20160506

O Fiouco, néboa explicada (que non resolta)

Avanzando a primavera, comezan a sentirse máis os peches da A8 no Fiouco. Acadarán o seu máximo cara a xuño, e voltarán descender en intensidade ata o mínimo invernal. É unha predición doada, coñecida de vello pola xente do lugar, explicada polo funcionamento de ventos e humidade e por se acaso, estudada nun costoso informe, encargado a posteriori do desastre a unha empresa balear especializada en meteoroloxía que corroborou unha media de dúas horas diarias de néboa intensa ó longo do ano (ver táboa). Predición doada, solución (agora) complicada.
Visibilidade preto do alto do Fiouco, segundo o estudo citado: en xuño de 2015 houbo tanto tempo visibilidade inferior a 50 m como superior a 1000 m. E na época estudada (2014/2015) houbo visibilidade menor de 50 m unha media de máis de dúas horas diarias.

A explicación que ten é tan sinxela como a que explica o resultado dun experimento que podes facer agora mesmo: colle un vaso a temperatura ambiente, achégao á boca e sinxelamente, expira. Verás como se condensan pequenas gotiñas de auga sobre o vaso. Por que? Porque á superficie do vaso, máis fría, chega aire dos pulmóns, máis quente e cargado de auga: a auga condensa. O mesmo fenómeno ocorre cando botamos aire un día frío no inverno: notamos como se botáramos 'fume'.
Datos relativos a un episodio de néboa reproducido no informe para o Ministerio de Fomento. O pk 546 (685 m s.n.m.) queda preto do punto máis alto da autovía. A visibilidade (escala dereita, liña azul) vese que varía rápido dende máis de 2 km a uns poucos m, con tres episodios de néboa de case un día enteiro cada un, e varios menores.

Os días que na costa temos unha zona anticiclónica cara ó norte, enviando vento a unha temperatura media ou alta dende o mar (=con auga disolta, ainda que non se note por ter unha temperatura algo máis alta que a necesaria para condensar en gotiñas), o aire chega á zona do Fiouco e vese forzado a subir para pasar á outra beira das montañas. Ó subir, enfría. Ó enfriar, a auga condénsase e forma gotiñas: a néboa.
O fenómeno vese favorecido porque o aire mariño leva consigo pequenos grans de sal que favorecen a condensación. O mesmo que pasa nos saleiros das nosas casas cando o sal se apelmaza porque colle auga do aire, húmido.
O mecanismo de formación de néboa (ó fin, unha nube a nivel de superficie) no Fiouco pode aproveitarse doutras condicións, pero segundo o estudo feito, tres de cada catro veces que se produce a néboa ten esa causa. E seguirá a tela.
No mapa de embaixo vese o tramo da autovía afectado pola néboa de xeito principal (continuaría un pouco máis á dereita, cara a Ribadeo). Xusto no centro está a curva onde se produciu o accidente en cadea, e un pouco más á dereita está o punto máis alto da autovía.

O estudo meteorolóxico encargado por Fomento incluíu catro estacións meteorolóxicas operativas durante un ano. Iso foi a parte doada, xa sabida. Agora queda o poñerlle solución e escoitar unhas ideas que son todas caras, algunhas insostibles, unhas cantas producen sorrisos, ... despois de invertir xa ¿máis de 10 millóns de euros? en cada km da zona
--
Versión en papel, tal como saiu o 20160507 en A Mariña-el progreso, p.3

Ningún comentario: