20160407

Venda de pisos

Onte foi a subasta dun piso longamente anunciado polos xornais en Ribadeo. 55 500 € de custe final, dende os 27 000 de saída, cun depósito do 20% do prezo de saída para poder participar e despois de desaproveitar a compra por 25 000 sen subasta nos que o chegou a ofrecer a Consellería de Facenda cunha publicación no DOG. Unh amorea de visitas e o traslado da subasta ó auditorio ante a previsión dun 'cheo', que polas fotos non chegou a tanto pero si sobrepasou abondo o que soe ser habitual nas subastas.
O obxecto, un piso na ribadense Rosalía de Castro de algo máis de 50 m2, e a constatación de que reserva de cartos si hai xente que a ten; xente que non sabe moi ben que facer con eles e que está a espera de oportunidades, que se poden concretar en saldos como o de onte. E, no medio, un fenómeno como o do exceso de construcción na década pasada. 'Exceso de construcción' ó que se lle chamou boom inmobiliario, entre outras cousas, e que manifestou posteriormente un poder destrutivo da economía. Iso foi despois de manifestar un poder destrutivo da ética da poboación ou das ideas de conservación da natureza. As consecuencias? Estámolas pagando e ó que parece, seguiremos coa continuación perpetua dunha crise que non é só 'do ladrillo'.
Neste caso o piso chegou a facenda por herdanza intestada, non por camiños directos dende a burbulla inmobiliaria, pero o proceso que se seguiu responde a unha relación co estalido de dita burbulla. Coido que quen máis, quen menos, ten a as súas ideas sobre o desenvolvemento do crac polifacético no que nos vemos inmersos.
Imaxe centrada na zona de Ribadeo do piso subastado. Open Street Maps
Masi... de vérmonos de novo nas condicións daquel momento, coa lexislación preparada para a 'barra libre', volvería de novo a darse a mesma situación de desontrol. Non crees? Mentras, estamos coas consecuencias.

Ningún comentario: