20160702

Díaz Fierros, Premio Lois Peña Novo

O pasado xoves 30 de xuño tivo lugar no castelo de Soutomaior un acto abondo numeroso, mais entrañable. Foi a entrega dos premios Lois Peña Novo deste ano. Os premios, concedidos pola fundación que leva o nome do político e escritor vilalbés impulsor das irmandades da fala, foron instituídos segundo aparece na páxina web da fundación para 'recoñecer o labor, tanto individual coma colectivo, daquelas persoas, entidades ou empresas que traballan ou teñen relación coas administracións públicas e que fan, co seu traballo cotiá, publicacións, estudios, traballos de investigación, etc… que a lingua galega se consolide, cada vez máis, no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral'
Este ano foron concedidos a Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Xosé Manuel Cid Fernández e ó Concello de Brión. É dicir, había un ribadense de exercicio entre eles.
Francisco Díaz-Fierros foi louvado por Ángel Carracedo, experto científico xenetista destacado co premio na pasada edición. Na súa louva saiu, como non, o traballo de Díaz-Fierros como edafólogo, mais tamén aspectos humanos, tanto íntimos como socialmente coñecidos e recoñecidos. Así o fixo con detalles relacionados coa súa habilidade manual ou coa aceptación e difusión da ciencia como parte vital, fundamental, da nosa cultura. Algo que guía a súa labor como coordinador da sección de ciencia e tecnoloxía do Consello da Cultura Galega e vicepresidente do mesmo, así como vicepresidente do Seminario de Estudos Galegos. Rematou citando tres aspectos: terra, lingua, amizade. Velaí os tres eixes nos que Carracedo quintaesenciou a louvanza que fixo de Francisco Díaz-Fierros.
Momento do acto de entrega dos premios Lois Peña Novo 2016

Ningún comentario: