20161222

Xa temos orzamento

Como era sabido, o orzamento Ribadeo 2017 pasou. Votou a favor o equipo de goberno, abstivéronse PSOE e Cidadáns e votou en contra o PP. Chegados aquí, é para pregutnarse que tería que pasar para que tivera cambiado algún voto. Algo do que non se fala na nota de prensa que presentou a alcaldía, tamén como era de esperar, despois de presentar o pleno nunha e complementalo con outra.
A repetición de argumentos parece deixar claro que a cidadanía ten que saberse a lección de como son as cousas. Coincidume onte de falar de pasada en varios lugares e con varias persoas diferentes sobre a previsión dunhas futuras eleccións en Ribadeo. E non houbo fisuras: todo o mundo de acordo en que o actual alcalde ganaría aínda que se presentara polo Partido Animalista. Con independencia de signos políticos ou de xuízo positivo ou negativo sobre a súa labor. E a nota da alcaldía, por moito que se esteña de acordo co tratamento do IBI feito, coa petición do médico ou coa liña xeral dos presupostos apuntada, vai no mesmo sentido: afianzar un apoio. Pacendo unha comparanza co ensino, sería usar o método no que principal considérase memorizar o tema, en troques de comprender e aplicar o aprendido para favorecer un medrar harmónico e completo. En ámbolosdous casos o resultado pode ser bo, pero aplicando criterios de bondade diferentes.
Imaxe capturada da entrada Ribadeo na Galipedia. Escudo e foto, respectivamente lic. CC 4.0 de Heralder e lic. CC 3.0 de HombreDHojalata.

A nota de prensa:
Novas
O ALCALDE AGARDA QUE A XUNTA COLABORE CON RIBADEO
Aprobado o orzamento de 2017
21/12/2016
No pleno extraordinario celebrado onte a Corporación Municipal aprobou non subir o imposto do IBI o vindeiro ano ademais dos orzamentos municipais para o 2017. O Concello solicitaralle á Consellería de Sanidade que se cubra de maneira estable a praza de médico de familia na quenda de tarde no Centro de Saúde de Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, declarou que "neste pleno extraordinario tratáronse varios temas, singularmente dous especialmente importantes. Un era o relativo á modificación da ordenanza que regula o imposto de bens e inmobles, o IBI, debido a que diante da elevación do 8% no valor catastral que vai aplicar o Catastro para o 2017, o goberno municipal non ten esa potestade, pero si ten a potestade para modificar o tipo, e tal e como dixemos queremos que non suba a contribución para o ano que ven".
O rexedor explicou que "de aí que a mesma suba que se produce nos valores catastrais, producimos unha proposta de rebaixa que foi a que se aprobou por unanimidade do 0´73 ao 0´67, é dicir para que a multiplicación dos dous valores dea como consecuencia que non se produce incremento tributario para o ano 2017. Hai que ter en conta que os valores catastrais do Concello de Ribadeo son especialmente baixos. Se temos en conta que Ribadeo é o segundo concello da provincia de Lugo, despois da capital, en valores de mercado, pero dado que ten unha ponencia moi vella do ano 1987, é o cuarto pola cola en valores catastrais de toda a provincia de Lugo".
Fernando Suárez comentou que "quizais non sexa malo que haxa unha valorización do que ten que ver co valor catastral, pero en definitiva o tipo queremos rebaixalo para que o produto, para que a multiplicación do mesmo, sexa a que veu sendo para este ano. Para que non haxa subida e no recibo a xente non note diferenzas para o ano que ven".
O alcalde de Ribadeo salientou que "outro dos puntos que consideramos moi importante é a aprobación en tempo e forma do orzamento municipal do ano 2017, aprobándoo outra vez máis antes de que empece o ano. Eu creo que poucos concellos a día de hoxe poden dicir isto, pero nosoutros queremos aprobalo porque hai que publicalo durante uns días e queremos que entre en vigor o máis axiña posible, xa a principios do 2017, porque del dependen varias inversións importantes como a dotación de mobiliario para a residencia e unha serie de obras de infraestruturas".
Suárez Barcia asegurou que "hai que ter en conta que aínda que o orzamento é un pouco máis baixo que o do ano anterior, si que nos apartados tanto de gasto social como de infraestruturas aumentan aproximadamente un 40%. Fomos moi prudentes no apartado das previsións de ingresos para ser consecuentes cos gastos. De nada serve pronosticar que imos ingresar moito se despois iso non se dá acabamos tendo falta de liquidez, e iso non queremos que pase. Fomos moi prudentes na previsión de ingresos, se esas cifras se superan por enriba mellor porque contribuiremos a ter máis liquidez e poderemos facer máis cousas".
O rexedor engadiu que "tamén é moi importante que a débeda e o que supón, a carga de préstamos, cada vez é menor. Os xuros de débeda para este ano reducíronse un 14%, e aínda hai dous días que amortizamos de maneira anticipada un préstamo que tíñamos cun banco de 300.000 euros. Hai moitas cousas que seguir facendo e mellorar, pero seguimos indo neste sendeiro de tranquilidade, facendo cousas, botando de menos achegas de administracións importantes como a Xunta de Galicia, oxalá para o 2017 se lles vexa o revés das maos por algún lado, e agradecendo e valorando as achegas que fai a Deputación de Lugo, confiemos que siga sendo así tamén no ano 2017. Este presuposto foi aprobado pola maioría que ten o goberno municipal coa abstención doutros grupos e co voto en contra do Partido Popular".
Fernando Suárez relatou que "outro dos puntos importantes foi unha proposta que, a verdade pensamos que ía ser por unanimidade, pero lamentablemente non foi así, aló cada quen coa súa responsabilidade e coa súa xustificación. Fixemos esta proposta para pedirlle á Consellería de Sanidade a inmediata contratación, de xeito estable, dunha persoa que desempeñe as funcións de médico de familia na quenda de tarde no Centro de Saúde de Ribadeo".
O rexedor lembrou que "esta proposta tamén hai uns días foi pedida pola voceira municipal socialista e que contou co noso apoio absoluto. Todos os que votamos a favor, o Bloque, o PSOE e Ciudadanos, e o voto en contra lamentable do Partido Popular, para que se deixe de marear o peixe e convoquen dunha vez por todas unha praza que xa existe, non se trata de que a cree senón que a cubran dunha maneira estable, e non con contratos diarios ou con contratos de luns a venres, que logo ningún médico quere vir. Moitos porque acabaron tendo que marchar para buscar unha vida mellor fora e outros porque de nada serve contratalos por días porque ao final acaban tendo unha volatilidade moi grande".
Fernando Suárez insistiu en que "cubran esa praza dunha maneira estable para que alguén poida vir aquí, poida alugar un piso aquí ou poida vivir dunha maneira permanente aquí, xa verán como non teñen ningún problema. Isto foi o que aprobamos e esperemos que nos fagan caso".

Ningún comentario: