historia!
Quero desde aquí, darlle as máis expresivas grazas a Dª María José Suárez García de Paredes, que tan amablemente dedicou toda unha tarde, a mostrarme os escudos, tapices e o precioso Pazo de Guimarán, e que tan profusamente me comentou algunha das súas lendarias historias, igualmente estender o agradecemento a D. Federico García de Paredes Moro quen me mostrou e me deixou copiar as Armas e parte da literatura da Cédula de Certificación de Fidalguía de D. Bernardo Rodríguez Arango, todas elas foron conversas e notas fundamentais que me serviron de base documental para este traballo.