20160909

#5000_ribadeando

   Chegou. Neste remate de festas patronais 2016 o contador de entradas de ribadeando xa marca as 5000, dende o 11 de agosto de 2005. Un número máis. Grande, si, pero un número máis que non implicará cambios diferentes dos que poidera haber noutras circunstancias.
    Celebración? Si, esta entrada, lembrando a xa vella primeira entrada do blog e as outras 4998, entre as que as hai curtas, longas, xulgadas como boas ou como malas, con ilustración e sen texto ou con texto sen ilustracións... de todo tipo, porque 5000 da para variedade.
    Hai só un ano publicaba 'Economía ou asalto', e un día antes, 'Milagre! (un ano máis)', entradas coma outras calquera, que, como moitas máis, poderían ser publicadas hoxe cambiando pouco máis que a data. Outras, poden servir de recordatorio (a de onte mesmo, para poñer en situación en calquera tempo as festas do Carme deste ano)
    As entradas, salvo algunha por causas particulares, non teñen por que ser inmóbiles: as presas con que faigo a grande maioría provocan numerosos erros ortográficos, que tento corrixir cando teño máis tempo, algo que non podo facer de xeito sistemático.
    Polo camiño fun incorporando etiquetas e outros apoidos, de xeito que hoxe a grande maioría das entradas teñen ao menos unha etiqueta para poder localizalas mellor, a máis da relación por datas a modo de índice, aparecendo ambas ordenacións na columna dereita.
    Tamén, é tempo de lembrar que este é sucesor dun blog moito máis efémero e rudimentario, que aínda está visible cun certo sabor a vello, e máis aínda, a unha moito máis vella páxina web que xa non está visible dende hai varios anos, mais da que aparecen restos na memoria de internet en varios lugares, como en http://web.archive.org/web/20010618101643/personal.redestb.es/agremon, onde se pode seguir o seu estado en varios momentos diferentes dende o 8 de outubro do 1999 no que archive.org ('Internet archive') fixo a primeira captura. Esa páxina web foi a primeira que teño constancia que se fixera en Ribadeo, e incorporou tempo despois de ser creada e con motivo da visita a Ribadeo dun autobús para difundir internet, unha pequena alocución do alcalde de aquela, reclamado por min para iso a falta dunha páxina institucional, que tardaría aínda en chegar.
    En fin, un retazo da historia de Ribadeo, misturada coa miña persoal, que prevexo que aínda terá recorrido neste e ou noutros blog cara ó futuro.

Ningún comentario: